Entrevista de Roi Fernández a Carlos Lixó en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Unha ducia de relatos conforman Rastros. Como describiría o seu libro?
– Carlos Lixó (CL): Son relatos que están situados en diferentes momentos históricos. Están bastante vinculados coa sexualidade, cos corpos, coa represión e chámame a atención a idea de que situacións, actos ou sucesos acontecidos nunha sociedade distinta, situada noutro momento cronolóxico e noutro lugar poden ter significados moi diferentes. É dicir, o que é violencia é o que non, o que é desexo é o que non, o que é unha identidade ou deixa de ser muda en función do momento. Atráeme a idea de pensar se parte da miña experiencia humana é común con outros seres humanos ou é resultado do meu contexto.
– ND: É historiador, doutor e profesor de Historia, influíu isto á hora de crear este libro?
– CL: Sempre me chamou moito a atención o aleatorio que pode ser ás veces a conservación das fontes que nos permiten coñecer o pasado. É dicir, as cousas que se conservaron e que nos permiten reconstruír unha parte do que pasou son resultado do azar. Isto sempre me fixo pór a mirada naquilo en que será o que non se conservou e non podemos saber, ben porque alguén o ocultou ou ben porque se perdeu. (…)”
Arquivo da categoría: Entrevistas
Todas as cantigas de amigo nun só volume
Manuel Portas presenta o libro Mazarelos, ambientado no banquete de Conxo
Entrevista a Manuel Portas na Televisión de Galicia:
“Manuel Portas presenta o libro Mazarelos, ambientado no banquete de Conxo. As historias e as vidas dos alumnos do primiero centro de ensino secundario de Santiago. A entrevista pode verse aquí.”
César Morán: “Concibo a música sen letra, mais para min é importante a relación entre música e texto”
Entrevista de Antón Escuredo a César Morán en Nós Diario (a entrevista íntegra no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario no 3 de abril):
“(…) – Nós Diario (ND): Naceu e viviu os seus primeiros anos de vida no Bierzo. De que maneira marcaron o seu interese posterior pola lingua galega?
– César Morán (CM): Nacer alí explícase polo percorrido vital do meu pai, que daquela era xefe de Estación en Toural dos Vaos e nacera en Valtuille de Arriba, entre os municipios de Cacabelos e Vilafranca do Bierzo. Estivo emigrado en Catalunya, traballaba para Renfe e no seu momento pediu o traslado para estar perto da súa familia. Porén, coñeceu en Cambre a miña nai, que era de Mondoñedo.
No Bierzo vivín até os seis anos, que foi cando nos mudamos á comarca de Verín polo ascenso que lle concederon ao meu pai. Daquela o meu galego era do Bierzo, foi o lugar onde o escoitei por vez primeira e eu mesmo xa falaba galego de inicio. Hai que ver o contexto sociolingüístico que había nos anos 50 nesa comarca. A realidade era que o galego era a lingua do 100% da poboación. Son galego por nacer no Bierzo. A influencia do castelán que entrou con forza despois.
– ND: E pola música?
– CM: Teño que dicir que a música foi algo que sempre estivo en min desde moi pequeno. Xa en Toural eu cantaba en todas partes. A música estaba presente tamén na familia, un exemplo que me quedou na memoria foi que a miña avoa e a miña nai cantaban moi ben. Cando pasamos a vivir perto de Verín, dos 6 até os 10 anos, os agasallos que recibía sempre estaban relacionados coa música. Chegoume un saxo de plástico, unha harmónica, instrumentos de xoguete que eu empregaba. A razón de recibir ese tipo de agasallos supoño que tiña que ver con que na miña familia pensaban que era o que me gustaba.
Logo pasei a estudar de interno nos Salesianos de Ourense e alí a miña afección foi a máis. Con todo, o lugar non era do meu agrado. Para min o mundo que descubrín nese centro era hostil, cunhas tendencias machistas que non me gustaban. Foi ese o motivo polo que, até os 18, percorrín outros en Cambados, Palencia e Guadalaxara, até que comezo a universidade en Compostela. Aínda así, recoñezo que entre o positivo que atopei daquela experiencia educativa estaba a importancia que lle daban os Salesianos á música e ao teatro. En realidade, ás artes en xeral. Alí foi onde comecei a aprender algo de piano e de guitarra. (…)”
Arantza Portabales, escritora: “O oficio de contar ten que sustentarse na honestidade”
Entrevista de Antón Escuredo a Arantza Portabales en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Leva once anos no mundo literario. Descubriu o segredo para captar en boa medida a atención de lectoras e lectores?
