“O
escritor e editor Antonio Piñeiro resultou gañador da XXIII Edición do Premio Manuel García Barros, coa novela As fiandeiras por decisión unánime do xurado, que estivo formado por Inmaculada Otero Varela, Armando Requeixo Cuba, Bieito Iglesias Araúxo, Carlos Lema, Valentín García Gómez que actúa como Secretario.
En opinión do xurado, a novela gañadora é intensa, reveladora e sutil e achega a historia dun tempo pasado lexible en clave presente, abrindo vías que convidan a repensar realidades como o poder, o xénero, o educativo ou o avance do progreso. Novela de prosa moi plástica e cinematográfica, presenta unha trama ambientada nos tempos das revoltas cantonais do século XIX na que se desenvolve unha historia moi elaborada na caracterización psicolóxica dos personaxes, con decisiva pegada simbólica, onde se producen desvelamentos susceptibles de ser lidos dende a denuncia do social e que acaban por debuxar un delicado retábulo de seres e vivencias.
Antonio Piñeiro reside en Ribeira, é profesor de Historia e dirixe a editora artesanal Bourel. Este ano obtivo o Premio Avilés de Taramancos co relato A dama fulxente. A obra gañadora será publicada por Editorial Galaxia.” Vía Galaxia. Tamén en Fervenzas Literarias.
Arquivo da categoría: Premios narrativa: ditames
Diego Ameixeiras gaña o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia
‘Historias
de Oregón, de Diego Ameixeiras, é o título da obra gañadora do Premio de Novela por Entregas que anualmente convoca La Voz de Galicia e que foi entregado na noite de onte na tradicional cea literaria nas instalacións do Museo Santiago Rey Fernández-Latorre. O escritor ourensán asegurou, nada máis recoller o premio, que gañalo “supón a posibilidade de chegar a un público amplísimo”. A historia gañadora ten como paisaxe a cidade de Ourense durante un verán, travestida en Oregón, pero coa xeografía e topónimos auténticos. Diego Ameixeiras gañou o premio cunha historia na que se cruzan varias vidas en situacións habituais nos informativos.’ (La Voz de Galicia).
Acto de entrega dos Premios Xerais, coa intervención de Xavier Queipo
Acto de entrega dos Premios Xerais 2011, na Illa de San Simón (11 de xuño de 2011), coa intervención de Xavier Queipo, gañador do premio Xerais de Novela:
Entrevista a Fran Alonso, nos Premios Xerais 2011
Entrevista a Fran Alonso, coordinador do Premio Xerais de novela (Illa de San Simón, 11 de xuño de 2011).
Entrevista a Xavier Queipo, Premio Xerais 2011
Entrevista a Xavier Queipo, gañador do Premio Xerais de novela 2011:
Xavier Queipo, Héctor Carré e Anxo Fariña son os gañadores dos Premios Xerais 2011
Na
illa de San Simón, no concello de Redondela, o sábado, 11 de xuño, ditamináronse a XXVIIIª edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros, a XXVIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e a Vª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros.
– O xurado da XXVI edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron corenta e seis obras, formado por Rodrigo Chao Blanco (ilustrador), Julia González González (mestra de Primaria e bibliotecaria), Antonio Reigosa Carreiras (escritor e gañador do Premio Merlín, 1998), Ángeles Roca López (bibliotecaria), Gracia Santorum López (profesora de Secundaria e blogueira), e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas O carreiro das formigas, Prometeo e Trampa de luz. Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema Prometeo, que, despois de aberta a plica, resultou ser de Anxo Fariña (1977) e corresponde ao título A chave da Atlántida, novela de ciencia ficción na que a un ritmo trepidante se mesturan os mitos dunha civilización antiga coas posibilidades ofrecidas polas biotecnoloxías e da robótica do futuro. Unha aventura que non dá tregua, onde non falta nin o amor nin as persecucións nin as probas fantásticas, na que se somete a indagación dos lectores e lectoras novos un dos tópicos da mitoloxía clásica. O autor premiado declarou cando coñeceu a noticia da concesión do Premio Merlín que cando era un neno duns cinco anos tiña bastante claro que quería ser de maior: pirata. No seu sexto aniversario, o seu soño mudou, quería viaxar ás estrelas. “Ser astronauta semellaba unha incrible ocupación para cando fose grande. Aos poucos meses, acadei a solución definitiva: pirata espacial. Co paso do tempo, pódese pensar que non cumprín os meus soños infantís, mais todo o contrario. Podo ser pirata espacial e moito máis. Grazas aos libros. Agora me conceden o Premio Merlín, e o único que podo dicir é que este galardón supón un marabilloso impulso para ese foguete co que atravesar o espazo e vivir mil aventuras.”
