Compostela: Encontro Galeusca 2025

O Encontro Galeusca 2025, organizado pola AELG, coa participación da AELC e da EIE, conta co apoio de CEDRO, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago.

Fundada formalmente en 2008, e con precedentes de encontros anuais históricos celebrados desde 1984, a Federación Galeusca está formada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Euskal Idazleen Elkartea (EIE) e a Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC). Representa 2800 autoras e autores, tanto escritoras/es como tradutoras/es.

Neste espazo de diálogo póñense en común perspectivas sobre a creación escrita nos nosos tres sistemas literarios recuperando e ampliando, deste xeito, os vínculos e as reflexións conxuntas levadas a cabo en anteriores encontros, centrándose, neste caso, en aspectos como o impacto da Intelixencia Artificial desde a perspectiva das linguas e literaturas minorizadas ou a literatura de tradición oral.

O programa previsto é o seguinte:

Venres, sexta feira, 19 de setembro de 2025
– Pola tarde. Chegada das persoas participantes a Santiago de Compostela.
– 19:15 h. Recepción na Alcaldía de Santiago, por Goretti Sanmartín.
– 20:30 h. Roteiro por Compostela, principalmente para as delegacións participantes, guiado por Daniel Asorey. O punto de saída será a Praza do Obradoiro.

Sábado, 20 de setembro de 2025
Entrada libre até completar a capacidade do espazo.

Museo do Pobo Galego (Sala de actividades da ala sur do Museo) (Google Maps) Pola mañá. Pode seguirse tamén en directo nesta ligazón.
– 11:05 h. Apertura por representantes das tres asociacións.
– 11:20 h. Relatorio inaugural sobre a traxectoria de Galeusca a cargo de Goizalde Landabaso, acompañada por Sebastià Portell (presidente da AELC) e Cesáreo Sánchez Iglesias (presidente da AELG).
– 11:40 h. Acto aberto de reflexión sobre Galeusca con representantes das tres entidades, moderado por Marta Dacosta.
– 12:45 h. Diálogo sobre Intelixencia Artificial desde a perspectiva das linguas e literaturas minorizadas, con Rubén Cela, Ania González Castiñeira e Sebastià Portell.

Museo do Pobo Galego. Pola tarde. Pode seguirse tamén en directo nesta ligazón.
– De 16:30 a 17:30 h. Mesa redonda sobre literatura de tradición oral, coordinada por Antonio Reigosa. Con Oihana Arana e Amaia Elizagoien (Euskadi), Joan Borja (Països Catalans), Alba María (Galiza) e Rita Sineiro (Portugal).
– De 17:30 a 17:50 h. Lectura pública das conclusións do Galeusca 2025, por parte das tres asociacións.

Igrexa de San Domingos de Bonaval. Pode seguirse tamén directo nesta ligazón.
– 18:00 h. Lectura da Declaración de Compostela-Bonaval.
– De 18:30 a 20:00 h. Acto de clausura coordinado por Lois Pérez, con improvisación entre regueifeiras (Alba María e Lupe Blanco), bertsolariak (Oihana Arana e Amaia Elizagoien) e glosadors (Miquel Àngel Adrover e Berta Llos). Peche musical con Ugia Pedreira.

AGLP aproba novas académicas correspondentes

Desde a Academia Galega da Língua Portuguesa:
“Inez Andrade Paes, Humberta Brites Dias Jerónimo Araújo, Maria Rosário Fernandes Velho, Blanca García Fernández-Albalat, Alfredo Ferreiro Salgueiro, José Gorís Cuinha, Noemi Vázquez Nogueiras e Irene Veiga Durán foram eleitos como académicas e académicos correspondentes da Academia Galega da Língua Portuguesa. Assim foi decido na reunião plenária celebrada na Casa da Língua Comum, em Santiago de Compostela, no passado sábado dia 12 de julho. A AGLP enriquece-se assim com a incorporação de oito especialistas, em língua galega e portuguesa, em literatura galega, na defesa linguística, na dinamização social e cultural e nas artes da imagem, bem como em outras disciplinas.”

