Arquivo da categoría: Poesía
Vigo: presentación de as desfeitas do día, de Pedro P. Riobó
O xoves 31 de marzo, ás 20:00 h., na Libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase o libro de poesía as desfeitas do día, de Pedro P. Riobó, publicado en Edicións Morgante. No acto terá lugar un recital audiovisual realizado por Sara Riobó con pinturas de Nuria Pahino dunha duración aproximada de vinte minutos, no que intervirán, ademais do propio autor, Chelo Pampillón e Manolo Dasilva.
O proxecto Tinta de Lura busca novos xeito de se achegar á poesía
Vigo: presentación de Noites, amenceres… e algo máis, de Asun Estévez
O mércores 30 de marzo, a partir das 20:00 h., na Casa do Libro (Rúa Velázquez Moreno, 17) de Vigo, preséntase o libro Noites, amenceres… e algo máis, de Asun Estévez, publicado en Ir Indo. No acto intervirán Xesús Alonso Montero e Bieito Ledo, tendo lugar posteriormente un recital poético a cargo da propia autora, acompañada á guitarra por Estela Martínez Martínez e Alejandro Lorenzo Díaz.
Santiago: presentación de as desfeitas do día, de Pedro P. Riobó
O martes 29 de marzo, ás 20:00 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago, preséntase o libro de poesía as desfeitas do día, de Pedro P. Riobó, publicado en Edicións Morgante. No acto terá lugar un recital audiovisual realizado por Sara Riobó con pinturas de Nuria Pahino dunha duración aproximada de vinte minutos, no que intervirán, ademais do propio autor, Lucrecia Carril e Alberto Álvarez.
Lugo: representación de A illa das mulleres loucas
O xoves 24 de marzo, ás 20:30 h., no Auditorio Gustavo Freire de Lugo, representarase a peza que a Compañía Inversa Teatro preparou a partir do libro A illa das mulleres loucas de Alfonso Pexegueiro. A obra é unha peza poética de gran plasticidade na que as fronteiras entre o pasado, o presente e o futuro se esvaen para desvelar un tempo suspendido onde unha muller libra a súa propia batalla por definir os límites entre cordura e loucura. Vanesa Sotelo dirixe esta montaxe, con escenografía de Inversa Teatro, deseño de son de Berrogüetto e música de Anxo Pintos (zanfona) e Quico Comesaña (harpa) e coreografía de Vanesa Sotelo e María Caparrini.
Santiago: estrea de Aneis, de Branca Novoneyra
O xoves 24 de marzo, ás 20:00 h., na Galería SCQ (Rúa Pérez Costanti, 12) de Santiago de Compostela, Branca Novoneyra presenta Aneis, unha proposta na que a intertextualidade entre a danza e a poesía guía a creación escénica. A peza percorre O aire das acacias, derradeiro poema de Dentro do labirinto, publicado en Espiral Maior en 2009, coa que a autora pecha unha serie de traballos arredor do libro. Aneis é unha curta sobre os amuletos da memoria, sobre a repetición continua dos recordos en fotogramas de películas antigas.
“A tortuosa vida do verso”
A Coruña: recital de Luis Muñoz e Emma Couceiro no Ciclo de Poetas Di(n)versos
O luns 21 de marzo, ás 20:30 h., na Casa da Cultura Salvador de Madariaga (Rúa Durán Loriga, 10, baixo) da Coruña, prosegue o Ciclo de Poetas Di(n)versos, iniciado en novembro de 2009 baixo a dirección de Yolanda Castaño, no que ten lugar un recital poético dobre entre unha voz en galego e outra en calquera das outras catro linguas da Península. A cita deste luns 21 de marzo coincidirá precisamente co Día Internacional da Poesía, celebrando así de pleno a confirmación de que existe na Coruña e en Galicia un verdadeiro público para a poesía. Os participantes desta nova edición serán:
– Luis Muñoz naceu en Granada en 1966, en cuxa universidade completou as licenciaturas en Filoloxía Española e en Filoloxía Románica. Publicou os libros de poemas Septiembre (1991), Manzanas amarillas (1995), El apetito (1998), Correspondencias (2001) -polo que obtivo os premios Generación del 27 e Ojo Crítico– e Querido silencio (2006). A súa obra poética ata 2005 está recollida no volume Limpiar pescado. Poesía reunida 1991-2005 (2005). Ademais, en 1994 preparou o libro colectivo El lugar de la poesía, e ten traducido, entre outros autores, a Giuseppe Ungaretti e a Eugenio Montale. Dende 1992 ata a súa desaparición en 2002 foi o director da revista de poesía Hélice. Dirixiu tamén os cursos de verán Neruda personal (2004) na Universidade Complutense de Madrid en El Escorial e Poesía española reciente (2005) na Universidade Menéndez Pelayo en Santander. En 2008 comisariou a exposición Gallo. Interior de una revista, sobre a publicación dirixida en 1928 por Federico García Lorca.
– Emma Couceiro naceu en Cospeito (Lugo) en 1977. En 1996 deuse a coñecer como poeta ao gañar o V Premio Espiral Maior co seu primeiro libro, Humidosas (1997), ao que seguirían As entrañas horas (1998, X Premio Eusebio Lorenzo Baleirón) e, xa no 2003, (Cito). A súa obra está recollida en antoloxías publicadas en Galicia como Río de Son e vento (1999), dEfecto 2000 (1999), A tribo das baleas (2001), 25 Anos de poesía galega 1975-2000 III (2002), e fóra de Galicia como Mulher a fazer vento (1998), Mujeres de carne y verso (2002), Galeusca. Antoloxía poética (1990-2003) (2004) ou Das Sonorosas Cordas (15 poetas desde Galicia) (2005), así como nos libros colectivos Novas voces da poesía galega. Recital (2000), O trazo aberto. Poesías e debuxos (2002), O libro dos abanos (2002), Palabra de autor, Palabra de autora (2005), Os gozos e as Sombras (2005) ou Poética da Casa (2006), entre outros. Paralelamente, ten colaborado en publicacións como Dorna, Xistral, Festa da Palabra Silenciada, A Xanela, Entellunu, Akadeemia, Zurgai, Piedra del Molino ou La Bella Varsovia.
Será unha nova oportunidade libre e gratuíta de coñecer de primeira man algúns dos mellores autores/as das literaturas peninsulares, comprobando a proximidade, a conexión e a calidade da boa poesía contemporánea. Ao termo do acto, presentado pola directora do ciclo e poeta Yolanda Castaño, Couceiro e Muñoz poderán asinar exemplares dos seus libros, postos á venta nesta ocasión pola libraría Nova Colón. Esta iniciativa de periodicidade mensual e impulsada pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, continuará de xeito estable ata ao mes de maio. Neste arquivo en .pdf pódese descargar máis información: Programa DinVersos Marzo 2011.
Santiago: recital de celebración do Día Mundial da Poesía 2011
O luns 21 de marzo, ás 19:30 h., no Auditorio da Biblioteca da Cidade de Cultura, o Centro PEN Galicia e o Consello da Cultura Galega organizan un recital para celebrar o Día Mundial da Poesía 2011, presentado como unha ollada de luz no vento Lois Pereiro, coa presenza de Marilar Aleixandre, Olalla Cociña, Luís González Tosar, Manuel Rivas e Salvador García-Bodaño.