Entrevista
de Armando Requeixo a Santiago Jaureguizar no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Santiago Jaureguizar (SJ): As nosas letras son anómalas. Vivimos nunha xerontocracia filolóxica e atlántica. Non hai país no mundo no que a poesía sexa o xénero raíña. Normalmente, as culturas desenvolvidas (a alemá, a francesa…) son guiadas por pensadores que dan visións xerais e marcan a ruta colectiva. Mesmo culturas individualistas, como a anglosaxoa, están dominadas polos novelistas, porque eles fan unha interpretación de cada vida en singular que axuda aos receptores a sacudirse a perplexidade existencial. Neste país, non; neste país o importante son os nomes das partes do carro, como di Manuel Rodríguez Alonso, e que os Seijas escriban Seixas aínda que despois falen soamente en español.
A cultura galega é unha lección de anatomía rembrandtiana impartida a porta pechada. Ten unha asistencia limitada de doutores que analizan sobre a mesa de disección o cadáver desas mil primaveras que deixamos atrás. O feito de termos expertos en lingua cadrando balances contables é unha singularidade que, ben administrada, poderiamos usar como argumento sólido e único para a emancipación. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– SJ: O noso presente literario é un caldo en repouso. Hai un pánico a pisar as bandas rodantes da autoestrada que me indigna. Custa atopar unha proposta que se bote fóra do feminismo, antipatriarcalismo, nacionalismo, anticapitalismo, guerracivilismo… Aburre tanto foco moral sobre os textos. A literatura non é Educación para a Cidadanía, ten que falar de como é a realidade, non de como debería ser. Borrazás deixoume orfo; pero, ben, de cando en vez publica Cid Cabido.”
Arquivo da categoría: Entrevistas
Antón Cortizas: “Tastarabás leva 2.500 fotos e unha descrición de máis de mil enredos e xoguetes. A globalización cultural xa está inventada”
Entrevista
a Antón Cortizas en La Voz de Galicia, desde Xerais:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Que iso do Tastarabás?
– Antón Cortizas (AC): É o nome que ten a carraca esa de facer ruido na zona de Cedeira e o norte de Ferrol. Xa ao primeiro libro deille un título moi onomatopeico, Chirlomirlo. Este ten como subtítulo Enciclopedia dos brinquedos tradicionais e uso lúdico da natureza. Leva 2.500 fotos e unha descrición de máis de mil enredos e xoguetes, que nalgúns casos son unhas liñas e noutros varias páxinas.
– LVG: ¿De quen son as fotos?
– AC: Case todas miñas, que tamén fixen a maior parte das construcións dos xoguetes, detallando cada paso, aínda que as veces tiven que pedir papas. Outras, como para un arco da vella, botei man doutras persoas.
– LVG: ¿Tamén enredaraos coa natureza?
– AC: Todos os seres humanos xogamos e brincamos igual, a globalización cultural xa está inventada hai moito tempo. No libro vai información directa de comunicadores dos que vai o seu nome e tamén por lecturas de centos de libros; ocupeime de ler literatura en galego de poetas e novelistas que fan referencias aos enredos e van treitos desas narracións. (…)”
Con dez poemas por barba, o novo espectáculo de Lado Aldao
Xosé María Lema: “Costa do Solpor reflicte os problemas reais dos galegos que vivían naquela época”
Desde
Xerais:
“O Diario Cultural da Radio Galega realizou unha entrevista a Xosé María Lema, sobre a novela Costa do Solpor. Trátase dunha novela de aventuras que se desenvolve na costa galega a partir da chegada dunha goleta cun tesouro. A acción da novela transcorre a medidados do século XVIII, un século moi querido para o autor, que trata de «que se reflictan os problemas reais dos galegos que viven naquela época, tantos dos rurais como dos que viven do mar». A novela está conformada por múltiples aventuras de mar e de terra, con batallas navais, abordaxes, tétricas escenas de terror e tenras de amor, personaxes lendarios e reais, etc. Trátase dunha novela longa que, en palabras do seu autor, trata de enganchar ao lector.
A entrevista pode escoitarse ou descargarse en mp3 aquí.”
A noite branca de Francisco Fernández Naval reconstrúe un episodio silenciado da historia do século XX: a División Azul
Parlamento das Letras: Ledicia Costas
Entrevista
de Armando Requeixo a Ledicia Costas no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Ledicia Costas (LC): Creo, con toda sinceridade e sen ánimo de ofender a ninguén, que sobra egocentrismo e falta humildade. Somos excesivamente vaidosos e ás veces non vemos máis alá do noso propio embigo. A todas aquelas persoas que escribimos nos gusta ver as nosas obras nos andeis ou nos escaparates das librarías, que nos digan cousas bonitas sobre os nosos textos ou esgotar edicións (negalo sería absurdo). O malo é cando precisamos alimentar constantemente a nosa vaidade e perdemos perspectiva. Paréceme imprescindible ter os pés na terra. Somos unha pinga no medio do océano. O sistema literario a nivel mundial é un auténtico maremágnum. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– LC: Creo que nos atopamos nun momento no que as editoriais galegas están facendo un esforzo tremendo para conseguir que non se derrube todo coma un castelo de naipes. Baixa o número de publicacións, desaparece o apoio institucional, adeus ás compras para bibliotecas, libros de texto… As editoriais tratan de sobrevivir como sexa, reinventándose a si mesmas.
