Olga Novo, poeta: “A poesía é unha forma de ollar a vida e de estar nela a través do amor”

Entrevista a Olga Novo en Nós Diario:
“Todo poema nace da intensidade creativa, do trallazo, e desde logo non procura a perfección formal, senón a emanación do amor”. Iso di Olga Novo sobre a poesía. E podería ser unha axeitada definición da súa propia escrita que é sempre fervenza. Corrente volcánica. Vida, e non só exercicio literario. Novo vén de gañar por segunda vez o Premio da Crítica Española na categoría de poesía en galego. Desta volta foi con Feliz Idade (Kalandraka), celebración dos afectos como alicerce vital. Repasamos con ela a súa obra.
– Nós Diario (ND): É a segunda vez, desde Cráter, que leva o premio da crítica española na modalidade de poesía en galego. Como recibiu o novo premio?
– Olga Novo (ON): Con total sorpresa, pois evidentemente é un premio ao que unha non se presenta, así que non é agardado. En todo caso, agradezo a distinción, porque implica unha lectura sensíbel do mundo que habita este libro.
– ND: En Feliz Idade encóntranse unha nena e o seu avó, que vai voltando á infancia a causa do alzhéimer. En que sentido é este libro unha celebración dos afectos?
– ON: Ese precisamente é o senso profundo do libro: a celebración do amor, máis aló do tempo, mesmo máis alá da propia vida, como o piar esencial no ciclo da existencia. O corazón desta obra asenta no encontro marabilloso dunha vida que nace e doutra que se apaga, ese breve pero intenso fragmento vital que gozan xuntos avó e neta. Asistir a ese momento, ter contribuído a esa experiencia é unha gran lección poética case inefábel, por iso esta escrita bordea a linguaxe e sitúase no seu límite en moitos momentos. A aceptación da morte no ciclo da existencia, o amor que traspasa a materia e o canto comunal de integración na intrahistoria natural deume a cifra exacta da felicidade como un tempo outro que está fóra das datacións convencionais. Así, fronte ás taxonomías clásicas de Idade da Pedra, do Ferro, ou do Bronce, eu quixen traer a primeiro plano a Feliz Idade: un tempo de medición emocional radicalmente humano. (…)”

A Coruña: Ferrados de Letras 2020, presentación de Ricardo Carvalho Calero. Coraçom de Terra

Actividades da Semana do Libro de Compostela (SELIC) 2020

Outeiro de Rei: presentación de Remol, de Manuel María, e espectáculo oral de Soledad Felloza sobre textos do autor

O sábado 10 de outubro, ás 18:00 horas, na Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, preséntase unha nova edición de Remol, de Manuel María. No acto estará presente Margarita Ledo Andión, que escribiu o prefacio da nova edición deste libro.
Despois da presentación, ás 19:00 horas, a narradora oral Soledad Felloza levará a cabo un espectáculo, dirixido para público adulto, baseado en textos narrativos de Manuel María.
A entrada para estas actividades é libre, mais con reserva previa que haberá que realizar a través do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no teléfono 698177621, xa que para manter as medidas preventivas da COVID-19 o número de prazas é reducido.