O
sábado 9 de maio, ás 12:00 horas, en Maquinaria Pesada (Avenida Linares Rivas, 45, locais 24-25), na Coruña, terá lugar o espectáculo Converxencias, recital con poesía e música a cargo de In nave civitas, acompañado polas fotografías de José R. Montero.
Arquivo da categoría: Poesía
A Coruña: inauguración da exposición Labirinto Líthico, con poemas de Francisco X. Fernández Naval e fotografías de Gustavo García Roig
Santa Cruz, Oleiros: Música e poesía aberta ao mar
Vigo: Poetry Slam Vigo. Edición especial das Letras Galegas, o 17 de maio
1. Poderá presentarse a este Slam Poetry do día das Letras Galegas calquera persoa que recite textos propios en galego ou portugués.
2. O recitado non pode superar os 3 minutos. Superalos supón a descualificación inmediata. Unha persoa de entre o público encargarase de cronometrar.
3. Está prohibido acompañarse de música, usar disfraces ou accesorios. A voz e o corpo son os únicos elementos permitidos, alén do papel co texto.
4. O xurado estará composto por 7 persoas do público escollidas ao azar, que puntuarán anonimamente aos/ás participantes.
5. Haberá unha primeira rolda, onde se clasificarán as 3 persoas máis votadas.
6. Dunha segunda rolda, onde só participarán os/as 3 finalistas, resultará un único gañador ou gañadora, segundo a votación do público.
7. Entregarase un premio en metálico de 200 euros.
8. Para inscribirse neste Poetry Slam Vigo: Edición especial das Letras Galegas hai que enviar unha mensaxe de correo electrónico cos datos persoais a (Nome, DNI, teléfono) charenton.club@gmail.com
Ismael Ramos: “Temos unha das mellores poesías da península e premiala non é ningunha inconsciencia”
Entrevista
a Ismael Ramos en Atlántico Diario:
“Ismael Ramos (Mazaricos, 1994) é un dos ‘novísimos’ da poesía galega que, malia ter recoñecida a súa voz literaria con varios premios, entre eles os Minerva que outorga o Colexio Manuel Peleteiro de Santiago, seguía coa súa obra espallada por revistas. Agora, este poeta afincado en Noia verá publicado o seu primeiro libro, Os fillos da fame, co que o sábado 2 de maio conseguía o Premio de Poesía Johán Carballeira, que dende hai 18 anos concede o Concello de Bueu. “O premio está moi ben pola dotación económica e por ser un recoñecemento o meu traballo, pero o que máis ilusión me fai é que se vai editar e vai haber lectores”, confesa.
– Se publicar é difícil, moito máis cun xénero como a poesía. Ten que haber un premio que avale a un autor para facelo?
– Eu valoro todos os premios, sobre todo polo mérito de pór cartos na cultura galega. É unha valentía, pero no caso da poesía non é ningunha inconsciencia porque temos unha das mellores poesías contemporáneas da Península, por no dicir a mellor.
– O xurado salientou os valores poéticos d’Os fillos da fame por beberen da mellor tradición da poesía internacional.
– O que pode ter de internacional o poemario non é tanto a materia en si mesma como a formulación estética. Está ambientado nunha zona concreta da xeografía galega. Supoño que o xurado se refire a que ten moitas referencias indirectas á poesía internacional, xa que a min pésanme moito as influencias norteamericanas.
– No poemario inclúe voces poéticas de autores galegos. A quen podemos atopar?
– Hai versos citados directamente de Celso Emilio Ferreiro, María do Cebreiro e Xohana Torres. Intentaba falar dunha liña que está moi presente na nosa poesía. É un libro, por exemplo, onde o mar está moi presente, onde a fame está moi presente… como na nosa historia como pobo e na nosa historia literaria. (…)”
Taboleiro do libro galego XXXIII (abril 2015), por Ramón Nicolás
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Esta entrega do “Taboleiro do libro galego”, correspondente ao mes de abril de 2015, vai dedicada, in memoriam, a Benxamín Riobó Sanluís, que colaborou con entusiasmo neste proxecto desde a libraría “O Pontillón” de Moaña.
Nesta ocasión contouse coa colaboración de nove librarías galegas: Trama de Lugo, Libros para Soñar de Vigo, Suévia da Coruña, Andel de Vigo, Miranda de Bueu, Biblos de Betanzos, Casa do Libro de Vigo, Librouro de Vigo e Cartabón de Vigo. Grazas a todas elas.
