X Xornada da Sección de Literatura Dramática. VIII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2025. Galiza + Portugal, o 19 de outubro, na Coruña

A X Xornada da Sección de Literatura Dramática. VIII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2025. Galiza + Portugal é unha actividade organizada pola AELG co apoio do Concello da Coruña, CEDRO, Deputación Provincial da Coruña e Camões-Centro Cultural Portugués em Vigo.

As Xornadas da Sección de Literatura Dramática da AELG naceron con vocación de poñer en foco unha das manifestacións artísticas máis senlleiras e estratéxicas dun sistema literario e dunha cultura de seu.
Desde sempre, as artes vivas, especialmente o teatro e tamén a danza, utilizan o movemento, a emoción e, en moitos casos, a acción verbal, a palabra, para contestar, reivindicar, apuntar ou interrogar á comunidade que congregan sobre aspectos fundamentais da actualidade.
Co paso do tempo, démonos conta de que o impulso necesario debía poñerse no apoio e fomento de novos proxectos escénicos a través dunha convocatoria e mostra dos mesmos, dentro dunha xornada para compartir, analizar e debater. Así naceu, no seo das xornadas, o Festival Pezas dun Teatro do Porvir: Galiza + Portugal. Trátase dun festival único en Galiza para impulsar e analizar pezas que están en proceso de creación e que buscan abrir e compartir ese proceso con outras persoas, cun público, e con especialistas en artes escénicas. Ao mesmo tempo, tamén se procura tender pontes, dentro do Eixo Atlántico peninsular, coa veciña Portugal.
En todas as edicións deste evento sempre puxemos especial atención en dedicar un espazo para traer algunha personalidade relevante do mundo das artes escénicas que nos brinde o seu coñecemento sobre algún aspecto candente ou de actualidade. Ademais, esa personalidade tamén é convidada a ver e, se así o considera, intervir nas conversas de análise sobre cada un dos proxectos escénicos seleccionados, participando, incluso, no Xurado que vai valorar a posibilidade de premiar cunha estrea nun teatro algún dos proxectos presentados no Festival.

Por tanto, dentro do programa incluímos unha Masterclass sobre un tema relevante. Para esta edición de 2025 propomos o tema “Dramaturxias que urxen”.
Estamos nun momento no que a realidade volve superar con creces calquera ficción, sementando a “distopía” e o medo. Velaí as guerras, ás portas de Europa, o xenocidio palestino, o ascenso das ultra-dereitas ameazando o progreso e os dereitos humanos fundamentais. Fronte a todo isto, que lugar ocupan as artes escénicas? A dramaturxia é a disciplina que analiza, estuda e formula espectáculos. Inclúe a escrita de textos teatrais; a adaptación de materiais diversos para facer con eles un espectáculo de teatro, danza, circo ou unha mestizaxe de modalidades escénicas; inclúe a crítica e análise de espectáculos; inclúe a programación dunha compañía, dun teatro ou dun festival, xerando, a través desa programación un relato que nos interpele. A dramaturxia non é unha, é múltiple e diversa, porque, dalgún xeito, pode ser considerada a enxeñaría das artes escénicas. Así pois, volve ser o momento para preguntármonos cales son as dramaturxias que urxen neste momento?
Para iso, a nosa convidada de honra é Fefa Noia, directora teatral e dramaturga cunha relevante traxectoria no mundo do teatro. Así pois, vai ser un luxo poder contar coa súa presenza e aprender e desfrutar da súa sabedoría.

VIII FESTIVAL PEZAS DUN TEATRO DO PORVIR, GALIZA + PORTUGAL 2025
Estímulo para as creadoras e creadores que, nestes momentos, están a escribir ou a bosquexar algún tipo de peza para os escenarios. Cómpre facilitar, visibilizar, abrir espazos de encontro para compartir eses procesos de creación e para encontrar unha complicidade e un diálogo que poida potenciar esas pezas en construción. Ademais, queremos procurar o diálogo coas inquedanzas que, neste ámbito, podemos compartir coas dramaturgas e dramaturgos de Portugal, reforzando os lazos de irmandade que se remontan á orixe común da nosa lingua.
Nesta oitava edición do festival acollemos 7 proxectos (4 galegos e 3 portugueses), que serán amosados e compartidos en público.
Desa selección, logo das presentacións no VIII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2025: Galiza + Portugal, a comisión organizadora da AELG, con Afonso Becerra, Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro da Coruña, e Célia Guido Mendes, en representación do Camões-Centro Cultural Portugués em Vigo, contando co voto emitido polos propios participantes, premiarán proxecto(s) coa posibilidade da súa estrea posterior. Non obstante, este premio podería quedar deserto, se o xurado así o considerase.

Terá lugar o domingo 19 de outubro de 2025 no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. A entrada é libre e gratuíta para calquera persoa interesada que queira acudir como público.

PROGRAMA

DOMINGO 19 DE OUTUBRO DE 2025

No Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Entrada libre.

10:00 h. Apertura da Xornada a cargo de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e representantes das institucións colaboradoras.

VIII Festival Pezas dun teatro do porvir, Galiza + Portugal. Procesos abertos de escrita dramática (mañá).
– 10:30 h. Filipe Amorim. As Maçãs que Eram Pêssegos.
11:00 h. Intervalo.
– 11:15 h. Fernando Tato. Rocky e a man máxica de protección.
– 11:45 h. Intervalo.
– 12:00 h. Bengala Teatro. Alicia Wants To.
– 12:30 h. Intervalo.

