A ficción narrativa na literatura actual: da escritura á lectura, por Xosé Monteagudo

DesdeCuberta+lombo Euseino? Editores:
“No número 14 de Anotacións publicamos un artigo que reproduce o texto da conferencia lida polo novelista Xosé Monteagudo o día 15 de outubro de 2016 durante a sesión dedicada a “Ficcións narrativas para conquistar novos públicos” das V Xornadas de Literatura e Ensino organizadas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e celebradas no Instituto de Ensino Secundario das Fontiñas, en Santiago de Compostela. En A ficción narrativa na literatura actual: da escritura á lectura, o autor de Todo canto fomos pescuda na “orde xerárquica de valores (literarios e extraliterarios) que un autor segue á hora de concibir unha ficción” coa finalidade de intentar localizar onde reside o pulo do literario: “Na expresión da individualidade de quen crea? Na súa percepción particular e única da realidade? Ou na compracencia máis ou menos fiel dos gustos consabidos do público ao que se dirixe a obra?”
A situación dos escritores e escritoras galegos fronte ao seu público lector, o carácter intermediador das institucións académicas e os condicionantes de certa didascalia supostamente necesaria para achegarse a un público aparentemente tutelado son algunhas das cuestións que se tratan nesta análise feita por un escritor que percorre o traxecto que leva da escritura á lectura sen perder de vista en ningún momento as regras da ficción e a función da literatura na Idade Moderna.
Para descargar o artigo de balde: A ficción narrativa.”

Santiago de Compostela: V Xornadas de Literatura e Ensino. Cartografías do presente: a Literatura Galega do século XXI (2000-2016)

Asbanner-vxornliteraturaensinoaelg2016 V Xornadas de Literatura e Ensino levan o título de Cartografías do presente: a Literatura Galega do século XXI (2000-2016), están organizadas pola AS-PG e a AELG, co patrocinio do Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO). A coordinación corre a cargo de Mercedes Queixas Zas, secretaria xeral da AELG e Carlos Negro Romero, vogal.

Santiago de Compostela (IES Fontiñas – Rúa Estocolmo, 5) –como chegar
15 de outubro

*

Matrícula
Dende o 15 de setembro até o 13 de outubro en www.as-pg.gal.

Homologación
Solicitada á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por 8 horas.

Prezos
Matrícula gratuíta, preferente para socias/os da AS-PG e AELG.

Nesta V edición, baixo o título Cartografías do presente: a Literatura Galega do século XXI (2000-2016), apostamos por partillar un menú completo e equilibrado que alimente os tempos de lectura, ociosa e formativa, pairando a nosa ollada na cartografía literaria máis actual, aquela que actúa como imprescindíbel activo, lector e coeducador, na escola construtora da utopía do futuro.

Os obxectivos xerais desta edición son achegar ao profesorado experiencias novidosas para o seu traballo na aula, ofrecer un mapa provisional da literatura galega contemporánea, facilitar un foro de reflexión a respecto da perspectiva literaria máis recente e incidir en prácticas que posibiliten a estimulación creativa escrita do alumnado.

En 2011 a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) abría unha nova porta, a Xornada de Literatura e Ensino, dentro da casa común que abeira o seu Espazo Didáctico, vinculada á necesaria reflexión sobre a relación comunicativa entre escola, literatura e pensamento/expresión creativa, que, desde perspectivas actuais, dinámicas e próximas á realidade vivencial do alumnado e mais do profesorado, reactualizase a pedagoxía da literatura de noso nas aulas.

Analizar o presente literario na escola, cada vez menos presente nos currículos escolares oficiais; adecuar a diversidade metodolóxica literaria aos novos tempos educativos; concienciarse da necesidade de estimular creativamente, na escrita, o alumnado; reflexionar sobre os criterios de selección e o estabelecemento de canons literarios orientativos para o ensino da literatura; partillar e debater directamente sobre orientacións e estratexias de achegamento literario para a infancia e a mocidade, da man dos escritores e escritoras da literatura galega contemporánea ou valorar a literatura galega, a través da súa historia, como unha ferramenta clave para a adquisición da necesaria competencia lingüística adaptada a cada nivel/etapa educativa, foron algúns dos obxectivos que guiaron os pasos transitados nas sucesivas edicións das xornadas.

