Iria Misa: “Escribir o mundo de Ánxela foi botar unha ollada a aqueles anos intensos e cheos de sensacións”

Entrevista a Iria Misa en Palabra de Gatsby:
“(…) – Palabra de Gatsby (PG): Xa non estou aquí continua liderando o ranking dos máis vendidos en literatura xuvenil galega. Agardaba esta boa acollida?
– Iria Misa (IM): Non agardaba nada, a verdade. Ao partir de cero, todo o que foi chegando resultou marabilloso e un premio extra. De todas as cousas boas que foron pasando estes meses atesouro xa moi boas lembranzas. Lembranzas que me sacan sorrisos e me animan a moverme cara adiante cando me sinto feble.
– PG: Que teñen en común Ánxela e Iria Misa?
– IM: A experiencia da adolescencia, supoño. Escribir o mundo de Ánxela foi botar unha ollada a aqueles anos intensos e cheos de sensacións, boas e malas. Pode que os sentimentos sobre o valor da amizade, as experiencias do amor e o desamor…pero non é que sexan cousas que teño eu en común con ela. Son sentimentos e experiencias universais. Tenas Ánxela en común comigo e con calquera persoa que algún día, aínda que xa non o pareza, tivo dezaseis ou dezasete anos.
– PG: En esencia, esta novela é coral. Foi complexo para vostede crear unha voz persoal para cada un dos personaxes?
– IM: Foi un reto moi estimulante. Para facelo tiven que compoñer unha imaxe de cada un dos personaxes, crear una idea global deles moi rica e completa. Gustábame que fosen distintos. Que tivesen unha voz de seu e reflexasen a diversidade que existe dentro de cada grupo. Isto parecíame determinante nun libro para adolescentes, xa que ás veces parece que hai que conformarse a certas normas e que se non o fas es “raro” ou quedas á marxe. A diversidade enriquécenos. Ademais, a nivel técnico era un bo recurso para narrar a historia. Todo o que pasa en Xa non estou aquí enténdese mellor cando tes a imaxe completa, e iso pasa ao achegarse a cada un dos personaxes e o seu xeito de afrontar os feitos. (…)”

Antía Otero: “Reivindico a emoción, unha das poucas cousas que aínda non puideron negarnos”

Entrevista de Montse Dopico a Antía Otero en Praza:
“(…) – Praza (P): Emocións, sensacións e lembranzas parecen o punto de partida de O cuarto das abellas.
– Antía Otero (AO): Neste libro era importante para min, sobre todo, traballar co concepto de eco. O eco que provocan as palabras. O eco, e a emoción, foron dúas liñas moi importantes na construción de O cuarto das abellas. Moita xente di que o libro lle resultou moi sonoro. E é verdade que están moi presentes os sons, tamén porque aparecen os sons da casa, a música… Mais para min o máis relevante era o concepto do eco como son, e como son no presente. Por iso non é, en realidade, un libro sobre lembranzas -que tamén están-, senón sobre o eco do recordo máis que sobre o recordo en si mesmo.
– P: A estrutura de O cuarto das abellas é coma unha colmea. A editora que creaches con Dores Tembrás chámase Apiario… Por que a abella e a colmea como metáfora?
– AO: O libro comeceino antes da posta en marcha de Apiario. Cando buscabamos un nome para a editora decatámonos de que as abellas estaban presentes tanto na miña escrita como na de Dores. Nas nosas casas familiares facíase a esmelga. Iso foi o punto de partida, máis alá do contido simbólico: a comunidade, o traballo en común, a idea de tecer rede… Tamén era un símbolo moi presente na literatura. Foi natural, por todo iso, chegar ata aí.
En canto á estrutura do poemario, é, si, unha abellariza. Como as partes dun cuarto, sen que ningunha estea por enriba da outra. Sen relacións xerárquicas, senón horizontais. E con isto volvemos á idea do espazo transitado desde o presente. Comprendo que o libro poida ser interpretado como un poemario sobre a infancia, que nos leva ao pasado. Tamén está a morte, que nos remite ao futuro. Pero a miña idea era tratar os temas desde o presente.
Se está o pasado, é desde o eco do que vén de atrás. O rebote do eco. Tamén a morte: un rebote do eco sobre o que vai chegar, sobre o que sabemos que, indefectiblemente, está aí. A morte como algo intuído no presente. Interesábame, en relación cos tempos, mover os marcos do esperable entre o pasado e o futuro. O que quería era o presente da palabra. A presenza da palabra. A presenza e o presente na escrita. (…)”

