Arquivo da categoría: Entrega de premios
A Coruña: entrega do Premio Repsol a Marcos Calveiro
O
martes 17 de novembro, ás 20:30 horas, na sede da Fundación Paideia Galiza (Praza de María Pita, 17), na Coruña, Marcos Calveiro recibirá o Premio Repsol de Narrativa Breve outorgado á súa novela Fontán, publicada por Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Román Rodríguez González, Ignacio Egea Kraul, Víctor F. Freixanes e Loreto Silvoso. Ao final haberá un recital a cargo dos membros do Coro Novo da Orquestra Sinfónica de Galicia.
Mário Herrero gaña o X Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas
Desde
o Concello de Malpica:
“O coruñés Mário J. Herrero Valeiro, doutor en Filoloxía Hispánica, é o gañador do X Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas pola obra A razão do perverso. O fallo do premio convocado pola Asociación Cultural Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica fíxose público o sábado pola noite, no transcurso da Cea das Letras, na que tamén foi presentada A outra voz, a obra premiada o ano pasado e que xa forma parte da colección literaria Caldeirón.
Mário J. Herrero agradeceu o premio e comentou que é a primeira vez que escribe unha obra especificamente para un certame, aínda que unha segunda lectura das bases obrigouno a reducila practicamente á metade. “Optei por podar os poemas máis prosaicos, pensei que era mellor ficar no lírico, no máis formalmente poético. Sei que se perdeu algo polo camiño, pero aínda así o libro continúa a ser unha estrutura fechada que se entende perfectamente. O palimpsesto fica á interpretación de cada quen. Hai cousas evidentes, e cousas menos evidentes”, explicou o autor antes do recitado dalgúns deses poemas que veremos publicados o ano que vén.
Mário J. Herrero estivo acompañado durante o recital por Verónica Martínez, coautora de A outra voz xunto a Alberte Momán, que non puido estar este ano en Malpica. Foi un dos poucos galardoados nos dez anos de historia do Certame de Poesía Erótica que non asistiu á celebración do aniversario. Os actos desta edición tan especial comezaron pasadas as oito da tarde no Centro Cívico de Malpica cunha recepción á que asistiu o alcalde, Eduardo Parga, e na que Paco Souto, no nome da Asociación Cultural Caldeirón, agradeceu a imprescindible colaboración do Concello de Malpica e destacou a calidade dos autores que integran a colección Caldeirón. “Parece que os escolléramos”, sinalou.
Esa calidade quedou de manifesto no recital que ofreceron algúns dos premiados nestes dez anos, coma Eduardo Estévez, Mercedes Leobalde, María Lado e Verónica Martínez, que estiveron acompañados polo poeta do mar Xosé Iglesias. Entre o público do auditorio atopábase a escritora Teresa Moure, que tamén asistiu á cea. (…)”
Vilalba: entrega do premio Chairego de Honra a David Otero
O
sábado 7 de novembro, a partir das 12:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, a Irmandade Manuel María e a Asociación Cultural Xermolos van nomear a David Otero “Chairego de Honra”, un recoñecemento polo seu labor de espallador das esencias da Terra Chá por todas as comarcas do país. Os actos comenzarán a esa hora na Casa da Cultura, cunha táboa redonda na que van intervir Helena Villar, Xoán C. Garrido, Héitor Picallo, Mini e Mero, Xabier P. DoCampo, Alfonso Blanco e Xulio Xiz… Despois do xantar haberá un concerto de Mini e Mero e o Gaiteiro Nubeiro Raúl Galego.
Para apuntarse ao xantar, é preciso chamar ao teléfono 646413890 ou enviar un correo electrónico a xermolos@xermolos.org
Malpica: Cea das Letras 2015
Láncara: entrega do XIV Premio Ramón Piñeiro Facer País a Basilio Losada e mesa redonda sobre Ramón Piñeiro
O
sábado 7 de novembro, ás 17:00 horas, en Láncara terá lugar unha mesa redonda na honra de Ramón Piñeiro no centenario do seu nacemento, organizada en colaboración coa Asociación Cultural Val de Láncara. Intervirán os académicos Rosario Álvarez Blanco, Víctor F. Freixanes, Basilio Losada Castro e Xesús Alonso Montero. O tamén académico Henrique Monteagudo actuará como moderador. Previamente, o membro de honra da RAG Basilio Losada recollerá o XIV Premio Ramón Piñeiro López Facer País da Asociación Cultural Val de Láncara.
