Moaña: Obradoiro de creación literaria Digo pupila lábio terra digo. Unha aproximación posible á obra poética de Xosé Manuel Millán Otero, con Míriam Ferradáns

O Obradoiro de creación literaria Digo pupila lábio terra digo. Unha aproximación posible á obra poética de Xosé Manuel Millán Otero, con Míriam Ferradáns, é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, coa colaboración do Concello de Moaña e o patrocinio da Xunta de Galicia.

O corpus poético de Xosé Manuel Millán Otero constitúe unha das voces máis intensas, sensibles e comprometidas da poesía galega contemporánea. O seu estilo está marcado pola profundidade existencial, a conexión coa paisaxe e o uso dunha linguaxe evocadora. Diremos pupila, lábio e terra. Camiñaremos polo linde da materia. Traballaremos voz con voz aos seus textos para achegarnos, nun intento fugaz, á súa obra. Fomentaremos a escritura creativa, inspirándonos na súa capacidade para transformar a realidade en imaxe poética.

O obradoiro será impartido por Míriam Ferradáns, cunha sesión especial con Xosé Daniel Costas Currás.

Hai 20 prazas para persoas maiores de 18 anos. A inscrición, gratuíta, farase enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org indicando nome, apelidos e o nome deste obradoiro.

O obradoiro desenvolverase no Concello Vello de Moaña (Rúa Ramón Cabanillas, 108). En caso de levar coche, pode aparcarse aquí.

Calendario e horarios

Sábados 6, 13, 20 e 27 de setembro; 4, 11, 18 e 25 de outubro de 2025, de 11:00 a 13:30 h.

Información sobre protección de datos
A responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Carballo: Praza dos Libros 2025

Vilagarcía, Cidade de Libro 2025. Actividades dos 14 e 15 de xuño

Canido, Ferrol: presentación do libro Eu cantar, cantar, cantarei…, o 30 de maio

Crónica fotográfica do acto polo Día das Letras Galegas 2025 na Coruña, o 18 de maio

Estas son algunhas das fotografías do acto polo Día das Letras Galegas que tivo lugar diante do Teatro Rosalía de Castro, na Coruña. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

O Couto, Ponteceso: 43 edición de Festiletras

Letras Galegas 2025 na Coruña, o 18 de maio


O domingo 18 de maio ás 12h00 terá lugar un acto polo Día das Letras Galegas diante do Teatro Rosalía de Castro, na Coruña. Esta actividade, organizada cada ano en colaboración coa A. C. Alexandre Bóveda, chama a ler a obra das persoas homenaxeadas no Día das Letras Galegas, dedicada neste 2025 á poesía popular oral, personificada en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro últimas das Pandeireteiras de Mens (Malpica). Este é un ano especial porque homenaxea tamén a moitas mulleres, a meirande parte delas anónimas, que foron figuras centrais na creación, preservación e transmisión da lingua e da cultura galega.

Se ben a música foi da man da poesía sempre, no Día das Letras Galegas 2025 é mais claro que nunca. Por iso animamos a ler, ou cantar, un texto de poesía popular ou calquera texto sobre a lingua galega. Realizarase alí mesmo, dirixido por Marta Pumares, pandeireteira e grande coñecedora da música tradicional, un obradoiro no que se aprenderán tres pezas do repertorio das homenaxeadas este ano. O público que se anime a ler/cantar pola súa conta pode enviar previamente aquí o texto escollido.

Para o obradoiro e para asistir a toda a actividade non é necesario inscribirse.

Compostela: actividades do 9 de maio na Feira do Libro 2025

Lugo: Curso de Primavera “A voltas coa tradición”, os 24 e 26 de abril