– Arantza Portabales (AP): Comecei cos microrrelatos e sigo pensando que o que se pode contar en cinco palabras non se conta en oito. Practico moito a economía da linguaxe cando escribo, cousa que non fago na vida real porque cando escribo permítome facer algo que non fago na vida: pensar antes de falar. Teño un estilo moi depurado.
Din que coido moito ao lector, que teño coidado coa xente. Realmente, gústame moito o que fago. Hai moita paixón e moita verdade no que escribo. Por suposto non hai verdade nos asasinatos mais cando unha historia ten verdade é cando realmente o que pasa ao redor dela nos chega.
Evidentemente non vivimos nun lugar onde a alguén lle cortaron a cabeza mais todos coñecemos sitios onde sabemos o que é que lle digan a unha “filla de solteira” ou que a outra “a deixou o mozo, a ver quen a vai querer agora”. Ao final son historias humanas. Penso que gusta moito retratar como somos e como fomos.
– ND: Como é o oficio de contar sabendo que tes diante xente que segue as súas historias?
– AP: O oficio de contar ten que estar sempre sustentado pola honestidade e por unha clara vocación de lecer. Claro, a literatura tamén proe. Fainos enfrontarnos a nós como somos, ao que non nos gusta de nos mesmos. Mais iso encadrase dentro dunha actividade que ten que ver con algo para un mesmo que é ler, algo que evidentemente se perde. Mesmo estamos perdendo a capacidade de concentración como consecuencia dos móbiles. Agora estamos afeitos á inmediatez.
Pola contra, hai unha gran satisfacción cando a lectura engancha. Sempre conto a anécdota que tiven nun club de lectura da Once, con invidentes, no que me dixeron algo marabilloso: lendo séntense iguais aos demais. A razón disto é que nun libro entras a cegas. Cadaquén chega aos personaxes dunha maneira. Iso non o dá ningún tipo de actividade de lecer, nin no audiovisual, evidentemente. É o único espazo que tes para interactuar coa obra.
Un pouco tamén sucede coa arte, coa pintura, coa exposición artística na que o artista, o escultor, o pintor fai unha obra mais a sensación é propia da persoa que a mira. Por iso penso que ese é o espazo co que teño unha clara vocación de que a xente o pase ben. Temos que recuperar o divertido que é ler. Moitísimos dos meus lectores repítenme iso constantemente. E non me avergoña que os meus libros sexan entretidos. (…)”
Iria Collazo: “A voz de ‘A espera’ agarda unha paz que nunca dá chegado”
Entrevista de Fran Campos a Iria Collazo en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): Como nace A espera?
– Iria Collazo (IC): Foi xurdindo aos poucos desde hai moitos anos. É unha compilación de reflexións sobre distintos temas que fun artellando de xeito que compartan un fío condutor común, e onde as relacións amorosas, a literatura, a filosofía ou a saúde mental teñen un papel fundamental.
– FV: Cal é a «espera» á que se refire o título da obra?
– IC: Abro a novela con varias citas de diferentes autoras e autores que quizais poidan axudar a desentrañar este misterio, aínda que penso que a espera é un estado mental que non se corresponde tanto a un momento concreto, senón quizais a unha traxectoria. A espera está presente en moitísimas obras da literatura universal e tamén se vai desenvolvendo ao longo da lectura global do texto. Neste sentido, a voz narradora sente que está nun momento vital en que non é quen de tomar as rendas da súa vida nin da súa relación de parella, que a leva constantemente a agardar unha paz que nunca dá chegado.
– FV: Hai vivencias propias na súa novela?
– IC: Si, definitivamente hai moitas, pero tamén hai outras que aparecen transformadas. A literatura, ao final, é un finximento; e tamén o é cada unha das liñas que aparecen en A espera. En canto aos personaxes, non diría que aparecen unicamente dous personaxes principais, aínda que boa parte da trama e das reflexións metaliterarias se constrúan ao redor da relación entre eles. (…)”
Álex Mene: “Esta novela é un ‘pastiche’, unha especie de “Pulp Fiction” rural”
Pere Tobaruela, novo correspondente da Real Academia Galega: “A banda deseñada ou libros con información gráfica recuperan lectorado”
Entrevista de Antón Escuredo a Pere Tobaruela en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Para ser correspondente da Real Academia Galega hai que ter detrás unha traxectoria.