– O xurado da Vª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron vinte e tres obras formado por Isabel Bilbao Freire (representante da Fundación Caixa Galicia), Susana Piñeiro Paz (profesora de Secundaria), María Dolores Tobío Iglesias (profesora de Secundaria), Sabela Vilar Estévez (estudante de 4º da ESO), Andrea Ramos Queixas (estudante de 3º da ESO) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas Ánxela, Gabirro e Pelouro. Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema Pelouro, que, despois de aberta a plica, resultou ser de Héctor Carré (1960) e corresponde ao título Febre, obra que relata un episodio, localizado na vila de Noia, daquela febre do volframio, o ouro negro extraído de forma clandestina, durante os anos corenta, xusto despois da Guerra Civil e en plena II Guerra Mundial. O autor comentou que Febre naceu dos seus recordos. “Cando era rapaz escoitei moitas historias que comezaban dicindo ‘nos tempos do volframio…’ Eran como o “érase unha vez nun país de moi lonxe” dos contos de fadas, a diferenza estaba en que esas historias pasaran aquí mesmo. Eu non sabía moi ben o que pasara naqueles tempos do volframio, pero escoitaba fascinado por un mundo que me parecía completamente diferente ao que eu coñecía, un mundo de aventureiros que andaba na procura dun ouro negro, de xente que andaba armada pola rúa, que arriscaba a vida por unha beta de mineral. A min parecíame unha película do oeste. Decidín escribir esta historia deixándome levar por ese estilo das películas do oeste, un estilo épico que encaixaba perfectamente na loita do personaxe central, Carmucha, unha rapaza que ten que enfrontarse a un inimigo infinitamente máis forte na procura da súa liberdade.”
– O xurado da XXVIII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros e no que concorreron corenta obras formado por Francisco Pérez Lorenzo (xornalista), Pemón Bouzas (escritor e xornalista), Paula Gómez del Valle (fotógrafa e profesora), Jorge da Cunha (notario), Berta Dávila (escritora) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas Extramunde, O caso Ocaso e Todo home é coma a lúa. Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema Extramunde que, despois de aberta a plica, resultou ser de Xavier Queipo e corresponde ao título Extramunde. O autor declarou cando coñeceu a noticia da concesión do Premio Xerais declarou que este galardón supoñía unha feliz confluencia coa da edición de Ártico 2.0, que revisa o seu primeiro libro. Entremedias 20 anos pasados de dedicación constante, de persistencia na escrita e, dalgún xeito de resistencia contra a ignominia. Extramunde é unha novela de aventuras, onde unha pléiade de personaxes alucinados embarcan nunha viaxe a bordo dunha nave de tolos, que no fin, constitúe a personaxe central da novela. Mais non é só iso, senón unha reflexión sobre o papel esmagador da ideoloxía oficial, a represión das minorías, o poder omnímodo da igrexa, a exploración do mundo e a procura da liberdade. Extramunde, admite, pois, variadas lecturas, con distintos planos de profundidade, coma se un fose debullando unha a unha as capas dunha cebola, ate atopar o seu núcleo central e, no camiño, rir e soñar, anoxarse e sufrir, evadirse e finalmente, se cadra, chorar.”
