Santa Cristina, Oleiros: Noite de poemas e narrativa polas Letras Galegas

O mércores 17 de maio, ás 21:00 horas, en Bitácora (Avenida Américas, 57, Santa Cristina, Perillo, Oleiros), terá lugar unha Noite de poemas e narrativa, no marco do Día das Letras Galegas, coa participación de Nuria Otero, Alfredo Ferreiro, Laura Rey, Ramiro Torres, Emma Pedreira e Xosé Duncan, acompañados coa música de Carla López.

Compostela: sinatura de libros por Héctor Cajaraville

O martes 16 de maio, a partir das 19:30 horas, no Corte Inglés de Santiago de Compostela, e con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, Héctor Cajaraville asinará exemplares dos seus libros máis recentes: Once portas, A caixiña dos rancores e Quen dá a quenda?, publicados por Xerais.

Boiro: presentación de A Cova da Moura, de Natalia Carou

O martes 16, ás 20:30 horas, na Pousada das Ánimas (Rúa Pablo Iglesias, 14), en Boiro, preséntase a novela A Cova da Moura (editada por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira e ilustrada por Jose Gimeno), de Natalia Carou Figueira. No acto, ademais da autora, intervirán Suso Santamaría, Xoán Pastor Rodríguez e Belén López Vázquez, e contará co acompañamento do grupo musical Barahunda, integrado por Helena Alfonso e José Lara Gruñeiro, que interpretarán algunhas das pezas medievais incluídas no seu último álbum, Múdanse os Ventos.