– Pere Tobaruela (PT): Desde logo. Falar da miña traxectoria e dos meus méritos como podes comprender é un pouco difícil mais obxectivamente é así. Unha institución da envergadura da Academia, sobre todo, necesita persoas cunha traxectoria avalada pola súa profesión, polas súas capacidades ou polas titulacións académicas. No meu caso, son unha persoa vinculada á lingua galega e comprometida. Sobre todo, creo que na Academia agora tamén se busca un compromiso coa nosa lingua e a nosa cultura. Nese sentido, a miña traxectoria literaria de todos estes anos é un aval diso, ademais doutras facetas desenvolvidas en Catalunya e aquí no eido da xestión cultural e vinculación máis práctica, non tan literaria. (…)
– ND: Fálase moito de que agora a xente máis nova non le tanto literatura. Que opina?
– PT: Non se trata de ler máis ou menos. Trátase da capacidade de concentración. A dispersión na que vive hoxe inmersa a nosa mocidade polas novas tecnoloxías. Por iso hai unha capacidade moi pouco desenvolvida e a lectura reséntese nese sentido. Mais hai novos rexistros literarios como é a banda deseñada ou como son os libros con máis información gráfica que creo que recuperan ese lectorado. (…)”
Paula Carballeira: “Con este libro quixen achegar á xente a faceta de Begoña Camaño máis íntima, máis alegre”
Entrevista de Diego Gonzalves a Paula Carballeira en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Por que decide escribir sobre Begoña Camaño?
– Paula Carballeira (PC): Porque coincidindo coas Letras Galegas, onde se vai facer moito énfase na súa faceta literaria, eu, que fun amiga de Begoña, unha das moitas amigas que tivo en diferentes eidos, quería pór a miña visión dela desde unha perspectiva que quizais non é tan coñecida ou que ao mellor non tiña tanta presenza no mundo literario, que era a máis transgresora de Begoña, máis implicada coa sociedade, con diferentes tipos de conflitos sociais, e que ten moito a ver para coñecer a súa figura e para explicar tamén o seu posicionamento literario. Polo tanto, eu quería abrir varias portiñas a esa Begoña comprometida, a esa Begoña loitadora e a esa Begoña que tiña na miña lembranza.
– ND: Que é o que máis destacaría desta faceta de Caamaño?
– PC: Destacaría que Begoña, que era xornalista, sabía moi ben como chegar á xente, onde pór o foco; sobre todo en situacións inxustas, que vivimos habitualmente. Ademais, ela, que tiña ese don da palabra, tanto oral como escrita, servía como ponte para que outras voces se puidesen escoitar.
Por iso, eu quixen facer unha peza de teatro na que dalgún modo remitise á radio, onde ela tamén desenvolveu moito a súa faceta profesional, e onde ela non só ofreceu a súa voz, senón que tamén deu oportunidades de que outras voces se escoitasen. (…)”
Antón Baamonde alerta da privatización da cultura
Entrevista a Antón Baamonde en Radiofusión:
“O escritor Antón Baamonde presenta o seu novo libro, Agora non é antes, unha obra que, máis que ollar ao pasado, fai unha prospección de futuro para entender o presente. Baamonde alerta sobre unha época de “tormenta” onde o mercado está a “arrasar toda a densidade cultural”. Sinala que a intelixencia artificial está a privatizar a herdanza cultural do planeta, e que moitos produtores culturais crean xa só coa vista posta no éxito de mercado inmediato, perdendo de vista a transcendencia futura.
O autor conecta esta dinámica co auxe da ultradereita mundial, exemplificada en figuras como Trump, que busca “acabar cos consensos de posguerra en Europa” para impoñer un capitalismo máis duro. “Os tempos escuros están volvendo”, afirma, e advirte que estamos ante un posible episodio de “alienación colectiva”. A pesar do panorama, Baamonde lanza unha mensaxe de esperanza, instando a combater a visión distópica imperante e a “volver situar no centro da mesa o principio de esperanza” para construír sociedades máis satisfactorias.
A entrevista pode escoitarse aquí.”

