Fran Alonso: “Nunca elixo aleatoriamente os nomes dos personaxes, sempre simbolizan algo da súa forma de ser”

Desde Fran Alonsoa páxina web de Fran Alonso:
“O programa A Tarde, da Radio Galega, emitiu unha entrevista con Fran Alonso sobre o seu último libro infantil, Contos nerviosos, publicado pola editorial Embora e ilustrado por Dani Padrón. O escritor contestou ás preguntas de Cristina García declarando que «Nunca elixo aleatoriamente os nomes dos personaxes, sempre simbolizan algo da súa forma de ser» e, nese sentido, enmarcou a Amelio, un personaxe «singular» e «distinto» que tamén precisaba un nome singular para marcar esa diferenza.
Preguntado por «O meu aniversario, o último dos catro contos do libro Contos nerviosos, Fran Alonso declarou que esa historia supón unha crítica social a determinado tipo de educación que se imparte desde algunhas familias que, ademais, non confían no profesorado: «as familias teñen que confiar máis nos profesionais do ensino porque deslexitimar o profesorado é moi perigoso e dálles pé aos nenos e nenas para reforzarse na insumisión académica».
A entrevista pode verse nesta ligazón (A partir do minuto 46:35).”

Tabela dos Libros de xuño de 2016, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a derradeira Tabela dos Libros deste curso cos títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inmaculada Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. A próxima Tabela dos Libros aparecerá a primeiros de setembro. ¡Felices vacacións e boas lecturas!”

2016_xuño_tabela

Ourense: actos destacados na Feira do Libro para o martes 7

OFeira do Libro de Ourense 2016 cartaz martes 7 de xuño continúa a Feira do Libro de Ourense (na Rúa do Paseo, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

20:00 h. Presentación de A boca do monte, de Celia Díaz, publicado por Editorial Galaxia. Participa, xunto á autora, Francisco Castro. Durante o acto intervirá o grupo musical As da Chispa.
20:00 h. José María Eguileta asina Dende Auria, na caseta da Deputación de Ourense.
21:00 h. Presentación de Silencio percutido, de Eva Veiga, gañadora do XXXI Premio de Poesía Cidade de Ourense, por Editorial Espiral Maior.

Negruña, a nova novela de Xosé Duncan, sitúase na Coruña do século XXIV

DesdeXosé Duncan o Diario Cultural da Radio Galega:
“Unha distopía e unha fantasía histórica. Negruña, a nova novela de Xosé Duncan, sitúase na Coruña do século XXIV. “A fantasía é unha ferramenta para facer unha crítica do que acontece en realidade”. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Xosé María Álvarez Cáccamo: “As mulleres foron protagonistas de grande parte da resistencia máis activa e lúcida contra o franquismo”

EntrevistaXosé María Álvarez Cáccamo de Montse Dopico a Xosé María Álvarez Cáccamo en Praza:
“(…) – Praza (P): Aínda que é unha novela [As últimas galerías] -o libro foi presentado como a súa primeira novela- non deixa de ter relación cos libros de memorias Memoria do poeta e Tempo do pai… Por que?
– Xosé María Álvarez Cáccamo (XMAC): Si, e o asunto pode levarnos aos debates sobre os límites entre a ficción e a memoria. Eses dous libros que citas e As últimas galerías forman como unha triloxía. Non o fixen de xeito consciente, pero é como unha triloxía da memoria na que o peso do ficcional vai aumentando, ata este último libro, que aínda que ten unha ancoraxe na memoria persoal, é ficción. (…)
– P: En realidade, pode dicirse que é un libro sobre memoria histórica, sobre a guerra civil e a violencia que esta provocou e amparou. É así?
– XMAC: O fascismo é insaciable. E temos que insistir en que o levantamento fascista non só provocou milleiros de mortos e encarcerados, senón distintas formas de represión que afectaron de xeito especialmente dramático ás mulleres. A morte, o cárcere, a violación… e a vida baixo o xugo dunha absoluta violencia, que adoptaba distintas formas como o control… O acoso que sofre Amalia é unha desas mostras de violencia fascista. (…)
– P: Por que o libro se chama As últimas galerías?
– XMAC: O título ten un valor simbólico. Procede dunha conversa real que tiven con miña nai. Ela dixo que estabamos nas últimas galerías. Naquel momento entendino como unha revelación, un estoupido de lucidez, cun sentido poético. Aínda que creo que foi algo máis prosaico: ela pensaba que estabamos nunhas galerías comerciais. Quedei con esa imaxe e pensei que podería escribir algo… Ao principio ía ser un libro de testemuño, un libro de poemas… e acabou sendo unha novela. Pero tiven o título antes que o libro.
– P: A historia da familia reconstrúese a través da narración do fillo en primeira persoa, dos diálogos das conversas cos amigos e veciños da nai, das cartas e do diario da nai. Como pensou esta estrutura?
– XMAC: Quería que o enfoque fose o perspectivismo múltiple. Iso permitíame explicar o proceso de indagación do fillo desde distintas perspectivas e darlle variedade ao relato. Creo que tamén é verosímil que unha investigación sobre a historia familiar se faga a través de conversas, diarios, cartas… Por iso ese enfoque poliédrico, de voces múltiples (…)”

