Escola de Escritoræs. Obradoiro de creación literaria Da verba á imaxe, con Miguel Anxo Fernández, no Carballiño

O Obradoiro de creación literaria Da verba á imaxe, da Escola de Escritoræs, é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, coa colaboración do Concello do Carballiño e o patrocinio da Xunta de Galicia.

Máis alá das afinidades entre a escrita e o audiovisual, as palabras son ferramenta esencial para evocar un imaxinario. A materia seminal da escrita son as verbas, como os planos na materia audiovisual. E as afinidades amplíanse no proceso creativo, do parágrafo á escena, do capítulo á secuencia, da novela ao filme. Máis alá desa brincadeira, a ficción levada a imaxes pasa antes pola peneira dun guión, dunha harmoniosa mestura. A futura trama xermina entre unha fervenza de palabras que van collendo forma para culminar nunha pantalla ao servizo dun imaxinario colectivo, co/a lector/a mudando a espectador/a.

– A cargo de Miguel Anxo Fernández e cunha sesión especial de Ángel de la Cruz.
– Terá 5 sesións de catro horas cada unha.
– Hai 20 prazas dispoñíbeis, para persoas maiores de 18 anos.
– A inscrición, gratuíta e obrigatoria, farase en oficina@aelg.org
– O obradoiro desenvolverase no Auditorio do Carballiño (Avenida do Balneario, 28).

Calendario
– Días: sábados 18 de setembro; 9 e 16 de outubro; e 6 e 20 de novembro.
– Horarios: de 10:00 a 14:00 h.

No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Crónica fotográfica do Paseo Literario por Compostela con Andrea Barreira

Estas son algunhas das fotografías do Paseo Literario por Compostela deste 2021, enmarcado na SELIC, a cargo de Andrea Barreira, o martes, terza feira, 14 de setembro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí (fotos cortesía da SELIC e Carlos Rodríguez Pérez).

Crónica fotográfica do Paseo Literario por Compostela con Marcos Calveiro

Estas son algunhas das fotografías do Paseo Literario por Compostela deste 2021, enmarcado na SELIC, a cargo de Marcos Calveiro, o luns, segunda feira, 13 de setembro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí (fotos cortesía da SELIC e Carlos Rodríguez Pérez).

Paseos Literarios por Compostela. Outono 2021

Os Paseos Literarios por Compostela. Outono 2021, son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Santiago de Compostela, no marco da Semana do Libro de Compostela (SELIC) 2021, que terá lugar entre o 12 e o 19 de setembro de 2021, procurando outra ollada á historia e xeografía da cidade.

No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento.

– Prazas limitadas: 30.
Inscrición obrigatoria no correo paseos.compostela@maos.gal
– Rexistro dispoñible até o día previo a cada roteiro, indicando: roteiro, prazas solicitadas, nome e teléfono de contacto.

O programa de Paseos Literarios é o seguinte:

Compostela de ficción: illas e carruseis na cidade novelada. Berta Dávila.
Domingo 12 de setembro, 12:00 h.
Punto de partida: Biblioteca Ánxel Casal.

Festina lente, canteiros e impresores en Compostela. Marcos Calveiro.
Luns, segunda feira, 13 de setembro, 17:00 h.
Punto de partida: Arco de Mazarelos.

As pedras non esquecenAndrea Barreira.
Martes, terza feira, 14 de setembro, ás 17:00 h.
Punto de partida: Alameda de Santiago, xunto á estatua de Maruxa e Coralia.

Paseando coas MaríasCarlos Labraña.
Domingo 19 de setembro, ás 12:00 h.
Punto de partida: Alameda de Santiago, xunto á estatua de Maruxa e Coralia.

Crónica fotográfica do Roteiro Literario pola provincia de Pontevedra con Ernesto Is

Estas son algunhas das fotografías do Roteiro de dramaturxia en Vigo, enmarcado nos Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2021, que guiou Ernesto Is o domingo 12 de setembro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí (fotos cortesía da Deputación de Pontevedra).

Compostela: SELIC 2021. Festival da Lectura

Cultura por Afganistán

Ante a chegada ao poder dos talibán en Afganistán e as graves consecuencias que está a ter para a sociedade civil, diferentes entidades e personalidades do mundo da cultura creamos o movemento Cultura por Afganistán, movidas pola defensa dos dereitos e as liberdades e o acceso universal á cultura e a educación como ferramenta imprescindíbel para o desenvolvemento persoal e profesional de calquera individuo.

