Entrevista de Alberto Ramos a Agustín Fernández Paz en Praza:
“(…) – Praza (P): Entre as súas dúas últimas novelas, Non hai noite tan longa e esta: A viaxe de Gagarin, atopamos moitos paralelismos…
– Agustín Fernández Paz (AFP): Tamén moitas distancias…
– P: Onde están as distancias e os paralelismos?
– AFP: A ver, as distancias están en que a outra, a trama, o anzol que utilizamos para enganchar os lectores, ten un aire de thriller. Neste A viaxe de Gagarin, non hai ese engado, esa trama… Os misterios que hai son máis tenues e claramente é unha novela de formación.
Semellanzas? Pois as dúas, Non hai noite tan longa e A viaxe de Gagarin, forman parte dese axuste de contas cos anos sesenta, coa miña mocidade. Son un volver aos anos sesenta que, para a miña xeración, foron moi importantes. Non só porque neles se viviu todo o que se escoita sempre: que se Checoslovaquia, que se París, que se tal… Senón porque nesa década moitos de nós, os da miña idade, comezamos a descubrir cousas que non coñeciamos. Hai un desexo e comézase a descubrir o que estaba tapado. Os anos sesenta descóbrese que era o exilio, que había un señor chamado Castelao, que existiron as loitas agrarias… (…)
– P: Concédenlle outro premio: o Trasalba.
– AFP: Primeiro, son premios que te collen por sorpresa. Eu eu nunca pensei que me foran dar a min este premio. Trasalba soábame a premio de petrucios, a fundadores, a xente dos anos cincuenta. Isto é que vou vello tamén… Si que sentes agradecemento, pero por outra banda pregúntaste: Porque me dan a min o premio?
Eu entendo que, máis ou menos, a través de min se quere recoñecer unha xeración, a xeración dos que traballamos duro pola normalización lingüística no ensino e traballamos na creación da Literatura Infantil e Xuvenil. Eu creo que por iso me escollen a min, pero detrás están todos.
Eu lembro cando daba clases de Literatura e a relación dos estudantes con Adrián Solovio. Era diferente, loxicamente, á da miña xeración. Eu lembro o significado que tivo para min ler Arredor de si. Significaba unha revelación. A través da descuberta de Adrián Solovio do mapa de Fontán, descubrías Galicia. A miña xeración, esa descuberta, viviuna en carne viva. Os de agora non o ven así. Ven en Solovio unha personaxe máis, resúltalles moito máis afastada esa realidade. Porque mellor ou peor, eles teñen unha idea e un coñecemento de Galicia que supera o que tiñamos nós.
Na miña xeración tivemos un proceso de redescuberta de Galicia que garda un paralelismo que tiveron o do grupo Nós e que Otero Pedrayo simboliza no mapa de Fontán. Nese sentido, o premio ten un trazo simbólico para os da miña xeración. (…)”
Agasallar palabras, discurso de Xavier Senín nos Premios Xerais 2014
Desde Xerais:
“O tradutor Xavier Senín, como mantedor literario dos Premios Xerais 2014, leu o discurso titulado Agasallar palabras, no que que comezou lembrando as palabras coas que Jules Verne no seu libro Vinte mil leguas baixo dos mares se refire as augas da ría de Vigo «impregnadas de luz eléctrica», as mesmas augas que navegou no seu iate Saint Michel III, o 1 de xuño de 1878, data na que recalou na cidade de Vigo. Referiuse, despois, Senín as relación de Verne con Vigo e ao feito gozoso de que os participantes no acto recibisen un exemplar d’ A illa misteriosa, traducida por Ánxela Gracián. Felicitouse de que o xenial escritor bretón seguise a ser lido pola rapazada e os adultos de hoxe «porque a súa obra literaria, solidamente construída, soportou o paso do tempo. As súas novelas entraron a formar parte dese paraíso de palabras que comparte a humanidade enteira e ao que podemos acceder na lingua de noso, pois tamén nela están as palabras que o autor escribiu.»
