Entrevista
de Montse Dopico en Praza:
“Nacidas libres, a montaxe da Contraproducións que explora unha fórmula semellante á que tan ben funcionou con As do peixe, non é a súa predecesora. Non o tería doado ao ser, de xeito quizais inevitable, comparada coa auténtica marca de acertos -no texto, nas interpretacións, na posta en escena…- que alicerzou o éxito da primeira.
Mais está claro que segue un mesmo camiño, e non só porque as dúas compartan dramaturgo -Cándido Pazó- directora -Cristina Domínguez- e intérpretes -Mónica Camaño, Susana Dans, Casilda Alfaro e Rocío González-. Ambas conflúen nun mesmo vieiro de ollar, de fronte e desde a perspectiva das mulleres, a verdade do mundo do traballo. Do máis invisible. Coas súas feridas: a desigualdade, os abusos. Malia as preguntas sen resposta. Poñendo o foco, tamén, nos xeitos de resistencia. Nas distintas maneiras, máis e menos recoñecibles socialmente, de loitar pola liberdade e pola xustiza. Sen obviar as contradicións. Coma mulleres normais. Reais. Falamos coas actrices.
– Praza: Como foi o proceso de investigación?
– Mónica: Pois a verdade é que chegaba un punto no que xa non podías ir máis alá. Preguntas que é o que as fai acocharse do mundo e optar por vivir nunha sorte de prisión, e sempre acabas dando co punto da fe. Elas din que son felices e libres. Mais á pregunta de como é esa chamada, responden coa fe, e aí quedas. É algo moi difícil de entender para nós, claro.
– Praza: Con que monxas puidestes falar? Eran de clausura?
– Mónica: Falamos coas monxas de Armenteira, que teñen unha hospedería. En Santiago, coas Oblatas. En Armenteira estabamos alí co resto de persoas aloxadas na hospedaría. Podiamos acompañalas nos rezos, por exemplo. E fomos, menos ao de primeira hora da mañá…
– Rocío: A verdade é que foi unha experiencia. Foi interesante estar alí con elas, ver como se relacionan, tentar achegarnos ao seu modo de vida sen entender a súa escolla, e sen prexuizar. As de Santiago, as Oblatas, traballan ademáis con Vagalume, unha asociación que con mulleres prostituidas. Para min foi moi interesante porque eu, ademais, non tiña nin idea de como era ese mundo: nunca fun a un colexio de monxas…
– Casilda: E estando alí observabas. Por exemplo, mentres o Capelán esperaba, sentado, elas preparaban todo para a Eucaristía. Unha estampa moi familiar: mentres el espera lendo a prensa, ela afánase en preparar a cea.
– Mónica: Si, o Capelán vivía moi ben na hospedería.
– Susana: É o que se ve na función. Elas lavan e pranchan a roupa para eles. Mais, á marxe da cuestión de xénero, que tamén o é, hai que ter en conta que a Igrexa é unha institución moi xerarquizada. Se es Capelán, estás situado nun estrato superior á monxa e tamén ao monxe. Se fose un mosteiro de homes os monxes tamén servirían aos superiores. (…)”
Arquivo da categoría: Teatro
“Criación teatral arredor do país”
Desde
Sermos Galiza:
“Reflexionar sobre a identidade galega en chave teatral. Ese é o obxectivo do primeiro Grupo DramaturXa, unha experiencia en que dez autoras e autores desenvolverán cadansúa peza teatral a partir do traballo individual e colectivo. Das obras resultantes, tres han de ser escollidas para levar a escena en produción propia do Centro Dramático Galego, impulsor da iniciativa xunto coa Asociación Galega de Dramaturxia DramaturGA.
A listaxe coas integrantes do grupo de escrita, coordinado polo escritor e director escénico valadourés Manuel Lourenzo, publicarase o vindeiro 9 de febreiro. Este xuntarase durante seis meses no Salón Teatro de Santiago de Compostela, en horario de 10 a 15 horas, duás veces ao mes. As persoas interesadas en entrar no proceso de selección, responsabilidade dunha comisión constituída por profesionais do sector, poden enviar as súas solicitudes até o 22 de xaneiro, seguindo as instrucións que se indican no web www.centrodramatico.gal.
“Un teatro forte para un país forte”
O célebre dramaturgo Manuel Lourenzo será o encargado de asesorar os dez creadores. O valadourés explica que tentará abordar o tema central da identidade nacional abrindo unha serie de posibilidades para que cada persoa tome unha ramificación. “Repasaremos elementos fundamentais da identidade, como a lingua, a historia, a expresión política e a relación do teatro con esta”, engade.