O obxectivo deste movemento é facer un chamamento aos nosos gobernantes para comprometerse na defensa dos dereitos humanos e na promoción da cultura afgá no noso país e máis aló de todas as fronteiras, así como impulsar unha serie de accións para axudar na saída, a acollida e o recoñecemento de refuxiadas políticas ás artistas e intelectuais afgás, en especial mulleres e membros doutros colectivos en situación de vulnerabilidade.

Le aquí o manifesto.

Desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) queremos manifestar a nosa adhesión a esta iniciativa e animamos a todas as persoas e colectivos do eido cultural e social a que se unan ao movemento Cultura por Afganistán.

Aquí tes a ligazón para te adherires a iniciativa.

A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento do escritor e dramaturgo Francisco Pillado Maior, membro desta entidade

Elixido membro do Consello Directivo da AELG en 1984 e 1988, recolleu o Premio Bos e Xenerosos dedicado á Editorial Laiovento en 2014 en Pontevedra.

Francisco Pillado Mayor estudou Maxisterio, Graduado Social, Declamación e Arte Dramática, e foi Técnico Superior en Relacións Industriais pola Universidade de Alcalá de Henares. Traballou como profesor no Seminario de Estudos Sociais Ramón de la Sagra, do Colexio Universitario da Coruña.
Fixo crítica literaria, artigos e entrevistas en diversos medios de comunicación: Radio Nacional de España na Coruña, Radio Coruña da Cadea SER, La Voz de Galicia, A Nosa Terra, O Correo Galego e a revista Grial.
No mundo do teatro foi promotor dos grupos de teatro da Agrupación Cultural O Facho (1965), Escola Dramática Galega (1978), Luís Seoane (1980) e Elsinor Teatro (1990). Foi Presidente da Escola Dramática Galega, onde exerceu tamén como director de publicacións e responsábel do Departamento de Estudos Teatrais, así como da dirección dos Cadernos da EDG.
Formou parte do Consello de Redacción da Revista monográfica de Cultura da Agrupación Cultural O Facho e de Cen Augas. Dirixiu, desde a súa creación, a colección de teatro A Biblioteca do Arlequín, de Sotelo Blanco Edicións. Foi director de Cadernos da Escola Dramática Galega, Cadernos do Espectáculo da Compañía Luís Seoane, Colección Castrodouro-Teatro, Colección Arlequín, Libros Elsinor Teatro, Cadernos de Teatro e da Revista de Teatro Casahamlet. Así mesmo, foi director literario de Edicións Laiovento até 2014; directivo da Agrupación Cultural O Facho. Entre 1995 e 1997, formou parte do Consello Reitor do IGAEM. Tamén foi membro do Consello Asesor da Colección Teatro nas Aulas, patrocinada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
En 1996, doou a súa Biblioteca-Arquivo de Teatro á Universidade da Coruña, que pasou a denominarse Biblioteca-Arquivo de Teatro Francisco Pillado Mayor. Foi nomeado Presidente de Honra da citada Biblioteca, figura, ademais, no Consello Científico dos libros que se promoven desde esa institución académica. Tamén en 1996 cedeu á Facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela a biblioteca que herdara do seu pai.
En 1997, foi elixido polo Parlamento de Galicia e a proposta do BNG, membro do Consello de Administración de Compañía de Radio-Televisión de Galicia. Ocupou este cargo durante dúas lexislaturas.
Fixo parte, ademais, de diversos xurados literarios.

O seu traballo incesante pode consultarse no seu espazo no Centro de Documentación da nosa web.

(Foto de Manu Cruz, desde a Wikipedia en galego).

Visita a Bernardino Graña, con motivo do 40 aniversario da AELG

Con motivo dos traballos relacionados coa gravación do documental sobre o 40 aniversario da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias e Marta Dacosta, en representación do Consello Directivo, visitaron a Bernardino Graña esta semana en Nigrán, en recoñecemento á súa participación activa como fundador e primeiro presidente da nosa asociación.



Homenaxe A Escritora na súa Terra a Concha Blanco: Resposta á laudatio

A resposta á laudatio de Concha Blanco pode ser descargado aquí, ou ben ser lido a continuación:

“Nun atardecer de novembro a noite caeu de súpeto envolvendo a miña casa, coándose polas pechaduras das portas e as fendas das ventás. O acivro e o pradairo quedaron atrapados por ela. Os gatos á espreita, o portal de ferro, o banco de madeira… todo, sen selección, cabía baixo o seu manto negro.
Dentro, o son dun teléfono móbil rompeu o silencio dese tempo en penumbra. Era el.

