Clara Vidal gaña o XVIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas

Desde o blog de Clara Vidal:
Masaxe con argán mal pronunciada foi a obra que, aberta a plica, resultou gañadora do XVIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. O libro será publicado no mes de maio do 2024 por Caldeirón.
Quero agradecer aos membros do xuri a súa elección e palabras adicadas á mesma. En breves, partillarei aquí o fallo que realizaron. É para min un pracer acadar un premio no único certame da Galiza que, ano tras ano, publica poemarios de temática erótica escritos en galego.
Deixo algunhas imaxes da recollida do premio, entregado na Cea das Letras en Malpica de Bergantiños o 11 de novembro de 2023. Cea na cal se me tratou como parte xa da familia Caldeirón!”

Rafa Vilar gaña o XXI Premio de Poesía Afundación

Desde a Xunta de Galicia:
“O escritor Rafa Vilar fíxose co XXI Premio de Poesía Afundación, promovido por Afundación, a Xunta de Galicia e o Centro PEN Galicia co fin de reforzar a produción poética en galego e contribuír ao enriquecemento da creación cultural galega actual.
No marco do fallo deste galardón, o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, felicitou o gañador por pasar a formar parte “dun selecto grupo formado polos mellores nomes da poesía galega contemporánea como Ledicia Costas, galardoada na pasada edición, ou Yolanda Castaño, que acaba de ser recoñecida co Premio Nacional de Poesía 2023”. Neste senso, desexoulle a Rafa Vilar “máis éxitos no futuro porque isto sempre será unha boa nova para a nosa literatura e porque reflicte o bo momento que está a vivir o noso sector cultural”.
Rafa Vilar, nado en Cee no ano 1968, gañou coa obra Os lugares da memoria, escollida polo xurado entre as 34 propostas que se presentaron este ano e que dan mostra da boa acollida deste certame e de gran calidade literaria das novas xeracións galegas. (…)
O galardón, que implica a publicación do libro na colección Arte de trobar e unha dotación económica de 6000 euros.”

Marta Dacosta gaña o IV Premio de poesía Filomena Dato

Desde Nós Diario:
“A poeta Marta Dacosta proclamouse gañadora do IV Premio de poesía Filomena Dato coa obra Papaventos abismados. O certame está convocado Concello de Bergondo e dotado con 2.500 euros e a publicación do volume na editorial Apiario.
O xurado, integrado por Alejandra Pérez Máquez, presidenta; e Antía Otero Rodríguez, Oriana Méndez Fuentes e Rosalía Fernández Rial como vogais, deliberou onte a vitoria do conxunto poético de Dacosta.
O xurado destacou á hora de outorgar o galardón a este conxunto poético a valoración da “temática da demencia, a vellez, o coidado e a preparación para a perda”. Na mesma dirección, significou a forza da súa escrita. (…)”

Todo o que doe, de Carmen Caramés, gaña a terceira edición do Premio Pinto e Maragota

Desde Nós Diario:
“O Concello de Pontevedra, en colaboración con Edicións Xerais da Galiza, convocou a III Edición do Premio Literario Pinto e Maragota, que ten como finalidade “visibilizar e dignificar a diversidade sexual e de xénero” e forma parte das actividades do programa municipal homónimo ao premio. A obra gañadora foi, segundo deu a coñecer esta quinta feira o Concello da cidade do Lérez, Todo o que doe, de María Carmen Caramés.
As obras presentadas debían ter presente no seu argumento, como temática principal ou transversal, a diversidade sexual e de xénero: orientación sexual ou identidade de xénero.
O xénero literario das obras presentadas foi novela, teatro e poesía, tanto para público infantil, xuvenil como adulto. “O premio outorgouse tendo en conta en xeral, o nivel de calidade literaria da obra e o tratamento da temática de diversidade de sexo e xénero dentro da mesma”, sinalaron desde o Concello.
O xurado encargado de decidir a obra gañadora estivo composto por Cristina Barreiro, docente no CEP Marcos da Portela e membro do colectivo Avante LGBT+, Miguel Calvo Marques, membro da Xunta Coordinadora da Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ da Galiza e Sara Vila, escritora e responsábel de prensa da editorial Xerais.
O poemario Todo o que doe, escrito por Maria Carmen Caramés foi a obra que resultou vencedora. O xurado destacou desta obra “a tenrura, a potencia das metáforas e a creación de atmosferas que evocan sensación e emocións”.
Salientaron a “certeira representación da dificultade que supón, nesta historia, o amor entre dúas mulleres, fóra das normas estabelecidas, así como a reivindicación do dereito a vivir o amor en liberdade”.”

A compostelá Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía

Desde Nós Diario:
“A poeta compostelá Yolanda Castaño foi galardoada co Premio Nacional de Poesía do ano 2023 pola súa obra Materia (Xerais, 2022), a proposta do xurado reunido esta cuarta feira. O premio, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, está dotado con 30.000 euros. O xurado destacou a súa obra “pola poderosa proposta poética na que cada estado da materia se expresa nun ton propio, con poemas dunha metafísica que causa dor e orixinal, que apunta tanto á vangarda como á orixe cunha extraordinaria forza evocativa e sensorial”.
Tamén destacaron que “en Materia, Yolanda Castaño móstranos unha poesía metafórica que dialoga coa memoria persoal e colectiva e, á vez, directa, radical e feminista” e que explora, “de forma non compracente, temas como a maternidade, a familia e os costumes e logra sacar a realidade da súa nebulosa habitual para concretala en materia lingüística, destacando o xogo verbal e rítmico que cuestiona o estabelecido”.
O xurado estivo presidido pola directora xeral do Libro, do Cómic e da Lectura do Ministerio de Cultura e Deporte, María José Gálvez Salvador, e como vicepresidente actuou o subdirector xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas, Jesús González González. As vogais foron Ana Romaní Blanco, proposta pola Real Academia Galega; José Manuel López Gaseni, pola Euskaltzaindia; Víctor Obiols Llandric, polo Institut d’Estudis Catalans, e Àngel Vicent Calpe Climent, pola Acadèmia Valenciana de la Llengua.
Tamén figuran José Francisco Agarrades Montero Reguera, pola Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE); Rosa Romojaro Montero, pola Asociación Española de Críticos Literarios; Cristina de Alzaga Fraguas, pola Federación de Asociacións de Xornalistas de España (FAPE); Alicia Aza Campos, pola Asociación Colexial de Escritores de España (ACE); Rosa María García Rayego, polo Instituto de Investigacións Feministas da Universidade Complutense de Madrid; Ernesto Pérez Zúñiga, polo Ministerio de Cultura, e Aurora Luque Ortiz, galardoada na convocatoria de 2022. (…)”