Dentro
do programa da Feira do Libro de Ferrol (no Cantón de Molíns), primeira das Feiras do Libro deste ano en Galicia, e despois da inauguración do día 6 ás 19:30 h. co pregón de Rosa Aneiros, terán lugar os seguintes actos o xoves 7 de abril:
De 10:00 a 14:00 h. no Auditorio da Fundación Caixa Galicia, “Maratón de lectura, con Castelao como eixo, para todos os públicos, presentado e moderado por Lucía Aldao.
19:00 h. Antonio Yáñez Casal presenta Xoa, publicado en Xerais, acompañado por Fran Alonso.
20:00 h. Diego Ameixeiras presenta Asasinato no Consello Nacional, publicado en Xerais, tamén acompañado por Fran Alonso.
Xosé Manuel Pacho Blanco gaña o Premio de Teatro Radiofónico Diario Cultural da Radio Galega con Paraísos
Xosé Manuel Pacho Blanco gañou
o Premio de Teatro Radiofónico Diario Cultural da Radio Galega con Paraísos, unha obra da que o xurado (composto por Ana Romaní, Anxo Quintela, Camilo Franco, Ana Vallés, Vanesa Martínez e Ana Rosales) salientou “o carácter aberto do texto, así coma a mestura e dominio de rexistros e modalidades, tanto da lingua oral coma da escrita, e o intelixente uso da tradición radiofónica de programas dramáticos. Tamén o axeitado aproveitamento dos recursos do medio radiofónico e o uso do fragmento, da cita e a suxestión como elementos dramáticos”. O premio entregarase o 3 de maio, nun acto no que se presentará a edición da obra en libro-cd, co texto e a dramatización da peza, da man de Edicións Xerais. Nese volume tamén se publicarán as tres obras finalistas: Como eliminar as manchas de vómito, de Eva Freixeira; Carne de canón, de Rebeca Montero; e Señora Carme, de Manuel Román. Vía A Nosa Terra. Tamén en Cultura Galega.
Vigo: presentación de Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria, de Francisco Rodríguez
O xoves 7 de abril, ás 20:00 h., na Casa Galega da Cultura (Rúa Princesa, 2) de Vigo, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Asociación Cultural O Castro presentan o libro Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), de Francisco Rodríguez, editado pola propia AS-PG.
Mariasun Landa: “Hai que seguir loitando”
A tradución galega a debate en Eire
Vigo: conferencia Fermín Penzol: un bibliófilo galeguista, de Henrique Monteagudo
O
xoves 7 de abril, ás 20:00 h., na sala de conferencias do Centro Social Novacaixagalicia de Vigo, Henrique Monteagudo pronunciará a conferencia Fermín Penzol: un bibiófilo galeguista, nun acto organizado pola Asociación de Amigos dos Pazos.
Bueu: presentación de as desfeitas do día, de Pedro P. Riobó
O
xoves 7 de abril, ás 20:30 h., na Librería Abrente (Rúa Montero Ríos, 167) de Bueu, preséntase o libro de poesía as desfeitas do día, de Pedro P. Riobó, publicado en Edicións Morgante. No acto terá lugar un recital audiovisual realizado por Sara Riobó con pinturas de Nuria Pahino dunha duración aproximada de vinte minutos, e intervirán, aparte do autor, Asunción Sóñora e David Novas.
A Coruña: representación de Mundo Lois
O xoves
7 de abril, a partir das 20:30 h., no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, representación de Mundo Lois, un espectáculo escénico-audiovisual con guión orixinal de Antón Reixa sobre textos de Lois Pereiro para proxectar a obra poética deste creador a través da palabra e da imaxe. Coa participación de Antela Cid e Lino Braxe, a música de Alexandre González, a escenografía audiovisual de Manu Paz, a dirección técnica de Paco de Pin e a dirección artística do propio Lino Braxe. Un espectáculo escénico cun importante peso audiovisual que universalice, non só a través da palabra senón tamén da imaxe, a obra poética de Lois, edificada en sintonía cos códigos máis modernos, subsumindo unha ampla rede de conexións e referencias coa música, o cinema e as artes plásticas. Co fio condutor da súa propia escrita, na voz dun actor, unha actriz e unha ambiciosa escenografía audiovisual que se apoiará nunha intensa e constante banda sonora, MUNDOLOIS pretende suministrar a calquera espectador profano no coñecemento de Lois Pereiro unha visión fonda, sedutora e interdisciplinar da súa personalidade artística.
Xabier P. DoCampo: “A lectura serve para aprender a poñerlle nome aos sentimentos”
Entrevista
a Xabier P. DoCampo en Diario de Ferrol e Diario de Arousa, a través de Xerais:
“- Pregunta (P): Leva moitos anos escribindo literatura, sobre todo infantil e xuvenil. Como ve agora este xénero?
– Xabier P. DoCampo (XD): Daquela, anos 70 e 80, a literatura infantil e xuvenil (LIX) era unha necesidade educativa. Hoxe cambiou moito, non só polas mudanzas políticas, senón tamén polas que se produciron no eido industrial e comercial. Hoxendía existe xa un número alto de editoras publicando exclusivamente LIX en galego. Esta, e a literatura galega en xeral, desde os anos 70 para acó é unha literatura absolutamente incomparable. Non hai outra do noso entorno tan vizosa e de tanta calidade como a galega. Agora hai, loxicamente, moitos máis autores. Lembro unha vez oírlle a un persoeiro de gran relevancia na cultura galega dicir cun libro na man que unha literatura é adulta e está xa totalmente consolidada cando era capaz de ter libros tan malos coma ese que levaba. A calidade continúa e increméntase, pero na abundancia existen máis posibilidades de que se atope unha obra de menor calidade. É que houbo un momento en que todas as obras que se escribiron en Galicia de literatura infantil e xuvenil eran verdadeiramente sobranceiras. (…)
– P: O poder político está á altura das circunstancias?
– XD: Os responsables políticos sempre van arrastrados polas circunstancias. Sempre. Se algún di outra cousa é porque ten unha visión interesada do asunto. Eu non nego as circunstancias económicas, que son as que son, pero hai que ter en conta unha cousa: o sector do libro tiña que estar especialmente protexido, o sector da creación en xeral, desde o punto de vista económico, xa non digo desde o punto de vista de facer país. Se se escacharraron determinados sectores económicos, penso que aqueloutros que están fortes e van ben han de reforzarse e promocionarse. Claro, aquí aparece outra cousa: o sector da cultura galega está loxicamente ligado á lingua galega, e cando o que se quere é desterrar do corazón dos galegos a lingua galega, evidentemente aí cae arrastrado todo o sector da cultura. Non hai máis que ver como chegaron determinadas persoas facendo cantos a cousas estrañas como a literatura en castelán de escritores nacidos en Galicia.”
Ourense: presentación de En defensa do poleiro
O
mércores 6 de abril, ás 20:00 h., na Livraria Torga (Rúa da Paz, 12) de Ourense, preséntase o libro En defensa do Poleiro, publicado por Toxosoutos, libro colectivo, iniciativa da Plataforma en defensa do uso público e educativo do mosteiro de Celanova, que contou coa colaboración da Asociación de Escritores en Lingua Galega e no que participaron máis de 60 escritores galegos. Intervirán: Xoán Carlos Domínguez Alberte (coordinador), Jorge Emilio Bóveda, Álvaro Lago e Teresa Devesa.