Sra. Alcaldesa, Sras Concelleiras e Concelleiros, D. Cesáreo Sánchez, Presidente da AELG, e outros directivos da Asociación. Marilar Aleixandre, membro da RAG, Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura, Mercedes Queixas e Xosé Manuel Pequeño, deputada e deputado provinciais, Pilar Sampedro, membros da Fundación Pondal, delegado de La Voz de Galicia en Carballo e outras autoridades asistentes.
As palabras coas que veño de abrir este discurso poderían ser o comezo dunha novela, dun conto ou doutra narración literaria de suspense perfectamente válida.
Neste caso non é así.
El era Cesáreo, quen me chamaba para comunicarme unha nova: que por unanimidade, este ano fora eu a elixida para ser a homenaxeada coa Letra E, de Escritora, dentro do proxecto O Escritor, A Escritora na súa Terra.
A sorpresa foi grande, agradecida e inesperada, facéndome revivir un episodio que me acontecera xusto dez anos antes, tamén en novembro, cando tres membros da Asociación “Pedras Miúdas” de Lires, chegaban á miña casa por ver se os autorizaba a presentar o meu nome ás candidaturas “Medallas Fernando Blanco”. Tres exalumnos (un deles concelleiro hoxe en día). Non puido ser acadar aquel premio en ningunha das dúas ocasións nas que fun proposta, porque outros candidatos o merecían mellor ca min, pero aquela medalla, en potencia, segue pendurada no meu corazón. Grazas.
Unha homenaxe sen agradecementos sería pobre, triste e egoísta, así que comezo xa con este apartado.
Grazas á AELG e a toda a directiva, por me elixir.
Grazas á Sra. Alcaldesa e a toda a Corporación Municipal de Cee, por aceptaren esta proposta e prestárense a buscar un espazo tan idóneo para colocar nel o meu nome e ese monólito. Sinto que haxa que trocarlle o nome de “Pulmón Verde”, pola doutra cor, e repetida. Verde… non, pero si Blanco Blanco.
Grazas á Xunta de Galicia, á Deputación da Coruña e a CEDRO. Grazas a Víctor Castiñeira, técnico de cultura, pola súa colaboración, e a José Ramón Rey, bibliotecario en Cee, quen traballou sen descanso na exposición da miña obra. E a Fernando Fraga por agasallarnos coa música.

Grazas a Pilar Sampedro, por esa laudatio tan fermosa e sentida. Notouse moito que somos amigas. Pilar, a persoa que máis sabe de libros, da LIX galega. Ela, por concurso de méritos accedeu a unha praza no CEFORE. E tamén na Asesoría de Bibliotecas Escolares, da Xunta de Galicia, o que xustifica sobradamente o que acabo de afirmar.

Vicepresidenta de Gálix e coautora comigo e con outros compañeiros de Libros de Texto e Guías Didácticas, coma xa ela dixo. Nunca esquecerei todo aquel traballo xuntas en xornadas maratonianas roubándolle tempo ao sono e á familia. Sempre a cualifiquei coma un todo terreo, traballadora, eficiente, activa, dinámica, intelixente e cunha memoria envexable. E como Pilar xa falou tanto de min, tócame agora a min falar un pouco de vós, así que continúo agradecendo:

Grazas a Manolo, compañeiro na viaxe da vida durante 46 anos (e os que quedan!) por tantos momentos diferentes, indelebles. Toda unha vida xuntos. Sempre agradecerei o teu maior acto de amor: cambiar de profesión para estares sempre ao meu carón, ao noso carón.

Grazas a María e a Ana, as nosas fillas, por seren boas persoas e dárennos tantas alegrías.
Grazas a Aniña e a Mariña por agasallárennos co título de avós, e por ese sorriso permanente que nos sacan con só miralas, sen esquecer a Alejandro e a Fernando, que entraron nas nosas vidas da man das fillas e nos achegaron ás súas familias de Ourense e de Madrid.
A meus pais, por dárenme a vida, pero a mamá, a Sra. María, por encherme de oportunidades, de formación, a conta do seu sacrificio, da súa bondade. Tamén do seu sufrimento. Para ela son todas as miñas homenaxes.

Quero lembrar a miña madriña, a segunda nai que moitas persoas temos. Hoxe cúmprense cinco anos do seu pasamento. E a Lilí, esa curmá convertida na irmá que nunca tiven, por compartirmos tantas vivencias.