– 12:45 h. Aula maxistral Dramaturxias que urxen, a cargo de Fefa Noia.

VIII Festival Pezas dun teatro do porvir, Galiza + Portugal. Procesos abertos de escrita dramática (tarde).

– 16:30 h. Daniel Pereira e Rodrigo da Cunha. Boneca.
– 17:00 h. Intervalo.
– 17:15 h. Tiago Alves Costa. Não é assim tão alto como dizem.
– 17:45 h. Intervalo.
– 18:00 h. Uxía Algarra. Gracias por su visita.
– 18:30 h. Intervalo.
– 18:45 h. Diana Sieira. A voz interior.

– 19:30 h. Inicio do proceso de deliberación, por parte do Comité de Selección do Festival, formado por Afonso Becerra de Becerreá, Vogal de Literatura Dramática da AELG, Xosé Paulo Rodríguez, Director do Teatro Rosalía Castro da Coruña e Membro da Xunta Directiva de La Red do Estado español, Célia Guido Mendes, en representación do Camões-Centro Cultural Portugués em Vigo;  contando cos votos emitidos polas/os creadoras/es dos proxectos escénicos presentados, que será dada a coñecer nos días seguintes á Xornada.

Información sobre protección de datos
A responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Compostela: actividades do 12 de outubro na SELIC 2025

Compostela: actividades do 4 de outubro na SELIC 2025

Compostela: Festival de Filosofía de Galicia. Sexo e filosofía

Máis información e inscrición aquí.

Monforte: actividades do 23 de agosto na Feira do Libro 2025

Monforte: actividades do 21 de agosto na Feira do Libro 2025

Manuel Lourenzo: Séculos a escribir teatro

Entrevista de Afonso Becerra a Manuel Lourenzo en Erregueté:
“(…) – Erregueté (E): Pero a onde quero ir chegar é que che acaban de dar o Premio da Cultura Galega non de teatro ou de literatura dramática, senón das Letras.
– Manuel Lourenzo (ML): A min tamén me sorprendeu. Será para darme o premio como escritor. Debe ser porque publiquei as supostas obras completas, con seis tomos… Ao mellor é por iso. Tamén é para meterme nese estatuto, aí nas letras, veña… a traballar soíño!
En todo caso, acólloo con agradecemento e con orgullo, porque é resultado do traballo de toda unha vida, dedicado sempre ao mesmo, escribindo sobre o que eu máis quero, sobre o país, sobre a xente. Eu amo á xente, entendes?
Sempre gostei da literatura, aínda que o meu sexa o teatro, sempre escribín moreas de obras, aínda que soubese que non se ían poñer en escena. Nunca fixen ningunha xestión para que os meus textos se puxesen en escena. Se algún día lle interesan a alguén que os poñan. O meu traballo é escribilas e algunhas delas escribinas para facelas eu, porque me interesaban, por exemplo Xoana, a que chaman a tola, a de Castela, cando os tolos eran o pai e a nai e non ela, sobre todo a nai e logo dicían “Juana la loca”. Non señor! “Isabel la loca!” E eu quixen falar diso, á miña maneira. Hoxe faríao con moita máis violencia, porque teño máis coñecemento e lin máis cousas sobre Xoana.
A min pásame unha cousa: o teatro que chamamos clásico, da Grecia clásica, Shakespeare, Cunqueiro, está continuamente fluíndo en min e eu estou volvendo a el. Porque sempre penso que esquecín algo alí, que hai unha riqueza que non souben ver. Pero tamén hai autores novos que aparecen, que me tolean a cabeza e que necesito ir a eles constantemente. Por iso teño dúas bibliotecas enormes, con autores que non me dá tempo a reler todas as veces que eu necesitaría para telos ben incorporados. E despois, teño a sorte de ser deste país, no que hai unha tradición oral moi importante e eu tiven a sorte de nacer nunha aldea e vivir alí até o bacharelato, entre as montañas e o val, onde todo se contaba, aínda que fose polo baixo, onde a relixión era algo moito máis amplo que a Biblia. E eu fun absorbendo moito de todo iso. E iso ficou perenne en min e volven á miña memoria lembranzas que me poñen a escribir. Eu necesitaría polo menos cen anos máis para escribir todo o que quero escribir. (Risos) Para dicir aínda algunhas cousas que quixera ter tempo de dicir.
Agora, por exemplo, estou a escribir dunha maneira diferente, que vai revolucionar todo o que escribín antes.
– E: Que muda?
– ML: Que non hai referencias nin acoutacións e que, ás veces, hai unha especie de escurantismo en canto a personaxes, en que ás veces é tan colectiva a cousa que… hai que ter vivido noutra época para darse conta do que estás vendo. Misterios da alma humana que saen ao papel. E, se a alguén lle interesa, que os saquen ao escenario.
O caso é intervir, eu fágoo á miña maneira. Un dramaturgo non se xubila e debe seguir intervindo. Máis aínda no meu caso, que son un “traumaturgo”, como fun chamado unha vez por un membro dun xurado. E gustoume iso! (…)”