Arquivo da categoría: Teatro
A Coruña: intervención artística A marabunta
A Coruña: XXII Memorial Ibán Toxeiro
Compostela: Manancial de fantasía, de Alentía Teatro
“Invisibles: a cara máis “útil do teatro” fronte ao maltrato e o silencio”
Artigo de Alberto Ramos en Praza Pública:
“A arte, como brazo armado da realidade, sempre atopará artillería pesada na fauna e no seu reino. Entre as bestas, adormecen as metáforas perfectas para explicármonos cunha exactitude máis propia da biofísica que da literatura. Por iso, non hai mellor coiraza contra os agravios que a pel do rinoceronte. Nin mellor imaxe có cardume que, guiado polas correntes, nos cerca a conduta como colectivo social. E mesmo hai quen asegura que “se metes unha ra na auga moi quente, porá todas as súas enerxías en pegar un chimpo para salvar a vida; pero se a metes en auga fría e logo vaslla quentando, morre na auga fervendo sen decatarse do perigo”.
Así funcionan os mecanismos do maltrato e dese xeito explícao unha das protagonistas de Invisibles, libro no que a xornalista Montse Fajardo recompilou sete historias reais de vítimas da violencia de xénero. Eses relatos, editados en 2017 por Edicións Matriarcas e o Concello de Pontevedra, gañarán formas e volumes na escena grazas a Redrum Teatro que, en coprodución coa Concellería de Igualdade de Pontevedra e o Centro Dramático Galego, estrea a súa adaptación escénica. Baixo a dirección de Marián Bañobre e coa interpretación de Mela Casal, Sheyla Fariña e Nieves Rodríguez, Invisibles estréase no Teatro Principal de Pontevedra o vindeiro xoves 15 de novembro, tras celebrar a preestrea o martes 13 no Auditorio Municipal de Catoira.
“Descubrín o libro a través de Llerena Perozo, quen o recomendaba nas redes sociais. Dicía que debería ser de lectura obrigada nos institutos. Achegueime así ao Invisibles de Montse Fajardo e vin clara a posibilidade de levala a escena. Aí había historias para o teatro”, sinala Sheyla Fariña, a actriz que impulsou un proxecto escénico que, xa na recta final dos seus ensaios no Auditorio de Catoira, define como “unha montaxe que amosa á realidade concreta da violencia de xénero sufrida por sete mulleres, pero que cuestiona ao mesmo tempo a invisibilidade. Pregúntase que é o verdadeiramente invisible nesta lacra social”.
Así, a invisibilidade maniféstase nunha sociedade que tende a autoprotexerse ao agochar, en palabras de Fariña, “o maltrato de base e o machismo imperante”. Unha sociedade, ademais, que durante moito tempo tentou evitar e segue a evitar tratar en público determinadas cuestións, o cal empurra as vítimas “ao sentimento de vergoña, á culpabilidade, á incomprensión e ao silencio”, elementos que se reflicten na obra de Fajardo e que se trasladan á súa adaptación teatral do mesmo xeito que se recolle unha idea fundamental: non hai ninguén que dea o perfil para o maltrato. Non hai un estamento social definido, nin unha profesión, nin un ámbito concreto nin unha franxa de idade propensa. “Por ese motivo, para levala a escena, facía falla contar con tres actrices diferentes que representasen tres xeracións distintas para reflectir esa falta de perfil, que quede clara a idea de que lle acontece a calquera”, destaca Fariña. É dicir, calquera pode ser ra sen decatarse de como a temperatura da auga vai en aumento. Ao cabo, nesa súa transparencia agóchase a invisibilidade. (…)”
Hemeroteca: Entrevista a Gustavo Pernas Cora
Desde Erregueté:
“No número 44 (outono 2005) da erregueté | Revista Galega de Teatro, publicabamos esta entrevista co recentemente falecido Gustavo Pernas Cora. Daquela, acababa de recibir o Premio Rafael Dieste pola súa obra Final de película, e preparaba a montaxe da mesma. Queremos recuperar aquí este texto que amosa o compromiso, a lucidez e o fondo sentido crítico dun grande home de teatro prematuramente desaparecido e cuxa obra está chamada a perdurar e exercer de estímulo ás novas xeracións. Sirva esta pequena peza como homenaxe de todxs xs que facemos a erregueté. (…)
– Revista Galega de Teatro (RGT): Como cres que determinan os premios de teatro aquí e agora a traxectoria dun autor? E dun director de escena?
– Gustavo Pernas (GP): No que respecta á publicación, esa dimensión que é necesario potenciar na nosa dramaturxia, a presenza real do texto na forma dun libro, preserva a este do circunstancial e lle garante un futuro, un futuro imperfecto, claro, pero con visos de permanencia, aínda que sexa en algún fondo soterrado ou andel agachado de biblioteca. Pero non nos enganemos, no noso país funcionan mellor as casualidades que as causalidades. A lei causa-efecto non é de aplicación fácil en Galicia. A repercusión do premio a nivel de posta en escena é moi relativa, se ben a financiación está garantida polas características propias do premio, concorren entre a obra e o público demasiadas condicións e demasiados intermediarios. A experiencia que tivemos con Footing non foi positiva neste sentido. Chegado un momento, á hora da distribución da montaxe, mesmo nos planteamos en Áncora Produccións, nosa compañía, se sería conveniente ou aconsellable publicitar que fora premio Rafael Dieste, porque comprobamos que en moitos sitios isto non era recibido con bo criterio, que eran máis os castigadores, dispostos a desmerecer ese feito e a crear obstáculos, que os que dun xeito san e lóxico correspondían a ese valor de produción. Estou convencido de que ese certo caracter mesquiño e envexoso, ese cainismo, esa propensión ao ninguneo é un dos principais atrancos para o crecemento deste país. E sen ir máis lonxe, nas subvencións do IGAEM deste ano, dase o paradoxo de que se considera o proxecto Final de película de “especial interese”, pero se lle asigna á compañía unha puntuación menor cá de anos pasados e unha contía económica moito menor cá doutros espectáculos calificados coa mesma categoría pero cunha traxectoria moito máis escasa cá nosa. Deseguida veñen as rebaixas. En fin, país veredes.
