Arquivos da etiqueta: Apiario
Radiocrítica do 02-02-2015, por Armando Requeixo
Desde
o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 2 de febreiro en Ames Radio (107.2 FM, accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Nazaret López de Máscaras rotas para Sebastian Nell, de Alberto Ramos (00.20), Dominio público, de Ramón Neto (8:45), O río da memoria. Cartafol do río dos Gafos (1745-1970), de Calros Solla (15:18) e de Porque Cuqui non quere ir á lavadora, de María Lado (22:40).”
Pódese escoitar directamente aquí.
Taboleiro do libro galego XXX (xaneiro 2015), por Ramón Nicolás
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Velaquí o “Taboleiro do libro galego” que incorpora aqueles libros galegos máis vendidos ao longo do mes de xaneiro de 2015. Grazas, nesta ocasión, a un total de doce librarías galegas colaboradoras como son Trama, Paz, Casa do Libro de Vigo, Suévia, Miranda, Biblos, Andel, Cartabón, Libros para soñar, Couceiro, Aira das Letras e Lila de Lilith.
NARRATIVA
1º-. A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, Galaxia.
2º-. Somnámbulos, de Suso de Toro, Xerais.
3º-. Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, Xerais.
4º-. Dende o conflito, de María Reimóndez, Xerais.
5º-. Ofrenda á tormenta, de Dolores Redondo, Xerais.
6º-. A boneca de Blanco Amor, de María Xosé Queizán, Galaxia.
7º-. Flash-Back 13, de Ramón Caride, Urco Editora.
POESÍA
1º-. Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados, do Colectivo Ronseltz, Edicións Positivas.
2º-. Atravesar o fantasma, de Carlos Callón, Xerais.
3º-. Tempo de exilio, de Joseba Sarrioinaindia, Faktoría K de Libros (tradución de Isaac Xubín).
4º-. Os inocentes, de María do Cebreiro, Galaxia.
5º-. Ovella descarreirada, de Marilar Aleixandre, Xerais.
ENSAIO-TEATRO
1º-. Galiza, um povo sentimental?, de Helena Miguélez-Carballeira, Através Editora.
2º-. Livros que nom lê ninguém, de Isaac Lourido, Através Editora.
3º-. A cidade dos nenos, de Francesco Tonucci, Kalandraka (tradución de Mónica Baleirón, Sonia Santos e Rut Vázquez).
4º-. De Beiras a Podemos, de Anxo Lugilde, Meubook/Praza.
XUVENIL
1º-. Ámote, Leo A. Terminal de… chegadas?, de Rosa Aneiros, Xerais.
2º-. Tes ata as 10, de Francisco Castro, Galaxia.
3º-. O veleno da risa, de Santiago Jaureguízar, Xerais.
4º-. Os Megatoxos e o dragón de xade, de Anxo Fariña, Xerais.
INFANTIL
1º-. Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas e ilustracións de Víctor Ribas, Xerais.
2º-. Porque Cuqui non quere ir á lavadora, de María Lado, con ilustracións de Yanina Torres, Apiario.
3º-. O soño de Esther, de Miguel Ángel Alonso Diz e ilustracións de Luz Beloso, Nova Galicia Edicións.
4º-. O homiño vestido de gris e outros contos, de Fernando Alonso, Kalandraka.
LIBROS CD-DVD
1º-. Non hai berce coma o colo, de Paulo Nogueira e Magoia Bodega (ilustracións de Mariona Cabassa), Kalandraka.
2º-. Brinca vai!, de Paco Nogueiras e ilustracións de David Pintor, Kalandraka.
3º-. Xiqui Xoque, fiú fiú!, de Uxía, Editorial Galaxia.
4º-. Pan de millo, de Migallas e ilustracións de Dani Padrón, Kalandraka.
5º-. Na lingua que eu falo, de Najla Shami, sobre poemas de Rosalía de Castro, Galaxia.
6º-. Gatuxo, de Magín Blanco, Fol Música.
7º-. Cocido sinfónico, de Os tres TENedORES, Galaxia.
BANDA DESEÑADA
1º-. O bichero IV, de Luís Davila, Edición do autor.
2º-. Marcopola e a illa remeira 3. Dragoneta!, de Jacobo Fernández Serrano, Xerais.
3º-. Cidade de cristal, de Paul Auster, El Patito Editorial (adaptación ao cómic: Paul Karasik; debuxos: David Mazzucchelli; tradución: Xavier Queipo).
