Ditame do IV Certame de poesía en lingua galega Manuel María

DesdeconcursoFallo-720x340 a Casa de Galicia en Gipuzkoa:
“En San Sebastián, a 4 de xuño de 2016, na sede social da Casa Galicia en Gipuzkoa, reunidos os membros do xurado: Don Xosé Estévez, Dona Rosalía Ferreiro, Dona Ana Bastos e Dona Rocío Dourado e, actuando como secretaria sen voz nen voto, Dona Miriam López; acordan que os premiados do IV Certame de poesía en lingua galega Manuel María sexan:
1º premio: Clara Vidal (A Coruña) Obra: De nome propio, Alois.
2º premio: Paulo Martínez (Begonte – Lugo) Obra: Caída libre.
3º premio: María Canosa (Cee – A Coruña) Obra: A desmemoria.”

As flores, de Helena Salgueiro, gaña o II Premio de poesía Rosalía de Castro do Concello de Padrón

DesdeRosalía de Castro El Correo Gallego:
“A segunda edición do premio de poesía Rosalía de Castro, promovido polo Concello de Padrón para honrar a figura da autora de Cantares Gallegos suma xa unha nova gañadora. Trátase da compostelá Helena Salgueiro Golán. A súa obra poética, presentada baixo o lema Lilith e que leva por título As flores, logrou o favor do xurado tanto polo tema que afronta como polas referencias literarias que manexa a autora no poemario gañador.
O xurado, presidido por Lorena Couso, reuniuse para valorar a trintena de traballos poéticos que se presentaron este ano ao certame literario. Entre os membros do xurado encontrábanse Anxo Angueira, Dores Tembrás, María Xesús Senín Fernández, María López Sández e Elvira Ribeiro Tubío.”

Miriam Ferradáns gaña o XX Certame Francisco Añón de poesía

Francisco Añón 2016 1Francisco Añón 2016 2Francisco Añón 2016 3-0-0

Modesto Fraga gaña o XIX Certame de poesía Concello de Carral

DesdeModesto Fraga o Concello de Carral:
Modesto Fraga, coa súa obra Devalar sen pel resultou gañador do Concurso de Poesía Concello de Carral do presente ano.
O xurado salienta a alta calidade dos traballos presentados, preseleccionando unha decena de orixinais, dos que calquera podería ser premiado. Da obra seleccionada, salienta o xurado, que é un traballo redondo, que xoga coas tradicións, tensionando moi ben o texto e sabendo darlle aire nos momentos oportunos. Citando a Lezama Lima, o xurado indica que este poemario “ten a abundancia xusta”.
O xurado do concurso estivo formado por Carmen Caramés, Armando Requeixo e Luciano Rodríguez, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Margarita Ramilo Varela, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 54 poemarios.
O premio de Carral está dotado con 2500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior. (…)
O acto de entrega do premio terá lugar o 27 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2016. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Soño e vértice, de Eva Veiga.”

Pura Tejelo gaña o XIX Premio Johán Carballeira de Poesía co poemario A elegancia do século

DesdeBases Premio Johán Carballeira poesía 2015 1 o Concello de Bueu:
“O xurado do XIX Premio Johán Carballeira de Poesía, convocado polo Concello de Bueu, reuniuse na mañá deste sábado para dilucidar o poemario gañador deste ano. Os poetas Ismael Ramos, gañador da pasada edición, Asun Estévez, e Ledicia Costas decidiron de forma unánime conceder o premio a Pura Tejelo Núñez, co poemario A elegancia do século. O xurado destacou a maneira en que a autora “explora o cotián dun xeito profundo e elaborado, empregando un repertorio de imaxes que con nitidez nos trasladan á anécdota ou situación que deu orixe á reflexión lírica”. Así mesmo apuntaron que son poemas con moita variedade temática e que presentan unha unidade interna.
A gañadora será premiada con 1500 euros ademais da publicación do poemario por parte da Editorial Xerais.
Esta decisión foi complicada, debido sobre todo á alta participación deste ano, no que se recibiron un total de 54 poemarios, o que supón o récord de toda a historia do premio, que naceu no ano 1996, como unha homenaxe a Johán Carballeira, líder galeguista, poeta e xornalista, ademais de alcalde do municipio antes do golpe de estado. (…)”

