Desde a Academia Galega da Língua Portuguesa:
“Dentro do ciclo de entrevistas Guerra da Cal que a AGLP realizou durante o Colóquio homenagem a Ernesto Guerra da Cal dedicado ao intelectual ferrolano, em 11 de outubro de 2011, quisemos fazer umas perguntas ao investigador José Luís do Pico, que participou no evento com a palestra intitulada Ernesto Guerra da Cal e a música, virada sobre o interesse de Guerra da Cal na música e na interpretação com instrumentos como a gaita ou a guitarra, as pegadas que deixou sobre isso na sua poesia e as obras musicais que foram compostas sobre alguns dos seus poemas.”
O concurso literario sobre Ciencia, Inspiraciencia, agora tamén en galego
“O
luns 12 de decembro dá comezo unha nova edición de Inspiraciencia, segunda edición dun certame que o ano pasado conseguiu unha altísima participación no conxunto do Estado. Ata o de agora só podían presentarse orixinais en castelán e catalán. Dende hoxe, tamén en galego pois a Editorial Galaxia decidiu participar este ano na organización poñendo así a disposición dos e das que escriben en galego a posibilidade de concursar na lingua propia de Galicia. O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) é quen convoca a segunda edición de Inspiraciencia, concurso de relatos de inspiración científica no que poden participar públicos de todas as idades. (…).
Os relatos poderanse publicar na súa web ata o 15 de marzo de 2012.
O concurso ten dúas categorías (xuvenil, para participantes de entre 12 a 17 anos, e adultos, a partir de 18 anos) e dúas modalidades, relatos curtos, cunha extensión mínima de 800 palabras e máxima de 1.500, e microrrelatos, cunha extensión máxima de 500 palabras. Como novidade desta edición, ademais dos idiomas catalán e castelán, as obras tamén se poden presentar en galego. Cada concursante poderá publicar un relato para cada modalidade.
Para cada categoría e modalidade haberá un premio institucional e un premio do público. Para o primeiro, un xurado formado por figuras recoñecidas dentro do mundo da cultura avaliarán as contribucións e emitirán a súa resolución. O premio do público decidirano os internautas por votación online unha vez pechada a recepción de relatos. O acto de entrega de premios está previsto que se celebre en abril de 2012. (…)” Vía Galaxia.
Santiago: presentación de Formas da indefinición, de Ignacio Castro
O
mércores 14 de decembro, ás 20:00 horas, na Sala de Conferencias da Fundación Araguaney (Rúa Montero Ríos, 25-47), preséntase o libro Formas da indefinición, de Ignacio Castro, publicado por Axóuxere, xunto á reedición de Roxe de Sebes, publicada pola Fundación Luís Seoane. No acto, acompañando ao autor, participan Rafa Xaneiro, Alberto Ruiz de Samaniego e Alberto Sucasas.
O Dicionario Xurídico Galego achega 2.000 entradas de léxico especializado
“O
secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, presentaba na tarde do luns 12 de decembro en Compostela o Dicionario Xurídico Galego, un proxecto pioneiro neste campo. A obra, promovida pola Revista Xurídica Galega e mais pola Secretaría Xeral de Política Lingüística ve a luz da man de Edicións Xerais e achega aproximadamente dúas mil entradas, con conceptos esenciais de Dereito, información crítica sobre a lexislación estatal e mais termos e institucións propias do Dereito Civil galego. Segundo sinalou Lorenzo, o traballo é “unha obra monumental coa que a nosa lingua acode a unha nova cita coa historia”. O novo dicionario contou coa participación de 120 especialistas e desenvolveuse ao longo dos últimos catro anos.” Vía Cultura Galega. Tamén en Xerais.
Santiago: presentación de Diabolus in musica. Conversas con Rogelio Groba, de Fernando Manrique
O
mércores 14 de decembro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII) de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación de Diabolus in musica. Conversas con Rogelio Groba, de Fernando Manrique, publicado en Galaxia. No acto participan, xunto ao autor, Víctor F. Freixanes, Roberto Varela e propio Rogelio Groba.