Crónica da Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2017

Sobre 130 persoas asistiron a un emotivo acto de entrega dos diplomas acreditativos de MESTRAS DA MEMORIA ás Pandeireteiras da Alén (Orosia e Alsira Gil Ramos e Ólida Diz Ramos) e do diploma de MESTRE DA MEMORIA a Serafín Mourelle Bugallo, da Coruña. Lamentabelmente non puidemos contar coa presenza das tres mullerres homenaxeadas: a idade, a distancia e algún problemas de saúde tiveron a culpa. Os seus respectivos recoñecementos foron recollidos por persoas das súas familias.

Ademais das persoas homenaxeados, interviron no acto:

A música correu a cargo de Branca Villares e Ricardo Marcos Casás Salgado, e o mantedor do acto foi Antonio Reigosa, vogal de Literatura de Tradición Oral da AELG.

Mestras da Memoria 2017: Pandereteiras Da Alén
Do lugar da Alén, Xirarga, Beariz, Ourense.
Orosia Gil Ramos (95 anos) Alsira Gil Ramos (90 anos) e Ólida Diz Ramos (96 anos).
“Presenza viva da poesía e música, tesouro en vida onde repousan xotas, muiñeiras, pasodobres, cantares de reis, aturuxos e a sabedoría e a sensibilidade popular feita poema musicado.” (Poldo Cañizo)

Alsira Gil Ramos Ólida Diz Ramos Orosia Gil Ramos

Mestre da Memoria 2017: Serafín Mourelle Bugallo
Mariñeiro e poeta. 84 anos. Nacido en Corme. Residente na cidade da Coruña.
“Aos catorce anos embarcou de axudante de cociña  e chegou a converterse nun famoso patrón do Gran Sol. Nos anos sesenta  foi un dos descubridores dos vizosos caladoiros de Porcupine, o volcán submarino situado ao oeste de Irlanda. Tamén é poeta ao xeito de Manuel Antonio; isto é, poesía do mar escrita pola propia xente do mar.“ (Xurxo Souto)

Serafín Mourelle


A AELG pretendeu facer máis visíbel ante a sociedade a Literatura de Tradición Oral levando a Lugo a súa Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria que, co lema «Lugo, Capital Galega da Literatura de Tradición Oral», tivo lugar o 27 de maio no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo, co apoio das Áreas de Cultura do Concello e da Deputación de Lugo

O obxectivo principal da Gala foi a entrega dos V Premios Mestras e Mestres da Memoria, que se conceden a informantes de literatura popular, por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional. A proposta da Sección de Literatura de Tradición Oral, coordinada por Antonio Reigosa, a asemblea xeral de Socios-as da AELG acordou outorgárllelos ás Pandeireteiras da Alén (Orosia e Alsira Gil Ramos e Ólida Diz Ramos) e a Serafín Mourelle Bugallo.
O principal valor dunha sociedade constitúeno as persoas, os tesouros humanos vivos, homes e mulleres que estiveron atentos para recibir dos seus predecesores a herdanza cultural, que logo reciclan e recrean, e que adaptan e actualizan con xenerosidade para, por fin, transmitir todos eses saberes herdados aos que veñen detrás.
Nesta cadea de comunicación a cultura popular mantense viva porque se actualiza sen renunciar ás esencias que a distinguen, que a fan ao tempo singular e universal.
Desde a Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) queremos contribuír a manter sempre aberta esa canle de comunicación entre os que por idade e, como consecuencia, por acumulación de experiencias e saberes, gardan a memoria deses esencias da nosa cultura e os que, pola contra, andan aínda descubrindo o mundo que os rodea.

