Ciro Briones gaña o 26º Premio de Poesía Concello de Carral co seu poemario Oídos de espeléologa

“O poeta Ciro Fernández Briones, vén de facerse co 26º Premio de Poesía Concello de Carral coa súa obra Oídos de espeleóloga.
Ciro Briones, da Pobra do Caramiñal e nado no 1996, xa conta con galardóns como os de poesía e de ensaio da Universidade de Vigo no 2020, o 1º premio de poesía Xuventude Crea nas súas edicións do 2020 e 2022, e o 2º premio do XXIII Certame de Poesía Díaz Jácome (2022).
O poemario de Briones foi escollido entre un total de 90 obras presentadas, o cal supón un record para este certame que tiña a súa mellor cifra de participación en 56 libros. O xurado salienta do libro gañador a súa coherencia, o ritmo, o coidado da linguaxe e a súa armonía verbal. É un poemario que desde certas coordenadas da filosofía explora liricamente espazos da desolacíón e afonda na reflexión metafísica. O eu poético trasládanos a un espazo de escuridade que moito ten que ver cos cadros do pintor polaco Beksinski, e ofrece un discurso poético que alumea e libera entre tanta desolación.
O xurado estivo composto por Olga Patiño Nogueira, Carlos Penela e Antía Marante. Como presidente actuou o alcalde de Carral, Javier Gestal, e como secretario o técnico de Cultura e coordinador do certame, Carlos Lorenzo.
O premio Concello de Carral está dotado con 3.500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.
O acto de entrega do premio Concello de Carral está previsto para o venres 9 de xuño na Casa da Cultura e servirá, así mesmo, para presentar o libro Trono e caléndula, co que Carlos Penela gañou a 25ª edición do certame. O evento contará tamén coa presentación do recital poético e musical Os puntos do impacto, creado por Álex Mene e Margarida Mariño a partir do poemario do mesmo título que gañou o certame no ano 2021.
Como vén sendo habitual, a Xunta de Galicia colabora co Concello de Carral, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Cultura para a publicación da obra premiada.”

“Mamá fala en linguaxes de documentos predeterminados”, de Arancha Nogueira, elixida Mellor Poesía de 2022 en aRi[t]mar

“Despois de cerca dun mes de votacións, o público da gala aRi[t]mar decidiu que o poema “Mamá fala en linguaxes de documentos predeterminados”, da ourensá Arancha Nogueira, foi a Mellor Poesía do Ano 2022 na Galiza. Do mesmo xeito, “Se de repente perto fosse um verbo”, da poeta barcelense Maria Isabel Fidalgo, foi elixida a Mellor Poesía do Ano 2022 en Portugal.
O público do aRi[t]mar acordou galardoar estas poetas con case 4.000 votos. No caso galego, por detrás da poesía de Nogueira situáronse os poemas “Se algunha cousa queren comigo”, de Lorena Conde, e “As amigas”, de Yolanda Castaño. En Portugal, a Fidalgo seguírona “Podia-te chamar Lisrio”, de Fernando Machado Antunes, e “Faço uma curta viagem”, de Maria Teresa Dias Furtado.
aRi[t]mar completa o seu podio con dúas voces femininas diferentes que mostran a diversidade de rexistro da actual poesía galego-portuguesa
Arancha Nogueira e Maria Isabel Fidalgo son poetas pertencentes a xeracións diferentes e os poemas vencedores reflicten ben iso.
“Mamá fala en linguaxes de documentos predeterminados” afonda no universo poético que a autora propón na obra á que pertence, Antese. Aquí a poeta asume o papel de filla para falar da nai e faino cunha cadencia mutante que vai do cotián ao puramente metafórico.
Por outra banda, “Se de repente perto fosse um verbo” parece unha colección de anhelos. Anhelos que xorden dun condicionante que a poeta pon enriba da mesa coa intención de facer voar a súa imaxinación, ou quizais a súa memoria, ata a cerna da paixón que esperta o contacto humano.
Así, estas dúas voces, distantes na xeración e na forma, mais paralelas na fonda intensidade dos seus versos, completan un podio que comparten coas dúas cancións gañadoras: a das viguesas Fillas de Cassandra e a dos portuenses Retimbrar; e coa Associação José Afonso, galardoada co Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-lusófona.”