O director teatral, cuxa carreira estivo sempre enfocada cara a un teatro galego e contemporáneo que non ignorase as súas raíces históricas e estéticas, gaba a profesionalización do sector nos últimos tempos. Lourenzo, que fundou e impulsou compañías como Casahamlet ou a Escola Dramática Galega, incide tamén na necesidade de que este novo teatro sexa unha expresión artística “de contestación, que integre todas as voces”.
Cun panorama actual de avellentamento, decadencia rural e a crise económica, o dramaturgo pon en valor o papel do teatro como actor social. “O diñeiro non fai todo, porque se queremos un país forte, necesitamos un teatro forte que dialogue de ti a ti, que fale polo país”, conclúe.
Mais iniciativas
A iniciativa do Grupo DramaturXa está enmarcada dentro do programa Dramaturxente de apoio, fomento e promoción da autoría teatral galega contemporánea que o CDG mantén coa Asociación Galega de Dramaturxia DramaturGa. Dentro do mesmo, o CDG porá tamén en marcha este ano outras tres novas iniciativas.
Así, Teatrhoxe será a denominación dun apartado específico na nova web do Centro Dramático Galego, onde cada tres meses se publicará unha reflexión escénica ou pequena peza teatral de autoría galega, mentres que Lanzadeira porase a disposición dos creadores, a través dunha convocatoria pública, para presentar ou facer unha lectura dun fragmento das súas obras inéditas. Ademais, un dos talleres formativos desta temporada estará orientado especificamente á escrita teatral.”
Compostela: Noite de Música e Palabra Solidaria Implícate 2018
III Mostra de teatro afeccionado do Val Miñor e Oia. Do 14 ao 28 de xaneiro de 2018
A partir do vindeiro domingo 14 de xaneiro o Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar acollerá a III Mostra de teatro afeccionado do Val Miñor e Oia.
Organizado polo Instituto de Estudos Miñoráns co apoio do Concello de Gondomar, ten como obxectivo fomentar e coordinar actividades dirixidas a potenciar tanto a creatividade teatral como a representación.
A programación constará dun total de cinco pezas teatrais interpretadas por Bertorella, A xesta vermella, Pritis- Guomis, A Moura e Os cabalos rosas brincan no patín.
A entrada será gratuíta e para todos os públicos.
PROGRAMACIÓN
DOMINGO 14 DE XANEIRO- 18.00 H
* Os pintores clónicos, representada por Bertorella de Morgadáns.
SÁBADO 20 DE XANEIRO- 20.30 H
* Pola culpa de Gayoso, representada por A xesta vermella de Borreiros.
DOMINGO 21 DE XANEIRO- 18.00 H
* Pataclown, representada por Pritis- Guomis de Gondomar.
SÁBADO 27 DE XANEIRO- 20.30 H
* Tecendo mentiras, representada por A Moura de Chaín.
DOMINGO 28 DE XANEIRO- 18.00 H
* O espantallo, representada por Os cabalos rosas brincan no patín de Viladesuso.
Os Monicreques de Kukas levan ás táboas do Salón Teatro a obra coa que Roi Vidal gañou o Barriga Verde
Desde
o Agadic:
“A histórica compañía compostelá Os Monicreques de Kukas presenta esta semana no Salón Teatro de Santiago Réquiem por un monicreque, montaxe que leva ás táboas o texto polo que Roi Vidal Ponte obtivo en 2016 o premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques (modalidade para público adulto) convocado pola Agadic.
Trátase, ademais, dun dos 31 espectáculos adxudicatarios en 2017 das subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais á produción escénica galega.
Isabel Rei dirixe esta proposta, que poderá verse na sede compostelá do Centro Dramático Galego (CDG) do 11 ao 14 de xaneiro (de xoves a sábado, ás 20,30 h., e o domingo, ás 18,00 h.), ademais de ofrecer dous pases matinais para centros escolares o xoves e o venres.
A obra de Vidal Ponte, quen tamén colabora coa montaxe como asistente de dirección, parte dun suceso histórico operístico (un crime sucedido na Scala de Milán en 1968 ao finalizar a representación de Romeo e Xulieta) para indagar con ironía na relación entre o escénico e o extraescénico, homenaxeando os oficios técnicos do teatro e observando o rol do espectador de xeito provocador e irreverente.
Misterio tras o pano
Para o espectáculo, Marcelino de Santiago “Kukas” deseñou a recreación dun teatro á italiana, coa típica decoración burguesa do século XIX, no que ten lugar todo un xogo de intrigas e vaidades. A través del, o público non só poderá ver o que sucede sobre o escenario, senón tamén o que acontece entre caixas, nese espazo reservado para os artistas e os técnicos e que, neste caso, agocha varios misterios sen resolver.