Gonzalo Hermo: “A literatura galega é de calidade e ten que voar soa, sen que a política a planifique”
Entrevista
de Carme Vidal a Gonzalo Hermo en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): O título do seu novo libro [Celebración] deixa ver un entusiasmo e un optimismo moi pouco propios do noso tempo. Que se pode “celebrar”?
– Gonzalo Hermo (GH): Dubidei moito tempo pero logo apareceu como un flash e pareceume redondo. Nesta época de desánimo, de cambios repentinos que moitos non agardabamos, hai dúas opcións, ou nos lamentamos e nos dedicamos a chorar ou decidimos mirar para adiante e activarnos. O título tenta situar o libro nesa dinámica, nesa perspectiva crítica e esperanzadora, non inmobilista. Celebra, en ceta maneira, que estamos vivos. Neste tempo é moi fácil que nos deitemos no sofá a lairnos polo que foi e non puido ser mais eu estou con que o optimismo é revolucionario. A miña xeración está atravesada pola idea da estafa, da fraude. Nacemos nunha época de suposta bonanza, díxosenos que estudásemos que aos trinta anos teríamos traballo, piso en propiedade e parella formal. Todo iso era mentira. Aí hai dor e iso estaba reflectido no primeiro libro que publiquei mais hoxe vexo que esa actitude é perigosa porque pode levar ao inmobilismo. Este libro tenta ser a outra cara, a da activación. (…)
– SG: Como definiría entón esa liña poética?
– GH: Tentei facer unha poesía que dialogase consigo mesma, que atraese os lectores a entrar nun universo particular. Os poetas escribimos de determinados temas porque as condicións históricas son unhas e non outras e iso tamén está presente mais, de todas maneiras, o obxectivo foi crear un mundo literario propio, que procura a complicidade do lector.
– SG: Ese condicionante histórico fai política á súa poesía?
– GH: A cuestión é determinar que claves son as que fan unha literatura política que, ao meu ver, é a conciencia do momento histórico e unha toma de partido. Nese sentido, o libro é político, reclama non adormecer e activarse. Crac tiña referencias claras á guerra civil, era máis evidente. Agora non me interesaba repetir nesa clave. Defendo que o campo cultural debe ser autónomo do político. A literatura non ten que ser subsidiaria de ningún ideario nin proceso programático, tampouco o da construción nacional. O mellor que podemos facer é darlle asas á literatura e permitir que voe soa. No noso país aínda hai xente que pensa que un poemario vai cambiar a conciencia nacional. Ser produtores modernos e ofrecer obras de calidade é o que os escritores e escritoras poden facer polo país. En Galiza a literatura foi tradicionalmente o fetiche do nacionalismo e críase que a través dela se poderían mudar as cousas. A literatura galega é de calidade e temos que deixar que voe soa, sen que a política a planifique. (…)
– SG: Poeta que publica nun selo que botan a andar tamén dúas poetas. Neste tempo, por que continuar a loitar pola poesía?
– GH: A poesía fascina, atrapa e é difícil de deixar. Ten un poder de atracción moi grande. Danos algo que non ofrecen outros xéneros, falar da realidade de forma diferente e por iso non o podemos perder. Cando se reclama que sexas máis dixeríbel o que se está a pedir é que abandones a poesía e fagas narrativa en verso. O enigmático segue atraendo lectores.”
Entrevista a Gonzalo Hermo sobre Celebración
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“O escritor rianxeiro Gonzalo Hermo fálanos de Celebración, o seu segundo poemario, co que se presenta un novo selo: Apiario. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
A Coruña: obradoiro A palabra que hai, por Estevo Creus, o venres 30 e sábado 31 de xaneiro
Desde
Apiario:
“Periodicamente Apiario ofrecerá cursos intensivos e monográficos que coordinarán autor*s de recoñecido prestixio. Dentro da formación que ofrecemos aos nosos habituais parécenos fundamental a exposición ás distintas miradas literarias, para que cada quen poida atopar os camiños teóricos, metodolóxicos e prácticos máis axeitados para a súa voz.
A palabra que hai, con Estevo Creus, vai dirixido a todos aqueles que queiran achegarse ao traballo poético dende o cerne da palabra.
– Número de horas: 8.
– Horario: Venres 30 xaneiro (18:00 a 20:00) Sábado 31 xaneiro (11:00-14:00 e de 17:00-20:00) Prezo: 65 euros.