Xosé de Cea gaña o V Premio de poesía Eduardo Pondal

“Reunido o xurado o 16 de maio, tras ter debatido sobre as obras finalistas do V Premio de poesía Eduardo Pondal, acordou por unanimidade conceder o premio ao libro titulado Dende a miña barricada de sofás e canapés, presentado baixo o lema “Janus Valuska”.
Aberta a plica resultou corresponder a Xosé de Cea. Nacido en Barcelona, estudou Ciencias da Información e traballou como xornalista para La Voz de Galicia, A Nosa Terra, Tempos Novos, Praza Pública ou Página Abierta.”

Manuel López Rodríguez gaña o XXVI Premio Johan Carballeira de Poesía

Desde Nós Diario (foto do autor por Andrea Fernández Maneiro):
“Manuel López Rodríguez resultou gañador do XXVI Premio Johan Carballeira de Poesía convocado polo Concello de Bueu co poemario 831-Urb, que salientou de entre as cincuenta e tres obras presentadas.
O xurado, que se reuniu onte, estivo conformado polas poetas e profesoras Lucía Novas e Elvira Ribeiro, e Antón Lopo, tamén poeta e editor. Na acta, o xurado destacou que “é un libro de distopía cunha forte narratividade que ensaia unha forma de poesía híbrida, metamórfica onde o poder é descrito con crueza”.
A obra está escrita con versos rotos, prosa tecnificada e golpes de efecto que axudan a construír un libro que “pode lerse tamén como unha aventura de disfraces”.
Manuel López, poeta de Noia, cofundou o Colectivo Literario Sacou. Ten publicado libros individuais como Antítese nativa, Rompe, Desde onde non nace, Vangarda ule ou Nas pulsacións, alén de participar en revistas e volumes colectivos.
A súa obra mereceu numerosos premios de poesía, como o Suso Vaamonde, o Eduardo Pondal, o López Ardeiro, o Rosalía de Castro, o Francisco Añón do Concello de Outes, ou o Lueiro Rei, entre outros.
O premio, dotado con 1.500 euros, naceu coma unha homenaxe ao político nacionalista, poeta e xornalista de Bueu, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johan Carballeira, que tamén foi alcalde de Bueu até o seu asasinato a mans dos franquistas.
Amais, o poemario publicarase o próximo ano na colección de poesía da editorial Xerais.”

Lupe Gómez gaña o premio Manuel Lueiro Rey de poesía con Salón de té

Desde Nós Diario:
“O Xurado do XI Premio Manuel Lueiro Rey de poesía do Concello de Fornelos de Montes resolveu esta sexta feira, 10 de febreiro, concederlle o galardón ao poemario presentado baixo o título Salón de té.
Luís Cochón, en calidade de presidente, xunto ás vogais Mercedes Queixas, Míriam Ferradáns, Armando Requeixo e Carlos Da Aira, ademais de Carmen Carreiro, que actuou como secretaria con voz e sen voto, acordaron o premio por unanimidade.
Unha vez aberta a plica, o texto, que se impuxo a outros cincuenta traballos, resultou ser da autoría de Lupe Gomez Arto.
O xurado considera que o poemario Salón de té destaca polos “seus versos depurados e ben traballados, que nos conducen á beleza e á verdade dun mundo persoal máis tamén común e universal”. En definitiva, “un traballo luminoso e evocador que recrea o personalísimo mundo da poeta de Fisteus”. (…)”

Acta da reunión do xurado dos Premios da XVI edición do Certame Literario Terras de Chamoso

