Crónica videográfica da XI Xornada de Literatura de Tradición Oral. O rol da muller na literatura de tradición oral (I)

A XI Xornada de Literatura de Tradición Oral. O rol da muller na literatura de tradición oral, actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, tentou, cos coñecementos e investigacións de recoñecidas especialistas na materia, propoñer unha reflexión crítica ao conxunto da sociedade sobre o rol tradicional da muller na nosa cultura popular. A xornada tivo lugar o sábado 27 de outubro de 2018 no Salón de Actos da Deputación de Lugo.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:

Inauguración. Pilar García Porto, deputada delegada de Cultura, Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e Antonio Reigosa, coordinador da Xornada:

Conferencia: A muller habelenciosa dos contos orais: Princesas e labregas (primeira parte), por Camiño Noia:

Conferencia: A muller habelenciosa dos contos orais: Princesas e labregas (segunda parte), por Camiño Noia:

Andrea Maceiras gaña o premio Lazarillo 2018

Desde o blog de Gálix:
“A OEPLI fallou os Premios Lazarillo 2018. A galega Andrea Maceiras gañou na modalidade de creación literaria, mentres Paloma Corral e Begoña Oro fixeron o propio en álbum ilustrado.
Na modalidade de creación literaria, optaron ao Premio Lazarillo un total de 119 obras, das cales 69 eran en narrativa, 36 en poesía e 14 en teatro. De todas elas 108 estaban escritas en castelán, 9 en galego e 2 en catalán. O Xurado acordou conceder por maioría o Premio Lazarillo á obra titulada Rusgalía, da que resultou autora Andrea Maceiras. O xurado destacou que se trata “dunha obra ben urdida e entramada cunha linguaxe poética con bellísimas escenas que che transportan a un mundo galáctico. Unha aposta á imaxinación desbordante e á ciencia ficción.”
Na modalidade de Álbum Ilustrado o xurado seleccionou a obra gañadora Un lume vermello, entre os 46 proxectos presentados, destacando de forma unánime “a orixinalidade da hora, o trato da cor cunha rica paleta de grises en contraste con cores vivas, a composición da dobre páxina e a secuenciación dos personaxes, así como unha gran sensibilidade pola natureza”.”

O Simposio María Victoria Moreno retrata o carácter pioneiro da autora e homenaxea a súa faceta poética