Pódese consultar aquí a listaxe de persoas que xa foron nomeadas Mestras-es da Memoria pola Sección de Literatura de Tradición Oral, á que o 27 de maio de 2017 se sumaron as Pandeireteiras da Alén e Serafín Mourelle.

Santiago Lopo, María Canosa e Manuel Lourenzo González, Premios Xerais 2017

“Na illa de San Simón, no concello de Redondela, o sábado, 3 de xuño, anunciouse o ditame da XXXIVª edición do Premio Xerais de Novela, a IXª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e a XXXIIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, todos os tres premios dotados con 10.000 euros cada un deles.
Esta festa literaria consistiu nun acto literario-musical, celebrado no Auditorio da illa de San Simón. Á velada asistiron trescentas persoas, entre as que se atopaban representantes das asociacións profesionais do sector do libro, escritoras, editoras, libreiras, críticas, bibliotecarias, profesoras e outras persoas colaboradoras da editorial. O acto foi emitido en directo por Internet.
Celia Torres, coordinadora e presentadora dos premios, abriu a velada, na que A banda dos cueiros se ocupou do apartado musical, lembrando con agarimo a figura do escritor Agustín Fernández Paz, a quen Xerais dedicou estes Premios Xerais 2017. Sinalou, despois, a importancia da continuidade dende hai tres décadas destes premios, nos que nesta edición de 2017 participaron 96 orixinais entre as tres modalidades de novela, literatura xuvenil e literatura infantil.
A seguir, a tradutora Isabel Soto presentou Un mundo de palabras, onde se recollen os traballos de Agustín Fernández Paz sobre o libro e o fomento da lectura. Como editora literaria deste libro, Isabel Soto sinalou que «nesta obra de Agustín Fernández Paz cúmprese á perfección o principio de que a lectura e a escritura son as dúas caras dunha mesma moeda, e de que todo escritor, antes de selo, é un lector.» (…)
O profesor e divulgador científico, Xurxo Mariño, autor de Terra. Ciencia, aventura e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo (Xerais, 2017), actuou como mantedor literario da velada. No seu discurso, titulado «A pedra negra», defendeu a convivencia das humanidades e das ciencias experimentais como compoñentes dunha única cultura, reivindicando tanto o coñecemento humanístico para os como o coñecemento experimental para artistas, poetas e novelistas.
O xurado da XXXII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 35 obras, formado por María C. Alonso Seisdedos (licenciada en Filoloxía Hispánica e tradutora), Ana Domínguez Santomé (directora do CEIP Carlos Casares de Nigrán e adestradora de ximnasia rítmica), Mª del Carmen Ferreira Boo (doutora en Filoloxía Galega e profesora de lingua e literatura castelá no ensino secundario), Carlos González Rodríguez (libreiro na libraría Wells de Cangas), Lucía Cobo (ilustradora) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas «Fígaro», «Leriana», «Po estelar» e «Max».
Despois da súa última deliberación, acordou declarar por maioría como gañadora a obra presentada baixo o lema «Fígaro», que, despois de aberta a plica, resultou ser de María Canosa corresponde ao título «Muriel».
María Canosa confesou que «Muriel naceu da necesidade de dar voz á sinxeleza e complexidade simultánea de espir os sentimentos, ao calado, expresado en voz baixa. Do mesmo xeito que fala o amor, a ledicia e a tristura. Con Muriel quixera destacar tamén a combinación de fraxilidade e fortaleza dos que están tocados pola sensibilidade, os mesmos que se atreven a soñar e pintar un horizonte de cores. A amizade e unha sinxela botella de leite une a todos e cada un dos protagonistas, de diferentes xeracións e tamén entre humanos e animais. Non pretendo unha obra moralista, porque quero que os lectores gocen, como gozaba eu cando lía de pequena, converténdome en protagonista das historias. Mais quixera afondar na xustiza e a honestidade de maneira natural. A historia enfíase por medio da intriga, da curiosidade que esperta no protagonista, e envólvese de maxia e fantasía.»