– RGT: Falemos da obra. Final de película é un texto perfectamente medido, acabado en tódolos aspectos co que (opino eu) demostras e corroboras definitivamente un talento coma escritor dramático que redondea definitivamente aquela característica túa de “home de teatro total”. No texto lemos factores que pertencen á túa linguaxe escénica persoal, pero tamén hai novidades, sobre todo canto á estrutura e á contención. A que vontades responde a construción da obra? Que retos persoais te propuxeches?
– GP: Agradézoche esas observacións. Como ben sabes, mesmo aquilo que debe aparecer como algo casual, nesa sá competencia co mestre azar, da que falabamos, supón un traballo minucioso e delicado. Gústame a analoxía de facer encaixes de Camariñas. Non é suficiente con mirar como cae a pedra na auga, é preciso pescu- dar nas pequenas ondas que se producen e xogar a alterar o impacto, a traxectoria…
Non sei, practico este exercicio de desenvolver a estrutura sobre a liña horizontal e argumental entre o clásico principio e final trenzándoa con eses ciclos ou círculos concéntricos que modifican e afectan a progresión dramática. Así somos na vida real, ¿non?, aparentamos ser sinxelos, pero agachamos unha complexidade… ou viceversa. Isto mesmo lles acontece aos personaxes de Final de película. Desta vez coloquei a seis personaxes nunha sala de cine, unha pequena sala na que se proxectan películas de madrugada, con moi poucos espectadores, asistidos por un acomodador cego. Os espectadores son solitarios, sentan de un en un, e pertencen a diferentes xeracións, mesmo por momentos, tres deles semellan formar parte dunha familia, un pai, unha nai, un fillo, cos seus conflitos habituais, os de hoxe en día. Pois ben, cando a película esta a punto do clímax, a proxección interrómpese e os espectadores xogan a lanzar hipóteses sobre o final, opinións que os enfrontan e os empuxan a implicarse persoalmente. A aparición doutro personaxe, unha inmigrante colombiana, que garda similitudes coa protagonista da película, conduce a trama polo camiño do drama ou do thriller até ir conformando todos eles a súa propia película cun final imprevisto. É esencial nesta obra o tema da familia, esa célula representativa da nosa sociedade, sempre nun difícil equilibrio de convivencia, chea de pequenos vicios e virtudes, en constante combate xeracional, a punto de fragmentarse, célula exposta a diversas infeccións, a ameazas reais e ao medo que utilizan como valor de cambio os políticos. E fronte ao familiar, a figura do estranxeiro, do inmigrante, pode aparecer coma un chivo expiatorio, un falso culpable que cohesiona transitoriamente a familia. Trátase da hipocresía de sempre servida na bandexa de deseño da sociedade moderna, sofisticada, enganosa, tramposa coa linguaxe e as formas. En Final de película persisto en deixar ocos para que xogue o espectador, en xogar máis co que se cala que co que se di, en suxerir, en apuntar… Non esquezamos que os protagonistas son os espectadores e que moitas veces ven máis sombras que luces. (…)”
Salceda: presentación de A formiga fóra do carreiro, de Raquel Castro
A Regadeira de Adela comeza a tempada de outono de microteatro
Desde Erregueté:
“A Regadeira de Adela comeza a tempada de outono de microteatro en Compostela. Este xénero que vén collendo auxe, e cuxo principal expoñente na bisbarra é o local compostelán, ofrecerá este ano once pezas.
O local foi ademais renovado. Os xestores pintárono buscando un espazo mais minimalista “que permita a creación nun sentido máis amplo. Un espazo máis neutro, que permite que o artista transforme o espazo concretamente para a súa peza: os nosos cuartos adáptanse á historia, á creación”.
A Regadeira de Adela nace en 2012 coa intención de contribuír a seguir construíndo o tecido cultural da cidade. Un lugar aberto aos artistas de Santiago e de toda Galicia e dirixido a espectadores curiosos e amantes das experiencias diferentes.
O programa para este outono é o seguinte:
9 e 10 de novembro
Muller Raíz: Natura que cura
Noemí Pájaro Luna: Teatro máxico
Lucía Cebreiro e Nuria Vil: Baixa Poesía
16 e 17 de novembro
Noelia Toledano: Alicia morreu de sobredose
Josi Lage: Barbárie en branco e negro
Vuelta de Tuerka: 36m3 / 18 noviembre
23 e 24 de novembro
Teatro en Trance / Paula Sanmartín: Desvío
30 de novembro / 1 de decembro
Aula de Teatro do Concello de Teo: Hotel Ramallosa (Teatro en toda a casa).
14 e 15 de decembro
Cavort Teatro: Güeitin for CV
Sen Cancelas Teatro: 2010
Nuria Vil e Charles Rapante: Palabra falada, música experimental e Super8