Desde a Real Academia Galega:
“O Simposio María Victoria Moreno foi inaugurado polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e as organizadoras do programa, as académicas Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre, na sede da Academia. A tarde do 27 de novembro arrincou cun percorrido pola historia da literatura infantil e xuvenil galega para situar a María Victoria Moreno no “lugar de honra” que lle corresponde, indica a especialista neste eido da Universidade de Santiago de Compostela Blanca Ana Roig Rechou. “Moitas das obras que conforman a produción da autora, pouco extensa pero intensa, foron fundamentais para a consolidación da LIX galega, de aí que María Victoria Moreno sexa recoñecida como unha pioneira na constitución dese sistema literario e unha impulsora da educación literaria, ben planificada, a partir da boa literatura co obxectivo de axudar á conformación de lectores competentes”, expresa. (…)
A poesía de María Victoria Moreno
Antonio García Teijeiro ofreceu deseguido unha análise crítica da poesía infantil de María Victoria Moreno, centrada nos dous poemarios que dedicou á rapazada: E haberá un tirón de orellas? (1997) e Eu conto, ti cantas… (2005). “A proposta poética destes dous libros é marcadamente narrativa e está chea de musicalidade e xogos verbais, ademais de tratar temas como o amor e o respecto polos animais, a natureza como lugar de vida ou a propia creación literaria” (…)
Amigo da escritora desde os anos compartidos na codirección de Árbore -a colección de LIX de Galaxia que puxeron a andar xunto a David Otero-, Antonio García Teijeiro tamén debuxou un retrato íntimo da autora e da súa visión da poesía que, advirte, envolve todos os seus títulos. “As súas obras en prosa posúen unhas tinguiduras líricas que se poden apalpar a pouco que un entre no seu discurso literario. E están dun xeito delicado, coma sen querer molestar a prosa que escribe, pero que aniña no corazón do lectorado dun xeito morno”, define. A paixón por narrar e a paixón por crear poemas mestúranse na súa poesía infantil, que fai dubidar ao escritor se María Victoria Moreno “escribe un conto en verso ou sente a necesidade de poetizar e, a través dunha historia, escribir poesía”.
María Victoria Moreno tamén deixou escritos poemas para o público adulto, publicados postumamente en Elexías de luz (2006), nos que se detivo o condutor do recital, o escritor Xesús Rábade Paredes, quen coñeceu a María Victoria Moreno no instituto lugués, onde foi alumno dela. “Neste volume caben outros libros que se soñaron e acaso se plasmaron, mais de momento fáltannos os textos. Unha actitude lírico-subxectiva de saudades determina o conxunto desta obra”, valorou.
“Daquelas que contan”: o protagonismo das mulleres
A escritora Mercedes Queixas dedicou a súa intervención, titulada “Daquelas que contan”, a unha “moi significativa” marca autoral da narrativa de María Victoria Moreno: a presenza de mulleres como protagonistas, mulleres “que sofren o resultado da educación patriarcal á par doutras mozas e mulleres que son quen de a cuestionar en conciencia e de promover solucións liberadoras”. Un claro exemplo son os relatos compilados este ano no volume Nosoutras, no que todos os relatos están protagonizados por mulleres de distintas idades e estratos sociais, “desde prostitutas a labregas, libres ou sometidas, mais todas elas cun papel narrativo activo, mulleres afoutas, determinadas, resolutivas ante o infortunio, cuestionadoras de roles sociais”, analizou.
Nosoutras arrinca co manifesto do mesmo nome que María Victoria Moreno escribiu no nome de Úrsula Heinze, Palmira G. Boullosa, Helena Villar Janeiro, Ana María Fernández e ela mesma a finais dos anos 80. Este texto é “toda unha contundente e severa declaración de principios para se afirmar na continuidade do legado rosaliano, mais non como unha efeméride eventista, puntual e anacrónica, senón como herdeiras en eterna e progresiva renovación para afrontar vellos discursos que cada tempo novo semella recuperar”, advertiu a relatora, que tamén repasou desde a perspectiva de xénero a primeira novela da autora, Onde o aire non era brisa, escrita nos anos 60 e publicada postumamente en galego, e na que xa se “amosa un protagonismo feminino que impregnará a vocación literaria da autora; así como Anagnórise, protagonizada por outra profesora afouta; e Guedellas de seda e liño, “trazada desde o protagonismo feminino en clave refractaria das vidas reais diferentes”.”
Discurso literario
Isabel Soto, coautora da biografía María Victoria Moreno. Sementadora de futuro, profundou nalgunhas claves do discurso literario da escritora. Partindo das súas propias declaracións, analizou a súa concepción da escrita como desafogo, a súa relación cos libros e coa lectura, a vocación docente que sempre confesou, o compromiso coa lingua galega e as estratexias discursivas recorrentes nos seus textos.
Por máis que afirmase que escribía como un impulso e sen planificación, a lectura crítica das obras de María Victoria Moreno “pon de relevo estruturas planificadas e un sobresaliente manexo dos recursos narrativos”. “Non cabe dúbida de que, como boa filóloga, crítica e lectora, lles concede grande importancia aos aspectos formais que configuran o discurso (…). A habelencia construtiva de María Victoria Moreno deriva sempre en textos cos que desafía o lector potencial e cos que claramente innovou na literatura galega”, expresa Isabel Soto. A modo de exemplo, referiuse á estrutura de Leonardo e os fontaneiros, a do libro-xogo que lle permite a quen o le distintos camiños para a lectura, unha fórmula empregada noutras tradicións literarias nos relatos de aventuras pero que ela aplicou nun “relato realista no que a aventura non é externa senón íntima”.
O académico Andrés Torres Queiruga abordou finalmente a transcendencia no Diario da luz e a sombra (2004) nunha mesa moderada polo académico correspondente Xoán Babarro e compartida con Mercedes Queixas e Isabel Soto. (…)”

Convócase, e publícanse as bases, da V edición do Concurso escolar de recitado poético Rosalía sempre viva

“A Casa-Museo Manuel María convoca o Concurso de recitado de poesía destinado ao alumnado de ensino non universitario sobre poemas de Rosalía e Manuel María.