Desde a Asociación Cultural Arumes do Corgo:
“Sendo as 19:30 h do día 12 de decembro de 2022, na localidade do Corgo, reúnense os membros do xurado para fallaren os premios da XVI edición do certame literario Terras de Chamoso, convocado pola Asociación Cultural Arumes do Corgo, do que forman parte:
D. Xurxo Xosé Rodríguez Lozano
D. Xosé Manuel Castro Castedo
Dna. Beatriz Pin Díaz
Dna. Sonia Melón Parente
D. Eduardo Carreira López
Exercendo de secretario do xurado, sen voto, o secretario da A.C. Arumes do Corgo D. Mario Outeiro Iglesias.
Logo das deliberacións pertinentes e das votacións oportunas, os membros do xurado conclúen declarar premiados na XVI edición do certame literario Terras de Chamoso como segue:

CATEGORÍA: INFANTIL
Modalidade: poesía
1º premio: Paula Reija Folgueira, de Monte (Castroverde), pola obra “Sempre galego”.
2º premio: Carolina Freire Cando, de Montecubeiro (Castroverde), pola obra “Miña Terra”.
Modalidade: relato
1º premio: Carla Carracedo Fernández, de Lugo, pola obra “A matanza”.
2º premio: Juan Carlos Álvarez Díaz, de San Pedro de Río (A Fonsagrada), pola obra “Relatos do pasado”.
Premio “A Legua Dereita”: Carla Carracedo Fernández, de Lugo, pola obra “A matanza”.

CATEGORÍA: XUVENIL
Modalidade: poesía
1º premio: deserto.
2º premio: deserto.
Modalidade: relato
1º premio: Ariadna Cambeiro Pérez, de Santiago de Compostela, pola obra “Se o silencio falase”.
2º premio: Julia Amoedo Méndez, de Redondela (Pontevedra), pola obra “A simple historia do mensaxeiro”.

CATEGORÍA: ADULTOS
Modalidade: poesía
1º premio: Natalia Lema Otero, de Vimianzo (A Coruña), pola obra “Heterocromía”.
2º premio: Eva González Blanco, de Lalín (Pontevedra), pola obra “Crisálida”.
Modalidade: relato
1º premio: Xosé Farruco Graña Rama, de Ribadeo, pola obra “Eu voun navegar”.
2º premio: Agustín Lorenzo Fidalgo, de Ourense, pola obra “Unha aldea viva”.

Os membros do xurado agradecen a colaboración de Dna. Ainhoa Sancosmed López pola axuda prestada para a elección do Premio “A Legua Dereita” e de D. Manuel Fernández López e Dna. Chelo Vázquez Castro polo seu asesoramento nas categorías infantil e xuvenil.
E non habendo máis asuntos que tratar, levántase a sesión, cando son as 21:00 h do día 12 de decembro de 2022.”

Antón Cortizas gaña o Premio Arume de poesía infantil 2022

Desde Cultura Galega:
“Unha nova edición do premio Arume de Poesía para a infancia vén de fallarse, a segunda tras retomar este certame o pasado 2021 logo de anos de parada. O xurado desta edición decantouse pola obra Os versos da mariola de Antón Cortizas (Ferrol, 1954) destacando dela a reivindicación que fai do xogo tradicional a través da poesía, que explica como “unha sorte de brincadeira coa palabra poética como vehículo para achegarse a un encontro entre a rapazada, máis alá da tecnoloxía ou as pantallas que predominan no tempo de vagar da infancia de hoxe en día”, un tema do que Cortizas é un dos grandes coñecedores como deixou claro no volume Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais (Edicións Xerais, 2013). No caso desta obra poética o xurado explica que é unha proposta lúdica, “atraínte por orixinal e pola riqueza da linguaxe”, asegura na súa acta. O Premio Arume de Poesía para a Infancia foi creado por Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda coa finalidade de apoiar a poesía infantil e que tivo a súa primeira edición hai xa vinte anos, hoxe en día é unha iniciativa conxunta da Fundación Neira Vilas, a empresa Deleite e a asociación GÁLIX – Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, con Edicións Embora como empresa editora dos libros premiados. Este venres, 16 de decembro, ás 18.00 h. no Auditorio Neira Vilas, da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela terá lugar a entrega do premio, que ten unha dotación en metálico de 1.000 euros. No mesmo acto presentaranse os libros Violeta Parapluie, de Ramón D. Veiga, e A flor da letra, de Manuel López Rodríguez, gañadores da edición anterior.”