Desde
o Brétemas, de Manuel Bragado:
“Moito pagou a pena a presentación de Tártarus, a novela de Antonio Manuel Fraga, que fixemos na FNAC con motivo do día do libro. A crítica María Xesús Fernández conversou co autor sobre unha novela de fantasía da que salientou «o seu carácter de relato enmarcado no que unha muller relata a historia protagonizada por outra que accede a un mundo mítico».
O autor confesou que a súa idea era que esta novela xuvenil puidese ser lida tamén polo público adulto. «Quixen que estivese presente a música, a narración oral e unha relación entre unha persoa nova e outra adulta, como xa fixera no Castañeiro de abril. Sei que é unha novela de fantasía e asumo que escribo máis literatura de fantasía da que eu mesmo consumo.» Ao fío das pegadas de Ende e Tolkien na creación deste entorno de ficción verosímil, o autor confesou que fora divertida a creación deste mundo: «Aproveitei unha serie de realidades parciais. Os nabrallos naceron en Cuba, como un reflexo de certas realidades que vimos nalgunhas cidades, a vitalidade dos seus habitantes, o tráfico caótico e, sobre todo, o seu optimismo para superar as dificultades. O mundo de Nigrofe tamén saíu de Cuba. Como foi engaiolante crear a linguaxe güenda, inspirada nas linguas do norte de Europa. Pola contra a lingua mallumá provén sobre todo do esperanto.» «A vontade foi crear unha sociedade simplemente distópica, que pode lembrar á sudafricana do apartheid, aos ghettos xudeus ou á Palestina actual».
Antonio expresou a súa preocupación de que fose comprendido o crebacabezas da novela, xa que está estruturada sobre dúas voces principais, a de Guiomar e a da súa profesora de klavia, ás que se incorporan outras, ao xeito de monecas rusas. «A novela pode lerse de xeito liñal, pero tamén pode xogarse a identificar as relacións existentes entre as dúas historias paralelas.» No que atinxe á incorporación de textos informativos ao comezo de cada capítulo, o autor xustificounos na media que «forman parte do xogo de construción deste mundo ao que pretendín darlle máis autenticidade». (…)”
Entrevista de Marco Paone a Ismael Ramos en Insula Europea
Bos Aires: Ofrenda floral da AELG a Rosalía. No Xardín dos Poetas, na Rosaleda
Ofrenda floral do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, a Rosalía de Castro, no Xardín dos Poetas, na Rosaleda, en Bos Aires.
Xesús Constela e Tamara Andrés: “Necesitamos unha paisaxe propia”
Actividades destacadas na Feira do Libro de Bos Aires para o martes 3
Do
19 de abril ao 9 de maio desenvólvese en Bos Aires a Feira do Libro, onde Santiago de Compostela é a cidade convidada neste 2016. A AELG está representada por Cesáreo Sánchez Iglesias e Ledicia Costas, como presidente e vogal da AELG respectivamente.
Dentro do programa completo da delegación galega, destacamos as seguintes actividades para o martes 3 de maio:
– 10:00 h. Diálogos con estudantes: Elena Gallego Abad. Instituto Argentino Gallego Santiago Apóstol.
– 19:30 h. Encontro con lectores: Diego Ameixeiras. Coordinado por Juan Carrá. Biblioteca Casa de la Lectura.
– 20:00 h. Traducir aos clásicos. De Ulises a Treasure Island. Coloquio con Xavier Queipo, Xosé María Sáinz Pena e Xavier Alcalá. Stand.
– 20:30 h. Itinerario literario de autores galegos en Buenos Aires. Audiovisual realizado polo Instituto Gallego-Argentino Santiago Apóstol. Sala Haroldo Conti (Pavillón amarelo).
Compostela: actos destacados do luns 2 e martes 3 na Feira do Libro
O
luns 2 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Lateral da Alameda, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 21:30 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para o luns 2:
– 20:00 h. Presentación de De pergamiños, follas voandeiras e libros ao .gal, de Mercedes Queixas, publicado en Xerais. No acto, a autora estará acompañada por Manuel Bragado.