O apartado interpretativo e de manipulación das marionetas corre a cargo de Miguel Cabaleiro, Isabel García, Borxa Insua e do propio Marcelino de Santiago, quen tamén deseñou os monicreques e mais o vestiario. A iluminación está asinada por Miguel Cabaleiro e Isabel Rei, mentres que Zoar Ensemble e Paula Rei interpretan para esta montaxe Marcha fúnebre para unha marioneta e Je Veux Vivre, respectivamente.
Venda de entradas
A venda anticipada das entradas para asistir a Réquiem por un monicreque en Santiago está xa activada no web entradas.abanca.com e mais no teléfono 902 434 443. Os días de función poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo.
Marcelino de Santiago “Kukas” e Isabel Rei fundaron en 1979 a que é a primeira compañía galega de teatro con marionetas de Galicia da época actual. Nas súas preto de catro décadas a traxectoria, Os Monicreques de Kukas evolucionou desde as representacións na rúa ata amosar os seus espectáculos de gran formato e con marionetas de complicados mecanismos de creación propia en importantes escenarios de toda Galicia e do resto de España.”
Crónica videográfica da II Xornada da Sección de Literatura Dramática: O papel da literatura dramática no proxecto dun teatro nacional
A
II Xornada da Sección de Literatura Dramática da AELG, baixo o título O papel da literatura dramática no proxecto dun teatro nacional, tivo lugar o sábado 2 de decembro no Quiosco Afonso (Xardíns de Méndez Núñez), na Coruña, unha actividade da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co apoio do Concello da Coruña.
Dentro do seu programa tivo lugar a clase maxistral “O proxecto da Sala Beckett de Barcelona. Obradoiro internacional de dramaturxia e a importancia da autoría teatral nun país como Catalunya”, a cargo de Toni Casares, director artístico da Sala Beckett.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa:
– Intervención de Afonso Becerra, vogal de Literatura Dramática da AELG:
– Clase maxistral de Toni Casares:
– Coloquio:
Vigo: O Nome de Todos os Nomes, do grupo teatral Eu.Experimento
A Coruña: II Xornada da Sección de Literatura Dramática: O papel da literatura dramática no proxecto dun teatro nacional, o sábado 2 de decembro
A
II Xornada da Sección de Literatura Dramática da AELG, baixo o título O papel da literatura dramática no proxecto dun teatro nacional, que terá lugar o sábado 2 de decembro no Quiosco Afonso (Xardíns de Méndez Núñez), na Coruña, é unha actividade da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co apoio do Concello da Coruña.
PROGRAMA
12:00 h. A Literatura Dramática galega na actualidade
Encontro-asemblea das dramaturgas e dramaturgos que forman parte da AELG, así como doutras persoas non pertencentes á AELG que estean interesadas neste ámbito artístico e literario.
18:00 h. O proxecto da Sala Beckett de Barcelona. Obradoiro internacional de dramaturxia e a importancia da autoría teatral nun país como Catalunya.
Clase maxistral a cargo de Toni Casares, director artístico da Sala Beckett de Barcelona.
Os actos serán abertos a todas as persoas interesadas.
A xornada está coordinada por Afonso Becerra de Becerreá, Vogal de Literatura Dramática da AELG.
Culturgal, Pontevedra: actividades literarias destacadas do domingo 3
Do
1 ao 3 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, e con horarios de 11:00 a 21:00 horas o venres 1 e sábado 2, e de 11:00 a 20:00 horas o domingo 3, terá lugar o Culturgal 2017. O prezo das entradas é o seguinte: “a entrada xeral por día ten un prezo de 2 euros, entregarémosche unha pulseira e entrarás e sairás do recinto cando queiras durante ese día. Se queres acceder máis de 1 día, tes unha pulseira de 3 euros coa que poderás entrar e saír durante os 3 días. Nenas e nenos até 12 anos (incluídos) pagan 1 euro por día e 2 euros pola pulseira bono. Menores de 3 anos non pagan entrada.”
As actividades literarias destacadas do programa para o domingo 3 son:
– 11:00 h. Espazo Foro. Conversa con Manuel Núñez Singala ao redor do libro Sacar a lingua é de mala educación. Galaxia.
– 11:30 h. Espazo Libro. Conversa con Eli Ríos ao redor de Luns (Premio Torrente Ballester 2016) e Culpable (Premio López Abente 2017). Con Manuel Bragado. Xerais.
– 12:00 h. Espazo Foro. Presentación da «Rede Scórpio» e entrega dos premios do concurso de narrativa breve. Através Editora-AGAL. Con Xosé Antom Serém, da Através Editora e Óscar Senra, de MaOs Innovación Social, S. Coop. Galega.
