Entrevista a Xavier Alcalá sobre Tertúlia revisitada

DesdeXavier Alcalá o Diario Cultural da Radio Galega:
Xavier Alcalá: “Un escritor fai un plaxio e mándao a un concurso esperando que non llo descubran, ese é o tema da novela e eu mandeina ao Blanco Amor”.
O escritor fala da peripecia que acompañou a súa novela Tertúlia no ano 1985. Alcalá recupéraa agora en edición dixital co título de Tertúlia revisitada.
A entrevista pode escoitarse aquí.”

Publicación por entregas de Tertúlia revisitada, de Xavier Alcalá, en formato dixital

DesdeXavier Alcalá o blogue de Xavier Alcalá:
“Desde o 4 de febreiro publícase por entregas Tertúlia revisitada, de Xavier Alcalá, en Palavra Comum e Praza Pública, en formato dixital. (…)
Esta revisión de Tertúlia contén unha nova novela interior, O Abrigo do Sol, que non coincide máis que en parte do seu tema básico coa novela interior de Tertúlia: a ben coñecida e reeditada Cárcere verde.

Galicia publicou 2.274 títulos en 2014

Desde Cultura Galega:
“A produción editorial galega no pasado ano incrementouse, segundo os datos do ISBN que daba a coñecer onte a Federación de Gremios de Editores de España. A contrariar a tendencia xeral, en Galicia editáronse 2.274 títulos nese ano fronte aos 2.083 do anterior. Ademais, deuse un destacado incremento da edición dixital, formato no que saíron 483 obras, máis do dobre que en 2013. A produción editorial galega sitúase así no quinto posto a nivel estatal, por tras de Madrid, Cataluña, Valencia e Andalucía.”

Libros dixitais do IEM: Desenvolvendo o nobelo abre unha nova iniciativa editorial

DesdeDesenvolvendo o nobelo o Instituto de Estudos Miñoranos:
“Abrimos este espazo dedicado a compartir cos nosos seareiros algúns libros merecentes, ao noso xuízo, de divulgación de acordo con parámetros de calidade e interese que o noso equipo editorial decidirá. Perseguimos con esta iniciativa dous obxectivos. Por unha banda pór a disposición dos nosos amigos escritos que, posiblemente, non atoparían noutras canles. Pola outra, proporcionarlles a escritores (noveis ou non) a oportunidade de dar a coñecer a súa obra e sometela á consideración dos lectores que adoitan visitarnos.
O libro de enceto ten unha compoñente moi entrañable, pois recolle os traballos, feitos con dedicación e cariño, dun grupo de persoas adultas que se decidiron a mellorar a súa capacidade para a creación de textos literarios da man da poeta Marta Dacosta e expoñen aquí a súa obra chea de sensibilidade que acada en moitos casos cotas de calidade propias de escritores con maior dedicación. Titúlase Desenvolvendo o nobelo, título que fai mención a unha imaxe creada por Marta:
Escribir é…
atopar a punta do fío axeitado e tirar del até desfacer o nobelo.
Despregar diante de nós esa sucesión de palabras que constrúe o edificio do texto e abriga as ideas.

Pontevedra: programa de actividades do Culturgal 2014

PROGRAMA-CULTURGAL-2014

A Coruña: actos literarios destacados do xoves 7 na Feira do Libro

OFederación de Librarias de Galicia xoves 7 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados nese día:

18:00 h. Mariola Hermida asina exemplares de Zurcindo latexos na caseta de Couceiro Librerías.
19:00 h. Luís Davila asina Bichero na caseta de Librería Cascanueces-
20:00 h. Lemos, cantamos, gozamos. II Semana da música infantil da Coruña. Estamos no verán, con Xoán Curiel.
20:00 h. Presentación da Edición Dixital Aumentada de Sempre en Galiza de Castelao. Participarán os coeditores do proxecto Consello da Cultura Galega e Editorial Galaxia.
20:00 h. Miro Villar e Xosé Cobas asinarán exemplares do seu libro A pantasma da Casa da Matanza, publicado por Biblos, na caseta de Editores Coruñeses. Á mesma hora e na mesma caseta, Tucho Calvo e Xosé Cobas asinarán exemplares do seu libro Paxaro de mar e vento.

Manuscrito orixinal de Maxina, de Marcial Valladares

Desde a Real Academia Galega:
“(…) Maxina ou a filla espuria -publicada orixinalmente por entregas en La Ilustración Gallega y Asturiana, da que era colaborador literario naquela altura Manuel Murguía- está estruturada en dezasete capítulos e a súa peripecia narrativa principia coa violación dunha muller, Otilia de Sancti-Petri, da que nacerá Maxina, protagonista central do libro, quen será criada por unha parella de labregos do lugar, Inés e Catián.
A novela, unha ficción na que se mesturan elementos tirados do xénero romántico e do costumista, salienta, ademais, polo uso diglósico do castelán e o galego, que son empregados polos distintos personaxes conforme á súa clase social. (…)
Unha copia do manuscrito orixinal de Maxina ou a filla espuria pódese descargar nesta ligazón. [PDF 30Mb].”

