Vigo: conferencia de Xesús Alonso Montero sobre Cantares Gallegos

O sábado 4 de maio, ás 12:00 horas, no salón de actos da Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, s/n) de Vigo, a Fundación Premios da Crítica Galicia continúa cos seus Sábados culturais coa conferencia de Xesús Alonso Montero titulada “Cantares Gallegos”, unha nova lectura?.

Padrón: presentación de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, en edición de Anxo Angueira

O venres 3 de maio, ás 20:15 horas, no Auditorio Municipal de Padrón, preséntase o libro Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, en edición de Anxo Angueira, publicado en Xerais. No acto participan, xunto ao autor desta edición, Xosé Luís Méndez Ferrín, O Leo i Arremecághona e Manuel Bragado.

Francisco Rodríguez: “O compromiso do PP con Rosalía e con Galiza é propio dunha campaña de ‘Gadis’, un suspiriño momentáneo”

Entrevista a Francisco Rodríguez en Sermos Galiza:
“(…) Francisco Rodríguez é o autor da primeira tese de doutoramento que se leu nunha universidade galega sobre Rosalía. Vén de resgatar do esquecimento uns versos inéditos que a poeta dedicou a Salustiano de Olózaga, un político progresista que loitou pola liberdade e combateu a escravitude. Falamos con el sobre estes e outros versos rosalianos. (…)
– Sermos Galiza (SG): Valorou este inédito “significativo”. Por que é tan importante?
– Francisco Rodríguez (FR): Porque, desgrazadamente e ao igual que acontece coa historia do noso País, temos un coñecemento e un legado da obra rosaliana que non é íntegro. Por exemplo, unha boa parte dos medios impresos ou desapareceron ou as follas están rotas, arrincadas… polo que en prensa hai unha parte que xa está perdida.
Con todo, non se fixo tampouco un repaso desa imprensa. Sei que hai un xornal de Pontevedra que se chamaba El Progreso que tiña poemas dela, e outro en Ourense, de Paz Novoa, e máis un, El clamor de Galicia, na Coruña.
Iso por falar de Galiza. No exterior, en Madrid, Cuba ou Bos Aires, seguro que queda algo tamén. Este que eu exhumei non sabía a data exacta, mais sabía que estaba en La soberanía nacional e a data aproximada. (…)
– SG: En que ano escribiu a tese?
– FR: En 1987.
– SG: E foi a primeira…
– FR: Si. Queres saber por que? Porque ninguén tiña interese ningún en Rosalía. Pondo á marxe o caso de Carvalho Calero, os mellores estudos que había ao redor da súa figura, limitados pola perspectiva que tiñan, eran de fóra. Na Galiza era un tabú para non explicar en que consiste a colonización do noso pobo. As maiores barbaridades dixéronse e fixéronse no ensino.
– SG: Refírese á imaxe de poeta chorona e pusilánime que se estuda?
– FR: Non, non. Fáloche do ensino universitario! Nese que ti dis por suposto, mais non deixa de beber das universidades. Os profesores son educados nesa visión de Rosalía. Despois da tese fixen un libro que foi vetado, silenciado, na universidade de Santiago. Chegou a se dicir que era unha señora inculta, iletrada, que cometía faltas de ortografía, que era unha aldeaniña… mesmo chegaron a acusar de xenófoba. (…)”.

A Coruña: presentación de Cantares gallegos hoxe, de Pilar García Negro

O xoves 2 de maio, ás 19:30 horas, no IES Eusebio da Guarda da Coruña (Praza de Pontevedra, 20), preséntase o libro Cantares gallegos, hoxe. Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro, de Pilar García Negro, publicado en Alvarellos Editora. No acto participan, xunto á autora, Isabel Ruso e Henrique Alvarellos.

Santiago: presentación de “En cadea sen prijon”. Cancioneiro de Afonso Paez

O martes 30 de abril, ás 12:00 horas, no salón de graos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, preséntase “En cadea sen prijon”. Cancioneiro de Afonso Paez, publicado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, con edición de Henrique Monteagudo, e que ten por obxecto o estudo e edición dun conxunto de composicións poéticas medievais que foron descubertas recentemente nun arquivo familiar en Lugo. No acto, xunto ao seu editor, participa tamén Ramón Lorenzo.

