A editorial Cuarto de inverno presentouse no Culturgal

Desde Fervenzas Literarias:
“Sempre se fala (e aburre un pouco escoitar sempre a mesma ladaíña, a dicir verdade) do terrible momento que está a pasar o mundo do libro, onde todas as novas iniciativas que xorden ao abeiro dese territorio cultural parecen ter que vogar contracorrente e contra os malos presaxios. Por iso é unha alegría ver como xermola unha nova editorial entre tanto agoireiro. Cuarto de inverno. Nova editorial pero vellos coñecidos. Aos mandos atopamos a Andrea Jamardo e a David Cortizo, quen tras as súas saídas de Urco editora apostan por un proxecto de seu que se presentou en sociedade este sábado 30 de novembro, ás 19.15 h., no Culturgal. Os primeiros libros? A novela Be Water, de Antía Yáñez, e o poemario Irmá paxaro, de Tamara Andrés. Ambos os dous libros foron finalistas do I premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil.
Preguntamos a David Cortizo, un dos responsable de Cuarto de inverno, sobre o nome da editorial. “Buscamos que lectoras e autoras se sintan a vontade dentro do cuarto, para Andrea significa unha cousa e para min outra, e xa temos escoitado algunha que outra interpretación do mesmo”.
No seu momento, Urco naceu como unha editorial centrada na literatura gótica, de terror e ciencia ficción. Baixo a dirección de Jamardo e Cortizo, aínda que seguiron publicándose obras do xénero, houbo un xiro na editorial cara a unha literatura máis feminista. Sobre a pregunta se Cuarto de inverno percorrerá ese camiño que iniciaron en Urco, para Cortizo “efectivamente, o feminismo vai estar presente xa non só nos nosos libros senón na nosa forma de traballar. Nós somos feministas e vivimos esa realidade entendendo isto ademais como unha aprendizaxe constante. Ademais queremos transmitir un gusto polo libro na súa totalidade dando valor a todos os procesos da vida do mesmo, desde a súa elaboración até a súa comercialización”.
Os dous primeiros títulos están destinados para un público xuvenil, pero en vindeiras datas a oferta de Cuarto de inverno ampliarase para o público infantil e o público adulto. “Cuarto de inverno terá coleccións de infantil, xuvenil e adultos. En cada unha desas tres, seguindo cadanseu criterio estético, irán editándose os libros que sintamos que poden formar parte de Cuarto de Inverno sen diferenciar se son ensaios, poemarios ou novelas”. A aposta de Andrea a David é publicar ao longo do ano un total de seis títulos, cunha cadencia fixa de dous por colección, polo menos nos dous vindeiros anos, aínda que “xa se irá vendo”.
Nas redes sociais de Cuarto de inverno lemos que a aposta dos seus libros van ir “desde a portada até as gardas, desde o código de barras até o colofón“, destacando a importancia tanto do contido como o obxecto en si. Segundo David Cortizo “é dar importancia a todo o que hai nun libro, poñelo en valor e dotalo de personalidade. Por exemplo, un código de barras está aí por algo, pois no canto de ser un pegote branco e negro imos colocalo nun sitio no que se sinta acompañado de outros elementos e imos decoralo un pouco para que teña a súa función pero non desentoe”.
As dúas primeiras obras do catálogo son unha novela de Antía Yáñez e un poemario de Tamara Andrés. Podedes adiantarnos que futuras obras aparecerán en Cuarto de inverno? “Podemos, pero vai ser a través da nosa web xa que temos pensado darlle un pouco de emoción á cousa. Podo adiantar que serán unha novela e un poemario para público adulto”. De todos os xeitos, si que avisan que “no porvir inmediato están eses dous libros para público adulto que sairán xa a principios de 2020 para continuarmos con dous infantís e outros dous xuvenís. O ano que vén xa teremos poesía, teatro e narrativa no catálogo. E temos en mente publicar no 2021 ensaio e tradución.””

Eli Ríos: “Os novos contos de fadas estannos matando”

Desde Radiofusión:
Eli Ríos tamén defende a recuperación “de redes de afectos e de apoios que nos poden axudar a saír dun momento de crise”. No mundo tradicional dábaselle ao veciño pementos e patacas cando había, e tamén el viña axudar cando se recollía o millo, pero todo iso rompeuse coa urbanización e a globalización.
“Cando todo pasou é moi fácil mirar atrás e decatarse dos erros. Cando ves as cousas na pel doutra persoa, tamén. O difícil do conto é actuar desde dentro de ti mesma no momento en que as historias acontecen”.
Comeza así o libro de Eli Ríos Remexido de patacas.
En O ceo das reixas fala da invisibilización, dos silencios, da violencia e da linguaxe que constrúen cadeas imperceptíbeis arredor das mulleres. En Remexido de patacas propón unha receita, como forma sa e saudable de emendar os hábitos aprendidos nesta sociedade.”