NARRATIVA
1º-. Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo, Xerais.
2º-. Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, Xerais.
3º-. Cuarto minguante, de Bautista Álvarez, Xerais.
4º-. Dende o conflito, de María Reimóndez, Xerais.
5º-. Amor en alpargatas, de Manuel Portas, Xerais.
6º-. Sete Caveiras, de Elena Gallego, Xerais.
7º-. Antípodas, de Xosé Vázquez Pintor, Xerais.
8º-. A boneca de Blanco Amor, de María Xosé Queizán, Galaxia.
9º-. Son noxento, de María Xosé Queizán, Xerais.
POESÍA
1º-. Atravesar o fantasma, de Carlos Callón, Xerais.
2º-. Celebración, de Gonzalo Hermo, Apiario.
3º-. Transfusión oceánica, de Xosé Iglesias, A. C. Caldeirón.
4º-. oso, mamá, si?, de María Lado, Xerais.
5º-. Mares de Queijo, de Ramiro Vidal Alvarinho, A Porta Verde.
ENSAIO-TEATRO
1º-. O Miño. Un caudal de historia, de Anselmo López Carreira, Xerais.
2º-. Galicia encantada, de Antonio Reigosa, Xerais.
3º-. Xosé Filgueira Valverde. Biografía intelectual, de Xesús Alonso Montero, Xerais.
4º-. Medo político e control social na retaguarda franquista, de Lucio Martínez, Xerais.
5º-. Historia de Galicia, de David Pérez, Edicións do Cumio.
XUVENIL
1º-. Tes ata as 10, de Francisco Castro, Galaxia.
2º-. Dragal IV, de Elena Gallego, Xerais.
3º-. O mundo secreto de Basilius Hoffman. A batalla por Avalon, de Fernando M. Cimadevila, Urco.
4º-. As palabras poden matar, de Marcos Calveiro, Xerais.
INFANTIL
1º-. Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas e ilustracións de Víctor Ribas, Xerais.
2º-. Os ratos da casa, de Oli – Natalia Colombo, Kalandraka.
3º-. Amizades secretas, de Agustín Fernández Paz, Edebé.
4º-. Sanatoria. Historia dos nenos raros, de Francesc Grimalt, Baía Edicións.
5º-. O valente coello que quixo soñar, de Miguel Ángel Alonso Diz – Luz Beloso, Nova Galicia Edicións.
LIBROS CD-DVD
1º-. Non hai berce coma o colo, de Paulo Nogueira e Magoia Bodega (ilustracións de Mariona Cabassa), Kalandraka.
2º-. Pan de millo, Migallas – Dani Padrón, Kalandraka.
3º-. Xiqui Xoque, fiú fiú!, de Uxía, Editorial Galaxia.
4º-. Gatuxo, de Magín Blanco, Fol Música.
BANDA DESEÑADA
1º-. O bichero V, de Luís Davila, Edición do autor.
2º-. Marcopola e a illa remeira 3. Dragoneta!, de Jacobo Fernández Serrano, Xerais.
Miguel Mato fala no Diario Cultural sobre Terra fría
Mondoñedo é poesía
Desde
Fervenzas Literarias:
“Este venres 1 de maio as rúas e prazas de Mondoñedo encheranse de poesía. Mondoñedo é poesía 2015 é unha actividade cultural enmarcada nas Feiras e Festas das Quendas que convoca nesta segunda edición a trece poetas (seis deles mindonienses), tres músicos e arredor de vinte debuxantes que amosarán as súas creacións en diferentes rúas, prazas e espazos da cidade e do Auditorio Municipal “Pascual Veiga” ao longo da xornada.
Mondoñedo é poesía principiará coa actividade de Sketchcrawl Galicia, onde debuxantes e pintores (Xosé Vizoso, Xoán Guerreiro, Eduardo Baamonde, Lucía López, Isabel Seidel, Pelayo López, Julián Ardura, Antón “Caxoto” …) cítanse nunha quedada en Mondoñedo. Percorreran as rúas tomando apuntes ao vivo da cidade e das xentes, que difundirán a través das redes sociais. Lugar de cita ás 11.00 h. no Campo da Feira dos Remedios.
De seguido intervirá o poeta e narrador oral Lois Pérez na entrega de Premios do Concurso de Gando no Campo da Feira.
Xa á tardiña continuará o Sketchcrawl Galicia coa quedada de debuxantes e pintores na Praza da Catedral. Será a partires das 16.00 h.
