Patricia Mallo gaña o I Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro
Desde
Galaxia:
“A obra Os Fantom impúxose aos 39 orixinais presentados nesta primeira edición e será publicada pola Editorial Galaxia o vindeiro outono.
Reunido en Santiago de Compostela a mañá do 20 de xuño, un xurado composto pola escritora e académica Fina Casalderrey, a profesora Blanca Ana Roig Rechou e o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, decidiu por unanimidade declarar gañadora do I Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro a obra Os Fantom de Patricia Mallo.
O xurado destacou da novela gañadora o seu marcado sentido do humor á hora de narrar a viaxe da familia Fantom, unha familia de pantasmas con superpoderes, dende a “cidade gris” ao “mundo de máis aló”, ao “mundo dos vivos, xunto á Cidade Xardín”. Así mesmo, sinalan que a narración conta cun ritmo áxil que se ve reforzado polas situación divertidas que van xurdindo nunha trama onde nada é o que parece ser. E salientan que Os Fantom é unha defensa da singularidade, da identidade de cada quen e da súa aceptación.
Patricia Mallo (Vigo, 1985) estudou Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo e traballou en países como México, Italia, Reino Unido ou a India. Tras escribir e producir a curtametraxe ¿Amigos?, o pasado 2016 debutaba en Galaxia coa novela infantil Os Cabezombis na Mansión Espello, onde xa mesturaba os seus temas preferidos: o humor, o misterio e a fantasía.
O I Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, nacido neste mesmo ano, e convocado polo Concello da Pobra do Caramiñal, a Editorial Galaxia e a A. C. Barbantia, ten como finalidade honrar a figura de Carlos Mosteiro, escritor fundamental da LIX galega e fortemente vencellado á comarca do Barbanza, que finaba o pasado xullo de 2017; ao tempo que se aposta pola creación en galego para o lectorado máis novo. O premio consiste na publicación da obra por parte de Galaxia na súa colección Árbore e 1.500 euros para a gañadora.”
Vídeo da conferencia Saco Arce: 150 anos da publicación da primeira gramática para o galego, de Xosé Manuel Sánchez Rei
Ordes: presentación de A Madriña, de María do Carme Caramés Gorgal
A Coruña: presentación de O ladrón de soños, de Sabela Fernández Trelles
Compostela: presentación de Tempo fósil, de Pilar Pallarés
Entrevista a Xosé Benito Reza sobre Terradentro
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Xosé Benito Reza recibe o premio Losada Diéguez de creación pola súa novela Terradentro. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Ribeira: inauguración da Feira do Libro, o 21 de xuño
O
21 de xuño comeza a Feira do Libro de Ribeira (na Praza do Concello), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., co seguinte acto literario destacado dentro do seu programa para este día:
– 13:00 h. Inauguración coa actuación de O Rueiro dos fillos de Palmeira e pregón a cargo de Paula Carballeira.
Fallo do xurado do I Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle
Desde
a A. C. Alexandre Bóveda:
“O día 15 de xuño, no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña, tivo lugar a reunión do xurado do I Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle. O mesmo estivo composto por Xosé Manuel Rabón, director de escena tanto de ópera como de teatro, Sabela Hermida, actriz e autora de diferentes traballos sobre o oficio teatral e Lino Braxe, dramaturgo e director de escena quen actuou como secretario do xurado.
Falláronse un 1º Premio e dous accésits tal e como se indica nas bases.
O 1º Premio recaeu na obra Fashion Victims, da que resultou gañador José Luís Baños de Cos.
O 1º Accésit foi para a peza Albatros en terra, da autoría de Alberto G. Aneiros.
E o 2º Accésit recaeu no texto No ventre da balea, de Fernando Castro Paredes.
O texto gañador será posto en escena en formato de lectura dramatizada, mentres que as tres pezas serán publicadas no 1º Caderno de Teatro Jenaro Marinhas del Valle.
E para que consten asinan este documento
Sabela Hermida
Xosé Manuel Rabón
Lino Braxe”
“A Festa da Queizán”, artigo de Marga do Val
Artigo
de Marga do Val en Sermos Galiza (foto cedida):
“A Festa foi a festa de todas. Alí estaba a Academia á que por xustiza pertence María Xosé, á que lle gusta pertencer, unha Academia Feminista, unha academia do feminismo. O 9 de xuño foi un día dunha festa en que a felicidade, o cariño, o recoñecemento pairaba en todo momento no ambiente
Nós queriamos celebrar unha Festa, unha Festa para e con Queizán, unha idea que tivo Sabela Mouriz e que nos foi transmitindo. Xuntámonos Amanda Álvarez, Ana Romaní, Inma Rodríguez, Pilar Abreu, Ánxeles Castiñeiras, Camiño Noia e fumos botando redes, de Compostela a Vigo e a Galiza toda. Espallando a idea, botando redes e gardando o segredo máis secreto. Tiña que ser unha homenaxe do feminismo galego a María Xosé Queizán, por recuperarmos as mans, por tratar das evidencias, procurar no segredo da Pedra Figueira, facer da palabra silenciada unha Festa, darlle a volta ao discurso para nos incluír, cuestionar a metáfora patriarcal, celebrar o espertar das amantes, situarse fóra, na outredade, escribir a cólera, denunciar que ten o seu punto a fresca rosa. Nós, queriamos esa Festa para Queizán, nós, que nunca abrimos a súa obra como unha flor, nós, as amigas, as irmás, queriamos recoñecer, agradecer, gozar.
Moito camiño andou Queizán desde aquel día en que as monxas de Cluny, coas que só estaría dous anos, a quixeron expulsar por levar no entroido un bonito vestido, tuneado do da primeira comuñón, cun escote palabra de honor, todo un escándalo; finalmente, á nena adiantada, Sisi antes de Sisi, conmutáronlle a pena por un cero en piedade, grazas á intercesión da súa nai. Laxeiro retratouna co vestido e escribiu: Para a nena máis bonita de Galicia. Moito camiño foi o que andou esta nena bonita, logo, moza existencialista convencida con pixama negro, que trouxo de París as novidades literarias que haberían de influír tanto na Nova Literatura Galega, moito foi o que aprendeu, o que se concienciou, entre a escrita e a publicación de A orella no buraco e a escrita, nunha noite de San Xoán, daquel artigo da revista Triunfo en que se preguntou ¿Por qué es barroca la literatura gallega? Pasaran dez anos e un matrimonio. Logo viría un crédito á honra concedido pola Caixa de Aforros de Vigo que lle permitiu realizar os seus estudos de Filoloxía en Compostela mentres educaba unha filla e un fillo, crédito que devolveu co seu traballo de profesora de lingua e literatura galega, co que gañou a vida. Nunca lle regalaron nada, ao feminismo tampouco. (…)” (…)



