Sira Vidal gaña o Certame de Relatos de Muller Matilde Bares

Desde Nós Diario:
“Sira Vidal Laxe gañou o XI Certame de Relatos de Muller Matilde Bares coa obra O espertar do teu nome. O xurado, conformado por Eva Mejuto, Fátima Chamadoira e Arturo Sánchez Cidrás decidiu elixir este relato como gañador. Del destacaron que é unha historia a dous tempos que trata da descuberta dun segredo familiar que acaba facendo que a protagonista se enfronte con outra perspectiva ao seu futuro, no que se aborda o tema importante da emigración tamén vivida polas mulleres en Galiza e os prexuízos aos que antes e agora se viron sometidas.
A autora farase cunha dotación económica de 1.500 euros, e o relato publicarase proximamente da man do Concello de Bueu. Este certame ten como obxectivos fomentar a igualdade entre homes e mulleres, a corresponsabilidade nas obrigas familiares e sociais e o debate arredor da violencia machista, e supón unha das principais liñas de actuación do goberno local en materia de igualdade.
O premio, nacido no 2005, rende unha homenaxe a Matilde Bares, mestra de labor recoñecida que se esmerou na preparación de ata tres xeracións na vila morracense, ademais de organizar actividades culturais e grupos de teatro. Nos seus inicios, este concurso erixiuse como unha referencia no sector literario, e ten premiado a persoas destacables no campo da cultura e a novas voces.”

“Volve Xurxo Souto cos seus homes mariños”

Desde Onda Cero:
“20 anos despois da sua publicación, Edicións Xerais reedita O Retorno dos Homes Mariños. Paco Sarria falou co autor, Xurxo Souto en Más de Uno Ourense e de paso escoitamos música da sua lexendaria banda: Os Diplomáticos de Monte Alto. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Roberto Rodríguez gaña o Certame de poesía Xosé M. López Ardeiro 2020

“O gañador da edición 2020 do Certame de Poesía Xosé M. López Ardeiro é o poemario Teimas dun ninguén, de Roberto Rodríguez González, natural de Ourense e que reside en Santa Cruz de Tenerife, o que lle impediu recoller o premio de 700€ en persoa. O outro finalista foi Francisco Javier Fernández Davila, de Nigrán, coa obra Microrretratos, cun premio de 300€. É a decisión do xurado presidido por José Antonio Ponte Far, xunto con Xulio López Valcárcel; María Rey; María López Sández e Diana Varela.
Participou na entrega Manuel Ángel Leis Míguez, alcalde de Negreira, e Anxo M. Lorenzo, secretario xeral de Cultura (Xunta de Galicia), contando coa actuación musical do dúo Minguante. A obra gañadora será editada pola Dirección Xeral de Políticas Culturais coa entrega de 300 exemplares á persoa gañadora. Esta foi a edición de maior concorrencia de poemarios con 34 traballos presentados.”

Propostas de lectura e audiovisuais para a visibilización do labor das mulleres, no 8 de marzo, desde a AELG

Con motivo do 8 de marzo, desde a AELG recomendamos esta listaxe de materiais didácticos para coñecer nas aulas, ou por quen teña interese, o labor de mulleres senlleiras galegas dentro da literatura, da política e da vida. Propostas de lectura e audiovisuais para a visibilización do labor das mulleres e da súa liberdade e capacidade de seren elas propias, donas das súas vidas e destinos.

Palabra de bruxa, por Andrea Barreira Freije.

Mulleres e memoria: Josefina Arruti, por Montse Fajardo.

A Pontevedra de Aurora Vidal, por Míriam Ferradáns.

Adolfo Caamaño, novo gañador do premio Modesto R. Figueiredo de narración curta 2020

“O premio de narración curta Modesto Rodríguez Figueiredo, convocado pola Fundación Pedrón de Ouro, fallouse o 6 de marzo no Concello de Silleda, que colabora nesta 46 edición do certame. O escritor e historiador pontevedrés Adolfo Caamaño Vázquez (Barro, 1959) alzouse co galardón polo relato Derradeiras paisaxes do Conde, pola súa proposta orixinal e por abordar un relato histórico xa coñecido –segundo transmitiu o xurado– dende unha perspectiva inédita.
O xurado, que estivo formado por Xosé Ramón Fandiño Veiga, presidente do Pedrón de Ouro; Estíbaliz Espinosa, escritora e gañadora da anterior edición de 2019; a escritora silledense Ana Cabaleiro, en representación do Concello de Silleda; Agustín Agra, escritor en representación da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega; Rubén Eiré, escritor en representación do Pen Clube de Escritores e Escritoras de Galicia, e por David Otero, secretario do xurado e da fundación, tamén destacou a boa documentación deste relato que supón “unha metáfora da decadencia”.
Nesta edición de 2020, que veu retrasando a data do fallo prevista por mor da situación sociosanitaria, tamén se outorgaron dos acceses: para Esteban Brea Castro (Cambre, 1990), polo relato Progresión en escala menor, que aborda unha temática complicada de xeito elegante, cunha proposta anovadora e frescura na narración; e para o profesor e escritor Antonio Piñeiro (Ribeira, 1962), polo relato Áncora, do que o xurado destacou o ritmo intenso e áxil desta historia de temática marítima, con frescura e argumentalmente ben resolta.
O xurado reuniuse ese mediodía no Salón de Plenos do Concello de Silleda, municipio que colabora nesta edición de 2020, e no que se entregarán –previsiblemente no mes de maio– os galardóns desta 46 edición do certame, ao que concorreron un total de 75 traballos.”

