O
venres 22 de marzo, ás 21:00 horas, no Auditorio Municipal de Baio (Zas), a A. M. C. Pepe Valiña-Coral Xan Mella e Edicións Xerais presentan Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez. No acto, xunto ao autor, participan Antonio Díaz Amor, Xosé María Rei Lema, María Canosa e Manuel Bragado.
Arquivo da categoría: Narrativa
Lugo: edición número 32 de O pazo das musas
O xoves 21 de marzo, ás 20:00 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo, terá lugar a edición número 32 da revista oral de periodicidade trimestral O pazo das musas, editada polo Museo Provincial de Lugo (Rede Museística da Deputación de Lugo), e coordinada por Antonio Reigosa, con entrada libre. Este número estará dedicado a lembrar aqueles días de 1963 nos que a vila histórica de Portomarín foi desaparecendo, mergullada, baixo as augas do Miño. Nas transparencias do Miño (Memorias do vello Portomarín, no 50º aniversario do asolagamento).
SUMARIO Nº 32
– Portada musical. Alborada, por Os Minhotos (2:25’).
– Portomarín nas letras (I). Nas transparencias do Miño (lectura dun fragmento), por Andrés Pociña (6’).
– Música. Na Eira, por Os Minhotos (3’).
– Portomarín no Museo Provincial de Lugo. “Pedras” do vello Portomarín no Museo Provincial de Lugo, por Mª Ofelia Carnero Vázquez (10’).
– Música. Currupia, por Os Minhotos (3:15’).
– O vello Portomarín en imaxes. Instantes asolagados (Arquivo fotográfico de Pepe Pereira), por José López López (10’)
– Música. Cova Nuada, por Os Minhotos (3:48’).
– Memoria da historia (e das xentes) do vello Portomarín. Portomarín. Monografía geográfica de una villa medieval (de Gonzalo Paz López), polo doutor Gonzalo Paz Doel (10’).
– Música. Vals de Arousa, por Os Minhotos (4’).
– Portomarín no cine documental. Imaxes esquecidas do vello Portomarín (películas inéditas en Lugo). Presentación: Fernando Arribas Arias (20’).
– Portomarín nas letras (e II). Nas transparencias do Miño (lectura dun fragmento), por Andrés Pociña (6’).
– Música. Mazurca de Bretoña, por Os Minhotos (2:25’).
– Opinión. Intervención do público (5’).
– Epílogo. Encarna Lago, xerente da Rede Museística (3’).
– Contraportada musical. Cambeando, por Os Minhotos (5:52’).
Taboleiro do libro galego (V), por Ramón Nicolás
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Continúa a entrega destas listaxes dos libros galegos máis vendidos que, desde agora, recollerá quincenalmente as modificacións que se produzan en todos os xéneros, de as houber.”
NARRATIVA
1º-. As voces baixas, de Manuel Rivas, Edicións Xerais de Galicia.
2º-. Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, Edicións Xerais.
3º-. O gardián invisible, de Dolores Redondo, Edicións Xerais.
4º-. A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, Edicións Xerais.
5º-. A forma das nubes, de María López Sández, Galaxia.
POESÍA
1º-. Breizh, de Miro Villar, Toxosoutos.
2º-. Carnia haikai, de Elvira Riveiro, A. C. Caldeirón.
3º-. Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, El Patito Editorial.
4º-. Monicreques, de Xosé Daniel Costas Currás, PEN Club.
5º-. O meu primeiro Celso Emilio, X. Lastra e outros, Edicións Xerais.
ENSAIO-TEATRO
1-. Obras completas I, de Roberto Vidal Bolaño, Positivas.
2º-. Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, Edicións Xerais.
3º-. Banqueiros, de Francisco Pillado (coord.), Laiovento.
INFANTIL-XUVENIL
1º-. Amor de serea, de Santiago Jaureguizar, Edicións Xerais.
2º-. Os megatoxos e a cara oculta de Lúa, de Anxo Fariña, Edicións Xerais.
ÁLBUM ILUSTRADO
1º-. María Fumaça, de VV.AA., Galaxia.
2º-. A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco, Fol Música.
3º-. Bicos de música, de Mamá Cabra, Galaxia.
4º-. Imos cazar un oso, de Michael Rosen, Kalandraka.
5º-. A que sabe a lúa, de Michael Grejniec, Kalandraka.
BANDA DESEÑADA
1º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
2º-. Engurras, de Paco Roca, El Patito Editorial.
3º-. Nómades, de Xosé Tomás, Galaxia.
LECER
1º-. A cociña dos larpeiros, de Benigno Campos, Galaxia.
2º-. De roda en roda. Música e danzas do mundo, VV. AA., Galaxia.
A Pobra do Caramiñal: presentación de Sete de Biblos
Santiago: presentación de Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez
O
mércores 20 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela (Praza de Cervantes, 6), preséntase de Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Manuel Bragado e Xesús Ferro Ruibal.
