Artigo de Rosa Enríquez na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Entremos xa de cheo na Antígona da dramaturga viguesa. Vexamos como reflicte esas relacións de poder que Elvira intenta subverter, transgredindo as normas do parentesco, da política e tamén da linguaxe. Podemos comezar por Ismene/Aldena, bastante menos interesante que Antígona/Elvira, pero necesaria para dar conta do contraste entre a muller submisa, cómplice do poder masculino, fronte a muller en guerra que representa Antígona/Elvira, co seu carácter irritábel, ardorosa, eroticamente libre, que se expón para situarse nun lugar diferente e asume as consecuencias.
A Ismene, que, na adaptación de Queizán recibe o nome de Aldena, permite ver polo tanto o peso abrumador do deber, que ela asume na súa condición de doente, pasiva e conciliadora. Dobremente dominada, Ismene/Aldena séntese na obriga de compracer ao Estado Creonte/Conde Don Oveco -e á familia Antígona/Elvira, Polinices/Fruela, así é que sofre e permanece no ámbito que se considera propio das mulleres, un espazo fechado, que ralentiza o tempo e a expresividade. Nas sombras só é posíbel o pranto, a recepción da dor e a consecuente aceptación da mesma.
Poderiamos entón ver a Aldena/Ismene como unha santa, alguén que nace para compracer, porque, se os homes son seres para a morte, en palabras de Heidegger, nós, as mulleres, somos seres para suavizar a dura existencia do outro. Isto é así na medida en que a finitude constitúe un drama masculino que dispensa certa “auctoritas”. A convivencia consciente con esa dor inevitábel fai aos homes sabios, ademais de os inducir ao heroísmo, bélico normalmente. A posibilidade de devir heroe provoca o desexo e sempre que o desexo acontece o impulso vital aparece. A historia da literatura ofrece probas evidentes de que ese desexo existe. É máis, creo que esa presenza constante da guerra na literatura, cos seus espazos de realización, exclusivamente masculinos, revelan a construción e reconstrución do imaxinario patriarcal, que, dalgunha maneira pode levarnos a interpretar ese afán de gloria como algo que unicamente pertence aos homes. Sendo isto así, só eles poden glorificarse, como Eteocles, ou caer en desgraza, como Fruela/Polinices. Da utilidade da guerra, do impulso vital que suscita fala Roi, o fillo de Oveco, no I Acto, na cuarta escena da obra de Queizán, cando afirma que serve para “xustificar a razón”, porque “A guerra é o pai de todas as cousas. Pon a todos no seu lugar: uns, arriba e outros, abaixo como debe ser” (…)”.
Arquivo da categoría: Teatro
As adaptacións da Antígona clásica, (a Antígona de María Xosé Queizán), por Rosa Enríquez
Artigo de Rosa Enríquez na Sega:
” “A miña Antígona, chamada Elvira, vive na Idade Media, finais do século XI. (…) -explica María Xose Queizán no prólogo da triloxía teatral, Antígona, A cartuxeira, Neuras– Esta Antígona non se limita a querer enterrar o seu irmán dun xeito particular. Esta Antígona desafía o poder e sae do privado, do feminino, e pretende enterrar o irmán nun acto público e revolucionario. Non permanece na lei escura, na lei da muller, senón que irrompe na lei pública, na lei masculina, e decide contestala. Trátase pois dunha Antígona política”. Con esta aclaración, Queizán pon enriba da mesa o seu desexo de revisar esa Antígona ancestral, imaxinada, no seu inicio por Sófocles, e tantas veces recreada por escritores e artistas de todas as épocas. María Xosé, consciente disto, identifícase como “intérprete” dese personaxe clásico que tanto interese ten suscitado ao longo dos séculos. “Os mitos e a súa trascendencia xeran a dinámica da repetición. Repetir, reincidir, é a base da escrita. Ser escritora consiste en ser intérprete das interpretacións, en palabras de Montaigne”, explica a autora. E leva razón, mesmo cando cremos escribir algo diferente, estamos interpretando. Así aconteceu coa obra do dramaturgo grego. A proliferación de Antígonas nas artes, alén das letras, é unha proba evidente do efecto causado por este personaxe feminino. Aí está a de Garnier, por exemplo, que, como moi ben apunta a viguesa, representa “unha mater dolorosa do século XVI”; a de Romain Rolland, profundamente antibelicista e mesmo “santificada”, dende un punto de vista laico, con ese “vaticinio” sentencioso do francés, que a escritora galega recolle tamén no prólogo e que reza así: “¡Só as mulleres poden salvar a humanidade das mans dos homes!”. As mulleres como salvadoras? Non sei se esta “concesión moral” de Romain Rolland pode interesarnos. Entendo a expresión e o contexto no que se produce. Valoro tamén a concienciación do autor, mais non creo que iso de nos atribuír “a misión” de “salvar os homes”, mesmo “a humanidade” en xeral, sexa unha visión feminista en absoluto. Máis ben semella unha especie de santificación laica de noso, na que, obviamente, o elemento nuclear volven ser eles e as súas necesidades. Daquela, volvo insistir, esta idea da muller como salvadora de homes nin me agrada, nin me parece revolucionaria. Porque o interesante, o realmente necesario, é rachar o núcleo do patriarcado, de xeito que o foco de atención deixe de ser a heterosexualidade masculina.
