Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil 2020. Sen tabús: ler para pensar

O Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. Sen tabús: ler para pensar é unha actividade coordinada por Isabel Mociño, coa que a AELG colabora ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Desenvolverase os mércores 7, 14, 21 e 28 de outubro e o 4 de novembro, sempre ás 18:00. Dado o amplo interese suscitado, as conferencias serán retransmitidas a través do campus remoto da Universidade de Vigo e posteriormente publicadas na páxina web da tvUvigo, como se vén facendo desde a primeira edición do Ciclo. As persoas que se inscriban recibirán as indicacións para poder conectarse a cada unha das charlas en liña.

A inscrición, de balde, debe facerse aquí.

Recoñecemento de 15 horas de créditos de libre elección (en proceso).

O programa, que tamén pode ser descargado nesta ligazón, é o seguinte:

7 de outubro
Fina Casalderrey
Fórmula máxica para derrubar valos

14 de outubro
An Alfaya
Desbotando tabús. Ler: eu imaxino, viaxo, soño, emociónome, penso, sinto e vivo. E ti?

21 de outubro
Xavier Estévez
Escrito na marxe

28 de outubro
María Canosa
LIX tamén é Lanzadeira de Ideais Xustos

4 de novembro
Marcos Viso
O equilibro poliédrico ou a arte de escribir con imaxes

Simposio O libro e a lectura: “Editar en linguas minorizadas”

Desde a Asociación Galega de Editoras:

Aldaolado: “O noso humor non é o chiste polo chiste. Hai un fondo crítico”

Entrevista de Montse Dopico a Lucía Aldao e María Lado en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): A idea de sacar un libro [Ninguén morreu de ler poesía] foi proposta de Xerais?
– María Lado (ML): Era unha idea nosa que eu lle propuxen a Fran Alonso. Xa pensaramos había tempo en facer un libro Aldaolado, pero tampouco nos convencía a idea de baixar do escenario e pornos a vender o noso propio libro…
– Lucía Aldao (LA): A iniciativa foi máis cousa de María. Como é sabido, eu teño máis alerxia e medo a publicar…
– ND: Coñecéronse nun recital. Lucía tiña 17 anos e María fora con Yolanda Castaño
– ML: Fora un recital na Fundación Seoane. Un insigne poeta dos 90 chegara moi tarde e deixara o coche parado no medio da rúa cun papel que poñía: “estou estragado, o meu dono volve en cinco minutos”. Pareceunos unha xenialidade…
– LA: Eu fora a aquel recital, de Letras de Cal, para ver as caras da xente que lera ou estudara. E tiven por primeira vez a sensación de: “mira, esta movida pode ser divertida”.
– ML: É que nese momento a xente tiña moito costume de contar batalliñas sobre os poemas nos recitais. Ás veces a explicación sobre o poema era máis longa que o propio poema. Foi a primeira vez que vin que, se había algo de chiste, a xente quedaba contigo. E foi o que acabamos facendo como Aldaolado. O que contamos é algo tanxencial ao poema, algo relacionado: unha imaxe, unha sensación…
– ND: Así naceu o humor de Aldaolado?
– LA: Cando empecei a facer recitais xa contaba parvadas ao empezar, pero facíao para perder o medo. Non era unha estratexia. Era unha maneira de conectar cos ouvintes. Despois xa vin que o facía máis xente…
– ML: Si, logo vimos que é un recurso común na narración oral, por exemplo. Pero nós comezamos a facelo de maneira máis intuitiva.
Lucía: Como ademais os nosos textos son serios, o humor é un modo de quitar ferro. Cando eu tiña 17 anos, o humor era tamén unha maneira de mostrar que era unha persoa divertida e con saúde mental pese ao dramatismo dos meus textos. (…)”

Xabier Maceiras: “Escoitar á xente maior para min é unha necesidade vital”

Entrevista a Xabier Maceiras en El Ideal Gallego:
“(…) – El Ideal Gallego (EIG): Que temáticas abarca [Crónicas de Arteixo II]?
– Xabier Maceiras (XM): Variadísima. Afortunadamente teño xente que me conta historias en case todas as parroquias pero segundo a poboación que teña o lugar sempre dá lugar a máis anécdotas ou menos. Aquí se fala desde os achados arqueolóxicos do xacemento do Reiro (Chamín), do castro de Pastoriza, da lenda do galo de Barrañán, do Rexurdimento en Arteixo, dos naufraxios, das Casas do Concello…
– EIG: Casas? Houbo varias?
– XM: O Concello actual inaugurouse nos anos 70 e o anterior derrubouse hai uns anos. Houbo varias e unha delas aínda está en pé, en Figueiroa.
– EIG: O de falar coa xente maior é un dos teus traballos diarios.
– XM: É un traballo que levo facendo toda a vida, é unha necesidade vital. O Arteixo de antano está chegando ao seu fin e queda a memoria viva desa xente que o viviu, pero cando marchen só quedarán os recordos que lles queden aos seus fillos das cousas que contaban. Este é o meu gran de area para intentar que esas historias non se perdan. Ademais, este libro só polo prólogo de Miguel Sande xa vale a pena telo feito. (…)”

Tabela dos libros. Novembro de 2020

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”