Manuel María, na túa voz, lectura pública da obra de Manuel María, o 23 de abril

AManuel María, Alberte Ansede, Saleta Goi Fundación Manuel María, a través da súa presidenta Saleta Goy e o seu secretario Alberte Ansede, presentou esta mañá en rolda de prensa a actividade Manuel María, na túa voz. A actividade que promove a Fundación consistirá na lectura pública da obra de Manuel María o vindeiro día 23 de abril, Día Internacional do Libro, en distintas cidades e vilas de Galiza.
Manuel María, na túa voz pretende ter unha dimensión e repercusión importante por todo o país, será unha homenaxe e celebración pública e popular en que “fale o propio Manuel María mediante a súa obra”. Obra que será lida, recitada ou cantada polos seus destinatarios, o pobo galego, ao cal se lle fai un convite aberto, por parte da Fundación Manuel María, para que acuda aos actos que se celebren nas distintas localidades e desfrute ben como lectores, ben como público.
Esta actividade acordouse recentemente coa FEGAMP trasladala a todos os concellos de Galiza para que en torno ao día 23 de abril ás 12 horas os concellos, xunto ás entidades culturais, veciñais, deportivas…, se animen a convocala. Ferrol, Pontevedra, Ourense, Vigo, A Coruña, Lugo, Santiago de Compostela, Lalín… son algúns dos lugares onde xa se coñece que se realizarán estes actos, os cales serán organizados nalgúns casos por entidades culturais con ou sen colaboración dos concellos, e noutros polas propias entidades municipais.
Os representantes da Fundación Manuel María tamén fixeron fincapé a que os centros educativos participen da actividade, quer preparando co alumnado distintas lecturas para acudir conxuntamente coas persoas adultas o sábado 23 de abril, quer celebrando, na véspera, a devandita actividade nas propias escolas.
Por último, salientouse que xa se recibiron comunicacións dalgúns centros galegos de Europa e doutros lugares do Mundo nos que se van facer lecturas da obra de Manuel María. A Fundación tratará de recoller estes actos para que teñan repercusión a través das TICs.

Outeiro de Rei: XXV Xornadas de Lingua e Literatura Manuel María

XXV Xornadas de Lingua e Literatura Manuel María

Marcos Calveiro: “Veño falar do lixo”

EntrevistaMarcos Calveiro 2 a Marcos Calveiro en Radiofusión:
“Puntual chegou o escritor Marcos Calveiro ao colexio Centieiras de Fene a mañá do luns 4 de abril. Ás nove xa estaba proxectando na pantalla da biblioteca do centro, a portada do seu libro Unha casiña branca. Propoñíase falar aos alumnos e alumnas do “lixo” porque diso trata a obra, duns nenos que viven nun vertedoiro. A de Marcos Calveiro é a terceira visita dun escritor ao colexio Centieiras, onde pretenden que exista unha interlocución entre autores e lectores. (…)
O escritor Marcos Calveiro visitaba o centro fenés coa pretensión de demostrar aos pequenos e pequenas de 8 a 10 anos que os autores das obras que len ” estamos vivos”. El expón o que quixo contar na historia e logo escoita o que os rapaces entenderon ou sentiron con ela, nunha aprendizaxe de ida e volta. (…)
A entrevista pode escoitarse aquí.”

Pontevedra: actos destacados do sábado 9 e domingo 10 na Feira do Libro

O Feira do Libro de Pontevedra 2016domingo 10 de abril finaliza a Feira do Libro de Pontevedra (na Praza da Ferrería, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para esa fin de semana:

Sábado 9
19:00 h. Jorge Rodrigues asinará exemplares de Frouma de Ruivéns, publicado por Redelibros, na caseta da Libraría Cartabón.
19:30 h. Espectáculo musical O Bigote de Mimí, de Luís Vallecillo e a Banda do Cuberto, baseado no libro homónimo de Manuel María, publicado pola Casa Museo Manuel María.
20:00 h. Buenaventura Aparicio Casado presenta o seu libro A pedra do cervo, publicado por Edicións do Cumio.

Pontevedra: ciclo de conferencias Ciencia nas obras clásicas da literatura

OAELG Logo 3-2015 Ciclo de conferencias Ciencia nas obras clásicas da literatura, que conta coa colaboración da AELG, fai parte da iniciativa “Inspiraciencia“.

Inspiraciencia é un concurso de relatos de inspiración científica que leva aparelladas outras actividades de divulgación. Entre elas o ciclo de conferencias Ciencia nas obras clásicas da literatura, do que fai parte a seguinte, a celebrar en Pontevedra ás 18:00 horas do venres 8 de abril no marco do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra (Pazo da Cultura. Rúa de Alexandre Bóveda, s/n).

Outros animais sorprendentes de 20.000 leguas baixo dos mares, por Lara García Alves. Grupo de Ecoloxía e Biodiversidade Mariña, Instituto de Investigaciones Marinas (CSIC).

Quen lle ía a dicir ao profesor Aronnax, naturalista de profesión, que a expedición do Abraham Lincon que tiña por obxectivo darlle caza a un xigante cetáceo, converteríase nunha intrépida aventura a bordo do submarino Nautilus. Baixo o mando do capitán Nemo, o profesor Aronnax e o resto da tripulación foron testemuñas da diversidade de especies animais que habitan nas profundidades do Océano. Dende as formas máis primitivas ás mais avanzadas na evolución. Gran variedade de algas e plantas mariñas, corais, anémonas, medusas, estrelas de mar, bancos de peixes de distintas familias, exércitos de luras … unha infinidade de especies foron sucedéndose ante os seus ollos. As formas de vida planctónica están presentes tamén nesta aventura baixo dos mares, ben sexa por especies que forman parte do plancto toda a súa vida, ou por animaliños que forman parte do plancto nas etapas inicias do seu desenvolvemento.

Nesta actividade daranse a coñecer as especies máis curiosas que forman parte do plancto, relacionando ademais a forma planctónica cos animais adultos protagonistas do libro de Jules Verne. Ao remate da charla, os participantes poderán observar a través dunhas lupas, a cantidade de especies curiosas que forman parte do plancto. Deste xeito tan directo, serán conscientes da súa forma característica e do seu pequeno tamaño. Como poden estas formas tan diminutas converterse nos animais adultos? Os participantes nesta charla non volverán a pensar na lura xigante cando se fale de 20.000 leguas baixo dos mares.