Continuou Senín o seu discurso referíndose á lectura como «un pracer e unha necesidade», ao tempo que se referiu como concebían a experiencia lectora autores tan queridos para el como Juan Farias, Agustín Fernández Paz, Xabier DoCampo, Paco Martín, Fina Casalderrey, María Victoria Moreno, Antonio García Teijeiro ou Carlos Casares. Non esqueceu o papel dos ilustradores, como Xan López Domínguez, Xosé Cobas e Manolo Uhía, «que nos agasallan con imaxes que completan, interpretan e recrean o que está en letra impresa». Lembrou a importancia libraría e da casa dos libros, a biblioteca, «que acolle, integra, innova, aprende, descobre, e todo iso faino por medio de persoas que coñecen e aman os libros, como os promotores de lectura.» A este teor, denunciou Senín os recortes nas bibliotecas: «Algúns gobernantes consideran que os centros bibliotecarios forman parte daqueles servizos que é preciso recortar, e non se decatan de que a biblioteca é a gran niveladora social polo seu carácter gratuíto e universal, que forma parte da súa esencia tanto como o saber que atesoura. A biblioteca, destinada a cambiar as mentalidades e capaz de mobilizar forzas nos individuos, estase a erixir no refuxio da sociedade.»
Rematou Xavier Senín facendo un emocionante lembranza de Manolo Barros, «un home que quería cultura e educación para todos e que loitou para que todos tivésemos un espazo neste país». Gratitude que o mantedor estendeu a todos os escritores e escritoras que teñen a xenerosidade de escribir para mozos e mozas, «porque cando un escribe poñendo a mente nestas persoas que se están a formar, está obrigado a recuperar a esperanza. Uns e outras agasalláronme con palabras, palabras coas que podemos vencer o tempo e o espazo.»
O discurso completo pódese ler aquí: Agasallar_palabras.”
Cuestionario Proust: Agustín Agra
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Agustín Agra:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A perseveranza.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A bondade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Nada en especial, se acaso comprensión.
4.– A súa principal eiva?
– Entre outras moitas, a obsesión polo tempo (cronolóxico).
5.– A súa ocupación favorita?
– Correr, ler, ver cinema, viaxar, escribir …
6.– O seu ideal de felicidade?
– Poder facer acotío o que me gusta facer.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A desaparición dos meus.
8.– Que lle gustaría ser?
– O que son.
9.– En que país desexaría vivir?
– Descreo das fronteiras. Malia a iso, nesa Galiza utópica coa que moitas/os soñamos.
10.– A súa cor favorita?
– Non teño. A cousa vai máis de contrastes, luces, texturas …
11.– A flor que máis lle gusta?
– Os estraloques (Digitalis purpurea), de velenosa beleza.
12.– O paxaro que prefire?
– O merlo.
13.– A súa devoción na prosa?
– Non son de devocións pero confeso que sempre volvo a Borges e a Xavier Queipo.
14.– E na poesía?
– O mesmo con Kavafis e Avilés de Taramancos.
15.– Un libro?
– Son incapaz de dicir só un.
16.– Un heroe de ficción?
– Son pouco de heroes. Atticus Finch quizais.
17.– Unha heroína?
– Tampouco de heroínas.
18.– A súa música favorita?
– World music.
19.– Na pintura?
– Klee, Rothko, Seoane, Lugrís…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– A miña nai.
21.– O seu nome favorito?
– Antón, Carme.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A prepotencia.
23.– O que máis odia?
– O dogmatismo, a intolerancia, a crueldade…
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Difícil escolla; moi extensa a listaxe dos feixistas.
25.– Un feito militar que admire?
– Nada hai de admirar nos feitos militares. Si admiro a afouteza coa que os “paseados” afrontaron aos seus asasinos ou a dos sublevados no gueto de Varsovia.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O da ubicuidade, pero moi natural non é.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sereno e cos soños intactos.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Tectónico, como una placa litosférica.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
–
30.– Un lema na súa vida?
– Non son de lemas, fánseme un tanto dogmáticos.”
A Coruña: conferencia de Pilar García Negro sobre Xosé María Díaz Castro
O martes 10 de xuño, ás 20:00 horas, no salón de actos da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, terá lugar unha conferencia de Pilar García Negro arredor de Xosé María Díaz Castro, que será presentada por Xosé Manuel Sánchez Rei, presidente da asociación.
Ferrol: charla-debate coa participación de Xosé Leira López e Santiago Míguez González
O luns 9 de xuño, ás 20:00 horas, no salón de actos do Ateneo Ferrolán (Rúa Magdalena, 202-204) de Ferrol, terá lugar unha charla-debate arredor de As eleccións europeas e a abdicación do Rei. ¿Un novo espazo político e social?, coa participación de Xosé Leira López e Santiago Míguez González, presentados por Eliseo Fernández. A entrada é libre.
