Manifesto Nosa Señora das Letras 2019
Apoiada no espello, unha treboada. Ninguén é capaz de contela, nin sequera o texto. O universo enteiro ábrese no seu puño contido. Desafíanos e desacóuganos porque sabe que as imaxes que nos contaron non son certas.
Ela, a treboada apoiada no permanente espello, pariu o fillo do que ninguén nos falara. Fíxose corpo. Deunos voz. Perseguiunos coa súa forza, intemperiadas, ata un infinito que chegou demasiado axiña. Arrasou os marcos, desbotou as imaxes para quedar coas palabras.
E a palabra permanece. Permanecen os seus anacos que non buscan recompoñernos, senón escacharnos por dentro. Transgredir e transcender. Cada palabra escrita co sangue da vida. Na poesía, na tradución, na edición. Abrindo dun lado e doutro un cento de espellos nunha imaxe súa que quixeron presentarnos solitaria, mais que agora é nosa para multiplicala, porque nela nos recoñecemos.
Non é tempo de pararse a mirar. Nun mundo do que sempre se sentiu parte activa, dende o coidado e a ollada atenta, sensible á imaxe que fixeron dela, rebelde contra a estampa sexualizada do gusto de señores que dan títulos de poeta nova, ela fendeu o espello, desbotou as estampas, construíu a diario. Retorceu as palabras, escachounas. E no seu xesto inconmensurable aliméntanos cos anacos para converternos nós tamén en escachadoras, para espallar a súa rebeldía e talento incomparable, como espallamos a partir de hoxe o seu nome que tamén é noso: Xela Arias.”
O CDG levará a escena a súa produción Neorretranca e posmorriña cun elenco integramente feminino
Desde Agadic:
“O Centro Dramático Galego (CDG) contará cun elenco integramente feminino para a súa nova produción propia, Neorretranca e posmorriña, que se estreará o vindeiro 11 de abril no Salón Teatro de Santiago de Compostela baixo a dirección escénica de Gena Baamonde. As intérpretes Ánxela Blanco, Areta Bolado, Olga Cameselle, Mercedes Castro, Raquel Espada, Anabell Gago, Atenea García, Andrea Quintana, María Roja e Laura Villaverde foron as seleccionadas para encarnar todos os personaxes das dúas pezas que lle darán forma ao espectáculo: Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte.
As dez superaron un proceso de selección ao que se presentaron medio cento de aspirantes e conforman un elenco moi variado en canto á formación e á traxectoria das súas integrantes en ámbitos como o teatro, as artes do movemento ou o audiovisual. O vindeiro luns iniciarán os ensaios xunto a Gena Baamonde e o resto do equipo artístico, tamén maioritariamente feminino.
Así, xunto ao persoal técnico do CDG, participarán nesta nova produción Marta Pazos, a cargo do deseño da escenografía; Saturna, do vestiario; Esther Quintas, da caracterización; Wilma Moutinho, da iluminación; Ailén Kendelman, da música e do adestramento vogal; María Cabeza de Vaca, da coreografía e do adestramento físico; e Rosa Moledo, da asesoría lingüística. Contarase, ademais, con Iria Azevedo como asistente de dirección; Carmen Triñanes, de escenografía; María Alonso Velázquez, de música e adestramento vogal, e Hugo Torres, de produción.
O común denominador dos dous textos de Neorretranca e posmorriña é a identidade galega, sobre a que ofrecen dúas olladas diferentes a modo de colaxe. En palabras da súa directora, Sinfonía en sol maior ou non preséntase como unha “fantasía aberta ao xogo escénico, catálogo-secuencia de múltiples imaxes dunha terra por facer”, mentres que Boisaca ou a divina desgraza é “humor negro en cemiterio turístico nun tour completo polos límites da vida”.
-Resolución do tribunal de selección.”
Crónica fotográfica do acto central do Día de Rosalía de Castro 2019
Estas son algunhas das fotografías do acto central do Día de Rosalía de Castro 2019 no Panteón de Galegos Ilustres, que tivo lugar o domingo 24 de febreiro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Lugo: crónica fotográfica do acto do Día de Rosalía de Castro 2019
Estas son algunhas das fotografías do acto do Día de Rosalía de Castro 2019 en Lugo, que tivo lugar o domingo 24 de febreiro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí (as fotos son de Alba Díaz).
A Casa Museo de Cunqueiro abre o 1 de marzo en Mondoñedo
Desde Cultura Galega:
“Logo de varios anos de traballo, este venres 1 de marzo, ás 16:30 horas, está prevista a inauguración da Casa Museo de Álvaro Cunqueiro. O inmoble no que o escritor residiu en Mondoñedo durante tres décadas fronte á catedral acolle o novo centro, onde os visitantes poderán atopar obxectos persoais do autor, retratos, unha sala con audiovisuais, unha biblioteca na que se poden atopar obras de Cunqueiro ou sobre el e mesmo unha cantina. Segundo anunciou a alcaldesa, Elena Candia, a Casa Museo pretende se transformar “nun elemento dinamizador que poña en valor a súa obra, que siga divulgando todo o que nos achegou á cultura galega”. Así, de xeito paralelo, anunciou a activación da fundación que leva o nome do autor coa intención de ofertar bolsas de investigación e de crear un premio literario.”
Baio (Zas): presentación de O río do Porto. O río grande da Terra de Soneira
A Escola Municipal de Teatro de Vigo adapta Chamádeme Simbad, de Francisco Castro
Desde Sermos Galiza:
“Chamádeme Simbad (Galaxia, 2009) é un dos títulos de máis éxito de entre a prolífica obra de Francisco Castro (Vigo, 1966). O libro, publicado nunha colección infantil, reflexiona sobre a memoria e a enfermidade. O 29 de abril estréase a versión teatral, no auditorio de Vigo, a cargo da Escola Municipal de Teatro.
As primeiras funcións de Chamádeme Simbad serán dirixidas a público exclusivamente escolar. Non será até xuño, “unha vez finalizada a xira por colexios”, que a obra se abra “ao público familiar”.
Dez edicións e a súa inclusión na Lista de Honra do IBBY, traducións a varias linguas e “mlleiros de exemplares vendidos”, o traballo de Castro “é un dos clásicos da literatura infantil e xuvenil en lingua galega”, segundo a súa editorial. “Mais, por enriba de todo, Chamádeme Simbad acadou unha gran sona como ferramenta para a visibilización do Alzhéimer entre os máis pequenos”, engade Galaxia.”