A Coruña: XIX Memorial de teatro Ibán Toxeiro, o xoves 5 de novembro
A
Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa que o vindeiro xoves 5 de novembro, ás 20:30 horas, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, terá lugar o XIX Memorial de teatro Ibán Toxeiro, con entrada gratuíta.
Nesta ocasión tanto o director da gala Lino Braxe, como a propia Asociación Alexandre Bóveda queren render unha fonda homenaxe a tod@s os refuxiad@s que tratan de buscar unha vida mellor.
Na gala participarán:
– Grupo de Teatro da A. C. Alexandre Bóveda, coa obra Xan, o bo conspirador, de Álvaro Cunqueiro.
– Grupo de Teatro Valacar da ONCE, coas pezas O pai de Migueliño de Castelao e Encontro piadoso de A. Gelpí.
– Serearte con A filla de Corto Maltés de A. Gelpí.
– Teatro proscrito coas pezas Cartas a un amigo alemán de A. Camus; e Aixa e Leila de Lino Braxe.
– Música co laúde de Hames Bitar.
– Premio Ibán Toxeiro pola súa aportación ao teatro a Xosé Manuel Rabón.
– Presenta: Isabel Blanco.
– Dirixe: Lino Braxe.
Presentación de Barthes filósofo, XIV Premio de Ensaio Ramon Piñeiro
Desde
Galaxia:
““Neste libro hai tres celebracións: Roland Barthes, a lingua galega e a filosofía”. Con estas palabras Luis García Soto (A Coruña, 1956) agradeceu o Premio Ramón Piñeiro que, na súa XIV edición, se lle entregou onte pola obra Barthes filósofo, no paraninfo na Facultade de Filosofía de Universidade de Santiago de Compostela.
Luís G. Soto, profesor nesta facultade, da que foi decano durante anos, reivindicou a filosofía como a gran ponte para a vida e o coñecemento, e a lingua galega coma unha gran rede de relación, afectos e socialización “que se tece arredor de nós e nos dá sentido e identidade”. Respecto a Barthes, filósofo que vén ocupando unha parte importante da actividade intelectual do premiado, este ano cúmprense cen anos do seu nacemento. “Esta obra, escrita en galego, enriquece a bibliografía sobre un autor fundamental no pensamento contemporáneo e, ao mesmo tempo, nos posiciona nos debates que se están a celebrar en toda Europa sobre o seu pensamento”.
Uxía Rivas, profesora na facultade, actuou de madriña na presentación, cunha analise sobre a obra premiada, e o vicerrector de oferta docente, Roberto López, que presidíu o acto, citou a Emilio Lledó para reivindicar oa estudos de filosofía, hoxe ameazados por unha concepción mercantilista das humanidades, marxinadas dos planos de estudo das universidades pola cultura do diñeiro e do utilitarismo “que simplifican e deforman a realidade, eliminando o pensamento crítico”.
O Premio Ramón Piñeiro, centrado no xénero de ensaio, convócase todos os anos pola Editorial Galaxia co patrocinio de Gas Natural Fenosa e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. En palabras de Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, “o ensaio é un xénero de madurez que aposta polo cualitativo fronte ao cuantitativo e que está na mellor tradición do catálogo da editora. (…)””
Sarria: presentación de Oenach, de Marcos Abalde, e entrega do XV Premio Vergara Vilariño a Charo Lopes
Ramil, Melide: homenaxe a Francisco Carballo, na Eira da Xoana
A Asociación Galega de Historiadores fará entrega do premio Manuel Murguía e en concerto, acompañarannos, os incomparables Mini e Mero. Na Eira da Xoana (Ramil, Melide). Máis información aquí.