Manuel Caamaño Suárez: “No político teño sufrido moito, quedo co cultural”

Entrevista a Manuel Caamaño Suárez en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Durante a súa etapa estudantil en Barcelona toma conciencia de país. Houbo algún punto de inflexión?
– Manuel Caamaño Suárez (MCS): En Barcelona xogaba nun equipo de fútbol chamado O Universitario, que adestraba un lendario técnico do Celta chamado Odilo Bravo. Naquel momento a miña concienciación galeguista aínda era moi leve, moi suave, mais un bo día, baixando en moto do campo de Vinardó –na zona alta da capital catalá– onde adestrabamos, o compañeiro que conducía preguntoume: «Oes, Manolo. Ti que es galego, sabes quen era Breogán?». E non souben responderlle. Deume tanta vergoña… Iso foi un punto de inflexión para min, fíxome darme de conta de que aquí ocorría algo para que nós non chegásemos a coñecer as persoas que destacasen ou que tivesen algún papel importante nalgún tempo histórico.
– SG: Cal é a parte de responsabilidade que nesa toma de conciencia ten a figura de Ramón Piñeiro?
– MCS: A miña relación con Piñeiro foi moi boa, e fundamental para galeguizarme en todos os sentidos. Era un home moi paciente e cordial co que comecei a escribirme cartas a través dun amigo de Santiago que ía moito por Noia, durante os meus tempos de estudante en Barcelona, chegando a sumar arredor dunhas 70 nas que respondía a infinidade de preguntas que lle facía. Pasado o tempo discrepamos politicamente con el, tanto eu como moitos outros, véxase Xosé Manuel Seixas, Xosé Luís Franco Grande ou Salvador García-Bodaño, mais nunca deixamos de ser amigos. De feito propúxome ser conselleiro de Galaxia, e alí estiven moitos anos. O que pasa é que o tempo vai aclarándolle a un moitas cousas, ou vai madurando, ou tal vez facéndose maior (Ri). (…)”

Xosé Luís Méndez Ferrín: “Penso que todo escritor que publica en galego é independentista”

Entrevista a Xosé Luís Méndez Ferrín en Balea Cultural:
“(…) – Balea Cultural (BC): Máis adiante fuches a Compostela. Entre outros, deuche clase Otero Pedrayo. É unha figura que en numerosas ocasións reivindicaches.
– Xosé Luís Méndez Ferrín (XLMF): Na época do Frente Popular, Otero Pedrayo non marchou coa dereita galeguista, quedou con Castelao e con Bóveda. Probablemente é a figura máis grande dende o punto de vista cultural e ideolóxico moi amplo do nacionalismo, tal e como a min me afectou, non sei a outros.
Nos anos 60 veu unha moda por parte do carrillismo, do falso comunismo, do comunismo que soamente tiña del o nome, de considerar a Otero Pedrayo unha figura conservadora. Eu non o vexo conservador. El foi case o primeiro en dicir que o futuro de Galicia era unha república, unha república galega. Primeiro díxoo Manuel Antonio, pero case en privado e sen moito eco. Unha república campesiña, claro, pero o dicía en público. (…)
– BC: Fai tempo definícheste como un profesor que escribe, agora xubilado pensas que segues ensinando?
– XLMF: Agora son un xubilado que escribe pouco (Risas). O estatuto sociolóxico de escritor en Galicia é inexistente. Quen vive de ser escritor ou escritora en Galicia? Ninguén. Estou pensando e Manolo Rivas, que debe de ser o único. Foi o único que logrou romper a barreira e aparecer no mundo como escritor galego.
Se te fixas na difusión que tivo Álvaro Cunqueiro, por exemplo da súa tradución ao inglés, e investigas a edición poderás ver que pon “From Spanish”. O mesmo noutras linguas. Cunqueiro traducíase a si mesmo ao castelán sen indicar que se publicara anteriormente en galego. Rivas non, deixa claro que a súa obra está escrita orixinalmente en galego xa sexa aquí como en Alemaña. Este tema non foi tratado nunca, pero realmente merece a pena ser analizado.
– BC: A literatura galega segue sendo subalterna a pesar de pasar xa tantos anos dende o franquismo?
XLMF: É subalterna. Absolutamente subalterna. A pesar de ser igual ou mellor á literatura de calquera outro país soberano como pode ser Portugal. Manuel Antonio cun libro é superior a Fernando Pessoa cunha colección de heterónimos xuntos. E é unha cuestión de talento, nada máis. Non hai unha Rosalía de Castro dese nivel en Europa durante o século XIX. Non existe.
O que ocorre é que seguimos sendo invisibles incluso dentro da nosa casa. En España hai un premio Cervantes e uns Premios Nacionais que cotizamos para eles e se lle dan aos escritores mellor dotados. Incluso a sudamericanos, o cal me parece bárbaro porque todo o que se lle dea aos escritores é para contribuír a que se liberen e que non lles controlen outros.
En Galicia non existen premios á literatura. O escritor galego está sancionado, por iso algúns malos escritores galegos optimizan a súa condición para incrustarse en institucións autonómicas que si pagan por servir como o Consello da Cultura Galega. É un manxadeiro de intelectuais mediocres que van buscar a manteiga, o cal nos convirte nunha colonia.
O que me parece incrible é que os escritores galegos teñan dignidade, sigan escribindo en galego, produzan, anden coa cabeza e o peito levantada e estean alí. E son moitos, iso si, están marxinados. Case todos premios en lingua galega se lle deron a escritores e escritoras de literatura infantil e xuvenil. Aí se lle recoñece que Galicia ten unha certa preponderancia, nun lugar considerado menor. Que non é para nada menor por outro lado. (…)
– BC: Pensas que na actualidade un artista comprometido galego ten a obriga de pular pola emancipación?
– XLMF: Depende de a que lle chames comprometido. En Galicia hai moita xente que ten conciencia de clase e non é independentista e moitos máis que veñen co independentismo no armario. Eu creo que Castelao era independentista pero nunca o dixo en público. Penso que non pode haber un nacionalista galego que non sexa independentista, iso si, o gardan totalmente. E non soamente en Galicia, o nacionalismo catalán estivo sendo non independentista ata onte. Na miña xuventude e madurez en Cataluña non había máis partido independentista que un que se chamaba Partit Socialista d’Alliberament Nacional.
En canto aos escritores, penso que todo escritor que publica en galego é independentista, se non, non escribiría en galego. O que se pensa é que non hai que facelo visible nin evidente, pero claro, pode pensarse que non é posible o comunismo despois do fracaso das diferentes experiencias, pero ou se aspira a iso ou nos quedamos como estamos, non hai posibilidades intermedias. É o mesmo con Galicia: é independente ou esfarela. Tardará máis ou menos tempo en facelo, pero leva séculos esfarelando. Ou as persoas son donas dos seus recursos e da riqueza dos seus países, ou seguirán sendo escravos. (…)”

