O
martes 30 de decembro, ás 19:30 horas, na Libraría Carballido (Avenida dos Caídos, 4) da Coruña, preséntase Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, publicado en Xerais. O acto, no que estará presenta o propio autor, está enmarcado na ruta Da Gaiteira a Monte-Alto. A viaxe ao Gran Sol sen saír da Coruña. Haberá toques de corna e música de acordeón.
Arquivo da categoría: Narrativa
Ledicia Costas: unha pluma versátil
Entrevista
a Ledicia Costas en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Manuel Bragado falou de ti como “integrante da xeración da esperanza da nosa literatura”. Que lle ocorre á nosa literatura para que o Director dunha editorial como Xerais fale desa “esperanza”?
– Ledicia Costas (LC): Eu pertenzo a unha xeración na que as persoas que a integramos fomos escolarizadas en galego. Unha xeración que tiña profesorado que impartía materias como historia, química ou matemáticas en lingua galega. O sistema educativo deunos os medios e as claves para convivir co galego de xeito cómodo e natural. E xa ven, non temos ningún tipo de carencia nin de tara. Todo o contrario. Agora é outra historia. É coma se dúas e dúas non fosen catro en todas as linguas do mundo. Puxéronselle barreiras ao galego, e o peor é que a meirande parte desas barreiras foron construídas pola Administración Pública. Dáselles cancha nos medios de comunicación a asociacións que son terroristas da cultura e do idioma de noso. Todo isto paréceme un absurdo. Négome a ser testemuña da destrución do que nos pertence por dereito, como nación, e non denuncialo publicamente. Non sei se somos merecedores do termo “Xeración da Esperanza”. O que si sei é que a esperanza é imprescindible para sobrevivir a este momento onde a lingua galega sofre un retroceso histórico. Necesitamos a esperanza, sen dúbida.
– NG: Rexeitamos falar de xeracións… algo que por outra banda hai críticos moi aventurados en crear e crear “xeracións literarias”. Que lle debe a nosa literatura do século XXI á do século anterior? Que lle debe a túa obra?
– LC: Lecturas. Podería nomear autoras e autores do século XX con obras que considero fundamentais, pero iso déixollo ás filólogas e filólogos, que saben bastante máis ca min. Eu débolle lecturas, centos delas, que me acompañaron desde que teño memoria. As da miña xeración somos dalgún xeito fillas da Xeración Lamote. Medramos coa compaña das súas novelas.
– NG: Que adaptación ten que ter unha pluma coma a túa para pasar de escribir historias para os máis novos a se meter no verso?
– LC: Non creo que sexa unha cuestión de adaptación, senón de versatilidade. Síntome cómoda en distintos rexistros: relato, novela, poesía. Son como distintas caras dun mesmo poliedro.
– NG: En todas as literaturas existen autorías “a catro mans”. Como se compaxinaron as túas mans coas de Pere Tobaruela para escribir obras conxuntas? Que foi o máis complicado de concordar, a forma ou o contido das obras?
– LC: Debo dicir que esa experiencia foi fantástica. E eu aventuraríame a dicir que se acabou convertendo nunha obra a seis mans, sumando tamén as do ilustrador Andrés Meixide. Traballamos os tres en equipo, sobre todo a nivel de deseño da historia. Aprendemos a complementarnos uns aos outros. Eramos seis ollos sobre unha mesma historia. Moito agarimo lle teño ás aventuras da Inspectora Nola. (…)”
Betanzos: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto
Manuscritos: Luís Amado Carballo
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“En moitas ocasións a faceta de prosista de Luís Amado Carballo fica escurecida diante da relevancia que presenta a súa exigua pero relevante obra poética. Para presentar hoxe unha mostra manuscrita en prosa do autor pontevedrés reprodúcese abaixo o orixinal dun relato autógrafo -conservado na Fundación Penzol e a quen lle agradezo a xenerosidade da cesión destas oito cuartillas- titulado Sant-Yago e que foi publicado orixinalmente na revista Cristal, de Pontevedra, número 6, en decembro de 1932. Este manuscrito foi o que lle serviu a Xosé María Álvarez Blázquez para reproducilo no libro Obras en prosa e verso, de Amado Carballo, que se editou orixinalmente na colección Pombal, da Editorial Castrelos, en 1970 e reeditada doce anos despois; libro que contaba cun interesante limiar de Xosé Luís Méndez Ferrín. O texto, como se pode advertir abaixo, recrea a lenda da traslación do corpo do apóstolo Santiago a Galicia.