A Coruña: presentación de Sombras famentas e outros contos para ler de noite, de Jacobo Sánchez-Feijoo
O
mércores 14 de decembro, ás 19:30 horas, no FNAC (Praza de Lugo, s/n.) da Coruña, preséntase o libro Sombras famentas e outros contos para ler de noite, de Jacobo Sánchez-Feijoo, publicado por Urco Editora.
I Certame de Contos de Nadal en lingua galega do Concello de Melide
O Concello de Melide convoca o I Certame de Contos de Nadal en lingua galega, para autores entre 6 e 16 anos. O prazo para enviar os orixinais remata o 20 de decembro de 2011. As bases completas e o boletín de envío pódense descargar na seguinte ligazón.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega pide a dimisión do Valedor do Pobo
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) recibe con profundo malestar a información que algúns medios de comunicación ofrecen no día de hoxe á cidadanía, a respecto de o Valedor do Pobo terse dirixido á Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria para que se retire ‑do mercado e das aulas nas que está en activo‑ un libro de texto de Coñecemento do Medio, en Educación Primaria, por recoller de xeito literal o disposto a respecto da lingua galega polo Estatuto de Autonomía no seu artigo 5.1., «A lingua propia de Galicia é o galego»; petición acollida, de xeito inmediato, por parte da propia Consellería de Educación, indicando que instará á editorial a «que corrixa con carácter definitivo» as próximas edicións da obra e advertíndo de que «En caso contrario teriamos que adoptar as decisións oportunas por parte da Administración educativa.»
Esta negación e deslexitimación da redacción do propio Estatuto de Autonomía é considerada pola AELG como unha gravísima actuación que ataca o principal soporte legal protector da nosa lingua (a súa consideración como propia e oficial), promovida como un ataque manipulador contra o principal trazo identificador do que somos e representamos no actual marco plurilingüe e pluricultural do Estado español.
A AELG quere deixar constancia pública da súa valoración como absolutamente inadmisíbel deste feito, un ataque máis á nosa lingua que nunca debeu terse producido, máxime tendo en conta que procede daquelas autoridades e organismos que deberan centrar a súa preocupación e esforzo en cumprir cos principais mandatos legais a este respecto: a súa protección real e promoción desprexuizada.
Desde a AELG, agardamos unha rectificación inmediata por parte do Valedor do Pobo, así como a súa dimisión, pois en reiteradas ocasións ten manifestado o incumprimento das súas funcións a respecto da defensa do galego como lingua normalizada.
Recollido en Galicia Hoxe e Baía Edicións.
Cunqueiro en Cataluña
“Estudos Galegos e Portugueses
e o Decanato da Facultade de Filoloxía da Universitat de Barcelona organizaron un seminario sobre a presenza do escritor mindoniense en Cataluña no centenario de Álvaro Cunqueiro. Na xornada participaron Julià Guillamon, Víctor Martínez-Gil, Blanca Ripoll, María Liñeira e Adolfo Sotelo. Os relatorios mostraron a relación de amizade e os vínculos literarios de Cunqueiro con persoeiros do sistema literario catalán como Néstor Luján, Joan Perucho, Guillermo Díaz Plaja, Josep Pla ou Joan Teixidor. Unha das achegas máis interesantes é o proxecto Enllaç entre literatures no que podemos consultar as cartas inéditas enviadas por Cunqueiro e Aquilino Iglesia Alvariño a Tomàs Garcés. Ante un numeroso público púxose en valor a obra literaria de Cunqueiro, pero tamén outras facetas complementarias como a de xornalista, gastrónomo ou colaborador da revista Destino. Durante tres semanas poderase visitar na mesma facultade unha exposición bibliográfica que recolle boa parte da produción do mindoniense e que repasa tamén a súa biografía grazas á reprodución da exposición No niño novo do vento. Cen anos con Álvaro Cunqueiro que está estes días na Fundación Penzol de Vigo.” Vía Galaxia.
