Galaxia promove dúas obras teatrais sobre novelas de María Victoria Moreno e outra sobre a súa vida

Desde a Real Academia Galega:
“Ubú Teatro, tras adaptar o pasado ano A galiña azul de Carlos Casares, volver levar aos escenarios da man de Galaxia unha obra da figura á que a Real Academia Galega lle dedica o 17 de maio. Desta volta será a historia do can Leonardo, Antón e os seus compañeiros de curso, os fontaneiros, galardoada en 1985 co 3º Premio Barco de Vapor. Limiar Teatro asume o reto de adaptar a novela máis recoñecida de María Victoria Moreno, Anagnórise, que narra a fuxida de Nicolau, un adolescente que escapa da casa, acompañado da muller que o recolle facendo autostop.
Limiar Teatro representará ademais unha segunda obra baseada na vida de María Victoria Moreno, unha traxectoria que tamén poderá percorrerse a través das páxinas da biografía que preparou para Galaxia a profesora Montse Pena Presas. O libro sairá do prelo a finais de xaneiro baixo o título A voz insurrecta: María Victoria Moreno, entre a literatura e a vida. Máis adiante, en colaboración co Consorcio de Santiago, a editorial publicará nunha edición especial É a lúa que baila, un estudo de María Victoria Moreno sobre os poemas de Federico García Lorca prologado polo académico Xesús Alonso Montero.
Galaxia está a reeditar desde 2017 títulos de María Victoria Moreno que son parte do seu catálogo. É o caso das novelas xa mencionadas, A festa no faiado (1983), ¿E haberá tirón de orellas? (1997) ou Guedellas de seda e liño (1999), así como Onde o aire non era brisa, novela escrita nos anos 60 en castelán e traducida ao galego en 2009.”

Fallado o VI Premio Manuel Lueiro Rey de poesía

Desde Tempos Dixital:
“O xurado do VI Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía, reunido na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela e formado por Luís Cochón, en calidade de presidente, e por Silvia Penas, Mercedes Queixas, Armando Requeixo e Ramón Rozas como vogais, ademais de por Carmen Carreiro, presidenta da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe, que actuou como secretaria con voz e sen voto, decidiu outorgar por unanimidade o premio ao poemario presentado baixo o título Corpo, de Antón Lopo. O texto impúxose aos outros trinta e un traballos presentados.
O xurado resaltou o bo nivel dos orixinais recibidos, así como a súa diversidade tanto estilística coma temática. O certame, que chega agora á súa sexta convocatoria, consolida a súa andaina coa colaboración do Concello de Fornelos de Montes, lugar natal do escritor que dá nome ao premio, da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe da mesma localidade e de Edicións Xerais de Galicia, responsable da publicación do volume gañador, que será presentado publicamente a comezos do vindeiro mes de abril, en data coincidente co natalicio de Lueiro Rey. O acto de entrega terá lugar en Fornelos de Montes.
O xurado estimou que Corpo é un excelente poemario, denso por variado ―tocata e fuga―, que se compón de diversas suites que se completan ou se enfrontan ou se escisionan (eses parénteses e claudátores). O autor constrúe este Corpo medrado con poder de convicción tanto que convenceu, unánime, os cinco membros do xurado. Ponderado, pousado, serán versos para quedar, no tempo que nos acolla, cando menos neste libro admirable.”