– Descrición: A palabra que hai é un obradoiro de escrita/pensamento no que, mediante xogos coas palabras e actividades de escrita, tenta provocar reflexións sobre os procesos creativos de forma que a suma de xogo, escrita e reflexión ofreza ás persoas participantes ferramentas novas para enfrontar calquera proceso creativo.
1. A palabra bala.
2. A palabra habitable.
3. A palabra é un como?
4. A palabra en ¨Lázaro e anda”.
5. A palabra en formatos.
– Matrícula e máis información: info@apiario.eu”
Compostela e A Coruña: presentacións de Celebración, de Gonzalo Hermo
Vigo: obradoiro de escritura creativa. As técnicas dos grandes autores, con Dores Tembrás
Desde
Afundación:
“A proposta deste obradoiro tenta abordar a escritura creativa dende os mestres. Así apoiaremonos na análise dos mecanismos que algúns autores empregan maxistralmente nas súas obras, co obxectivo de penetrar e descubrir as súas ferramentas. O que nos interesa é fixar aquelas técnicas que servirán de guía para a propia escritura.
Organizado en catro bloques o traballo coa palabra irá da man de Julio Cortázar dende a concepción da trama, internándonos no proceso do misterio xunto co manexo da tensión e a distensión. Despois deterémonos con Sandor Marai na construción das personaxes, as posibilidades que se abren no retrato profundo, e esa procura da unicidade, da personaxe xenuina que trascende a propia obra. A seguir traballaremos con Herta Müller e o estilo único que fai recoñecíble a voz da autora. E fecharemos cunha das voces máis potentes do panorama galego, Gonzalo Hermo, que servirá de modelo para mergullarnos na precisión e a arquitectura do poema.
TRAMA: Cortázar. Casa tomada
O misterio necesario
Levar da man ao lector
Entre tensión e distensión
O final. Ecoando. Onde todo comeza
PERSONAXES: Sandor Marai. A herdanza de Eszter
Cuestión de detalle
Verosimilitude. Credibilidade
Accións e relacións
Individuos únicos
ESTILO: Herta Müller. O home é un grande faisán no mundo
A prosa poética
Contar e cantar
Ritmo. As palabras e a música
A construción da imaxe
PRECISIÓN: Gonzalo Hermo. Crac e Celebración.
A procura da palabra
Referentes. Cando o diálogo é imprescindíbel
De constelacións. O poemario que agroma
Fechar. O sen alento final
– Datas: Os venres, 13, 20 e 27 de febreiro ao 6 de marzo de 2015
– Horario: 18:00 a 20:30 h.
– Lugar: Sede Afundación Vigo (Rúa Policarpo Sanz, 24-26, Vigo. C. P. 36202).
– Duración: 10 horas.
– Prezo: 75 €
– Docente: Dores Tembrás.
– Prazas: 15.
– Inscricións en Servinova.
– De non chegar ao número mínimo de inscricións (13 persoas), o obradoiro cancelarase e devolverase o diñeiro da inscrición polo mesmo método por que se realizou o pagamento. En caso de cancelación, avisarase por correo electrónico ou por teléfono con un día de antelación.”
A Coruña: obradoiro De misterio e técnicas, por Dores Tembrás
Desde
Apiario:
Co aninovo arrincamos un curso de escrita creativa na Coruña. Os luns (19.00-21:00) aproximarémonos á literatura da man de Dores Tembrás dende dúas perspectivas: misterio e técnica. Emoción e mensaxe. Todo para adentrarnos na trampa, para descubrir o motor do texto. Un dos obxectivos é analizar o estrañamento que ten lugar cando un poema ou unha prosa nos toca. Traballar dende o íntimo ao universal. Percorrer os grandes tópicos, achegarnos ás palabras da tribo. Procurar as chispas metálicas que desprenden o contacto de determinadas palabras e analizar o traballo de grandes escritores universais (Cortázar, Marai, Müller, Pizarnik, Valente, Paz…) co fin de fascinarnos e tentar acceder ao mecanismo do poema e a maquinaria do texto.
Queres escribir? Buscas un espazo onde compartir a túa escrita e adquirir novas técnicas?
Estamos en Apiario (Rúa Pondal 4, Entrechán Esq.) Dende o luns 12 de xaneiro podes achegarte cando queiras.
Matrícula e toda a info: info@apiario.eu”


