Arteixo: encontro literario e recital poético na memoria de Paco Souto

O venres 12 de maio, ás 20:00 horas, no Centro Cívico e Cultural de Arteixo terá lugar un encontro literario, presentado por Alfredo Ferreiro, enmarcado no programa cultural do mes de maio.
Trátase de dar a coñecer as obras máis recentes de autores vencellados ao Concello de Arteixo. Os autores convidados son Francisco A. Vidal, Henrique Rabuñal, Miguel Sande, Modesto Fraga, Xosé Iglesias e Xabier Maceiras.
Tamén haberá un recital poético na memoria do poeta e activista cultural Paco Souto, para o que se conta co seguinte elenco: Emma Abella, Henrique Rabuñal, Iolanda Aldrei, Miguel Sande, Modesto Fraga, Rocío Blanco, Xosé Iglesias, Xabier Maceiras e Alfredo Ferreiro. O evento será acompañado pola música de Alberto Laso e Karlos Barral, co seu proxecto Infusiones Musicales.

María Reimóndez: “Gañar o Johán Carballeira é entrar nun clube moi selecto”

Entrevista a María Reimóndez en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): Ten un significado especial gañar un dos certames poéticos con máis traxectoria en Galicia e que lembra a unha figura como Carballeira?
– María Reimóndez (MR): Si. Tamén é especial porque cada premio ten unha traxectoria polos autores e libros que van gañanado, que van creando como unha xenealoxía na que gañar o premio é unir o teu nome ao desas persoas que o gañaron con anterioridade. Neste caso o Johán Carballeira é un premio moi atractivo nese sentido.
– FdV: O xurado di o seguinte no seu ditame: “Recrea asuntos como a memoria e a identidade a través da perspectiva de xénero, articulando un percorrido territorial que se estende dende o íntimo ata o cartográfico”. Sinte que reflicte os seus poemas?
– MR: A verdade é que o vexo bastante identificado. É un percorrido íntimo, pero o íntimo vinculado co colectivo, dende a consigna feminista de que o persoal é político. É levar o meu corpo por certos espazos vinculados a memoria, a visión feminista dos lugares e das experiencias. (…)
– FdV: Levaba moito tempo este proxecto no caixón ou non é este o caso?
– MR: A verdade é que xa levaba tempo. Non sabería dicir canto, pero uns anos. Os premios coma este son tamén unha oportunidade para publicar e neste caso a publicación a fai Edicións Xerais, o que para min o fai máis emocionante porque alí desenvolvín case toda a miña obra. Ademais garante unha edición coidada e que vai ter visibilidade.
– FdV: A súa obra esténdese en varios eidos: tradución, poesía, narrativa, ensaio… Como percibe que camiño vai coller o que quere transmitir en cada momento?
– MR: Non penso en iso dunha maneira moi racional, senón que é algo máis orgánico. Os libros nacen como proxectos, cada un vai tomando a súa forma. É certo que son máis coñecida como narradora, que a novela é o estilo co que máis se me identifica e no que nado con máis seguridade. Pero iso non quita que o resto, como o ensaio ou a poesía, sexan formas que nacen dunha necesidade de contar dunha maneira específica. Digamos que cada proxecto pide a súa propia forma.”

Tabela dos Libros de maio de 2017, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Como cada mes, chega a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Taboleiro do libro galego (abril 2017)

Desde Cicloxénese Expresiva:
“Continuamos co excelente traballo que se viña facendo no Caderno da Crítica.
Queremos agradecerlle a axuda a Ramón Nicolás e ás librarías que colaboraron con nós para a elaboración desta listaxe: Pedreira, Cartabón, Paz, Biblos, Miranda, Andel do libro, Suévia e Chan da Pólvora.

Narrativa
Os nenos da varíola, de María Solar. Galaxia.
Aqueles días en que eramos malas, de Inma López Silva. Galaxia.
Bibliópatas e fobólogos, de Emma Pedreira. Galaxia.
Vento ferido, de Carlos Casares. Galaxia.
Izan o da saca, de Xabier Quiroga. Xerais.

