Premios Pedrón para Carmen Mejía e o coro Cántigas da Terra

Desde Sermos Galiza:
“O padroado da Fundación do Pedrón de Ouro concedeulle o Pedrón de Ouro 2016 ao Coro Galego Cántigas da Terra da Coruña e o Pedrón de Honra á filóloga Carmen Mejía Ruiz, presidenta da Asociación Internacional de Estudos Galegos. (…)
Doutora e profesora titular de Filoloxía Románica na Universidade Complutense de Madrid, Carmen Mejía exerce a docencia sobre literatura galega, historia da lingua galega, literaturas románcicas e da materia “Literatura e Identidade na península Ibérica”. As súas liñas de investigación son, entre outras, a poesía peninsular comparada, as linguas en contacto e o conflito de identidades culturais minoritarias. É a directora de Madrygal. Revista de Estudios Gallegos, publicada en Madrid. No Congreso celebrado en Bos Aires en 2015 foi nomeada presidenta da Asociación Internacional de Estudos Galegos. (…)
O acto de entrega dos Pedrón de Ouro e Pedrón de Honra terá lugar o próximo 22 de maio nun acto literario no que actuarán de mantedores o musicólogo Baldomero Iglesias, “Mero”, e a profesora da Universidade de Vigo, Ana Acuña, que se celebrará na Casa Museo de Rosalía, en Padrón, ás 12:30 horas.”

A idade adulta? da fantasía en galego, por Xosé Duncan

ArtigoXosé Duncan de Xosé Duncan en Lermos.gal:
“(…) O que podedes ler a continuación non é unha entrevista nin unha reportaxe (por isto de non caer na monotonía) senón, máis ben, unha reflexión. Levoume a ela varias cousas. A primeira é a miña constante teima de me queixar do reducido número de lectoras e lectores que hai en galego; a segunda, a convicción que temos algúns sobre o menosprezo do xénero fantástico e, a última, os éxitos que están a ter grandes escritoras e escritores no campo da LIX galega e que fan que miremos, aínda máis, cara os marabillosos cadernos ilustrados concibidos para as crianzas. Digo ‘aínda máis’ porque non é a primeira vez que esta reflexión me vén á cabeza.
Tería que volver a vista atrás catro ou cinco anos cando, antes da aparición de Contos Estraños e do selo Alcaián de Urco Editora, se me dera por analizar a presenza nas librarías e nas feiras da fantasía en galego. Nesa época podíase constatar a fortaleza que tiña Kalandraka no ‘albúm ilustrado’ para o público infantil e a aparición esporádica dalgún que outro título nalgunha que outra editorial (case sempre xustificado por un certame creado con tal fin). A escena non era outra que a literatura fantástica en galego era sinónimo de LIX (Literatura Infantil e Xuvenil) malia que, por desgraza, tirando máis a infantil que a xuvenil. E non o digo como desprestixio nin crítica senón como consecuencia de considerar que a masa lectora adolescente ten unha maior comprensión que a necesaria para ler Gerónimo Stilton ou, mesmo, Os cinco. E tampouco o digo por ter unha estima desmedida pola mocidade actual (en xeral), senón porque así debería ser xa que, hoxe en día, a súa antiga cota de mercado está ocupada pol@s nov@s preadolescentes. Si, esa rapazada que o sistema se empeña en lanzar ao consumismo voraz cada vez con menos idade.
Considerando que isto é certo, calquera podería supoñer que esa masa adolescente constitúe un mercado de moito peso e importancia. E non só iso senón que, ademais, deberíase subir o listón da comprensión lectora e supoñer que con dezaseis aniños cumpridos, e sendo fans de sagas como Crepúsculo, Os xogos da fame e/ou Diverxente, malo será que non queiran facer uso da LIX até niveis case de adultos (como por idade, hormonas, neuronas e entendemento lles correspondería). (…)”

Paseos pola Coruña Literaria 2016, Estíbaliz Espinosa, o sábado 23 de abril

Paseos pola Coruña Literaria 2016Unhabannerpaseoscorunha2016 iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello da Coruña: Paseos pola Coruña Literaria da man das escritoras e escritores que escribiron obras ambientadas na cidade.
Desta vez, a inscrición vai ser independente en cada un dos paseos, sempre a partir das 9:00 horas, na conserxaría do Centro Ágora ou chamando ao 981 189 888 a partir dos seguintes días:

  1. Estibaliz Espinosa. Paseos no planetario, pegadas na tinta. A inscrición abrirá o luns 11 de abril.
  2. Yolanda Castaño. Á saúde das poetas! A inscrición abrirá o luns 2 de maio.
  3. Pedro Feijoo. A Coruña de Rosalía e Murguía: tras o vento da negra sombra… A inscrición abrirá o luns 30 de maio.