Propostas con premio: Funambulistas, de Mercedes Leobalde, premio Ánxel Fole de narrativa curta
Entrevista de Ramón Nicolás a Mercedes Leobalde, en Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): -Tras Chamádeme Eva chega agora esta proposta narrativa…, o cultivo da literatura para vostede é recente ou vén de atrás?
– Mercedes Leobalde (ML): Eu escribía, gustábame escribir, pero non era “cultivar a literatura” nin moitísimo menos, só unha necesidade de verbalizar o pensamento, algo que me axudaba a reflexionar, a ordenarme. Outras veces podía tratarse simplemente de plasmar unha lembranza repentina, un soño desacougante ou unha sensación agradable, por preservalos. Pero en todo caso era algo íntimo, non sentía a necesidade de darlle eses textos a ler a ninguén e moito menos de publicalos, non foran concibidos para iso. Por tanto, tampouco precisaba revisalos cunha vontade literaria, os pobres estaban condenados a non pasar da fase de borrador. Un día apunteime a un obradoiro literario impartido por Antía Otero que resultou para min máis importante do que podería prever. Á segunda clase había que levar un texto no que se recrease un escenario e eu describín unha chuvia de estrelas contemplada desde o xardín da casa. Non sen pudor, lin o meu pequeno relato e, cando rematei, unha compañeira do curso que agora é amiga comentou: “estabamos todos contigo nese xardín”. E nese momento cambiou algo. Empecei a intuír que podía ser gratificante compartir o que escribía.
– RN: Os títulos adoitan orientar ao lectorado. Por que Funambulistas?
– ML: O funambulista camiña, avanza pola corda frouxa, esforzándose por manter un equilibrio que ao cabo é sempre inestable, pois cada novo paso abre unha incógnita. O perigo existe sempre, no aire que te envolve, o aire é o baleiro. Non hai chan, non hai paredes, só o medo a fallar e precipitarte desde as alturas. Pero existe tamén a vontade férrea de chegar á outra punta, e esa é a única certeza, o que fai que ignoremos o medo ou o releguemos a un segundo plano. É coma na vida, non? Os personaxes de Funambulistas adoitan ser así, manteñen o equilibrio como ben poden cando a corda máis abanea pero sen cederen na súa determinación. (…)”
A Coruña: recital de Manuel Álvarez Torneiro e Adonis no Ciclo Poetas Di(n)versos
O luns
9 de xuño, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Manuel Álvarez Torneiro e o poeta sirio Adonis. Máis información aquí: Folleto Di(n)versos xuño 2014.
Entrevista a Ramón Caride, que presenta O sangue dos camiños
Vilanova de Cerveira: presentación de Argola, de Marta Dacosta
A revista Journal of Galician Contemporary Studies dedícalle un monográfico ao “planeta” literario de Xavier Queipo
Desde Sermos Galiza:
“Co título xenérico de Espazos naturais, mobilidades textuais: novas perspectivas críticas sobre a obra de Xavier Queipo a revista Journal of Galician Contemporany Studies reúne varios traballos arredor da obra do escritor nun monográfico con estudos de Martín Veiga, Enrique Santos Unamuno, Margarita García Candeira e David Miranda-Barreiro ademais dunha entrevista co autor e unha antoloxía de textos inéditos.
O escritor Martín Veiga é o autor da longa conversa con Queipo ademais do texto introdutorio que fai a primeira achega a súa obra titulado Benvida ao planeta Queipo: mobilidade, outredade e viaxe interior en “Nos dominios de Leviatán”.
A Xenealoxía dun imaxinario boreal é o tema ao que se achega Enrique Santos Unamuno mentres Margarita García Candeira afonda na súa poesía desde a ecolingüística co título A natureza, refuxio e abismo. Pola súa parte, David Miranda-Barreiro, aproximarase a outros dos grandes temas da narrativa de Xavier Queipo, o da viaxe. En “Extramunde”: a narrativa da viaxe e o paradoxo da alteridade volverá sobre a escrita dun autor que construíu moitas das súas historias en terras lonxanas. (…)”