“A
autora ou escritor interesados deberán enviar, antes do 31 de decembro de 2012, unha proposta co traballo que queren desenvolver durante 30 días entre febreiro e abril de 2013 en Xens, Leiro, Rianxo, onde a editora Axóuxere ten a súa residencia de escritores. A cambio da estadía, totalmente gratuíta, a escritora ou autor escollidos deberán dar un obradoiro literario no municipio e entregar algún material publicable do proxecto. Axóuxere xa vai pola súa cuarta experiencia con este chamamento. Antes estiveron a poetisa canaria Irena La Sen, o galego-islandés Elías Portela e a luguesa Nerea Pallares.” Desde Certo.
Pódese descargar toda a información aquí.
A Coruña: presentación de As aventuras de Mariña e Lucas, de Sabela Fernández Trelles
En Libros para soñar (Avenida de Fisterra, 64) da Coruña.
Santiago: presentación de Os lonxes do solpor, de Manuel María
O
xoves 29 de novembro, ás 19:00 horas, na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII) de Santiago de Compostela, preséntase o libro+CD+DVD Os lonxes do solpor, de Manuel María, publicado pola Fundación do autor chairego. No acto participan Uxía e Sergio Tannus.
Centenario de Francisco Fernández del Riego
Texto enviado desde a Fundación Penzol:
“Decir
que eres
alma e espírito
corazón do país
e home de palabra
que si dices “Galicia”
e que a Terra alenta en toda parte
e a túa man traballa
(Xaime Isla)
O 26 de novembro do 2012 cúmprense dous anos do falecemento de Francisco Fernández del Riego, o noso sobranceiro intelectual e galeguista. Dende a Fundación Penzol, ademais de lembrar con señardade esta data xa referencial do seu cabodano, queremos facer partícipe a toda Galicia de que o 7 de xaneiro do vindeiro 2013 cumpriranse tamén cen anos do seu nacemento.
Estamos, pois, ás portas do Ano do seu Centenario. Efeméride que cómpre recordar e conmemorar como tal insigne e exemplar protagonista merece. Con tal motivo, facemos un chamamento a todas as entidades, institucións e colectivos galegos do mundo da política, da cultura e mais da educación, así como aos medios de comunicación, tanto públicos coma privados, e á cidadanía galega en xeral para que se sumen a esta conmemoración organizando e promovendo ao longo do ano, cada quen na medida dos seus medios e posibilidades, homenaxes e outras actividades diversas nas que se difunda a fecunda vida e obra do excelso persoeiro.
Actos ou eventos que sen dúbida, de levárense a cabo, axudarán a dimensionar e por en valor a súa inquebrantable e leal entrega e compromiso co país e coa nosa cultura, dende os seus anos de mozo universitario compostelán ata o remate da súa lonxeva vida, case centenaria. Amplitude de chamamento xustificado, entre outros coñecidos e notorios méritos de Del Riego, polo seu talante de home aberto, cordial e dialogante. Home vertebrador, home de encontros, sempre alentador e cunha actitude nomeadamente construtiva, tal que din os versos de Isla Couto, e que fan del un dos grandes valedores da cultura de nós.
Dende a Fundación Penzol, centro do que foi director e alma mater dende a súa inauguración no ano 1963 ata o recente 2010, estamos a artellar e ultimar un calendario de actividades e recoñecementos varios. Proxectos pendentes, os máis deles, para a súa realización e desenvolvemento da aprobación ou confirmación das necesarias e inevitables subvencións por parte das distintas administracións e organismos contactados. Actividades que nos gustaría facer públicas, e algunha mesmo presentar, co comezo do novo ano, que propoñemos proclamar dende xa Ano Fernández del Riego.”
A Coruña: presentación de En vías de extinción, de María Reimóndez
O
xoves 29 de novembro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal Ágora (Rúa Ágora, s/n.) da Coruña, preséntase o libro En vías de extinción, de María Reimóndez, publicado en Xerais. No acto participan, xunto á autora, María Xosé Silvar “Sés” e Fran Alonso.
Raúl Dans gaña o XXXVII Premi Born de Teatre de Menorca
O
dramaturgo Raúl Dans foi galardoado co XXXVII Premi Born de Teatre, pola obra titulada Una corriente salvaje. O texto, orixinalmente escrito en galego e traducido ao castelán polo propio autor para presentalo ao devandito concurso, é, en palabras de Dans, “unha historia de amor prohibido e tinxido de dramatismo, que se desvela no ambiente pechado dunha casa de montaña durante unha noite de treboada”.
A peza, como destaca a acta do xurado, formado entre por outros profesionais da escena polo director do Teatre Nacional de Catalunya, Xavier Albertí, “ten misterio e suspense, e garda sorpresas até o mesmo final da obra”. Ademais da dotación económica do premio, a entidade organizadora do concurso, o Cercle Artístic de Menorca, ten previsto publicar a peza nos catro idiomas oficiais: catalán, euskera, castelán e galego. Da publicación en galego ocuparase a Revista Galega de Teatro.
Raúl Dans xa gañou este mesmo premio, un dos máis importantes e prestixiosos dos que se convocan en España, no 1997, coa súa obra Derrota.
Ares: presentación de Cartas de inverno, de Antonio Seijas
O
xoves 29 de novembro, ás 20:00 horas, na Alianza Aresana (Rúa María, 11) de Ares, preséntase a novela gráfica Cartas de inverno, de Antonio Seijas, baseada na obra homónima de Agustín Fernández Paz, publicada en Xerais. No acto, xunto aos autores, participa Julio Ignacio Iglesias Redondo e Manuel Bragado.
Lourenzo Maroño e Elena Sherevera e Camiño Noia, Premios de Tradución Plácido Castro
Desde Praza:
“O xurado da XI edición dos Premios de Tradución Plácido Castro acordou conceder o galardón ex aequo aos tradutores Lourenzo Maroño e Elena Sherevera, pola Antoloxía da poesía rusa: de Pushkin a Evtushenko; e mais a Camiño Noia, pola súa tradución O gran Meaulnes. O xurado, integrado por representantes da propia Fundación Plácido Castro, a Xunta de Galicia, o IGADI, a Real Academia Galega e a Asociación de Tradutores Galegos, sinala que na tradución da poesía rusa apréciase “unha vontade de estilo moi ben conseguida, con expresións naturais e poeticamente cribles en galego. Trátase de composicións trabadas, sólidas, que concordan coas presentacións que se fan dos autores. Ademais incorpora voces poéticas diferentes con cadanseu interese, punto de vista e idiosincrasia expresiva, sempre cunha lectura fluída e doada”. Na tradución de Alain Fournier destácase “o excelente manexo da lingua que consegue reproducir á perfección as distintas atmosferas nas que se desenvolve o argumento. Ofrecésenos aquí unha perfecta reconstrución en galego do heroe romántico que se lanza á persecución dos seus soños”. O obxectivo deste premio é destacar a calidade das traducións dos clásicos da literatura universal que a Biblioteca Virtual bivir publica periodicamente na súa páxina web nunha iniciativa que pretende a un tempo colaborar no proceso de normalización da lingua do país e contribuír a enriquecer o universo literario galego mediante a versión dos autores consagrados que escribiron noutras linguas.
A Fundación pretende con este premio reivindicar o importante labor dos nosos tradutores e tamén aquela dimensión literaria de Plácido Castro (1902-1967), quen se destacara como o máis universalista dos nosos galeguistas. Os premiados nesta edición recibirán o diploma acreditativo e unha escultura alegórica da autoría de Xaquín Chaves o próximo día 1 de decembro ás 12 horas no Concello de Vilagarcía de Arousa.”