Manuel Esteban: “A novela xorde como un berro a raíz dunha inxustiza, a da discapacidade intelectual”

EntrevistaManuel Esteban Premio Xerais a Manuel Esteban en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Non podiamos comezar a entrevista doutro xeito, Manuel. Como recibe un a noticia de que foi recoñecido co Premio Xerais [por A ira dos mansos]?
– Manuel Esteban (ME): Pois… a verdade é que resulta un impacto, un shock… Unha sorpresa. De feito, aínda non cheguei á fase de alegrarme, aínda estou na fase de sorpresa, sobre todo porque non escribín a novela como un fin en si mesmo -imaxino que un escritor ao uso aborda a escrita con esa perspectiva-, senón que, no meu caso, escribín a obra como un medio. Tamén é certo que cando un presenta unha novela a un premio faino pensando na posibilidade moi remota de recoñecemento pero iso non o contemplaba… pois eu non teño táboas como escritor, non creo que a novela brille nin que a súa virtude sexa unha prosa literaria fantástica. A obra sae das tripas, dunha necesidade concreta, a raíz do nacemento do meu fillo maior. Ten unha finalidade terapéutica e non literaria. Por iso, a sorpresa, se cabe, é dupla.
– SG: Que o levou a escribir?
– ME: A min levoume a escribir a necesidade de expresar certo sentimento de inxustiza. Era unha especie de berro gritado entre nós, da miña xente, a raíz dunha inxustiza, a da discapacidade intelectual. Un cae do cabalo a través do que lle vai pasando na vida, e eu cheguei á discapacidade intelectual co nacemento do meu fillo. Entón, comprendín a situación que sofre ese colectivo, un exilio amábel, pero un exilio ao fin e ao cabo. Hai unha tendencia ao paternalismo e, no mellor dos casos, ao ninguneo deste tipo de persoas. E iso, cando o vives co teu fillo cando nace, é moi duro. Quería, en definitiva, facer de altofalante de quen ten dificultades para facer valer a súa voz.
– SG: Como definiría a obra?
– ME: Amais de médico, son docente. Non quería resultar demasiado ofensivo ou sesudo e tiña certo afán didáctico. Quería presentala nunha armazón atractiva e interesante. Son lector compulsivo e gosto moito da novela negra. Pensaba que podería ser interesante a vía de abordaxe a través da narrativa e, en concreto, da novela negra. Pareceume bo xénero para irmos á fronteira da moralidade da sociedade. Contar unha historia cotiá para resaltar aspectos da hipocrisía a respeito dun colectivo era difícil. Con todo, na novela negra, onde os matices contan e onde o bo ten que facer cousas malas, nesa sopa moral máis ambigua e gris, pareceume máis fácil contar o que eu quería contar, que non deixa de ser a miña visión, sobre unha situación asimétrica. (…)”

Ourense: actos destacados na Feira do Libro para o sábado 4 e domingo 5

OFeira do Libro de Ourense 2016 cartaz sábado 4 e domingo 5 de xuño continúa a Feira do Libro de Ourense (na Rúa do Paseo, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:

Sábado 4
18:00 h. Contacontos de Miguel Ángel Alonso Diz, organizado por Nova Galicia Edicións.
19:00 h. Presentación de Transición, de Pablo Fernández Barba, publicado por Sotelo Blanco Edicións, obra gañadora do XVI Premio Risco de Creación Literaria.
19:30 h. Bieito Iglesias asina exemplares de O ouro de Ourense, publicado por Engaiolarte, na caseta da Libraría Kathedra.
20:00 h. Presentación de O volframio en Varilongo, de Carmen Blanco Ramos, publicado por Xerais. No acto acompañará á autora Patricia Arias Chachero.

Domingo 5
12:30 h. Presentación do libro Lindos abrollos, de Carlos Abeledo, publicado por Edicións Embora, con cata de viños de Adega Pousadoiro.
20:00 h. Presentación de Liquidación de existencias, de Ramón Caride, publicado en Xerais. No acto acompaña ao autor Jorge Emilio Bóveda.
21:00 h. Presentación do XX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, Análise estructural e simbólica do mito da moura, de Rafael Quintiá, publicado por Sotelo Blanco Edicións. No acto participan Miguel Losada, Antonio Blanco e José Mª Eguileta.

Ourense: actos destacados na Feira do Libro para o venres 3

OFeira do Libro de Ourense 2016 cartaz venres 3 de xuño comeza a Feira do Libro de Ourense (na Rúa do Paseo, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

20:15 h. Luís Manuel García Mañá asinará exemplares de Por que as sombras non teñen ollos, publicado por Xerais.
21:00 h. Pesentación de Contos e lendas arraianos, de José Rodríguez Cruz e ilustrado por Pilar Sevillano, publicado por Xerais. No acto estarán acompañados por Luís Manuel García Mañá.

Vilar de Santos: presentación de Negruña, de Xosé Duncan

OXosé Duncan sábado 4 de xuño, ás 20:00 horas, na Arca da Noe (Rúa do Forno, 13), en Vilar de Santos, preséntase Negruña, de Xosé Duncan, publicado por Urco Editora, coa presenza do auto, o editor Tomás González Ahola e Paula Fraga, de Octopus to the Party, e unha cata de Licores Ecolóxicos Alicornio.