A festa literaria da entrega dos premios Xerais consistiu nun acto literario-musical, celebrado no Auditorio da illa de San Simón, ao que seguiu unha cea ao aire libre nos xardíns da illa. Celia Torres, coordinadora e presentadora dos premios, abriu a velada lembrando uns versos optimistas de Lois Pereiro, para logo dar paso a primeira das intervencións de O Leo i Arremecághona, que se ocupou do apartado musical deste serán musical e literario. María Xosé Queizán, como mantedora literaria desta velada, rememorou no seu discurso: Escribir en nome propio, as trobairitz, as donas occitanas que no s. XII compuxeron cantigas na lírica medieval, unha xoia literaria que tería repercusión na cantiga de amor galega. A autora sinalou que “o asombroso da lírica occitana é que haxa estas mulleres compositoras. Produce estrañeza porque o Parnaso, dirixido polo patriarcado, está ocupado por homes que consideraron o Falo e o Logos como indicadores fundamentais da cultura universal. Negadas como suxeitas, as mulleres foron obxectas da literatura, e a fantasía masculina. Os poetas e escritores crearon o imaxinario. Por iso, que as mulleres deixen de ser obxectas de adoración do trobador e cheguen a tomar a palabra é, non so unha ousadía, senón un cambio radical na concepción de si mesmas. Abonda con asomarse á historia da literatura galega para ver a escaseza de escritoras até a época actual.” Pechou o acto Manuel Bragado, director da editorial, que agradeceu a axuda proporcionada pola Fundación Illa de San Simón, a Consellaría de Cultura e Turismo, a Fundación Caixa Galicia e Ámbito Cultural El Corte Inglés, entidades que apoiaron a celebración destes premios, e reclamou nestes tempos de recurtes a maior atención para o mundo do libro e da cultura.
Recollido tamén en Cultura Galega, Asociación Galega de Editores, Fervenzas Literarias, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, Xornal, Galicia Hoxe, El Correo Gallego, El País, Diario de Pontevedra, El Progreso, A Nosa Terra e Europa Press.
Na rede tamén se poden consultar as repercusións en diversos blogs e varias fotogalerías, como a de Manuel G. Vicente.
Rafael Laso gaña o premio Carlos Casares de microrrelato con Amor de Monicreque
Rafael Laso
gañou a décima edición do Premio Carlos Casares de microrrelato, concedido polo Liceo de Ourense, coa obra Amor de Monicreque, pola que obtivo un premio en metálico de 1.500 euros. A entrega do premio de microrrelatos contou coa presenza de Javier Casares, Carlos Ramírez, e Teresa Devesa.
Antonio Piñeiro gaña o Certame literario de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos, con A dama fulxente
“O
escritor e profesor ribeirense Antonio Piñeiro (1962) gañou a décima edición do Certame literario de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos que convoca o Concello de Noia e organiza o IES Virxe do Mar pola súa obra A dama fulxente. O xurado -formado polas escritoras e profesoras Mariña Pérez Rei –gañadora da anterior edición do premio-, Mercedes Queixas e Vanesa Oliveira, elixiu por “unanimidade” o texto de Antonio Piñeiro entre os 14 orixinais presentados.
Centrado nos albores da Revolución Francesa, A dama fulxente narra a viaxe de curación de Anne Geneviève a través do Camiño de Santiago até Noia. O xurado salientou “a mestría narrativa” do autor mais a súa “linguaxe precisa e evocadora que busca a sorpresa dende o primeiro parágrafo”. A forza “suxestiva” do relato deixa no padal do lector “as ganas de continuar indagando sobre esta convulsa etapa histórica” que rematou coa decapitación de Luis XIV. O xurado destacou tamén a presenza dun salto temporal no relato que “crea dous ambientes temporais na obra e o lector ten que fiar un co outro”. Na súa opinión, o final da obra resulta “imprevisible” e axuda a crear un “halo de misterio ao redor da dicotomía entre ciencia e fe” e que tamén fai referencia “ás intrigas propias da época por alcanzar poder e vanagloria na Corte”. O galardón está dotado con tres mil euros, unha escultura do artista Alfonso Costa e a publicación do relato en Toxosoutos, nunha edición que irá acompañada polas ilustracións de Pío Costa. No acto, celebrado onte na casa de cultura noiesa, tamén participaron o concelleiro en funcións de Facenda, Lino García e Xavier Castro, profesor e secretario do xurado”. Vía Galicia Hoxe.