Estibaliz Espinosa. Paseos no planetario, pegadas na tinta.
Sábado 23 de abril. De 11:00 a 12:30 h. Punto de partida:  Planetario da Casa das Ciencias.
Saímos do ventre escuro do que nace todo, Planetario da Casa das Ciencias, onde lembraremos figuras como o astrónomo Ramón María Aller ou Antonia Ferrín e veremos algún texto. Seguimos nos pasos da música e de aí aos tentáculos dos intelixentes monstros mariños que comemos á feira ou na súa tinta. Paradas para pasar páxinas de libros, pisar os magos -por que non magas- do humor e beber da fonte do gato cornudo; e de aí, pegada tras pegada, para percorrer o infinito gravado nunha das lousas da Cidade Vella e acabar coa Marola e a mar toda. De novo ás beiras do océano cósmico. Ou cosmicómico.

Oseiro, Arteixo: Rimando e Xogando con Manuel María na Biblioteca do Froxel, por Lisístrata

Rimando e xogando Lisístrata Manuel MaríaO martes 19 de abril, ás 18:50 horas, na Biblioteca Francisco Vidal do Froxel (Oseiro, Arteixo), terá lugar a actividade Rimando e Xogando con Manuel María, levada a cabo por Ana Hermida (Lisístrata Asociación). Unha maneira de achegar ao público infantil o traballo e a figura de Manuel María, nas voces de Ana Hermida e das nenas e nenos de entre 4 e 11 anos que por alí se acheguen. Haberá pequenos xoguetes poéticos cheos de entretemento, versos que ás veces son cantados, historias unhas, con actividades para a infancia e outras nas que interactúan coa contadora.

Obras finalistas dos Premios Gala do Libro Galego 2016

AGala do Libro Galego 2016 Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Asociación Galega de Editoras (AGE) e Federación de Librarías de Galicia convocan os Premios Gala do Libro Galego 2016, a celebrar o sábado 14 de maio de 2016 no Teatro Principal de Santiago de Compostela, na que se darán a coñecer as obras gañadoras.

(A Coruña, 15 de abril de 2016) Con esta convocatoria preténdese recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2015 en Galicia. As obras gañadoras, sen dotación económica, serán determinadas por un xurado externo sobre unha listaxe de obras finalistas conformada polas bases asociativas das tres entidades convocantes.

Obras finalistas do Premios Gala do Libro Galego 2016

Ensaio

Narrativa

Literatura infantil e xuvenil

Libro ilustrado

Iniciativa bibliográfica

Tradución

Poesía

Teatro

Iniciativa cultural ou de fomento da lectura

  • Culturgal.
  • Espazo Lectura (Gondomar).
  • Fundación Manuel María de Estudos Galegos.
  • Praza das Letras – Concello de Carballo.

Proxecto literario na rede

Xornalismo Cultural

  • Diario Cultural.
  • Montse Dopico.
  • Sermos Galiza.

A Gala do Libro Galego 2016 conta co apoio do Concello de Santiago, Consellaría de Cultura, Deputación da Coruña, Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO) e AGADIC.

Manuel Núñez Singala: “Ían ser quince páxinas, pero a historia tirou de min e son 300”

EntrevistaManuel Núñez Singala a Manuel Núñez Singala en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Que aporta de diferente [Camiños na auga] ao resto das súas obras?
– Manuel Núñez Singala (MNS): Esta é unha novela extensa, o que xa é unha certa diferenza. Nas outras, ademais, a lingua, Galicia, a maneira de ser dos galegos tiñan unha certa importancia e, esta vez, é unha historia que transcorre en África na súa totalidade. O protagonista é un negro albino, co cal non aparece a palabra galego en toda a novela.
– LVG: ¿Por que este xiro?
– MNS: As historias teñen que ser interesantes, pero non teñen que transcorrer aquí. Hai temas que son universais que se poden proxectar dende aquí ou non, e na literatura galega pódense tratar temas propios e doutros sitios.
– LVG: ¿Por que escolleu África como referente?
– MNS: -Lin nun xornal unha nova dun albino que chegou a Canarias e que, ademais, conseguiu asilo porque os albinos en África están moi perseguidos. El chegou a Canarias, pero os emigrantes están chegando a todas as partes, e quería reflexionar un pouco sobre eses periplos, que pensa esa xente, de onde ven, que é o que busca, para ir máis alá desa percepción que algúns teñen de que veñen a quitarnos o traballo. Eles buscan o mesmo que buscabamos os galegos hai anos en América ou Europa. É xente moi valiosa, que ten iniciativa e nós mirámolos con certo desprezo, como se foran cidadáns de segunda clase, cando estou seguro de que son xente moi interesante. (…)”