Alberto Ramos: “A materia prima da literatura e o xornalismo é a mesma, unha real e outra deformada”
Entrevista
de Carme Vidal a Alberto Ramos en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): O protagonista [de Máscaras rotas para Sebastian Nell] é un actor secundario do grande teatro inglés atormentado no seu último tempo de vida. Como chega ao perfil deste personaxe arredor do que xira a novela?
– Alberto Ramos (AR): Antes que o personaxe estaba a estrutura. Tiña claro que quería que fose orixinal. Non coñezo ningunha novela na que o noventa por cento sexa diálogo como acontece nesta ocasión que a grande parte do texto é unha entrevista. O formato estaba pensado antes e, deste feito, nun primeiro momento optara por un fotógrafo dos anos setenta que estivese no Madrid da Transición mais logo, pola miña querenza polos actores secundarios, dos que pintan canas, optei polo perfil de Sebastian Nell. En definitiva, todos somos actores secundarios doutras vidas que, dalgunha maneira, fan a nosa propia. Interesábame o papel de actor secundario e un día deume por pensar en Derek Jacobi e decidín centralo no teatro, outro ámbito que para min é moi próximo. Conxúganse, polo tanto, tres elementos, por un lado o interese no secundario, a necesidade de optar por un novo formato e tamén o desexo de facer protagonista a un perdedor, un antiheroe, repugnante, mesquiño, misóxino e homófobo polo que, malia iso, podemos chegar a ter certa admiración e mesmo compaixón. Un miserábel da factoría de Cambridge. (…)
– SG: Esta é a cuarta novela súa, todas premiadas. O premio é unha necesidade para entrar no mundo editorial?
– AR: Non creo que sexa a única maneira mais é unha máis e a que eu prefiro. Prefiro someterme ao anonimato que achegarme a un editor cun libro. Nestes tempos tampouco hai que obviar as motivacións económicas e a min os premios sérvenme para sobrevivir.
– SG: Que supón esta nova novela máis complexa con respecto ás anteriores?
– AR: Neste libro forcei un grande cambio, non ten nada a ver cos anteriores. Gocei como non o fixera nunca escribindo. Esquecía todo, converteuse nunha vía de escape inmensa. Considero que alcancei un nivel creativo co que non contaba. Cando comecei non primeiro parágrafo non contaba co que o resultado fose tan satisfactorio. (…)”
Ourense: presentación de Flash-Black 13, de Ramón Caride
O
martes 23 de decembro, ás 19:30, na Libraría Eixo (Rúa Cardeal Quevedo, 36) de Ourense, preséntase o libro Flash-Black 13, de Ramón Caride, publicado na colección Alcaián de Urco Editora.
Entrevista a Francisco Castro, autor de Tes ata as 10
Suso de Toro conversa con Susana Pedreira arredor de Somnámbulos
Desde
Brétemas, de Manuel Bragado:
“Apaixonante resultou seguir a conversa que Suso de Toro mantivo coa xornalista de Onda Cero Susana Pedreira na libraría Cronopios de Pontevedra arredor de Somnámbulos. Comezou Suso louvando o estado actual da cidade de Pontevedra e explicando a orixe da publicación deste novo libro de relatos.