Poesía
Camuflaxe, de Lupe Gómez. Chan da Pólvora Editora.
Suicidas, de Francisco Cortegoso. Chan da Pólvora Editora.
A relixión do mar, de Xosé Iglesias. Instituto de Estudos Miñoráns.
Na casa da avoa, de Marta Dacosta. Galaxia.

Ensaio
Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade, de María Xesús Lama. Galaxia.
Non des ao esquecemento, de Luís Bará. Instituto de Estudos Miñoranos.
Historias de galegos extraordinarios, de Salvador Rodríguez. Belagua Edicións.
Bolcheviques, de Teresa Moure (coord.). Através Editora.

Xuvenil
Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, de Ledicia Costas. Xerais.
A soidade das medusas, de Iria Collazo. Galaxia.
Europa express, de Andrea Maceiras. Xerais.

Infantil
Primeira semana na escola de vacas, de Cutbill e Russell. Editorial Patas de peixe.
O monstro das cores, de Ana Llenas. Flanboyant.
Minilibros imperdibles 1 e 2. Kalandraka.

Libro CD-DVD
Mel, unha mosca agradecida, de Miguel Ángel Alonso. Nova Galicia Edicións.
Aire, de María Fumaça. Galaxia.
A bruxa da discordia, de Mamá Cabra e Carmen Gil. Galaxia.

Banda deseñada
Bichero VI: Ti sacha!!!, de Luís Davila. Autoedición.
Historias Floreánicas, de Gogue. TodoGrove Edicións.
A lei da cidade sen alma, de Víctor Boullón. Kómic librería e Demo Editorial.

Revistas
Luzes.
Tempos.
Follas novas.”

Isaac Xubín: “Unha das razóns pola que escribo é para amolar e berrar que estou vivo”

Entrevista de Xesús Fraga a Isaac Xubín en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Que é Staro Selo?
– Isaac Xubín (IX): Staro Selo é a capital dun lugar que estivo a piques de salvarse pero que debido a un feito histórico concreto, que aconteceu de forma súpeta, foi engulida pola besta. O texto presenta a un grupo de habitantes da cidade que tentan sobrevivir e que deben tomar camiños nunhas encrucilladas que ás veces non parecen definitivas. Ao elaborar a capa do libro tentei presentar a situación xeral ante a que se atopan estas persoas, a vixilancia constante dunha administración que pretende unha orde imposible no sarillo de formigón que é Staro Selo.
– LVG: Relacionouse o libro [Non hai outro camiño] coa Nova Narrativa Galega. ¿Como cre que o canon inflúe na actualidade?
– IX: Non estou capacitado para responder a esta pregunta coa rigorosidade que merece. Non son un crítico cunha ampla imaxe panorámica do que se publica en Galicia e, ademais, vivo fóra, con todo o que iso implica. Podo falar por min e unha das vantaxes de ter vivido no estranxeiro (agora, en Inglaterra), é o acceso de primeira man a lecturas, recitais e creadores con bagaxes e tradicións diferentes.
– LVG: Malia o ar case opresivo, hai marxe para a esperanza, igual que no seu novo libro de poesía, A cadencia da fractura. ¿A escrita e a lectura son vehículos para alumar e propagar esa esperanza?
– IX: Existe unha tensión entre o que poderiamos definir como propio, o que eu escollo que me caracterice, ser galego, e a realidade de ser unha persoa que en case 40 anos viviu en máis de 10 cidades diferentes e se atopa na situación de empregar tres linguas ao longo do día. A lectura e a escrita son fundamentais para min porque son o xeito máis profundo que teño de acomodarme nesa tensión que se orixina en min. Máis aló de ver o meu nome escrito no bronce da tribo quero que a miña tribo sobreviva e, xa que logo, unha das razóns pola que escribo é para amolar e berrar que aínda estou con vida, que estamos vivos. (…)”

A Coruña: recital de Martín Veiga e Eiléan Ní Chuilleanáin no Ciclo Poetas Di(n)versos

A segunda feira 8 de maio, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Culturas da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Martín Veiga e a poeta irlandesa Eiléan Ní Chuilleanáin. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos maio 2017.