Rianxo: actividades dos 23, 24 e 25 de xullo na Feira do Libro 2022

Compostela: presentación de As paroladas de Avelino Pousa Antelo na Radio Galega

Cacheiras, Teo: presentación de As paroladas de Avelino Pousa Antelo na Radio Galega

A Baña reivindica a figura de Avelino Pousa Antelo co nomeamento de fillo predilecto

Desde o Concello da Baña:
“O pleno do Concello da Baña nomeará a Avelino Pousa Antelo fillo predilecto nun acto que se celebrará o próximo sábado, 14 de maio. O intelectual, escritor e mestre recibirá deste xeito unha merecida homenaxe póstuma da veciñanza do lugar que o veu nacer hai 108 anos, un recoñecemento que se prolongará coa colocación dunha placa conmemorativa na casa da cultura, cun xantar de irmandade e cunha presentación literaria.
Pousa Antelo (A Baña, 1914 – Teo 2012) foi un dos intelectuais máis activos na Galicia do século XX. O seu traballo como mestre e como dinamizador do rural loce a carón da súa talla intelectual e do seu labor en favor da cultura galega. A Baña quere honrar o seu percorrido vital co nomeamento de fillo predilecto, por acordo plenario o próximo sábado 14 ás doce da mañá.
Despois da cerimonia no salón de plenos, na casa da cultura descubrirase unha placa conmemorativa dedicada a Pousa Antelo. Intervirán no acto Quico Domínguez (representante da Fundación Penzol); Miguel Anxo Seixas Seoane (Fundación Castelao); Xosé R. Fandiño (Fundación Padroado Pedrón de Ouro); Amancio Liñares (historiador e escritor, autor de traballos e libros sobre a figura do homenaxeado); César Ramos (concelleiro da Baña); un representante do Concello de Teo, no que Pousa Antelo viviu os seus últimos anos; o cantor Xosé Luís Rivas ‘Mini’; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Carme Varela, filóloga e escritora; e un familiar do celebrado intelectual. O músico Emilio Lois acompañará o acto coas súas pezas e interpretará o himno galego.
Para despois deste acto está prevista a celebración dun xantar de irmandade. Xa pola tarde, a escola vella de Barcala acollerá a presentación do libro As paroladas de Avelino Pousa Antelo na Radio Galega (Ed. Valentín Arias / Amancio Liñares), na que se recollen as súas intervencións nas ondas. Participará o alcalde da Baña Andrés García; o portavoz socialista e exalcalde José Antonio Pereira; Ángeles e Nora Pousa, fillas do homenaxeado; familiares de Valentín Arias; o poeta Xoán Xosé Fernández Abella e o editor Amancio Liñares.”

Compostela: actividades do 2 de maio da Feira do Libro 2022

Luísa Villalta, a homenaxeada no Día das Galegas nas Letras 2022

Desde Nós Diario:
Luísa Villalta foi unha das escritoras chave na transición entre as xeracións poéticas dos 80 e dos 90. Pioneira da virada feminista da poesía galega da época, publicou catro libros.
A plataforma de crítica literaria A Sega vén de anunciar que o Día das Galegas nas Letras homenaxeará este ano a Luísa Villalta. “Celebrámoste desde ti, desde o teu pensar, lúcida e comprometida, sempre na construción dun pobo, dese pobo que foxe de si mesmo, dunha literatura, dunha lingua, no foro da cultura. Ti, na liberdade, da contra-ética do poder”, indican desde A Sega no manifesto. (…)
A Nosa Señora das Letras é un título creado hai xa nove anos para destacar a figura daquelas mulleres que contribuíron á cultura galega en xeral e, sobre todo, á literatura. O ano pasado a honra foi para escritora de literatura xuvenil de ficción científica e “raíña da retranca” Uxía Casal.
Esta iniciativa do colectivo comezou en 20014, cunha dedicatoria a Dorothé Schubarth. 2014, dedicándollo a Dorothé Schubarth. Ao longo dos anos foron destacadas María Victoria Moreno, María Xosé Queizán, Patricia Janeiro, Marica Campo, Imma António e Xela Arias.
Reproducimos a seguir mo manifesto da Sega:
“No mesmo lado, o compromiso.
Celebrámoste desde a complexidade da épica ao publicismo, deste ti, desde o teu pensar, lúcida e comprometida, sempre na construción dun pobo, dese pobo que foxe de si mesmo, dunha literatura, dunha lingua, no foro da cultura.
Ti, na liberdade, da contra-ética do poder.
Lémoste e sentímoste na arela dun teatro de nós que te abrigue e nos abrigue, dramaturga, que nos adentra no paseo das esfinxes e nas certezas de Ofelia.
Lémoste e aprendemos, ensaísta, que nos enreda na ecuación teatral de Don Hamlet, para nos mostrar esa obra enteiramente nova; para nos levar ao outro lado da música, para nos guiar pola poética, sobre un certo estado de conciencia e nos erguer desde a prensa o libro das columnas.
Lémoste e gozamos, narradora, da lingua coa que nos convocas, nesa teoría de xogos en que lle dás a man ás afinidades electivas, para andarmos mundo; a lingua que non se pode chamar silencio, e por iso nos legas as chaves do tempo para abrirmos ao futuro o reino que un día perdemos.
Ti, que sabes do couto á liberdade, do silencio, da banalización, das estratexias para neutralizar o discurso ético e literario.
Lémoste, poeta, e gozamos e cantamos e a música reservada estoupa e xorde o ruído e soñámoste co violín e préndensenos as túas palabras coas que vestimos minutos de poemas polo papagaio nunha rota ao interior do ollo contigo no outro lado da música, na Cidade Alta.
Ti, que reclamas a liberdade de ser escritora galega nunha Galiza viva e democrática.
Galiza, esa palabra, que pronunciaches con boca chea.
Ti, que dixeches isto é tamén unha muller que resiste.
Igual que un tigre ignora a tigritude:
Salta.
Penelopetece o tecido do regreso.
Celebrámoste, gozamos, saltamos contigo, LUÍSA VILLALTA.”

Compostela: acto de entrega do IX Premio Internacional APECSA 2021 de divulgación do Camiño de Santiago á AELG