‘De Frantz Fanon a Cunqueiro’

Artigo de Daniel Salgado en El País (Galicia):
“Aquela galería das clases populares, confeccionada a modo de catálogo de curiosidades e gabinete de oficios e artes da cultura non industrial, chamouse Xente de aquí e acolá. Un dos libros centrais de Álvaro Cunqueiro, publicado por Galaxia en 1971, tamén coñeceu versión en francés. Pero foi 21 anos despois e co título Galiciens, courbeaux et parapluies. Ese Galegos, corvos e paraugas traduciuno François Maspero e publicouno Actes du Sud, a editora fundada por Hubert Nyssen en 1978. (…)
Segundo Laurence Malingret, en 2005 adscrito á Universidade de Santiago, Maspero traduciu a partir da tradución ao castelán, La otra gente. Así o certifica Actes du Sud. Non foi, con todo, a única paraxe da editorial francesa, cuxo fundador morreu recentemente, na literatura galega. Les Chroniques de sous-chantre [As crónicas do sochantre] apareceron naquel mesmo ano de 1992, da man de Claude Bleton e con limiar de Torrente Ballester, e, aos dous anos, L’année de la comète ou la bataille des quatre rois [El año del cometa]. A atención de Actes du Sud ás literaturas ao sur -de Francia, enténdese- levouna, amais, até Suso de Toro. Foi no selo Jacqueline Chambon, integrado en Du Sud, onde Anne Bragance publicou en francés e en 2006 Trece badaladas, pero con título lixeiramente modificado e tamén con base no español: Le trezième coup de minuit [O décimo terceiro golpe de medianoite]. Chambon mesmo converteu en best-seller no hexágono O mandarim, de Eça de Queirós.

Mondoñedo: estrea de Menciñeiros, de Volta e Dálle Teatro, sobre a obra de Cunqueiro

O venres 18 de novembro, ás 21:00 horas, no Audiotorio Municipal Pascual Veiga de Mondoñedo, estréase o espectáculo Menciñeiros, do grupo Volta e dálle Teatro, adaptación de Escola de menciñeiros, de Álvaro Cunqueiro. O acto está organizado pola Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo e o Concello de Mondoñedo.

Homenaxean a Cunqueiro coa etiqueta #ACunqueiro en blogs e redes sociais dende o 26 de novembro ata o Día do Gordo de Nadal

“Queremos que a xornada do 26 de novembro en Santiago de Compostela non sexa máis que o inicio dunha extensa homenaxe a Don Álvaro Cunqueiro a través dos blogs e redes sociais, así como nos medios de comunicación. Unha homenaxe que debería prolongarse ata o día 22 de decembro, data na que se conmemora o centenario do nacemento do escritor. Para participar nesta homenaxe non tes máis que publicar no teu blog ou web ou nos teus perfís das redes sociais post, notas, receitas, comentarios e referencias a Álvaro Cunqueiro, a súa obra literaria e o seu amor pola gastronomía e os viños. Con esas publicacións contribuirás a levar a estender polo mundo enteiro o coñecemento sobre Cunqueiro e a súa obra. Empregaremos o hagstag ou etiqueta #ACunqueiro, que reúne a inicial do nome e o apelido completo do autor, pero tamén porque dedicamos esta iniciativa A Cunqueiro. Contamos coa túa colaboración e agradecemos que remitas un enlace co que publiques a soledadfelloza[arroba]gmail.com ou info[arroba]colineta.com para enlazalo dende esta web. Mil primaveras máis para a obra inmortal de Álvaro Cunqueiro!” Vía Manuel Gago e Certo.

Antón Reixa: “O audiovisual asumiu esa misión de normalizar a lingua galega”