Raúl Gómez Pato gaña o I Premio Xosé María Díaz Castro de Poesía

DesdeRaúl Gómez Pato o Concello de Guitiriz:
“No salón de sesións do Concello de Guitiriz, as 13:00 horas do venres 19 de febreiro, o Xurado do 1º Premio Xosé María Díaz Castro de Poesía composto por:
Miguel Anxo Fernán-Vello. Presidente.
Ánxela Gracián. Vogal.
Armando Requeixo. Secretario.
Emitiu o seu fallo, resultando como gañador:

RAÚL GÓMEZ PATO
Título: Máscaras de Espellos.
Lema: Sólido Níquel.

O xurado estimou que a obra ofrece unha escritura de grande altura estética, que amosa un excelente dominio da fórmula versal e o emprego dunha imaxinería neosurral que abisma na interioridade de universos líricos de fascinio, atento tanto ás escenas do mínimo cotián como aos grandes sucesos do devir colectivo.
Poderosa dicción, contención e fulguración na palabra revelan neste poemario unha voz senlleira que moito presta visitar.
O Xurado salienta o alto grado de participación, así como a excelente calidade dos traballos, que evidencian a simpatía coa que goza esta primeira convocatoria, que leva o nome do máis insigne poeta de Guitiriz, que é o seu mellor embaixador.”

Rocío Leira gaña o III Certame de poesía Xosé M. López Ardeiro convocado polo concello de Negreira

DesdeRocio-Leira-acolle-con-gran-ilusion-este-premio-que-consiste-na-edicion-do-poemario Que pasa na Costa (fotografía recollida no mesmo medio de comunicación):
“(…) Rocío Leira Castro (Pereiriña – Cee), coa súa obra Obituario, presentada baixo o pseudónimo de Xanela, resultou a gañadora do III certame de Poesía Xosé M. López Ardeiro, que tivo lugar no concello de Negreira.
Entre as tres obras finalistas están, aparte de Obituario, Versos de amor e norte, de Cristina Negreira Barcia, de Negreira, e Mexacáns do Tambre, de Xosé Antonio Grela, de Santiago de Compostela.
O premio consiste na edición do poemario gañador por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e a entrega de 150 exemplares nun acto a desenvolverse na vindeira primavera en Negreira. “Este premio supón un paso importante na miña carreira, pois vai ser o meu primeiro libro de poesía para adultos que ve a luz”, asegura Rocío Leira.
O xurado –formado por José Antonio Ponte Far, Xulio López Valcárcel, María López Sández e María Rey– destacou da obra a forza das imaxes poéticas, así como a mirada poliédrica sobre un tema tan actual como a violencia de xénero. “A obra está baseada nun conxunto de poemas, e cada poema sobre a morte dunha muller que cita nun primeiro momento xunto coa data en que foi asasinada”, salientou José Antonio Ponte Far, presidente do xurado e amigo persoal de Ardeiro.
Obituario consta de 41 poemas, cada un deles encabezado polo nome dunha muller asasinada no 2015, e nos que se ofrecen, a través da linguaxe poética, distintas perspectivas dunha lacra social como son os feminicidios. (…)
Éste non é o único premio co que a ceense despide o seu ano literario; xa que recentemente lle comunicaron ser a gañadora do segundo premio da XXIX edición do Certame Rosalía de Castro de Cornellá, que dende hai case trinta anos convoca a comunidade galega de Cataluña.
O certame ó que se presentaron máis de 260 obras, tiña como membros do xurado a persoeiros coma Xurxo Souto ou Anxo Angueira -presidente da Fundación Rosalía de Castro-.
O poema presentado por Rocío Leira baixo o título Lume no peito combina elementos culturais galegos e cataláns e versa sobre a dualidade de sentimentos que pode sufrir alguén na diáspora. Entremedias, numerosas referencias a Manuel Oreste Rodriguez López, poeta galego cunha relación moi estreita coa comunidade galega emigrada en Cataluña.”