– 12:00 h. Espazo Libro. Fernando Osorio do Campo. Unha vida sen treguas (Premio Carvalho Calero 2016, concello de Ferrol). Con Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes, autor. Edicións Embora.
– 12:00 h. Espazo Carpa. A violencia dun sorriso. Implicadas no Desenvolvemento en colaboración co grupo A Panadaría. Recital-performance creado por A Panadaría, baseado nos poemas da autora támil Thamizhachi Thangapandian.
– 12:00 h. Sinatura de Antonio Manuel Fraga. Querido H. P. Lovecraft. No stand de Urco Editora.
– 12:30 h. Espazo Foro. Nova Escola Galega e a Revista Galega de Educación. Con María Dolores Candedo, presidenta, Xesús Rodríguez, director da RGE, Silvia López Gómez (coordinadora de «Aprendendo con videoxogos») e Santiago Fernández Lanza, profesor na Universidade Internacional da Rioxa e colaborador.
– 12:30 h. Espazo Libro. Presentación da plaquette O gran rexeitamento. Flores para Albert Ayler de Daniel Salgado en formato musical con
Alexandre Losada & Luís Garrido. Apiario.
– 13:00 h. Espazo Foro. Corpo de Antiochia. Intervención poética con Tamara Andrés, autora. Galaxia.
– 13:00 h. Espazo Libro. Conversa de Iria Collazo con Berta Dávila, autora de A pel do mundo. Galaxia.
– 13:00 h. Sinatura de Isidro Novo. O tabú na traslenda. No stand de Urco Editora.
– 16:30 h. Espazo Foro. Portugal na Culturgal. Presentación da 4a Semana de convergências Portugal-Galiza. Secretaría Xeral de Política Lingüística. A cidade portuguesa de Braga acollerá -arredor do 24 de febreiro de 2017, Día de Rosalía de Castro- a cuarta edición desta iniciativa colaborativa que impulsan o Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a formación Canto D’Aqui, a Câmara Municipal de Braga e a Junta de Frêguesia de San Vicente co obxectivo de irmandar as dúas beiras do Miño a través da música, da poesía e da palabra. Interveñen: Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, Pedro Dono López, director do Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho, Anxo Angueira Viturro, presidente da Fundación Rosalía de Castro, Uxía, coordinadora da iniciativa, e Jaime Torres, Carlos Moutinho e Filipe Cunha, integrantes de Canto D’Aqui.
– 16:30 h. Espazo Libro. Conversa entre Francisco X. Fernández Naval, autor de Alma e o mar, e Arantza Portabales, autora de Deixe a súa mensaxe despois do sinal. Galaxia.
– 17:00 h. Sinaturas de Manuel Lourenzo González e Tomás González Ahola. No stand de Urco Editora.
– 17:00 h. Espazo Libro. Mulleres bravas. Urco Editora. Maruja Mallo e Xulia Minguillón. Con Elvira Ribeiro, autora, Eva Agra, ilustradora, Andrea Jamardo, editora, e María Lado, presentadora.
– 17:30 h. Espazo Libro. Biodiversidade: cara unha sexta extinción masiva. Presentación da edición en galego. Catro Ventos Editora. Con Isidro Dozo, editor, e Xosé Veiras.
– 18:00 h. César Lorenzo Gil conversa con Ramón Caride sobre O camiño da Estadea. Ao remate, sinatura no stand de Xerais.
– 18:00 h. Sinaturas de Beni Yáñez, Os donos das cinsas, e Santiago Bergantinhos.
– 18:30 h. Espazo Libro. Presentación do libro Catro ventos. Cos editores Cibrán Rico López e Suso Vázquez Gómez e o fotógrafo Javier Fernández Pérez de Lis. Fabulatorio.
– 18:45 h. Espazo Foro. Conferencia «Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo». Con Xurxo Mariño. Xerais. Ao finalizar, sinatura no stand de Xerais.
– 19:00 h. Espazo Libro. Conversa con Marcos Calveiro, autor de O xardineiro dos ingleses» (Premio García Barros), Fran Fernández Davila, autor de A senda de sal (Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia). Co xornalista César Lorenzo Gil. Galaxia.
– 19:00 h. Sinaturas de María Lado, Eva Agra e Elvira Ribeiro. No stand de Urco Editora.
Entrevista a Toni Casares no Diario Cultural
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“”A nosa participación no fenómeno do auxe da dramaturxia contemporánea en Catalunya ten que ver con darlle confianza ao creador”
Toni Casares, dramaturgo e director da Sala Beckett / Obrador Internacional de Dramatúrgia participa na II Xornada da Sección de Literatura Dramática da Asociación de Escritoras e Escritores Lingua Galega. Pode escoitarse aquí.”