Aos amigos e amigas, elixidos libremente, polas palabras de alento, polas apertas e por saberen estar ao meu carón en momentos únicos. Que bonito, que emotivo é reencontrarme coa xente á que queres e te quere. Aquí están as miñas amigas de estudos, do bacharelato en Ferrol e da carreira en Santiago, porque a nosa amizade traspasou os recintos das aulas e perdura no tempo.
E a nosa panda, tamén hoxe presente, sempre ao noso lado. E a todas as persoas que se foron cruzando no meu camiño axudando a que eu sexa así, como hoxe son.
Non sería natural esquecer a Javier. quen estaría aquí, dos primeiros, compartindo esta alegría. El está véndonos desde algures, está con nós e nós con el. Aquí mesmo, coas fillas, con Carme, con estes amigos e amigas comúns. Grazas, Javier, por tantos anos de amizade incondicional.
Tampouco quero esquecer aquelas comunidades educativas dos seis centros de ensino polos que pasei, porque de todos aprendín. Nalgún deles fixen amizades as que xa considero parte da miña familia.

Non podo, nin quero, disimular a miña felicidade por recibir esta homenaxe pública na miña vila e da miña xente, pois aínda sendo unha proposta da AELG non sería posible se a Corporación Municipal non votase a favor por unanimidade. A propia Sra. Alcaldesa e varios dos seus concelleiros e concelleiras convivimos varios cursos nas aulas, o que para min é un orgullo. Espero que gardedes un grato recordo daquel tempo. A preciosa profesión de docente non se pode cinguir aos horarios dun centro. É unha profesión vocacional, que traspasa as paredes dun colexio.
Sempre valorei que certas homenaxes para seren completas, se fagan en vida, para que non só a persoa destinataria poida gozar do momento, tamén a súa familia e todas e todos aqueles que a queren e a quen ela quere. Doutro xeito sempre amosarían momentos de tristura, pola ausencia. Hoxe, en cambio, todo é ledicia.
Ademais estes premios non só honran a quen os recibe, tamén distinguen a quen os fomenta, a quen os organiza, pola bondade, pola solidariedade que transmiten. Todos os presentes quixestes facelo real.
Vénme ao maxín, por ser este 2021 o ano de Emilia Pardo Bazán, que o día do seu pasamento, o 12 de maio de 1921, xusto fai hoxe cen anos e un mes, os homes da elite do mundo da cultura acordaron por unanimidade honrar o seu adeus acudindo ao seu enterro e promulgando a súa valía nos medios de comunicación. Aqueles homes, os mesmos que en vida lle puxeran múltiples atrancos para acceder a postos relevantes, coma o de ser membro da RAE. Xa falecida, todo eran adornos de loanza dos que ela xa non podía gozar.

Aínda que xa se dixo na laudatio, tamén eu quero deixar constancia de que, nas algo máis de medio cento de obras que levo escritas como única autora e noutras tantas como coautora, aparecen múltiples espazos da Costa da Morte nas miñas historias. Lires, Cee e contorna… repetidamente. Unhas veces co seu nome literal e outras veces con disfrace, coma o de poñer Seril (Lires, ao revés), pois si me teñen etiquetada de «localista»; e se iso é un pecado, confeso que non estou arrepentida. Coma se as accións nas novelas tivesen máis relevancia encadradas en París, Londres ou en Dubai.

No mundo literario tamén contan as editoriais, os ilustradores, os críticos, os medios de comunicación, os docentes polo seu labor de animación á lectura, as familias, a sociedade enteira… pero sobre todo, os lectores. Sen os lectores e lectoras o traballo dos escritores caería nun terreo ermo, baleiro, incapaz de dar froito. O meu agradecemento para eles. Un recordo especial para o colectivo de escritoras e escritores galegos, un bo grupo aquí presentes, por axudaren nesta tarefa de facer da nosa lingua o maior vehículo de cultura, que nesta Costa da Morte, contamos cun grupo considerable: todo un Batallón.
No ano 1981 viu a luz o meu primeiro libro, Contos para a Escola, aínda que fora escrito tres anos antes. Van máis de 40 anos desde aquela e nel xa aparece un relato co título «A feira de Cee».
A seguir naceu Cousiñas para a Escola, con outro apartado dedicado integramente a Lires. Outros dous amores da miña vida. Non podía ser doutro xeito, sobre todo cando te sentes orgulloso das túas raíces, da túa xente, da túa lingua.