Congreso Lois Pereiro, do 15 ao 17 de decembro
Entre
o xoves 15 e o sábado 17 de decembro, desenvólvese o Congreso Lois Pereiro, organizado pola Real Academia Galega, coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo e da Universidade da Coruña. O comité organizador está formado por Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luís Axeitos Agrelo, Luís Caparrós Esperante e Manuel Rivas Barrós. A inscrición é gratuíta e pódese formalizar no correo secretaria@realacademiagalega.org. O congreso está recoñecido cun crédito de libre configuración pola Universidade da Coruña. O programa é o seguinte:
XOVES, 15 DE DECEMBRO. Cidade da Cultura de Galicia (Santiago de Compostela).
– 9:30 h. A organización do Congreso pon a disposición dos participantes un autobús para o desprazamento á Cidade da Cultura de Galicia. Saída da Coruña {Porta Real) do autobús con destino a Santiago de Compostela (Cidade da Cultura de Galicia).
– 10:30 h. Entrega de documentación.
– 11:30-12:45 h. Visita guiada á Cidade da Cultura de Galicia.
– 12:45 h. Inauguración do Congreso Lois Pereiro.
– 13:00 h. Lección inaugural. Pere Gimferrer: Un poeta europeo.
– 16:30-17:00 h. Antón Lopo: A culpa foi de Lou Reed.
– 17:00-17:30 h. María do Cebreiro: Na miña alma e nas alleas. Políticas do desacougo en Rosalía de Castro e Lois Pereiro.
– 17:30-18:00 h. Luis Cochón: Vira a morte e terá os teus ollos. Os derradeiros poemarios de Alexandre Cribeiro e Lois Pereiro.
– 18:00-18:30 h. Arturo Casas: Suxeito estético, suxeito político”.
– 18:45 h. Saída do autobús de Santiago de Compostela (Cidade da Cultura de Galicia) con destino á Coruña (Porta Real).
VENRES, 16 DE DECEMBRO Real Academia Galega. A Coruña.
– 10:00-10:30 h. Daniel Salgado: Lois Pereiro, o século curto.
– 10:30-11:00 h. Anxo Angueira: Lois Pereiro lírico.
– 11:00-11:30 h. María Xesús Nogueira: Conversa ultramarina. Epistolario de amor e enfermidade de Lois Pereiro.
– 12:00-12:30 h. Miguel Mato Fondo: Dúas cancións e unha elexía para Lois Pereiro.
– 12:30-13:00 h. Olivia Rodríguez: A recepción crítica de Lois Pereiro.
– 13:00-13:30 h. Coloquio.
– 16:30-17:00 h. José Luís Calvo Vidal: Rimbaud / Pereiro. As belezas do abismo.
– 17:00-17:30 h. Xabier Cordal: Lois Pereiro, a xeración sen rede.
– 17:30-18:00 h. Carlos Gegúndez López: Náufragos do paradiso. Monstruo osimorónico sen ataduras
– 18:15-18:45 h. Antón Patiño: A porta xiratoria.
– 18:45-19:15 h. Mercedes Queixas: Por unha canonización (que non beatificación) da obra pereiriana.
– 19:15-19:45 h. Coloquio.
SÁBADO, 17 DE DECEMBRO. Real Academia Galega. A Coruña.
– 10:00-10:30 h. Manuel Rivas: O compañeiro da noite.
– 10:30-11:00 h. Xosé Manuel Pereiro: Un mundo chamado Lois. Revisando os danos.
– 11:00-11:30 h. X. Manuel Outeiriño: Esteticismo e terribilitá na obra poética de Pereiro.
– 12:00-12:30 h. Luz Pozo: Se queredes amigos, deixade unha flor.
– 12:30-13:15 h. Lección de clausura, por Chus Pato: Da vida e furia necesaria.
– 13:15 h. Clausura e entrega de diplomas.
Desde a páxina oficial de Lois Pereiro. Recollido tamén en Cultura Galega.
Recensións posteriores en La Voz de Galicia (venres 16, sábado 17, domingo 18), La Opinión (venres 16), El País (venres 16), Galiciaé (xoves 15).