Non pode haber un único foco. Por iso, no canto de traer aquí a cita de Shelley iso de que “todos somos gregos”, por mor da influencia que esta construción cultural tivo e ten en Occidente, case prefiro afirmar que “todas somos Hipatias”, por exemplo. Ou Antígonas xa que estamos.
María Xosé Queizán: Antígona. A cartuxeira. Neuras, 2008, Galaxia.”
Cee: actividades literarias destacadas na Feira do Libro do xoves 11
O xoves 11 de agosto comeza a Feira do Libro de Cee (na Praza da Constitución), organizada polo Concello de Cee, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
– 11:30 h. Títeres Cascanueces presenta Barriga Verde e o estragapandeiros, baseado en textos de Manuel María.
– 20:00 h. No Museo Fernando Blanco: Concha Blanco e María Canosa presentan Será correcto?, publicado por Hércules de Edicións, e A que altura está o ceo?, de Jorge Mira e María Canosa, publicado por Alvarellos, coa participación de Santiago Garrido.
– 21:15 h. Pregón da Feira a cargo de Jorge Mira.
Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do xoves 4
O xoves 4 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 19:00 h. Presentación de As terapias da Doutora Ledicia, de Raquel Castro, e Moito Morro Corporation, Sociedade Ilimitada de Carlos Labraña, publicados por Galaxia. Presentará o acto o editor Francisco Castro e, durante o mesmo, farase unha pequena representación teatral.
– 19:00 h. Presentación de Foron, somos, publicado en Redelibros. Participan no acto José Estévez, Iria López, Natalia Lema, José Antonio Rodríguez, Oti Campos, Ricardo Souto, Luísa Arias, Matilde Páramo e Asun Blanco.
– 19:45 h. Presentación de Peixes e Mariscos. As receitas de Benigno Campos, publicado por Galaxia. Ademais do autor intervirá o editor Víctor Freixanes.
– 20:00 h. Xosé Tomás asina exemplares da súa obra na caseta de Edicións Embora.
– 20:30 h. Presentación de A nosa terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931), de Emílio Xosé Ínsua, publicado por Baía Edicións. Participan, xunto ao autor, Goretti Sanmartín e Belén López.
Taboleiro do libro galego XLV (xuño e xullo de 2016), por Ramón Nicolás
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Neste primeiro día de agosto o Caderno da crítica incorpora a referencia das novidades editoriais publicadas en lingua galega máis demandadas ao longo dos meses de xuño e xullo deste ano que andamos. Nesta ocasión, a información subministrárona amablemente un total de doce librarías ás que se lles agradece a cortesía nestas datas complicadas para estes requirimentos: Biblos, de Betanzos; Andel, Cartabón, Libros para Soñar e Librouro, de Vigo; Moito Conto e Suévia, da Coruña; Cronopios de Santiago de Compostela e Pontevedra; Lila de Lilith, de Santiago de Compostela; Trama, de Lugo; Airas das Letras, de Allariz e Miranda, de Bueu. (…)
NARRATIVA
1º-. Ramón Nicolás, O espello do mundo, Xerais.
2º-. Inma López Silva, Aqueles días en que eramos malas, Galaxia.
3º-. Manuel Gago, O anxo negro, Xerais.
4º-. María Reimóndez, A dúbida, Xerais.
5º-. María Solar, As horas roubadas, Xerais.
6º-. Diego Giráldez, Galería de saldos, Xerais.
7º-. Francisco Castro, Amor é unha palabra coma outra calquera, Galaxia.
8º-. Manuel Rivas, O último día de Terranova, Xerais.
9º-. Xosé Monteagudo, Todo canto fomos, Galaxia.
10º-. Miguel Anxo Murado, Libro de horas, Galaxia.
11º-. Miguel Anxo Fernández, Un dente sen cadáver, Galaxia.
12º-. VV.AA., Contos do Sacaúntos. Romasanta, o criminal, Urco.
13º-. Xabier Quiroga, Izan, o da saca, Xerais.
14º-. Fran P. Lorenzo, Cabalos e lobos, Xerais.
POESÍA
1º-. María do Cebreiro, O Deserto, Apiario.
2º-. Carlos Negro, Masculino singular, Xerais.
3º-. VV.AA., 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca, Biblos.
4º-. Gonzalo Hermo, Celebración, Apiario.
5º-. VV.AA., Dez anos na Porta, A porta verde do sétimo andar.
ENSAIO-TEATRO
1º-. Isidro Dubert (ed.), Historia das historias de Galicia, Xerais.
2º-. Esther F. Carrodeguas, Voaxa e Carmín, Difusora.
3º-. VV.AA., Atlas arqueolóxico da paisaxe galega, Xerais.
4º-. Xosé Manuel Beiras, O proxecto común da nación galega, Laiovento.
5º-. Uxío-Breogán Diéguez Cequiel (coord.), As Irmandades da Fala (1916-1931), Laiovento.