Regina Touceda: “Hai que seguir aprendendo a medrar, dunha maneira tan ferinte como na adolescencia”

Entrevista de Montse Dopico a Regina Touceda en Praza:
“A transición da infancia ao comezo da madurez. A aceptación da incerteza como parte da vida. A rebelión, tamén, contra a inseguridade, contra a dor. E as feridas que o corpo vai gardando. Son algunhas das claves de Deriva, o poemario co que Regina Touceda vén de gañar o Premio Pérez Parallé. A autora respondeu as nosas preguntas por correo electrónico.
– Praza (P): Por que o título de deriva? Parece representar algo como unha viaxe á deriva, sen rumbo.
– Regina Touceda (RT): Si, considero o libro como unha especie de viaxe a través do pouco que levo de vida e como todo ao final volve ao punto de partida aínda que queiras escapar del.
– P: Dixeches que era como unha viaxe introspectiva, dividida en varias partes. Por que esa estrutura en partes? Que é cada unha?
– RT: A primeira parte fala sobre a infancia e a adolescencia, do que supón medrar cun nó na gorxa. Penso que moita xente da miña xeración se pode identificar con iso; fomos nenos, pero non moito, e non como os de antes. Medramos nunha etapa transitoria no que o mundo mudaba demasiado rápido pero non a nosa contorna, polo menos nun primeiro momento.
A seguinte etapa corresponde a unha leve madurez. O feito de irse, de voar. De crer que nas cousas sinxelas que a idade adulta (ou pseudo adulta) como o amor o feito de convivir contigo mesmo pode ser doado, e non é así. Hai que seguir aprendendo a medrar, dunha maneira tan ferinte como na adolescencia.
Por último, está a memoria. Coller todos os anacos do teu pasado e presente e querer darlle un sentido, buscar os porqués, sobre todo os das situacións máis ferintes, que ao fin e ao cabo son as que máis nos marcan. (…)”

A picante Cea das Letras deu a coñecer a nova gañadora do Certame de Poesía Erótica, Medos Romero

Desde Que pasa na Costa:
“O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas é un certame único en España. De aí que a 14ª edición deste certame convocado pola A. C. Caldeirón, sexa todo evento, que merece unha emocional Cea das Letras para dar o veredito. O pasado venres tiña lugar esa simbólica cea, que ademais de presentar o libro editado da obra gañadora o ano pasado, serve para coñecer a nova gañadora.
A obra escollida foi Peixes que esvaraban ao unísono, de Remedios Fernández, que toma o relevo de Mario Regueira como gañador do certame. Así o ditaminou, entre as 33 obras presentadas, o xurado composto Tamara Andrés, Mario Regueira e Leticia Varela, concelleira de Cultura do Concello de Malpica.
Segundo este, “a proposta contén unha visión plural do amor, apoiada na ambigüidade dun eu poético que consegue sobordar o tópico da parella de namorados para ofrecer interpretacións poliédricas e deshinibidas da paixón”. (…)”