A Real Academia Galega dedicaralle o Día das Letras Galegas 2026 a Begoña Caamaño

Desde a Real Academia Galega:
“A Real Academia Galega dedicaralle o Día das Letras Galegas 2026 a Begoña Caamaño (Vigo, 14 de outubro de 1964 – Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2014). Así o decidiu a institución no pleno ordinario celebrado esta mañá no pazo municipal de María Pita (A Coruña), unha sesión na que tamén se valoraron as candidaturas de Antón Tovar, Miguel González Garcés e Enrique Labarta Pose. A RAG celebrará a narradora, autora serodia de dúas novelas nas que reescribiu os mitos da Odisea e o artúrico, e mais a xornalista, nun momento en que urxe reconstruír o espazo dun xornalismo para a cidadanía, comprometido coa verdade e co uso do galego. Coa lembranza de Begoña Caamaño, as Letras 2026 serán unha festa asomada á contemporaneidade, á pulsión do presente e á ollada feminista que vertebrou o seu pensamento, o seu traballo intelectual e a súa biografía.
A proposta de Begoña Caamaño foi presentada polas académicas Ana Romaní, Marilar Aleixandre, María López Sández, Margarita Ledo Andión, Chus Pato e Francisco Fernández Rei. De acordo cos estatutos da RAG, discutiuse canda as outras tres formalizadas na primeira xuntanza ordinaria do pleno da institución tras a sesión extraordinaria do Día das Letras Galegas do ano en curso, que ten as cantareiras e a poesía popular oral como protagonistas. A que se homenaxeará no 2026 será de novo unha voz feminina, desta volta a dunha autora en singular pero que escolleu proxectarse no colectivo da palabra literaria e da voz xornalística.
“Literatura e xornalismo son na autora instrumentos para o coñecemento, outra forma de reflexión e acción, desde o rigor do saber, o estimulante exercicio da razón e a complicidade da maxia e dos soños”, reza o texto da candidatura aprobada. “A figura de Begoña Caamaño dialoga hoxe cunha parte moi activa da profesión xornalística e literaria, traslada outra experiencia de ambas as dúas. Cómplice dese tecido de voces que é a literatura, coma colchas tecidas con retallos, voz coral na que se recoñece, entrégase á narrativa sen desoír a interrogación da xornalista e a esixencia da lectora”, prosegue.
A de Caamaño é así unha obra para a ética, para o movemento, para o pensamento crítico, para un país e un idioma que cultivou con precisión e esmero, conclúen as propoñentes, que subliñan a imposibilidade de delimitar seccións na súa traxectoria. “A constante implicación con causas sociais, culturais e políticas perfilan unha biografía movida por unha magnética paixón vital de lúcida intelixencia e xenerosa determinación. Atenta lectora da realidade social, audaz nas súas formulacións, vibrante no debate, Begoña Caamaño, viaxeira curiosa á procura do encontro co outro, do recoñecemento da diferenza, implícase na defensa dos dereitos humanos, o pacifismo, a solidariedade, a dignidade, a liberdade, con sólidas conviccións  mobilízase na crítica da inxustiza social, as opresións, o poder o os seus abusos, as desigualdades e os privilexios”, abundan. (…)”

Monografía temática “As letras das mulleres”, desde o Consello da Cultura Galega

Desde o Consello da Cultura Galega:
“A incorporación das escritoras ás institucións literarias suscita múltiples tensións sobre a lexitimidade, a paridade, o recoñecemento e as prácticas diverxentes. Estes debates sobre as estruturas culturais repercuten tamén na esfera social e provocan reaccións e campañas, particularmente no activismo feminista. Máis concretamente, esta monografía mostra reflexións e documentos sobre a participación das creadoras e intelectuais na celebración do Día das Letras Galegas e na Real Academia Galega.
As achegas das expertas aportan argumentos para actualizar o debate. Ana Romaní e Ánxela Lema ofrecen unha mirada crítica sobre as incomodidades que xorden arredor das autoras homenaxeadas nas Letras Galegas mentres que Susana Arins aborda unha iniciativa feminista popular para o recoñecemento de autoras das letras galegas vivas. Co foco posto na Real Academia Galega, as contribucións de Iolanda Veloso, Dolores Vilavedra e María Reimóndez fan memoria de dúas campañas realizadas entre 2010 e 2011 para instar á elección de máis mulleres como académicas de número. E a política de lavado lila (purplewashing) da RAG no ano da súa fundación, en 1906, ocupa a achega histórica de Helena González.
A documentación histórica recollida no apartado “escritas no tempo”, recupera iniciativas de diverso signo que reivindican unha maior presenza de mulleres nas institucións literarias: a proposta de candidatura de María Xosé Queizán feita polo Consello Municipal da Muller de Vigo en 2010; o manifesto “O xogo das cadeiras” e as reaccións que provocou en 2011; os manifestos da celebración anual “Nosa Señora das Letras” d’A Sega desde 2014; a campaña “Dez mulleres para as Letras Galegas 2018”; e mais o “Manifesto de Soutomaior” publicado en 2021.
Ofrécense tres galerías gráficas: Académicas desde 1906, homenaxeadas no día das Galegas nas Letras d’A Sega e mais no Día das Letras Galegas da RAG. Singularizan cada unha das autoras e intelectuais elixidas á vez que ofrecen unha liña do tempo do recoñecemento institucional que pon en evidencia as carencias e interrupcións.”

Malpica: acto central do Día das Letras Galegas 2025