Programa

Café para tres
9:30 – 11:30
Como explicar a historia da literatura galega desde o século XXI?
Dolores Vilavedra
Isaac Lourido
Teresa Seara

Sesión vermú
11:30 – 13:30
Ficcións narrativas para conquistar novos públicos.
Xosé Monteagudo
Ledicia Costas
Xosé Duncan

Sobremesa en acción
16:00 – 18:00
Obradoiros literarios con propostas de textos contemporáneos para as aulas
Rosalía Fernández Rial (teatro / poesía)
Antía Otero (poesía / videocreación)
Francisco Castro (narrativa)

Hora da merenda
18:00 – 20:00
Que literatura galega nos piden os tempos?
Camilo Franco
Helena González
Álex Alonso

*

Obxectivos
– Achegar ao profesorado experiencias novidosas para o seu traballo na aula.
– Ofrecer un mapa provisional da literatura galega contemporánea.
– Facilitar un foro de reflexión a respecto da perspectiva literaria máis recente.
– Incidir en prácticas que posibiliten a estimulación creativa escrita do alumnado.

cartel-vxornliteraturaensinoaelg2016

Letras en familia, por Armando Requeixo

DesdeArmando Requeixo 2015 Criticalia, de Armando Requeixo:
“(…) Galicia tamén deu ao mundo familias literarias de mérito. Só cómpre lembrar o rexionalista Uxío Carré Aldao e os seus tres fillos Uxío, Leandro e Lois Galo Carré Alvarellos; os irmáns Antón e Ramón Villar Ponte, fundadores e destacados persoeiros das Irmandades da Fala; Vicente Risco e o seu fillo Antón; Álvaro Cunqueiro e o seu fillo maior César; Fermín Bouza Trillo, o seu fillo Bouza-Brey e o seu neto Bouza Álvarez; e, mais nos nosos días, os irmáns De Toro (Suso, Xelís e Antonio Raúl), Villar (Miro e Rafa) ou Valcárcel (Xulio e Xesús Manuel), Xosé Luís Méndez Ferrín e María Xosé Queizán e as poetas Cristal Méndez Queizán e Oriana Méndez; Uxío Novoneyra e a súa filla Branca; Roberto Vidal Bolaño e o seu fillo Roi Vidal Ponte ou, por non ser prolixo, as Brontë galegas, as tres irmás poetas Andrea, Lara e Marcela Porto Mato.
Agora ben, se hai un caso entre nós que destaca pola súa admirable recursividade ese é o da familia Álvarez, insólita saga recollida no libro Escolma de familia (2000). Unha historia literaria que se remonta ao século XIX co bisavó dramaturgo e ensaísta Emilio Álvarez Giménez, que pasa polo avó poeta Xerardo Álvarez Limeses, os seus fillos Emilio e Xosé María Álvarez Blázquez ―polígrafo consumado que tiña un curmán, Emilio Álvarez Negreira, tamén escritor― e os fillos deste, Afonso, Xosé María e Celso Álvarez Cáccamo, poetas e narradores.”

Conversa con Xesús Constela, Ledicia Costas e Álex Alonso en Pontevedra Viva Radio

Desde573d7ddc23-20160513-patxot-conversas-na-ferreria-escritores-gallegos-radio-013 Pontevedra Viva Radio:
“Con motivo da celebración das Letras Galegas, miramos precísamente a “este material” co que traballan os nosos convidados de estas Conversas na Ferrería. Sobre literatura actual en galego falamos cos escritores Ledicia Costas, Xesús Constela e Alex Alonso. Pode escoitarse aquí.”

Actividades destacadas na Feira do Libro de Bos Aires para o venres 6

DoFeira Libro Bos Aires Compostela cidade convidada 19 de abril ao 9 de maio desenvólvese en Bos Aires a Feira do Libro, onde Santiago de Compostela é a cidade convidada neste 2016. A AELG está representada por Cesáreo Sánchez Iglesias e Ledicia Costas, como presidente e vogal da AELG respectivamente.