Entrevista a Xosé María Lema, autor de Costa do Solpor
Parlamento das Letras: Mario Regueira
Entrevista
de Armando Requeixo a Mario Regueira no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Mario Regueira (MR): É evidente que o primeiro que lles falta ás nosas letras é un poder político que mire por elas con verdadeiro interese e implicación. A maior parte dos seus problemas derivan diso, e non hai máis que recorrer á comparación con outras linguas con menos falantes e un Estado ou poder local comprometido con elas para que resulte evidente. A literatura galega podería ter un papel moito máis destacado no contexto europeo, polo menos equivalente ao doutras pequenas nacións. En cambio, vivimos desperdiciando talento coa mesma alegría coa que acabamos cos bosques autóctonos ou enchoupamos os mares de fuel. A nivel cultural vivimos un Prestige anual que non se nota porque segue a haber un voluntarismo que cobre unha parte importante dos seus efectos. Sempre hai xente disposta a limpar as praias, cousa que é boa, pero que tamén marca dinámicas que cada vez resultarán máis complicadas de romper.
Sobrar sobran moitas cousas, se cadra destacaría as actitudes endogámicas que priman o relacional sobre outros criterios, e que sen ser, por sorte, unha tónica xeral, aínda deixan ver os seus efectos en eidos como a edición ou a crítica e tamén en determinados comportamentos das institucións. A literatura galega, como moitos outros ámbitos da nosa realidade, non está libre dos seus propios caciquismos, que ao contrario que os outros apenas son contestados e cando o son adoitan recibir respostas esaxeradas non exentas de represalias. Unha cousa similar pode dicirse de sectarismos concretos como o que atinxe a inacabábel guerra normativa, abono de actitudes empobrecedoras que son patrimonio de ambos bandos, pero menos desculpábeis (como en todas as guerras) naquel que hoxe ten maiores cotas de poder. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MR: É desconcertante o viva e fluída que se mantén a nosa cultura tras anos de abandono institucional, falta de visibilidade e hostilidade declarada dunha parte da sociedade. Vivimos nunha especie de oasis rodeado do máis atroz dos desertos, pero o certo é que nese pequeno espazo, e sen caer en idealismos, construímos algo semellante aos anos dourados da nosa tradición literaria. A vida que desprenden as voces novas da poesía, as sorpresas de calidade e vangarda que nos deixa anualmente a narrativa, ou o simple e puro feito de que haxa xente que aínda escribe ensaio e teatro, son feitos que debemos valorar como unha especie de milagre que evidencia a vontade do pobo galego de seguir contando cunha cultura propia contra vento e maré. Na mesma liña poderiamos falar da cantidade de proxectos editoriais e culturais que traballan cunha dedicación e unha perspectiva crítica admirábeis, moito máis se temos en conta que moitas veces o fan dende a precariedade ou a autoxestión.
A pregunta que deberamos facernos é canto tempo pode durar esta situación e tamén até que punto non é un premio de consolación ter unha literatura convencional tan viva cando o panorama internacional acolle xa outro tipo de narrativas ás que, por cuestións estruturais e económicas, non podemos practicamente acceder como creadores. En calquera caso, a enxurrada de creatividade que flúe pola nosa realidade cultural é unha cousa marabillosa da que é un orgullo poder participar. (…)”
Xabier López López: “Escribir é declararlle a guerra ao mundo”
Entrevista
de Ramón Nicolás a Xabier López, en Qué Leer, desde o seu blogue Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Nunha autobiografía súa confesa que na súa narrativa hai un peso determinante da memoria colectiva…
– Xabier López (XL): Ben, en certa medida todos somos «terminacións» (ía dicir «nerviosas») dun organismo cuxa existencia se perde na noite dos tempos. Aínda cando afirmemos a nosa máis rotunda individualidade, non podemos esquecer de onde vimos e que boa parte, por non dicir a práctica totalidade da nosa «equipaxe» xa a levaron outros antes. E na literatura, creo, isto é aínda máis evidente. (…)
– RN: No seu último libro, Cando Artur non era rei, retorna á narrativa xuvenil. Que Arturo retrata aquí?
– XL: Pois, aínda que a novela sexa moi pouco ou case nada «cunqueiriana», algo parecido ao que se propuxo retratar Cunqueiro n´As mocedades de Ulises: un heroe antes de ser heroe, un heroe «adolescente». Arturo coroouse aos 16 anos, polo visto, pero aínda así podemos encontrar espazo abondo para un tempo de aprendizaxe.
– RN: A literatura pode espertar conciencias, simplemente divertir ou mesmo anestesiar. É precisa hoxe unha actitude belixerante dende a creación literaria?
– XL: Nun relato d´Os libros prestados, precisamente, un personaxe sostén que o verdadeiramente importante non é o que se escribe, senón o como, o porqué, o propio acto da escritura. Independentemente do que escribas, e da finalidade con que o fagas, o propio acto de escribir é declararlle a guerra ao mundo. Se aínda enriba o fas dende unha lingua minoritaria, e o que é peor, minorizada… (…)”.
Manuscritos: Miguel Sande
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.