Eu non deixo de escoitar que é moito máis difícil publicar agora que hai dez anos. Coma se o mecanismo do mercado literario nos estivese obrigando a purgarnos a nós mesmos. Isto obríganos a facer mellores obras, a esforzarnos o dobre. Talento para facelo haino dabondo. (…)”
María Solar: “Os lectores gáñanse desde pequenos”
Entrevista
de Ramón Nicolás a María Solar en Qué Leer, desde o blogue Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Como naceu a súa querenza polo xénero da literatura infantil e xuvenil?
– María Solar (MS): Naceu seguramente dunha infancia solitaria e do convencemento de que é un xénero poderoso nas súas posibilidades e nos seus resultados. Os lectores gáñanse desde pequenos e cando aos nenos lles gusta o que len son o público máis apaixonado, entregado e soñador. Devolven moito ao autor. (…)
– RN: Canto hai da súa experiencia profesional n´A verdadeira historia da mosca da tele?
– MS: Naceu dunha vivencia profesional, en concreto dunha mosca moi pesada que tiñamos no estudio de TV onde gravo o meu programa cada día e que se comportaba como unha profesional amolando só cando se acendía a luz vermella. De aí xurdiu unha historia moi divertida e tola contada por un destes insectos en primeira persoa, na que un humano a fai pasar por mil vicisitudes en teles de medio mundo. É un libro moi ecoloxista que non fala nada de ecoloxía.
– RN: O seu traballo na TVG vincúlase con contidos culturais. Dende esta perspectiva, cal é a súa visión sobre a importancia deste tipo de programas?
– MS: Máis que nunca a cultura ten que ter os seus propios programas para amosarse e, á vez, ten que estar tamén no resto da programación. Os libros, as películas, a música son atractivos para o espectador, por iso é imprescindible que haxa programas de cultura accesibles que nos abran os ollos sobre o que se está a facer, que é moito.”
Fina Casalderrey reflexiona sobre a literatura infantil e xuvenil e o seu futuro na Real Academia Galega
Carlos Mella: “Só a figura de Castelao me podía facer volver a un posto público”
Entrevista
a Carlos Mella en Sermos Galiza:
“(…) “Levo moitos anos arredado da política e das institucións e o único posto que conservaba era o do padroado da Fundación Castelao, da que fun fundador. Propuxen a miña candidatura e o consello aceptouna. Para min é unha grande honra e un dos desexos máis queridos”, comeza a falar Mella para deixar sobre a mesa, de saída, a ilusión que lle fai presidir unha entidade que ten como obxectivo a promoción e difusión da figura de Castelao.
Na súa idea, a débeda con Castelao é facer valer o seu pensamento. “Recoñecer a súa figura é fácil, agasallar seus libros, tamén. Castelao é coñecido mais hai que comezar a poñer a disposición da xente a súa doutrina e o seu pensamento para que se asimile”, afirma ao tempo que idea iniciativas para difundir o seu ideario en colexios e vilas.
Cos debuxos de Castelao non se ri, dan para pensar e sacar unha filosofía. Temos que traducir o traballo en feitos, coñecer, respectar e transmitir as súas ideas galeguistas”, engade o novo presidente da Fundación Castelao. Como todo o tecido cultural, a Fundación Castelao vive a crise e falta de recursos do momento. “Todo está moi verde e son tempos ben difíciles, mais traballar na leira de Castelao e sachar nela é unha grande satisfacción”, comenta. De saída, aceptan a oferta do alcalde de Rianxo, Adolfo Muiños, para teren unha sede fixa na localidade natal de Castelao. Por diante quédanlle dous meses para estabelecer o plan de traballo da equipa que presidirá. “Temos que defender a importancia maiúscula da Fundación Castelao”, comenta. A falta de cartos vai ser unha dificultade que conta solventar a forza de traballo, xestionando os poucos recursos con imaxinación e esforzo. Declarar BIC a súa obra, a creación dun Centro ou Museo Castelao arredor da súa figura e mesmo facerse coa casa de Rianxo en propiedade son obxectivos que promoveu a Fundación e que agora a situación económica sitúan aínda máis lonxe e obrigan a reconducir os obxectivos e o traballo da entidade. A Carlos Mella non se lle esquece recoñecer a forza e enerxía de quen o precedeu, a entrega á causa de difundir a figura de Castelao por parte do anterior presidente Avelino Pousa Antelo, quen coñecera de rapaz ao fundador do Partido Galeguista.”