6º-. VV.AA., Poesía hexágono, Apiario.
XUVENIL
1º-. Ledicia Costas, Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, Xerais.
2º-. Fran Alonso (ilustrador Dani Padrón), Contos nerviosos, Embora.
3º-. Antonio G. Teijeiro, Raiolas de sol, Galaxia.
4º-. Manuel Sánchez Gálvez, Maelström, Maelström, Galaxia.
5º-. Celia Díaz Núñez, A boca do monte, Galaxia.
INFANTIL
1º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Esmeraldina, a pequena defunta, Xerais.
2º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Escarlatina, a cociñeira defunta, Xerais.
3º-. Justin Richardson e Peter Parnell, Con Tango son tres, Kalandraka.
4º-. Federico Fernández e Germán González, Balea, Kalandraka.
5º-. El Hematocrítico, Feliz Feroz, Xerais.
6º-. Manuel Rivas, Bala perdida, Xerais.
7º-.
8º-. Eli Ríos, Marta e a píntega, Galaxia.
LIBROS CD-DVD
1º-. Paco Nogueiras e David Pintor, Brinca vai!, Kalandraka.
2º-. Sérgio Tannus e Luís Barbolla (ilustracións), Alegría!, Galaxia.
3º-. Paulo Nogueira e Magoia Bodega (ilustracións de Mariona Cabassa), Non hai berce coma o colo, Kalandraka.
4º-. Uxía e Magín Blanco, Canta o cuco, Galaxia.
5º-. Gelria, Cantos de poeta, Gelria.
BANDA DESEÑADA
1º-. Miguelanxo Prado, Presas fáciles, El Patito Editorial.
2º-. Luís Davila, O bichero VI, Edición do autor.
3º-. Xosé Tomás, Manual de escola, AS-PG.”
VARIOS
1º-. Benigno Campos, Peixes e mariscos, Galaxia.
2º-. VV.AA., Luzes de Galiza, nº 32.
Feira do Libro de Rianxo: actividades literarias destacadas do sábado 23 e domingo 24
O domingo 24 de xullo finaliza a Feira do Libro de Rianxo (na Praza Castelao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:30 h. e de 18:30 a 22:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para eses dous días:
Sábado 23
– 13:00 h. Coloquio sobre Voaxa e Carmín, de Esther F. Carrodeguas, publicado por Difusora. Participan, xunto á autora, Aurora Marco e Xavier Castiñeira.
Domingo 24
– 21:00 h. Presentación de O amor nos escuros días de Birkenau, de Alberto Canal, publicado en Xerais. Participa, xunto ao autor, Ramón Caride.
Vigo: actos destacados na Feira do Libro para o domingo 10
O domingo 10 de xullo finaliza a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para estes dous días:
Domingo 10
– 18:30 h. Actividade musical infantil de Servando Barreiro arredor do libro A música das árbores, publicado por Xerais.
– 19:45 h. Presentación de Voaxa e Carmín, de Esther F. Carrodeguas, publicada por Difusora. Participa, xunto á autora, Roberto Pascual. Haberá unha represenación teatral de fragmentos da obra, a cargo de Mercedes Pimentel e Raquel Lodeiros.
– 20:30 h. Actuación de Cándido Pazó, co seu espectáculo Trangallada en homenaxe a Xosé Neira Vilas.
Compostela: representación de Manar: a derradeira caravana, de Lino Braxe
O venres 1 de xullo, ás 20:00 horas, na sede da Fundación SGAE en Santiago de Compostela (Rúa das Salvadas, s/n, Parque Vista Alegre), represéntase Manar: a derradeira caravana, de Lino Braxe e a compañía Teatro Proscrito. A obra chega a Compostela coa actriz Sabela Hermida e os músicos Hames Bitar (laúde) e Luís Taberna (percusión).
Vigo: actos destacados na Feira do Libro para o venres 1
O venres 1 de xullo comeza a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 12:00 h. Pregón de Antonio García Teijeiro. Ao remate o autor asinará exemplares da súa obra na caseta da secretaría da feira.
– 19:00 h. Presentación dos libros de teatro As terapias da doutora Ledicia, de Raquel Castro, e Moito Morro Corporation, de Carlos Labraña, publicados por Galaxia. Haberá unha representación teatral dun fragmento das dúas obras.
– 19:30 h. Sinatura de As horas roubadas, de María Solar, publicado por Xerais, na caseta da secretaría da feira.
– 20:30 h. Presentación de O espello do mundo, de Ramón Nicolás, publicado por Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Marga Romero, José Yuste Frías e Fran Alonso.
Roberto Pascual, director artístico da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT)
Desde o Zig-zag-Eirado da Televisión de Galicia:
“A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) reforza este ano o seu programa con máis presenza internacional. Un dos grandes acontecementos do festival que acollerá a vila ourensá entre o 16 e o 24 de xullo será a representación en Galicia de A Gaivota, de Antón Chéjov, a cargo de Oskaras Korsunovas. O director artístico da MIT, Roberto Pascual, foi entrevistado para explicar a oferta que ofrecerá o evento nesta edición. Pode verse aquí.”