BASES

1.- OBXECTIVO
Este concurso ten como finalidade a potenciación da expresión oral e a creatividade do alumnado a través do coñecemento e recitado da obra de Rosalía e de Manuel María.
2.- PERSOAS DESTINATARIAS
O concurso ten carácter individual e vai destinado a todo o alumnado galego de Educación Primaria, Educación Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos. No caso do alumnado de primeiro e segundo curso de primaria tamén poderán participar en grupo.
3.- CATEGORÍAS
Estabelécense as seguintes categorías:
1. 1º, 2º e 3º curso de primaria.
2. 4º, 5º e 6º de primaria.
3. Educación secundaria.
4. Bacharelato e Ciclos Formativos.
4.- FASES
Contémplanse dúas fases:
Fase de centros:
a) Será organizada por cada centro aténdose unicamente ás bases e condicións que cada un deles estabelecer.
b) Cada centro seleccionará un máximo de 2 alumnos/as por categoría para a súa participación na segunda fase. Na categoría de 1º e 2º curso de primaria poderase seleccionar un grupo (toda a clase ou parte dela), sempre que na segunda fase recitaren un único poema en acto único.
Fase final:
a) Nesta fase participarán aqueles/as alumnos/as que foren seleccionados/as na primeira fase.
b) Consistirá no recitado dunha única poesía escollida libremente de entre a obra en galego de Rosalía ou de Manuel María.
c) Valorarase a autenticidade e naturalidade do recitado, ton, timbre, ritmo, pausas, dicción, inflexión da voz e expresividade. Tamén se valorará a súa memorización e o seu nivel de dificultade.
5.-PRAZOS
1. Os centros participantes deberán facer a súa preinscrición antes do 21 de febreiro de 2019. Pódeno facer por correo electrónico en contacto@casamuseomanuelmaria.gal. A Casa-Museo confirmará ao centro a recepción da solicitude.
2. En función do número de preinscritos, a organización comunicará aos centros o número de alumnos/as que poden participar na fase final en cada unha das categorías.
3. Os centros deberán comunicar á Casa-Museo antes do 21 de marzo o nome dos/as alumnos/as que participan en cada categoría e o poema que recitarán.
6.-FASE FINAL
A fase final celebrarase na Casa-Museo Manuel María (Outeiro de Rei – Lugo) o sábado 6 de abril.
7.-O XURADO
a) O xurado estará composto por tres persoas alleas aos centros participantes con experiencia nestas actividades. Actuará como secretaria unha persoa representante da Casa-Museo Manuel María.
b) O xurado emitirá o ditame o mesmo día da celebración do concurso e terá un carácter inapelábel.
8.-PREMIOS
a) Os premios na primeira fase, caso de os haber, serán determinados e patrocinados por cada centro.
b) Na segunda fase concederanse catro premios individuais, un por cada categoría, consistentes nun dispositivo electrónico multimedia de uso persoal e diploma.
c) O xurado poderá conceder Mencións Honoríficas a aquelas persoas participantes que considerar oportuno, recibindo neste caso os/as galardoados/as un pequeno lote de libros.
d) Todos e todas as concursantes da fase final recibirán un diploma acreditativo de teren participado no Concurso.
9.-OUTROS REQUISITOS PARA PARTICIPAR NA FASE FINAL
a) Cada persoa participante deberá enviar a autorización de pais/nais ou titores/as legais para a filmación da proba e posterior divulgación.
b) O acompañamento do alumnado participante e a súa custodia na fase final correrá por conta das súas familias ou titores/as legais.
A participación no concurso leva consigo a aceptación destas bases.”

Antón Lopo recibe o Premio Repsol 2018

Desde Galaxia:
“Na noite do luns 3 de decembro, Antón Lopo recollía na Coruña o Premio de Narrativa Breve Repsol 2018, que lle foi outorgado pola súa nova novela: Extraordinario.
No acto, que tivo lugar na sede coruñesa da Fundación Paideia Galiza, estiveron presentes o secretario xeral de Politica Lingüística, Valentín García Gómez, o director da Área Institucional da Fundación Repsol, Gonzalo Vázquez Villanueva, e o director xeral de Galaxia, Francisco Castro. Presentado por Doda Vázquez, presidenta da Asociación da Prensa da Coruña, houbo tamén espazo para a música, que desta volta correu a cargo de Davide Salvado.
Deste xeito, Antón Lopo recibiu o cheque por valor de 12.000 euros, o obsequio conmemorativo desta XII edición do premio e presentou tamén a obra editada na nosa colección Literaria, que está xa nas mesas de novidades das librarías galegas.
Extraordinario é unha novela sobre as relacións familiares e o amor, pero tamén sobre a aprendizaxe de vivir, a identidade, a liberdade e o pracer. A obra comeza cando o protagonista debe axudar a súa irmá nos coidados da nai, unha muller de carácter inestable coa que el rompeu toda relación hai máis de trinta anos. A viaxe que emprende non é só á cidade da súa infancia e ao hospital, onde operaron a nai dunha rotura de fémur, senón tamén a un pasado que segue sen resolverse. Narrada como os alustros dun faro sobre a escuridade da noite, Extraordinario posúe unha eficacia narrativa asombrosa, con personaxes que se gravarán na nosa memoria en trazos indelebles, ademais de xogos conmovedores de ironía e humor. Quen entre neste libro non poderá saír ata absorber a última palabra.”