Dentro do programa completo da delegación galega, destacamos as seguintes actividades para o venres 6 de maio:
18:30 h. Voces galegas. Conferencia de Miguel Anxo Fernán-Vello. Federación de Asociaciones Gallegas de Argentina.
19:00 h. Un futuro para a literatura galega. Coloquio con Xavier Queipo e Diego Ameixeiras. Stand.
19:30 h. Presentación do libro-CD O viravai (Galaxia). Teatro Valle-Inclán do Centro Galicia.
20:30 h. Cociñando con Benigno Campos (Galaxia). Presentación do libro co autor acompañado por Nelly Espiño, Carlos Brandeiro e Xavier Alcalá. Sala Leopoldo Lugones (Pavillón amarelo).

Actividades destacadas na Feira do Libro de Bos Aires para o venres 29

DoFeira Libro Bos Aires Compostela cidade convidada 19 de abril ao 9 de maio desenvólvese en Bos Aires a Feira do Libro, onde Santiago de Compostela é a cidade convidada neste 2016. A AELG está representada por Cesáreo Sánchez Iglesias e Ledicia Costas, como presidente e vogal da AELG respectivamente.

Dentro do programa completo da delegación galega, destacamos as seguintes actividades para o venres 29 de abril:
11:00 h. A literatura galega hoxe. Encontro de escritores e intelectuais. Con Xesús Alonso Montero, Fina Casalderrey, Víctor F. Freixanes, Luís González Tosar, Graciela Morgade, José Luis Moure, Graciana Vázquez Villanueva e Ramón Villares. Facultad de Filosofía y Letras da Universidad de Buenos Aires (sala do Consello Directivo).
18:00 h. Lecturas compostelás. Con Clara Gayo. Stand.
19:30 h. O tempo das mareas. María Casares e Galicia (Consello da Cultura Galega). Coa autora, María Lopo, xunto a Ramón Villares e Xesús Alonso Montero. Federación de Asociaciones Gallegas de Argentina.
19:30 h. Conferencia sobre o Centro Partido do Carballiño e Emilio Nogueira, por Luís González Tosar. Na Asociación Centro Partido do Carballiño.
20:00 h. A literatura infantil e xuvenil en Galicia. Con María Solar e Elena Gallego. No Stand.
21:00 h. Proxección de A esmorga, dirixida por Ignacio Vilar. Sala Gaumont.

A idade adulta? da fantasía en galego, por Xosé Duncan

ArtigoXosé Duncan de Xosé Duncan en Lermos.gal:
“(…) O que podedes ler a continuación non é unha entrevista nin unha reportaxe (por isto de non caer na monotonía) senón, máis ben, unha reflexión. Levoume a ela varias cousas. A primeira é a miña constante teima de me queixar do reducido número de lectoras e lectores que hai en galego; a segunda, a convicción que temos algúns sobre o menosprezo do xénero fantástico e, a última, os éxitos que están a ter grandes escritoras e escritores no campo da LIX galega e que fan que miremos, aínda máis, cara os marabillosos cadernos ilustrados concibidos para as crianzas. Digo ‘aínda máis’ porque non é a primeira vez que esta reflexión me vén á cabeza.
Tería que volver a vista atrás catro ou cinco anos cando, antes da aparición de Contos Estraños e do selo Alcaián de Urco Editora, se me dera por analizar a presenza nas librarías e nas feiras da fantasía en galego. Nesa época podíase constatar a fortaleza que tiña Kalandraka no ‘albúm ilustrado’ para o público infantil e a aparición esporádica dalgún que outro título nalgunha que outra editorial (case sempre xustificado por un certame creado con tal fin). A escena non era outra que a literatura fantástica en galego era sinónimo de LIX (Literatura Infantil e Xuvenil) malia que, por desgraza, tirando máis a infantil que a xuvenil. E non o digo como desprestixio nin crítica senón como consecuencia de considerar que a masa lectora adolescente ten unha maior comprensión que a necesaria para ler Gerónimo Stilton ou, mesmo, Os cinco. E tampouco o digo por ter unha estima desmedida pola mocidade actual (en xeral), senón porque así debería ser xa que, hoxe en día, a súa antiga cota de mercado está ocupada pol@s nov@s preadolescentes. Si, esa rapazada que o sistema se empeña en lanzar ao consumismo voraz cada vez con menos idade.
Considerando que isto é certo, calquera podería supoñer que esa masa adolescente constitúe un mercado de moito peso e importancia. E non só iso senón que, ademais, deberíase subir o listón da comprensión lectora e supoñer que con dezaseis aniños cumpridos, e sendo fans de sagas como Crepúsculo, Os xogos da fame e/ou Diverxente, malo será que non queiran facer uso da LIX até niveis case de adultos (como por idade, hormonas, neuronas e entendemento lles correspondería). (…)”