E para o martes 3:
– 20:00 h. Presentación de O volframio en Varilongo, de Carme Blanco Ramos, publicado en Xerais, con Manuel Bragado.
Taboleiro do libro galego XLIII (abril de 2016), por Ramón Nicolás
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Neste primeiro día de maio velaquí unha nova entrega do Taboleiro do libro galego. Grazas, nesta ocasión, ás once librarías colaboradoras: Andel, Casa do Libro, Libros para Soñar e Librouro de Vigo; Airas das Letras, de Allariz, Miranda de Bueu; Biblos de Betanzos; Suévia da Coruña; Pedreira e Lila de Lilith de Compostela e, finalmente, Cronopios (Santiago e Pontevedra).
NARRATIVA
1º-. Francisco Castro, Amor é unha palabra coma outra calquera, Galaxia.
2º-. Manuel Rivas, O último día de Terranova, Xerais.
3º-. Xavier Queipo, Os kowa, Galaxia.
4º-. Antón Riveiro Coello, Os elefantes de Sokúrov, Galaxia.
5º-. Antía Nara, Cara ao leste, Xerais.
6º-. Álex Alonso, Tempo de bebidas isotónicas e fast-food, Xerais.
7º-. Manuel Núñez Singala, Camiños na auga, Galaxia.
8º-. Fran P. Lorenzo, Cabalos e lobos, Xerais.
9º-. Pedro Feijoo, Morena, perigosa e románica, Xerais.
10º-. Antonio M. Fraga, Querido H. P. Lovecraft, Urco.
POESÍA
1º-. Ismael Ramos, Os fillos da fame, Xerais.
2º-. Manuel María, Os soños na gaiola, Xerais.
3º-. Manuel Veiga e Xosé Lastra, Manuel María. Versos e rebeldía, Xerais.
4º-. Manuel María, Antoloxía poética, Galaxia.
5º-. María do Cebreiro, O Deserto, Apiario.
6º-. VV.AA., 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca, Biblos.
7º-. Antonio G. Teijeiro, Poemar o mar, Xerais.
8º-. Carlos Negro, Masculino singular, Xerais.
9º-. VV.AA., Dez anos na Porta, A porta verde do sétimo andar.
ENSAIO-TEATRO
1º-. Mercedes Queixas, Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María, Galaxia.
2º-. Jorge Mira, María Canosa, Dani Padrón, ¿A que altura está o ceo?, Alvarellos.
3º-. Manuel Veiga, Manuel María buscando un país, Xerais.
4º-. Isidro Dubert (ed.), Historia das historias de Galicia, Xerais.
5º-. Luzia Oca, Caboverdianas en Burela, Sotelo Blanco.
6º-. Xabier Pérez Davila, Alén da casta, Laiovento.
XUVENIL
1º-. Andrea Maceiras, Europa Express, Xerais.
2º-. Agustín Fernández Paz, A neve interminable, Xerais.
3º-. Carlos Vila, O enigma de Caronte, Galaxia.
4º-. Pere Tobaruela, Formig4s. Misión Nova York, Xerais.
5º-. Elena Gallego, Dragal IV, Xerais.
INFANTIL
1º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Esmeraldina, a pequena defunta, Xerais.
2º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Escarlatina, a cociñeira defunta, Xerais.
3º-. Érica Esmorís, Nena e o mar, Xerais.
4º-. Anna Llenas, O Monstro de Cores, Flamboyant.
5º-. Estíbaliz Espinosa, Caer de cu polo universo, Apiario.
6º-. Miguel Ángel Alonso Diz – Luz Beloso, O valente coello que quixo soñar, Nova Galicia Edicións.
LIBROS CD-DVD
1º-. Uxía, Uxía canta a Manuel María, Casa-Museo Manuel María.