«Cando decidín pechar todo e regresar ao ensino, quedou aberta unha carpeta cunha obra teatral comezada. Quizais porque dentro miña operou un malestar sobre a situación política da Transición, recuperei quen era eu naquel momento, un mozo antifascista, disposto a todo, nuns anos de radicalidade cando o réxime tamén o estaba. Non esquezamos que mataron a aqueles cinco rapaces. Foron anos terribles, nos que a policía ametralou aos traballadores de Ferrol. Anos nos que se vivía unha tensión moi forte. Todo aquilo quedou sepultado, negado, mesmo coa denominación de “dictablanda”, coa intención de negar até o propio franquismo. Eu sentínme sepultado, o meu verdadeiro eu sentíase negado e desprezado. Desa pulsión e coa intención de expresala naceu “Negocios de familia” o primeiro relato do libro.» Lembrou despois aqueles días arredor do 27 de setembro de 1975, «foron días moi duros os que viviron cando fusilaron a aqueles rapaces, algúns non participaran en delitos de sangue, interviu o papa Paulo VI, houbo protestas en toda Europa, non se precisaba estar en contra do réxime para denunciar aquilo.»
Interpelado por Susana Pedreira sobre a abordaxe do tema da culpa en «Negocios de familia», Suso de Toro afirmou que «un escritor ten que comprender a todos os seus personaxes.» «Dentro do monstro sempre hai un meniño, hai que ir a esa fonte primeira, onde o poder absolver. Así o fixen nun libro terríbel, Home sen nome, e tamén aquí. Neste relato non enxuízo aos personaxes, mais non considero que todos fosen iguais, os do réxime e os que loitabamos contra el.»
Falando do segundo relato, «Auga derramada«, Suso de Toro reflexionou sobre a dignidade dos humildes e maiores e sobre a importancia dos lazos familiares. «A vellez como momento da rememoración da vida é un momento moi lírico. O que vai entre a infancia e a vellez é unha impostura. A vellez é unha época de grande valor vital.»
Remataron a conversa Susana Pedreira e Suso de Toro falando de «Insomne», o relato que pecha o libro, nacido do que o autor denominou «un tropezo con Manuel Fraga». «Hoxe os que teñen auténtico poder protéxense tras un muro de pástico. É moi complicado enfrontarse a eles.»”
Alberto Ramos: “Thatcher está moi viva en San Caetano, nos ministerios, nos concellos… e dependerá de nós darlle un enterro digno, ou mellor indigno”
Entrevista
de Montse Dopico a Alberto Ramos en Praza:
“(…) – Montse Dopico (MD): O libro [Máscaras rotas de Sebastian Nell] é, basicamente, unha entrevista. Deformación profesional?
– Alberto Ramos (AR): Veu antes a idea da entrevista que o propio personaxe, Sabastian Nell. A idea era xogar coa forma, coa estrutura, e pareceume interesante mesturar técnicas xornalísticas: a entradiña reportaxeada na que presento os personaxes e a situación e despois a entrevista, que ten tamén moito de teatro… O personaxe ía ser, en principio, un fotógrafo de longa carreira que comezase na Transición, que ía rexeitar un Premio Nacional… Pero ao final decanteime por cambiar, por viaxar ao ámbito inglés, porque teño unha querencia especial co teatro e Inglaterra é o país de maior tradición teatral, no que as artes escénicas gozan da maior respectabilidade… Niso, hai un forte contraste co que pode suceder aquí.
– MD: Porque aquí o teatro non é igual de respectado?
– AR: O valor que se lle dá aquí ao teatro e á cultura en xeral, non ten que ver co que se lle dá en Inglaterra nin noutros moitos países. Que un actor británico diga, como fixo Derek Jacobi, que se cadra as obras de Shakespeare non eran del, é algo que sae nos medios e que ten unha repercusión social. Aquí non lle importaría a case ninguén. Claro que no libro falo do bo que pode vir de Inglaterra, mais tamén do malo, que non é pouco. (…)
– MD: Sebastian Nell é unha xoia: machista, homófobo, clasista, está cheo de soberbia… Diso que chaman antiheroe, polo menos.
