Arquivo da categoría: Exposicións
Rianxo: presentación de O saxo de Miro, de Inés Cuadrado López, ilustrado por Alfonso Costa
Carballo: O lume das formas. Obxectos, de Pepe Cáccamo
Camelle e Arou (Camariñas): City of Agra. 125 anos na memoria
A Coruña: inauguración da exposición Unha viaxe pola Nación Mar, de Xosé Iglesias
Vila de Cruces: inauguración da exposición Pontevedra en América. Unha mirada en feminino e conferencia de Pilar Sampedro sobre Anisia Miranda
Manuel Gago: “A identidade de Galicia séguese construíndo exclusivamente a partir do rural e do mundo agrario, esquecendo a Galicia urbana”
Entrevista de Marcos Pérez Pena a Manuel Gago en Praza:
“(…) Presentouse o proxecto expositivo ‘Cidades do Tempo’, un conxunto de sete mostras sucesivas, organizadas pola Xunta e por Afundación e comisariadas por Manuel Gago, que nos dous vindeiros anos buscarán poñer en valor a identidade urbana de Galicia. A primeira desas exposicións, dedidaca á cidade de Santiago, inaugurouse este sábado en Compostela, na sede de Afundación (Rúa do Vilar, 19), onde se poderá ver ata o 10 de setembro. Despois, ata mediados do ano 2024, será a quenda de Ferrol, Lugo, A Coruña, Vigo, Pontevedra e Ourense. (…)
“Todos os datos económicos e demográficos revelan que o presente e o futuro de Galicia é urbano. Porén, por incrible que pareza, a identidade de Galicia séguese construíndo exclusivamente a partir do rural e do mundo agrario, esquecendo a Galicia urbana, pero tamén o mundo mariñeiro”, destaca Manuel Gago en conversa con Praza.gal.
“A exposición intenta situar Galicia nun esquema que é normal en calquera sociedade europea, é dicir, unha sociedade complexa, con múltiples factores e identidades. A un francés ou a un británico non se lle ocorre pensar que o seu país é só dunha única maneira. Galicia é unha sociedade complexa e diversa e non é real pensar que hai unhas supostas esencias que corresponden unicamente ao espazo rural. O factor urbano está presente e configura todo o que somos”, subliña.
Galicia non conta cunha Barcelona, unha gran cidade que nuclea ao seu redor o conxunto do país, senón con sete cidades de mediano e pequeno tamaño, fortemente conectadas e que funcionan en rede. E que, ademais, son moi permeables coa contorna rural que as rodea e coa que establecen continuas relacións. “Cando pensabamos na cidades ás veces tiñamos un concepto de cidade moi pechado e máis propio doutros territorios, cunhas fronteiras moi nidias entre o rural e o urbano. En Galicia, en cambio, o modelo das cidades é híbrido, moi adaptado ao territorio, no que rural e urbano están moi entrecruzados, para o bo e para o malo”, explica Gago. “Galicia non ten grandes cidades, pero esta realidade deriva dunha determinada xeografía e estrutura do medio, que acabou configurando un modelo propio”, engade.
“As fronteiras entre o rural e o urbano non son tales. Esa idea quixemos reflectila na imaxe gráfica do proxecto expositivo, realizada por Desoños, construída a partir do límite dos termos municipais das cidades, máis amplos ou máis reducidos, amosando que eses límites sempre están en negociación co espazo do redor. Cando fixamos de forma moi estrita esta fronteira, o que facemos é limitar o que queremos contar sobre nós mesmos”, comenta.”
Ferrol: inauguración da exposición Siro López e Xavier Alcalá. 50 anos con Galaxia
Desde Afundación:
“Arrinca a exposición Siro López e Xavier Alcalá. 50 anos con Galaxia, unha homenaxe aos dous artistas ferroláns que se anoan neste proxecto a través da novela de Alcalá Alén da desventura. O acto inaugural terá lugar o 27 de xuño, ás 19:00 horas, en Afundación Ferrol (Praza da Constitución s/n.), coa participación de Xavier Alcalá, Siro López, Ángel Mato (alcalde de Ferrol), Antón Vidal (presidente de Galaxia) e Marité Cores (coordinadora de Cultura Afundación). As persoas interesadas poden inscribirse aquí.”
Compostela: Constelación Luz. Luz Pozo Garza (1922-2022). Poesía, Arte e Vida
“O Arquivo de Galicia comprácese en convidar a vostede a participar na conferencia e mesa redonda inaugural dos actos de celebración do Centenario de Luz Pozo Garza que terá lugar o martes 21 de xuño, de 11 a 13 horas.
Lugar: Auditorio Neira Vilas
Edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia
Cidade da Cultura de Galicia
Santiago de Compostela
– Conferencia inaugural a cargo de Xesús Alonso Montero (11-12 h.)
“Luz Pozo Garza e os seus poemas sobre Rosalía de Castro. (Un dos grandes capítulos da singular obra poética de Luz Pozo Garza: o extenso corpus de poemas nos que a autora se debruza sobre algúns episodios biográficos de Rosalía de Castro e sobre bastantes textos seus, sempre á procura da condición tráxica, dos enigmas e da radical orfandade da escritora)”
– Mesa redonda sobre a súa obra literaria (12-13 h.). Intervirán:
Xosé María Álvarez Cáccamo,
“Luz Pozo Garza. Claridade, fondura, elegancia”
Claudio Rodríguez Fer,
“Traxectoria simbolista dunha poeta vital”
Olivia Rodríguez González,
“A poesía finxidora de Luz Pozo Garza”
Esta actividade complementa a exposición organizada polo Arquivo de Galicia, inaugurada o día 9 de xuño con motivo da celebración do Día Internacional dos Arquivos, Constelación Luz. Luz Pozo Garza (1922-2022). Poesía, Arte e Vida
Pódese facer inscrición previa a través do portal da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, chamando ao teléfono 881999661 ou mándando unha mensaxe a esta dirección de correo: arquivogalicia.cultura@xunta.gal
O acto será de entrada libre ata completar aforo.”
Compostela: presentación e exposición de Luces da Costa da Morte, de Xosé Iglesias
O 17 de xuño, ás 19:30 horas, no Espazo Enocultural Vide, Vide de Santiago de Compostela (Rúa Fonte de Santo Antonio, 10), terá lugar a presentación do libro Luces da Costa da Morte (12 postais dende a fin do mundo, 12 poemas oceánicos), de Xosé Iglesias, publicado por Bululú. A presentación do libro tamén inaugurará unha exposición de cadros do autor. No acto, ademais de Xosé Iglesias, participará Rogelio Santos Queiruga, mariñeiro de Noia que nos achega o mar desde as redes sociais.