A nosa lingua galega, con todas as súas singularidades, algo esencial en calquera idioma, porque as variantes dialectais non son eivas, son riqueza. As únicas linguas que non cambian son as linguas mortas e isto non nos interesa. Dicía Agustín Fernández Paz que «O galego non é unha lingua morta, é unha lingua oculta». Polo tanto, queremos, aplaudimos e esiximos unha longa vida para o noso idioma, porque non esquezamos que as linguas son as olladas máis curiosas de ver o mundo.

Tamén estou orgullosa das limitacións daquela aldea na que por primeira vez abrín os ollos á vida, axudada por D. Juan de Toba, o tan venerado doutor polo seu altruísmo e sabedoría médica. El acudiu axiña sobre o seu cabalo, porque o parto se complicaba e logo de que todo tivo un final feliz, pediulle a meus pais que me puxesen de nome Blanca. Si. Blanca, co resultado de Blanca Blanco Blanco. Non estaría mal, pero á miña nai non lle pareceu unha grande idea.

E cando falo de limitacións daquela aldea, falo de Lires, coas súas corredoiras polas que a rapazada corriamos lixándonos felices, sen auga da traída, sen vías asfaltadas, sen estrada ata a localidade… Aquelas carencias non eran atrancos para nós, eran circunstancias que nos facían diferentes, con capacidade para valorarmos as pequenas cousas que nos facían grandes como grupo, coma veciñanza. Virmos de Lires a Cee de cando en vez, no coche de San Fernando («un pouco a pé e un pouco andando») era a viaxe turística máis desexada polas nenas, polos nenos, tamén a máis demandada, agradecida e económica. Cee era a nosa ollada ao progreso, á vida diferente. Cee, unha vila? Nooon. Cee, aos nosos ollos de nenos daquela aldea illada, era unha enorme capital.
Por todas estas singularidades, non me resultou complicado adaptarme ás condicións de cada un dos meus destinos, coma no caso do primeiro deles, a Escola de Nemiña, á que en moitas ocasións, nas fins de semana me desprazaba desta localidade a Lires (separadas polo río Castro), en lancha, para así acurtar distancias. Sempre encontrabamos a alguén disposto a facer de barqueiro.
Ou cando no Ézaro, onde eu vivía na Casa da Escola, radicada na mesma praia (todo un privilexio!), unha noite de marea viva no mes de febreiro, a converteu en illa comigo dentro.
Tamén na Escola de Dumbría un temporal, un 10 de decembro, agasallounos cun tornado que arramplou co tellado e non permitiu que volveramos vivir alí e tiven que impartir clase nun local daquela maneira cedido provisionalmente.
Todas elas e moitas máis, vivencias, anécdotas acontecidas no meu percorrido vital-laboral.

Creo que son eu a primeira muller, nacida neste concello, quen desde hoxe ten no mesmo un espazo que leva o seu nome. Espero e desexo que isto sirva para visibilizar e reivindicar a necesidade de valorar e potenciar a Igualdade de Xénero. Que se vexa así unha xanela aberta a máis mulleres, as que, por distintas razóns, merezan tal honra.
Tamén aproveito este apartado para facer un chamamento aos organismos oficiais demandando atención/axuda, ao mundo da cultura en todas as súas manifestacións, sempre, pero máis agora nesta época convulsa que nos tocou vivir. Que se lles tenda unha man potenciando actuacións, edicións… A cultura son os alicerces nos que se asenta un país para poder progresar. Avancemos, pois!
Reflexionando chego á conclusión de que estas homenaxes encerran un chisco de tristeza. Por que?
Porque se soen recibir cando os anos comezan a pesar e non hai dietas milagrosas que che fagan sentir máis liviá, nin ferro da roupa que leve as engurras. Con todo, eu á idade estoulle agradecida, porque os achaques… son o prezo, o canon que pagamos por estarmos vivos.
E xa para rematar quero facelo dicindo que me poño á vosa disposición para todo aquilo no que fose posible axudar, colaborar, dentro das miñas posibilidades.
Tamén quero agasallarvos coa lectura do poema que redactei, agora xa gravado no monólito que di así:

Cando a luzada aparece
Entre O Son e A Lagarteira
Esperta a vila de Cee
baixo a ollada da Xunqueira.

Abrín os ollos en Lires
co arrecendo do mar
coas verbas da nosa lingua
elas sempre a me arrolar.

Fun tecendo a miña vida
con fíos de sal e seda
voando coma gaivota
libre, forte e leda.

Aquí a miña gratitude
por este acto de amor.
Fico tranquila e agardo
a chegada do solpor.

Grazas por e para sempre.

Concha Blanco
Auditorio da Casa da Cultura
Cee, 12 de xuño de 2021