Fallos dos xurados do Concurso de contos de nenos para nenos Carlos Casares e do Concurso de Teatro Infantil, da A. C. O Facho
CONCURSO LITERÁRIO DE CONTOS DE NENOS PARA NENOS CARLOS CASARES:
“A
Agrupaçom Cultural O Facho tem a honra de comunicar-lhes o falho do concurso literário Contos de nenos para nenos Carlos Casares na convocatória ano 2011, segundo acordo do jurado formado polos escritores Xabier P. DoCampo, Breogán Riveiro Vázquez, Xosé Manuel Martínez Oca, e Soledad González Maside, directiva d’O Facho (sem voto):
1º.- Prémios da categoria A (Nenos e nenas de 9 a 12 anos):
– Primeiro prémio: Pesadelo, de Ignacio Mañá Mesas, aluno do IES Europa (Ponferrada, O Berzo).
– Segundo prémio: Un día feliz na vida de Xoán de Alva Pensado Ferreiro, aluna do CEIP San Xosé Obreiro (Meicende, A Corunha).
2º.- Prémios da categoria B. (Rapaces e rapazas de 13 a 16 anos):
– Primeiro prémio: Folga xeral, de Matías Núñez Gil, aluno do IES Celanova (Ourense).
– Segundo prémio: Amor e maltrato, de Ana María Gil Rey, aluna do C.P.I. de Zás (A Corunha).
Agradecemos a participaçom de todos os concursantes e felicitamos mui especialmente aos ganhadores. Também queremos recordar que o acto de entrega de diplomas e prémios será o dia 21 de Maio as 20 horas, na sala de conferencias do Centro Social Nova Caixa Galicia (Avenida da Marinha, s/n.) da cidade da Corunha.
Parabéns e cumprimentos.
A Corunha, Maio de 2011.
Assinado: Soledade González Maside, da Agrupaçom O Facho e Secretária do Júri.”
CONCURSO DE TEATRO INFANTIL:
“Depois de ter lido as obras apresentadas ao Concurso de Teatro Infantil convocado pola Agrupaçom Cultural O Facho, o júri conformado por pessoas de reconhecido prestigio no âmbito teatral galego, Susana Alejandra Longueira Regueiro, Xosé Manuel Rabón Lamas e Francisco Pillado Maior, tomou o acordo de declará-lo Deserto como resulta da análise dos textos. Os originais nom premiados poderám ser retirados, no prazo de 30 dias, no local de O Facho, prévio correio dirigido ao endereço postal da Agrupaçom (Rua Federico Tapia, 12-1º, 15005 A Corunha). No caso de que o autor ou autora nom resida na Corunha poderá solicitar que lhe sejam enviados por correio postal.
Na cidade d’A Corunha, 13 de Maio 2011.
Asso. J. Alberte Corral Iglesias
Secretário d’O Facho.”
María Goretti Fariña, gañadora do premio Cidade de Ribeira, por Orlando pendurado
“O salón de plenos do consistorio de Ribeira acolleu a entrega do premio da terceira edición do concurso de relato curto Cidade Centenaria de Ribeira, de carácter bienal, ó que se presentaron 11 obras. A gañadora foi María Goretti Fariña Caamaño, de Vilanova, pola obra Orlando pendurado. O xurado estivo formado por Manuel Bragado, director da Editorial Xerais; polos escritores Antonio Piñeiro e Xabier López Marqués, e pola profesora María Ángela Rodríguez. Alicia Padín, do servizo de Normalización Lingüística do Concello, actuou como secretaria, con voz e sen voto. A gañadora recibiu o premio de 3.000 euros e o diploma acreditativo.” Vía Galicia Hoxe.