Berta Dávila: “Busco a escritura porque busco a felicidade e non sempre aparece”

Entrevista de Gala Dacosta Diehl a Berta Dávila en Balea:
“(…) – Balea (B): Antes de falarmos da novela en cuestión, interésame saber a túa opinión como galega e escritora sobre o tópico dos galegos e as galegas tendentes á saudade e á nostalxia. Esta maniféstase na nosa literatura, por exemplo. Ti pensas que dar cariz poético a certos estados anímicos pode ter como resultado romantizar realidades que precisan ser tratadas?
– Berta Dávila (BD): Penso que a literatura non ten que responder a criterios de utilidade, que non se trata de se as cousas que a literatura conta ou como as conta son convenientes. En realidade a literatura debe escribirse desde a literatura e unha novela sobre a doenza mental ou sobre a nostalxia ou sobre o illamento non se escribe desde a psiquiatría senón desde a literatura. Agora ben, tamén é certo que a literatura (e o xornalismo, e o audiovisual, e calquera tipo de discurso que se produza arredor dun fenómeno) constrúe un imaxinario que comporta unha visión do mundo concreta e tamén ineludible, non é a causa nin o punto de partida da literatura pero si é unha das súas consecuencias.
A min non me interesa un enfoque literario romantizador do suicidio, por exemplo, porque me parece simplificador, e un enfoque simplificador perde o meu interese como lectora, pero non creo que o feito de que unha novela fale do suicidio romantice o suicidio por darlle un tratamento literario. Tampouco estou de acordo con que a nosa literatura manifeste de maneira especial un ánimo morriñento. Rosalía non era unha poeta chorona, nin máis tendente ao drama que calquera dos escritores románticos do seu tempo, que forman parte doutras literaturas con máis peso no canon universal. Outra cousa é que se nos relatase a Rosalía de certa maneira que terxiversa e reduce a súa obra, algo que adoita acontecer coa escritura das mulleres en xeral.
Cando a escritura das mulleres é profunda, adoita dicirse que é emotiva. Cando é intelixente, adoita, simplemente, non dicirse. Rosalía era profunda e era intelixente, pero o que se dixo dela é que era chorona. A literatura interrógase sobre a nostalxia, sobre o tratamento literario da nostalxia e sobre calquera outra cuestión na medida en que se interroga sobre a vida e sobre a propia literatura.
– B: Onde atopas, como autora, onde expresar mellor a nostalxia: na poesía ou na prosa?
– BD: Realmente non sinto que, á hora de escribir, pense previamente cal é o lugar onde expresar mellor un tema ou outro, seguramente porque iso que quixen dicir, o que quere dicir unha novela ou un poema, é algo que atopo no curso da escritura e non antes de escribir, e, nese sentido, tampouco teño a oportunidade de escoller previamente. As máis das veces sento a escribir unha novela ou un poema porque quero escribir unha novela ou un poema. Se é unha cousa máis difusa, unha imaxe na que pescudar, un acontecemento, unha personaxe, un tipo de voz, arredor desas cousas vaise construíndo todo o demais. (…)
– B: En Illa Decepción resulta evidente o moito que podes chegar a saber doutra xente na rede. Pensas que con internet nos coñecemos máis entre nós ou só expoñemos máis cousas nosas?
– BD: Penso que internet e as redes sociais propoñen un espazo para a conversa cos outros e coas outras e que non hai unha maneira boa ou mala de usalas. Son espazos que a min, particularmente, me interesan. Eu enténdoas máis como espazos de relación que como espazos de exhibición. Están condicionadas polos seus mecanismos, igual que o resto de espazos. Por suposto non hai por que estar en todos os lugares que existen, como tampouco hai que participar en todas as festas, pero non sinto que as redes sexan menos verdadeiras que outros lugares nin que o que compartimos nelas sexa menos auténtico que o que compartimos noutros espazos, porque poño en cuestión ese concepto da autenticidade e, nese sentido, penso que somos unha superposición de todas as que somos nos distintos espazos onde somos.
– B: Atopas facilmente o tempo, a concentración, a inspiración?
– BD: Experimentar a escritura é unha cousa moi parecida, para min, a experimentar a felicidade simple. Pode ser que isto soe un pouco aparatoso como idea, pero, en realidade, é unha cousa moi trivial. Busco a escritura porque busco a felicidade e non sempre aparece ou non de forma continuada e suficiente. Cando escribo, estou ben. Se non escribo, adoita significar que non o estou.”

Presentación en liña de Movendo os marcos do patriarcado, de Marilar Aleixandre e María López Sández

O día 9 de marzo, ás 19:00 h, celebrarase, no marco das xornadas Artellando Feminismo do Concello de Santiago de Compostela, a presentación do libro Movendo os marcos do patriarcado. O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán, de María López Sández e Marilar Aleixandre.
Acompañando ás autoras, participará a escritora María Xosé Porteiro.