Dende as 18.00 h. ata as 20.00 h. haberá recitados nas diferentes prazas de Mondoñedo. Na praza da catedral (ás 18.00 h.) interveñen Eduard Velasco, Chus Amieiro e Hermes López. Na praza do Concello ás 18.30 h. estarán Eduardo Estévez, Conce Agrelo e Aladino Montero; e a partires das 19.00 h. Baldo Ramos, Aleixandre Lago Barcala e Luciano do Monfadal estarán na Praza Jaime Cabot. Tamén participará nestes recitais na rúa alumnado de diferentes centros escolares de Mondoñedo.
Pola súa banda as máis cativas e cativos terán un obradoiro aberto de creación con Caxoto Kativo. Terá lugar ás 18.00 h. na Praza Jaime Cabot.
Un dos actos centrais da xornada celebrarase ás 20.00 h. no Auditorio Municipal “Pascual Veiga” co recital Mondoñedo é poesía, onde participan músicos (César Morán, Miro Casabella, Arcadio Mon), e poetas (Luz Pozo, Yolanda Castaño, Lois Pérez, Eduardo Estévez, Baldo Ramos, Aleixandre Lago Barcala, Eduard Velasco e Caxigueiro).
Como colofón a este Mondoñedo é poesía realizarase unha homenaxe a Antonio Noriega Varela polo 120º aniversario da publicación do seu poema” De Ruada” en 1895.
Ao tempo, continuarán as súas actividades na mesma sala os debuxantes e pintores da quedada Sketchcrawl Galicia.
O Festival Mondoñedo é Poesía está organizado polo Colectivo Mondoñedo É… e mais pola Asociación As San Lucas, e conta co patrocinio da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura e Educación. Colaboran na súa organización o Concello de Mondoñedo, ACIAM Mondoñedo, Casa Penela, Casa de Mañas, CEIP “Álvaro Cunqueiro” e IES “San Rosendo”.”
Malpica: presentación de Catálago
María N. Soutelo: “Os obxectos non nos pertencen, nós pertencémoslles a eles, dunha forma fatal”
Entrevista
de Montse Dopico a María N. Soutelo en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): “Realmente, pensa un, son todos estes obxectos/ os que me posúen e me atan. Pesan/ sobre min como pedras de decepción”. O poemario [Nestes Días] parte dunha mudanza de casa. Da consciencia da nosa relación cos obxectos. Por que?
– María N. Soutelo (MNS): Nestes Días comeza a escribirse no 2009, ó mesmo tempo que decido trasladarme de Compostela a Vigo. O trauma que supón o cambio, a dor do tránsito, a hostilidade dunha cidade nova e allea ao mapa emocional da memoria… Todo ese conxunto de situacións novas, malia que esperadas, son o xérmolo. En realidade, o importante non son os obxectos en si, senón aquilo e a aqueles e aquelas que representan e significan. Os obxectos non nos pertencen, nós pertencémoslles a eles, dunha forma fatal e tráxica, as máis das veces, atravesados por toda esa carga simbólica e emocional que lles dá forma. Que os imbúe dun poder inimaxinable sobre nós.
– MD: Mais, en realidade, o poemario fala de ausencia. Da “Dor esquecida/ de onde naces/ cando non te esperabamos?”. De que xeito?
– MNS: A ausencia pode experimentarse de moi diversas formas e por moi diversas razóns. Nestes Días fala desa ausencia que atormenta, dunha dor que non cesa, que sempre acompaña e sempre lacera. Dese calado depredador que nos asalta, as máis das veces, nos intres menos adecuados, cando non temos capacidade de defendernos.
– MD: Moi relacionado co anterior, Nestes Días enfróntase, tamén, á identidade: á busca do propio lugar, ante o espazo baleiro. En que sentido?
– MNS: Unha mudanza, o caos que xera (todo o noso pequeno Universo redúcese a unha manchea de caixas e bolsas esparexidas polos novos espazos), e as dúbidas ante o descoñecido levan, coido, necesariamente a unha reflexión sobre a propia identidade, sobre os nosos porqués e convicións. Lévannos a comezar case de cero. A reavaliar moitas das certezas que carrexamos dentro desas caixas. A necesidade de atopar un lugar de noso, de pertencer, é algo que levamos no ADN. Quen non precisa desa sensación de seguridade que unha presa de terra entre as mans nos outorga, para dar sentido ás nosas raíces? (…)”