Mario Regueira: “Nos primeiros momentos da guerra consúmase a destrución de todo o escenario editorial precedente na Galiza”

EntrevistaMario Regueira a Mario Regueira en Sermos Galiza:
“(…) En xaneiro de 2015 defendeu a súa tese de doutoramento, A narrativa na reconstrución do campo literario de posguerra. Repertorios e imaxinario nacional no proxecto de Galaxia. Nesta entrevista, fálanos do contido da súa tese.
(…) – Sermos Galiza (SG): Que foi o que o levou a elixir a narrativa galega entre 1936 e 1966 á hora de abordar a súa tese?
– Mario Regueira (MR): O meu interese inicial era o panorama da narrativa de posguerra. En parte, porque sempre considerei que os seus repertorios e o conflito político ao que ían ligados eran bastante específicos e non tiñan un correlato evidente noutros contextos peninsulares. Porén, ao comezar a tese tiven que facer dúas matizacións. A primeira, situar en 1936 a gran modificación no campo literario galego. Como é sabido, na Galiza non houbo fronte, e xa nos primeiros momentos da guerra se consuma a destrución de todo o escenario editorial precedente.
A literatura que se publica durante o conflito ten unha serie de características que a fan relevante para o que vai acontecer despois. Se cadra o máis destacábel é que existe unha mínima permisividade por parte das autoridades franquistas cara a estas obras, sempre que non se movan dun contido lírico ou folclórico. Comeza, deste xeito, a caracterización da cultura galega nuns termos rexionalizadores e que apelan a elementos supostamente inherentes ao pobo galego, unha caracterización que non deixa de ter fortes connotacións coloniais. A segunda matización que realicei foi fixar dúas etapas na posguerra, cunha fronteira fluída e que pode localizarse entre os anos 1963 e 1966, coincidindo cun relaxamento das políticas represivas da ditadura e cun momento no que o proxecto de Galaxia comeza a consolidar o seu poder simbólico. (…)
– SG: Na tese defende que a configuración das fronteiras do campo literario galego neste período segue vixente a día de hoxe. Por que?
– MR: Dentro da propia Galaxia, que nos seus primeiros anos publica varias obras en castelán, existen vacilacións respecto do que se considera literatura galega. Piñeiro e Fernández del Riego valoran en distintas fontes as posibilidades de fixar un criterio territorial (que incluiría autores como Valle-Inclán ou Pardo Bazán), repertorial, baixo o que se consideraría literatura galega aquela que se axustase ao programa étnico do que falamos antes, ou filolóxico. As novas voces, pola súa parte, sempre farán unha defensa fechada do criterio filolóxico, en parte porque é o que mellor pode combater a asimilación rexionalizadora que propugna unha parte da crítica literaria franquista.
A propia Galaxia acaba aceptando o criterio filolóxico nun proceso longo, que comeza cun par de antoloxías de poesía que aparecen en 1955 e que queda indiscutibelmente fixado en Historia da Literatura Galega Contemporánea de Ricardo Carvalho Calero, en 1963. Ese criterio, que marca as fronteiras do campo literario galego en función da lingua, segue sendo maioritariamente aceptado nos nosos días. É certo que a súa validez é impugnada ciclicamente e, aínda que non existe unha razón científica para defendelo (como se ten dito algunhas veces), creo que é relevante analizar o seu proceso de conformación e destacar as súas raíces como unha ferramenta de anti-colonial que ten un papel relevante na resistencia da cultura galega a ser asimilada polo centralismo.”

Mario Regueira estuda a narrativa de posguerra

DesdeMario Regueira o Diario Cultural da Radio Galega:
Mario Regueira estuda a narrativa de posguerra na tese A narrativa na reconstrución do campo literario de posguerra. Repertorios e imaxinario nacional no proxecto de Galaxia: “Existen determinadas inercias interpretativas a respecto da historia da literatura galega e da editorial Galaxia”. A entrevista pode escoitarse aquí.”