2º-. Uxía e Magín Blanco, Canta o cuco, Galaxia.
3º-. Nani García / Manuel María, A berenguela, Galaxia.
4º-. Pirilampo, Teatro de Guiñol, Galaxia.
5º-. Carmen Gil/Mamá Cabra, A bruxa Discordia, Galaxia.
BANDA DESEÑADA
1º-. René Goscinny, Albert Uderzo, Jean-Yves Ferri e Didier Conrad, (trad. de Xavier Senín e Isabel Soto), O papiro do César, Xerais.
2º-. Luís Davila, O bichero IV, Edición do autor.”
Compostela: entrega dos Premios da Crítica 2015 a María do Cebreiro e Manuel Rivas
O
martes
3 de maio, ás 20:00 horas, en Afundación (Rúa do Vilar, 19), en Santiago de Compostela, o Ateneo de Santiago, en colaboración coa Asociación Galega da Crítica, entregará os Premios da Crítica 2015, que concede todos os anos o 23 de abril a Asociación Española de Críticos Literarios (AECL). Os galardóns en lingua galega deste ano, propostos pola Asociación Galega da Crítica, recaeron na obra O Deserto (Apiario) de María do Cebreiro, na modalidade de poesía, e na novela O último día de Terranova (Xerais) de Manuel Rivas, na modalidade de narrativa. No acto intervirán tamén Inmaculada Otero Varela e Dolores Vilavedra.
Actividades destacadas na Feira do Libro de Bos Aires para o luns 2
Do
19 de abril ao 9 de maio desenvólvese en Bos Aires a Feira do Libro, onde Santiago de Compostela é a cidade convidada neste 2016. A AELG está representada por Cesáreo Sánchez Iglesias e Ledicia Costas, como presidente e vogal da AELG respectivamente.
Dentro do programa completo da delegación galega, destacamos as seguintes actividades para o luns 2 de maio:
– 10:00 h. Diálogos con estudantes: Xesús Alonso Montero. Instituto Argentino Gallego Santiago Apóstol.
– 11:00 h. Proxección de 100% Celso Emilio Ferreiro, dirixido por Aser Álvarez. Sala Gaumont.
– 18:30 h. Homenaxe ao escritor Lorenzo Varela no seu centenario. Con Xesús Alonso Montero. Presenta Francisco Lores. Proxección de Exilios, de Xan Leira. Federación de Asociaciones Gallegas de Argentina (Sala Arturo Cuadrado).
– 19:00 h. Son un libro galego. Poemario oral a cargo de Antón Lopo.
– 20:30 h. A novela negra en Galicia. Coloquio con Elena Gallego, Pedro Feijoo e Diego Ameixeiras. Sala Haroldo Conti (Pavillón amarelo).
Antón Lopo faise co Premio Johán Carballeira de Xornalismo
Desde
Sermos Galiza:
“O 12 de marzo de 2015, Sermos Galiza publicaba no número 137 unha nova entrega do xornalista Antón Lopo dentro da serie “Extintivos”. Nesta ocasión, o xornalista entrevistaba Xulio Calviño, unha conversa que redactou en estilo indirecto e que titulou Terán que volver os bárbaros para liberarnos. Esta colaboración valeulle ao xornalista o XIII Premio Johán Carballeira de Xornalismo, convocado polo Concello de Bueu.
O xurado, do que formaron parte o xornalista do Faro de Vigo, César Collarte, o historiador local e gañador da pasada edición, Arturo S. Cidrás, e o presidente da Asociación de Amigos de Johán Carballeira, Manuel A. Mosteiro, salientou a “orixinalidade do personaxe protagonista da crónica realizada á figura de Xulio Calviño”. Tamén valorou o traballo exhaustivo de investigación, presentado a través dunha prosa fluída, inzada de referencias históricas, mitolóxicas e literarias. (…)”