O Consello da Cultura Galega abre as cartas de Luís Seoane

Desde Sermos Galiza:
“(…) A correspondencia que publica agora en rede o Consello da Cultura Galega mostra as cartas de ou a Seoane nunha comunicación establecida con máis de 200 persoas. Francisco Fernández del Riego con 284, Domingo García Sabell con 85, Armando Zegrí con 72 ou Ramón Piñeiro con 69 son os interlocutores con maior número de cartas no seu epistolario. Os temas máis recorrentes deixan á vista tamén a traxectoria de Luís Seoane labrada ás dúas beiras do océano. Centro Galego de Bos Aires, Editorial Galaxia, Galicia Emigrante, Galería Bonino, Cadernos Grial, La Nación, Revista Galicia, La Noche, Museo Carlos Maside, Sargadelos son os asuntos dos que máis fala o creador galego.
As cartas foron dixitalizadas, editadas e contextualizadas por un equipo de documentalistas e filólogos e permite realizar buscas por temas ou nomes a través do conxunto destes escritos que Seoane elaborou para a comunicación persoal sen vontade de seren publicados mais que dan grande información sobre a súa figura e o acontecer intelectual do seu tempo. De cada unha das cartas pódese acceder ao orixinal -manuscrito ou a máquina- e tamén a súa versión dixitalizada. O traballo inclúe unha ficha de identificación persoal das duascentas persoas que se escriben con Seoane. A colección ampliarase nos vindeiros meses con cartas relacionadas co grupo de Sargadelos e as amizades do exilio, entre outras. (…)”

Alberte Momán: “A miña obra é unha crónica literaria do noso tempo”

Entrevista de Carme Vidal a Alberte Momán en Sermos Galiza:
“- Sermos Galiza (SG): Por que sendo responsábel dunha editorial publica este novo libro [A baba, a incontinencia e o can de Paulov] con Sermos Galiza en formato epub?
– Alberte Momán (AM): Tiña posibilidade de publicalo con O Figurante mais non son partidario de montar un selo para editar os meus libros. A creación da editorial tiña como obxectivo dar oportunidade a outras persoas que teñen dificultades de visibilización nun momento de grandes recortes no eido da cultura. O selo ten, entre outras funcións, o de darlle valor engadido a unha obra e se eu me publicase a min mesmo non estaría a pasar ningún filtro previo. En literatura, compre ter rigor, se a min me publica outra editorial significa que alguén o aceptou, que pasou ese filtro necesario. (…)
– SG: Despois dese proceso previo, prolongado, de reflexión, como nace un libro de narrativa, poesía ou ensaio?
– AM: Vexo a literatura como un eido de experimentación, no que estou probando constantemente. Todos os libros teñen parte biográfica e parte de creación mais toda a miña obra camiña por un campos comúns, con distintos protagonistas e diversas perspectivas, pero en relación. Ao meu ver, un ensaio forma parte da literatura e, por outra parte, eu collo elementos da poesía para aplicar á narrativa. En moitos momentos, os parágrafos da narrativa son prosa poética, con imaxes moi cinematográficas e intensas, por veces mesmo en exceso concentradas, como me teñen dito. Concibo a literatura como ese campo de experimentación, cando a pulsión me xorde. Teño tamén moitos textos que sei que non vou publicar nunca porque son resultado dunha pulsión errada e tampouco son partidario de revisalas. Son resultado dese momento tan intenso e así quedan.
– SG: Pode identificar eses “campos comúns” da súa obra?
– AM: Un, principal, é a súa condición abertamente política, desde unha perspectiva de esquerdas e moi significada co contexto deste país. Tento mostrar sempre dentro dese campo da política o meu ideario e as contradicións que se dan na sociedade actual. A ideoloxía pasou de ser algo fundamental nos partidos a ser un lastre do que se hai que desfacer. Quen se denomina marxista leninista ten xa un problema. Mostrar as propias contradicións que se están a dar é unha teima na miña obra. Tamén abordo a influencia disto nas relación sociais, desde o punto de vista da parella ou dos individuos co entorno. Aparecen sempre vistas desde a perspectiva ideolóxica. Tamén identificaría o tema erótico, romper co silencio e non só co sexo, que hoxe está asimilado, senón desfacerse dos clixés machistas e de moral perversa que a igrexa católica botou sobre nós. Loitar contra esa moral e contra nós mesmos é outra das teimas que aparece desde o meu primeiro libro O lobo da xente. (…)”

Carlos Arias: “Sobol é unha aposta pola liberdade desde a poesía”

Entrevista de Carme Vidal a Carlos Arias en Sermos Galiza (a fotografía é de M. Longueira):
“(…) – Sermos Galiza (SG): Por vez primeira publica un libro na rede [Sobol], que posilidades achega o soporte dixital para a literatura?
– Carlos Arias (CA): Creo que moitas: a accesibilidade ao longo do tempo, a facilidade para a transmisión, o uso de recursos multimedia como complemento, a economía de espazo e de materiais, e supoño que deixo moito aínda por explorar. (…)
– SG: Sobol é o seu novo libro de poesía, cal é o sentido do título?
– CA: Creo que se ve doadamente que se trata de ‘lobos’ escrito do revés. Vexo o lobo como un animal que avanza en calquera circunstancia, en solitario ou na manda, cunha mirada decidida cara ao futuro, e cos pés ben enraizados na terra. A inversión das letras responde a unha idea especular: entendo que estes lobos corresponden a un mundo ideal, coa súa simboloxía, que se desenvolve virtualmente no espello, á espera de que saibamos crear o vencello para que entren en acción consciente sobre a realidade que vivimos. (…)”