Autoras e autores premiadas/os no XXIV Certame Literario A Pipa da Alta Montaña Luguesa 2015

Desde12360428_935729553185668_3063674544381310750_n A Pipa:
“En Becerreá, a mércores 23 de decembro de 2015, a Xunta Directiva da Asociación Cultural A Pipa de Becerreá (CIF. G-27441708) e o seu Presidente, Afonso Becerra Arrojo, toman o acordo de nomear a Rafael Ramos Fernández Presidente do Xurado do XXIV Certame Literario A Pipa 2015 da Alta Montaña Luguesa e, así mesmo, aos dous tribunais avaliadores:
– O Xurado para a modalidade de DRAMATURXIA BREVE está formado por:
JOAN CHIRALT BAILACH. Dramaturgo. Máster en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Arte Dramática polo Institut del Teatre de Barcelona. Profesor de Dramaturxia e Escrita Dramática na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
PEDRO PABLO RIOBÓ SANLUIS. Dramaturgo e ensaísta. Membro do Consello de Redacción da Revista Galega de Teatro. Licenciado en Filoloxía Galega. Profesor de Educación Secundaria.
GONZALO RODRÍGUEZ CALVO. Membro do Consello de Redacción da Revista Galega de Teatro e da Asociación de Amigos do Teatro Jofre de Ferrol.mó
– O Xurado para as modalidades de POESÍA e RELATO está formado por:
XESÚS BERMÚDEZ TELLADO. Poeta. Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa.
SABELA PÉREZ MARTÍNEZ. Licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa. Profesora dríde Educación Secundaria.
RAFAEL RAMOS FERNÁNDEZ. Membro da Xunta Directiva da Asociación Cultural A Pipa de Becerreá. Licenciado en Ciencias da Educación (Pedagoxía Socioeducativa). Mestre de Educación Primaria.

No Acto de Entrega de Premios, que se celebrou o domingo 27 de decembro de 2015 ás 19:00 h. na Casa da Cultura de Becerreá, revelarase o premio concedido a cada un dos traballos que se mencionan a continuación segundo a orde alfabética dos apelidos das autoras e autores:
CABALEIRO, JONATÁN de Ponferrada (León): “UNHA PALABRA PERDIDA”.
CALVAR GIRÁLDEZ, MARÍA de Cerdedelo, Torroso. Mos (Pontevedra): “INVISIBLE SEN SABELO”.
COMUÑAS LÓPEZ, CARLOS de Cervantes (Lugo): “A PRIMEIRA MISA DE MANOLIÑO”.
DEVESA NÚÑEZ, NURIA de Lugo: “CHEGOU A BELEZA”.
LEIRIZ BRANCO, LOURDES de Compostela (A Coruña): “MALEVICH”.
LOIZAGA LATORRE, GONZALO de Doncos. As Nogais (Lugo): “DON CECILIO E DONA PLÁCIDA”.
PARDEIRO ÁLVAREZ, LAURA de As Nogais (Lugo): “O PAPORRUBIO DE NADAL”.
RODRÍGUEZ CEDRÓN, HIGINIO de Cervantes (Lugo): “OS ANCARES”.
ROMERO SUÁREZ, XULIO de Arteixo (A Coruña): “O POMBAL DE MUIÑOS”.
SÁNCHEZ VARELA, JOSÉ RAMÓN de Carballo (A Coruña): “TATUAXE NA FERIDA”.
SANDOVAL, RAMÓN de Sober (Lugo): “AXUSTE DE CONTAS”.
SUÁREZ IS, ERNESTO de Xixón (Asturies): “FÍOS”.
TOMÉ PIÑEIRO, ABEL de Cando. Outes (A Coruña): “AUSENTE”.
TRABADO NÚÑEZ, MIRIAM de Vilapún, Cervantes (Lugo): “O INVERNO”.”