O programa Diario Cultural da Radio Galega comeza a serie de emisións poéticas De Cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“A iniciativa enmárcase na xenealoxía do literario e do seu carácter de palimpsesto no que tempos e voces conflúen, escriben e reescriben na consciencia do seu propio eco. De Cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI subliña a vixencia da voz poética de Rosalía de Castro e a capacidade que a súa obra ten de seguir a xerar diálogos. O proxecto ademais pretende contribuír á conformación dun arquivo poético sonoro no que o poema, a súa dicción, adquira a relevancia que a grafía adquire no texto escrito.
De Cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI procura os acentos da obra de Rosalía de Castro na dicción e na escrita contemporánea. O proxecto concrétase na reescrita dos poemas de Cantares Gallegos, unha interacción poética que nada ten de submisión a un texto dado nin de tradución dun noutro, senón de exercicio de libre creación a partir dun poema de Rosalía de Castro.
O rexistro sonoro dos textos contemporáneos lidos polos seus autores e autoras emitirase xunto co poema de Rosalía de Castro do que parte nunha serie de espazos poéticos que se alongarán nos meses vindeiros nos distintos programas da radio pública.
Cesáreo Sánchez, Luz Pozo Garza, Xulio Valcárcel, María Xosé Queizán, Arturo Casas, Manuel Forcadela, Oriana Méndez, Marilar Aleixandre, Miguel Anxo Murado, Luís González Tosar, Elvira Riveiro, Claudio Rodríguez Fer, Marica Campo, Helena Villar, Xosé María Álvarez Cáccamo, Claudio Pato, Gonzalo Hermo, Miro Villar, Anxo Angueira, Xavier Queipo, Eva Veiga, Marta Dacosta, María do Cebreiro, Manuel Darriba, Estíbaliz Espinosa, Yolanda Castaño, Marga Romero, Olalla Cociña e Susana Sánchez Arins son algúns dos autores e autoras que participan no proxecto que se desenvolverá nos meses vindeiros.
A Radio Galega quere contribuír así á divulgación da obra de Rosalía de Castro, sumarse á conmemoración do 150 aniversario da edición de Cantares Gallegos e propiciar ao tempo un diálogo interxeracional entre a obra da escritora e as poéticas que conforman o corpus contemporáneo da poesía. Con estes obxectivos presenta o proxecto De Cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI promovido polo Diario Cultural. Unha serie de emisións radiofónicas nas que os poemas de Cantares Gallegos en diálogo coas poéticas do século XXI son recreados por autores e autoras contemporáneos.”

Vigo: presentación de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, en edición de Anxo Angueira

O martes 23 de abril (Día do Libro), ás 19:30 horas, no Auditorio Municipal do Concello de Vigo (Praza do Rei, s/n), preséntase o libro Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, en edición de Anxo Angueira, publicado en Xerais. No acto participan Abel Caballero, Isaura Abelairas, Anxo Angueira e Manuel Bragado. Alba M. Rodríguez Díaz cantará dous temas rosalianos e a poeta Luciana recitará varios poemas.

Rosalía terá en Lugo un novo monumento por suscrición popular

Desde Sermos Galiza:
“Nacerá do asociacionismo cultural e pagarase por suscrición popular. As asociacións Lugopatrimonio, o Clube Cultural Valle-Inclán, Ágora Lugo, Achádego Teatro e María Castaña son as entidades convocantes da primeira xuntanza que comezou a traballar na campaña de suscrición popular co fin de homenaxear a Rosalía cun novo monumento en Lugo. Canda as convocantes, sumáronse á iniciativa as asociacións Hipócrita Teatro, Antigos Alumnos da Escola de Artes Ramón Falcón, Asociación de Veciños da Milagrosa, Fonmiñá, Amigos da Muralla, Orfeón Lucense e Cultura do País. Unha comisión xestora integrada por Isidoro Rodríguez, Antón Somoza, Xulio Xiz, Adolfo de Abel, Tonina Gay e Teresa Campo dará os primeiros pasos co fin de recadar fondos por suscrición popular para que a cidade conte cun monumento á poeta no parque que leva o seu nome. Queren que sexa inaugurado neste 2013 no que se fan 150 anos da publicación de Cantares Gallegos.”