– AR: Pode ser un antiheroe, si. Mais o seu gran defecto é que é extremadamente humano, de forma superlativa. Aos seus defectos, elevados á máxima potencia, tamén o foi levando a súa evolución vital. Acaba por ser o retrato do declive, un histrión, unha parodia. Non quero dicir que o personaxe sexa só iso, parodia, mais si creo que canto máis tempo pasa máis nos convertemos en parodia de nós mesmos. Sebastian Nell non deixa de ser unha persoa soa, triste e miserable, que chegou a estar como está polas decisións que tomou na vida, guiado por instintos humanos como a ambición, a soberbia, a prepotencia. Tamén polas cousas que lle acontecen nesta vida e que ninguén pode controlar. (…)”
Xurxo Souto: “Non vivimos na periferia, senón no centro do mar, no medio da súa autoestrada principal”
Entrevista
de Montse Dopico a Xurxo Souto en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Nada máis comezar [Contos do mar de Irlanda] dis que ti es terrícola, que nunca traballaches no mar. E que non estás con esa máxima de que “as cousas do mar non se contan na terra”, senón todo o contrario. Esa é a idea do libro?
– Xurxo Souto (XS): É a idea, si. É, xa o dixen outras veces, a miña resposta contra unha fraude. Quero facer agromar o que non nos aprenden na escola, nin nos medios de comunicación… Penso que temos que mudar a nosa visión da realidade do mar. Porque non vivimos na periferia, senón no centro do mar, como dixo o sabio Staffan Mörling. Unha vez preguntáronlle por que fora vivir á fin da terra e el respondeu iso, que vivía no centro do mar. Alén da importancia da pesca na nosa economía, estamos no centro da ruta da mariña mercante máis importante do mundo. Mais diso só nos decatamos cando pasa algo malo, como as mareas negras.
Estamos no centro da máis importante autoestrada do mar. Dinnos que o centro é París, ou Londres, ou Berlín, mais os barcos que van cara ao norte de Europa, desde África, desde o centro e o sur de América… pasan por aquí. O patrón de pesca Serafín Mourelle explica ben isto. Conta que os mariñeiros de Fisterra que veñen de Capetón (Capetown), ou de Bos Aires, cando van de ruta para Bremen, onde non os espera ninguén, asómanse para ver a súa casa ao pasar por diante dela… Non é casualidade que pasen cousas con pretroleiros nas nosas costas. É que estamos no medio dun fluxo económico brutal. (…)
– MD: Falas da poética do mar… E citas no libro non só músicos, senón escritores terrícolas como Manuel María ou Uxío Novoneyra, teatreiros como Manuel Lourenzo, pintores como Lugrís… Toda a arte que ten unha relación especial co mar.
– XS: Serafín apagaba as luces para ver as estrelas e ese pode ser o mellor momento para reflexionar na soidade infinita, para escribir… E o libro ten que ver moito con iso, coas emocións da xente do mar, como che dicía.Tamén son moi emocionantes as presentacións do libro: que alguén diga, como pasou, “é a primeira vez que conto isto en público”. É moi emocionante, e á vez terrible porque, como é posible que esas cousas non se contasen? Por iso é un libro vivo, que vai medrando co que aprendemos en cada presentación, co que a xente se vai animando a contar.
Falo tamén de músicos, de escritores, de pintores como Ksal que aquí pouca xente coñece. E entre todos eles van construíndo ese capital cultural do océano que está tan agochado. É un problema de desencontro que temos, coma tantos outros. Ademais, é a función das artes, tamén, conformar unha cosmovisión das cousas. Con Lugrís, por exemplo, temos unha relación especial: temos un colectivo, In Nave Civitas, que reivindica a súa obra. Ademais, ver o que significaban as historias do mar para un terrícola como Novoneyra axuda a cambiar a nosa perspectiva. Pensa por exemplo en Lisboa: a praza central está ao lado do mar, non no centro. Pois así tería que ser con nós. Aos ollos do mar, A Coruña e Vigo son a mesma cidade. (…)”