“Existe fame por crear e ler medios de comunicación en galego”. Foi unha das conclusións que se tiraron das xornadas Os medios en galego, importan?, segundo a vicedecana da Facultade de Ciencias da Comunicación, Marta Pérez Pereiro, que procedeu a clausuralas tras un terceiro día dedicado integramente ós medios de comunicación e producións audiovisuais en Galicia, que contaron, entre outros, con directores de cinema galego, como Antón Reixa ou Antón Dobao, e guionistas como Carlos Ares ou Araceli Gonda. (…)
Co gallo do idioma, Antón Reixa sinalou que o audiovisual “asumiu esa misión de normalizar a lingua”, e “á conquista do público dun xeito máis arriscado que os medios impresos”. Para o cineasta e artista audiovisual, “facer un produto en galego non exime de estar sometido ás dinámicas do mercado”, polo que independentemente da lingua, “os creadores deben afrontar igual o desafío entre creación e industria, xerando produtos con calidade que respondan ás demandas do público”. (…)
Antón Dobao, director de, entre outras, a adaptación cinematográfica de Sinbad, a obra de Cunqueiro, que recentemente se estreou nas salas do país, comezou o seu relatorio afirmando que, nun primeiro momento, “os directores déronlle as cóstas a unha realidade lingüística” como a galega, coas excepcións de Chano Piñeiro e algúns outros, curtametraxes… Mais o cinema galego non conseguiu aínda desprenderse dese estigma de “subalternidade con respecto ao cinema español”, nin doutros trazos como “a hipercaracterización”, “a territorialidade”, que, ao seu ver, necesitan eliminarse. Expresou tamén o desexo de que “Galicia poida ter a capacidade de expresarse culturalmente na súa lingua propia, tamén no cinema”. (…)”

Santiago: presentación de Mar ao Norde/Mar al Norte, de Álvaro Cunqueiro

O xoves 10 de novembro, ás 20:00 horas, na Fundación Torrente Ballester (Rúa do Vilar, 7) de Santiago de Compostela, preséntase o libro de Álvaro Cunqueiro Mar ao Norde/Mar al Norte, publicado na Editorial Alento. Intervirán Xosé María Álvarez Cáccamo, poeta e epiloguista do libro, Manuel Outeiriño, poeta e ensaísta, Xenaro García Suárez, director da editorial, e Miguel Fernández Cid, xerente da Fundación Gonzalo Torrente Ballester.

Pontevedra: presentación da reedición de Elegías y canciones, de Álvaro Cunqueiro

O xoves 10 de novembro, ás 20:00 horas, no Café Moderno de Pontevedra, preséntase Elegías y canciones, unha edición actualizada do poemario de Álvaro Cunqueiro publicado en 1940, en reedición publicada por Follas Novas. Na presentación intervirán Luís Alonso Girgado, Luís Cochón e Armando Requeixo.

Ferrol: mesa redonda sobre O mundo céltico e bretón na obra de Álvaro Cunqueiro

O xoves 3 de novembro, ás 19:00 horas, no Centro Cultural Carvalho Calero (Praza do Inferniño, s/n.) de Ferrol terá lugar unha mesa redonda dentro do ciclo dos Faladoiros Cunqueiro que promove o Consello da Cultura Galega. Desta volta, Ramón Loureiro, José Antonio Ponte Far, Rubén Jarazo e Antonio Raúl de Toro Santos debaten sobre O mundo céltico e bretón na obra de Álvaro Cunqueiro. Influencias, confluencias e visións sobre esta potente fonte de inspiración serán analizadas por estes escritores e críticos.

Vigo: presentación de Mar ao Norde/Mar al Norte, de Álvaro Cunqueiro

O xoves 3 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Versus (Rúa Venezuela, 80) de Vigo, preséntase o libro de Álvaro Cunqueiro Mar ao Norde/Mar al Norte, publicado na Editorial Alento. Intervirán Xosé María Álvarez Cáccamo, poeta e epiloguista do libro, Sabela Martínez, directora da libraría, e Xenaro García Suárez, director da editorial.

A longametraxe Sinbad estréase en salas de cine de Galicia

A longametraxe Sinbad, de Antón Dobao, adaptación da obra Si o vello Sinbad volvese ás illas de Álvaro Cunqueiro, estréase en salas de cine de Galicia.
En COMPOSTELA, nos Multicines Compostela, a partir do 28.10.2011.
En FERROL, nos Cines Duplex, a partir do 28.10.2011.
En LUGO, nos Cines Centro, a partir do 28.10.2011.
Na ESTRADA, nos Minicines Central, a partir do 28.10.2011.
En VIGO, nos Cines Norte, a partir do 1.11.2011.

A Coruña: presentación de Haberá primavera, de César Morán

O xoves 27 de outubro, ás 20:00 horas, no salón de actos da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, terá lugar a presentación do libro-disco Haberá primavera, de César Morán, na que o escritor e músico canta a Álvaro Cunqueiro, publicada en Galaxia. A obra, na que participou Uxía, vai acompañada de dous Cds, un coa música e outro coa derradeira entrevista concedida en vida polo autor de Mondoñedo, precisamente, a César Morán.