O xurado da IX edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 19 obras, formado por Xabier Campos Villar (profesor de lingua e literatura no IES Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcía de Arousa e autor de libros de texto), Mar Montenegro Prado (profesora de lingua e literatura no IES Politécnico de Vigo), Yaiza Peixoto Sánchez (profesora de educación infantil no CEIP Serra-Vincios de Gondomar e Vicepresidenta de Espazo Lectura), Inés Fernández Prieto (alumna de 1º de bacharelato no IES Otero Pedrayo de Ourense), Manuel Loureiro Giráldez (alumno de 2º da ESO do IES Auga da Laxe de Gondomar e membro do Comando Le de Espazo Lectura) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas «Belinfante», «Ceiba de Luz» e «NS».
Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema «Ceiba de Luz», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Manuel Lourenzo González e corresponde ao título «Ceiba de Luz».
Manuel Lourenzo González explicou que «a historia de Ceiba de Luz é a dunha expedición arqueolóxica formada por dezaoito persoas, estudantes e especialistas de distintos ámbitos, que emprende unha viaxe por unha rexión inexplorada da Amazonía peruana á procura dos restos dunha primitiva cultura. Mais algúns dos seus membros teñen obxectivos propios, que van da cobiza pirata duns ao delirio místico doutros, o que converterá a viaxe, nun medio descoñecido e moitas veces inhóspito, nunha mera loita pola supervivencia.»
«Ceiba de Luz é unha novela que encaixa no canon do relato de aventuras no eido da experiencia científica, polo que acae perfectamente ao universo de Verne que lle dá nome ao premio, cunha trama marcada pola intriga policial e cun achegamento ao fantástico lovecraftiano. Asemade, dexérgase un retrato da condición humana en situacións límite lonxe do paraugas protector da civilización.»
O xurado da XXXIV edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorren 42 obras, formado por Ana González Liste (xornalista), Marcos Lorenzo (xestor cultural), Diana Pastoriza (profesora de inglés da EOI e asesora TIC no CAFI), Lois Pérez Díaz (mestre e contador de historias),Afra Torrado (poeta e estudante de Belas Artes) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas «Bennu», «Caridad Verdet» e «Os días felices de Benvido Seixas».
Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema «Bennu», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Santiago Lopo e corresponde ao título «A arte de trobar».
Santiago Lopo declarou cando coñeceu que fora premiado que «A arte de trobar é unha novela que acontece no século XIII. Nela, unha troupe de artistas procedentes de Galicia percorre os camiños dunha Europa inmersa en duras loitas de poder. É un momento de cambio político, cultural e lingüístico. As persecucións relixiosas e as ansias expansionistas coinciden co auxe das cantigas galaico-portuguesas e co declive da lírica provenzal. Realizada con sumo rigor histórico, a obra posúe unha trama con grandes doses de intriga e constitúe un vibrante fresco desta nosa historia, escrita en follas de pergamiño á beira do mar.»
Pechou o acto Manuel Bragado, director da editorial, que agradeceu a axuda proporcionada pola Consellaría de Cultura e Educación na celebración da cerimonia. Agradeceu o traballo das persoas do xurado e parabenizou á gañadora e gañadores que expresan o dinamismo e a vontade de renovación constante da literatura galega.”

Carlos Labraña, premiado na Gala do Libro por Moito Morro Corporation

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“O dramaturgo Carlos Labraña vén de ser galardoado pola mellor obra teatral na pasada Gala do Libro, pola súa obra teatral infantil Moito Morro Corporation, unha comedia circense protagonizada por unha compañía de pallasos, trapecistas e domadores. Pode accederse á entrevista aquí.”