Morreu un Mestre da Memoria, morreu Manuel Pazos Redonda, Pazos de Merexo

Morreu un Mestre da Memoria, morreu Manuel Pazos Redonda, Pazos de Merexo.
A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG nomeouno Mestre da Memoria o ano 2018.

A AELG lamenta fondamente a perda dun dos seus Mestres da Memoria.
Os restos mortais de Pazos de Merexo están a ser velados no tanatorio do Grupo Bergantiños en Muxía, e a condución do cadáver está prevista para as cinco e media deste martes 26, cara a igrexa parroquial de San Martiño de Ozón.
Datos biográficos:
O acordeón diatónico, segundo o investigador Pedro Pascual, chegou á Península Ibérica a finais do s. XIX. E tivo éxito, un enorme éxito este instrumento, especialmente nas festas populares asociado ao baile agarrado e a outros ritmos de moda a partir dos anos 40 do s. XX. Mais axiña, a pesar desa enorme popularidade, caeu en desuso ao ser substituído polos acordeóns “piano” que levaban as orquestras profesionais.
A figura de Manuel Pazos é moi importante pois só el e uns pouquiños tocadores (Sindo de Olelas, Edelmiro de Irixo e Manuel Calvo) tocaban o diatónico ao estilo “galego” a finais do s. XX.
Grazas ás gravacións que se lle fixeron a partir de 1998, cando contaba xa 75 anos, podemos coñecer e conservar o amplo repertorio, decisivo para que un grande número de músicos máis novos se achegasen ao diatónico e interpreten, compoñan e intercambien con instrumentistas doutras tradicións ese xeito “galego” de tocar o diatónico.
Manuel Pazos Redonda, da Casa da Forreira, naceu en Merexo, parroquia de Ozón  (Muxía), o 9 de maio de 1926, nun lugar situado nunha paraxe espectacular no fondo da ría, entre Camariñas e Muxía. Fillo e neto de emigrantes na Arxentina, terceiro fillo dos 8 irmáns que foron. Manuel nin emigrou nin quixo ter que ver cos oficios do mar. Naceu onde vive, en terra de ceboleiros e ceboleiras, boa para cultivar, ademais de excelentes cebolas, millo, patacas… ou o que se queira, que foi ao que se dedicou Manuel toda a vida. Ou case toda, que tamén lembra os traballos dos tempos do wolframio que precisaban os alemáns e vixiaban os ingleses, e tamén que con algún daqueles cartiños aínda chegaría un acordeón máis moderno e mais enteiro á casa de Manuel.
En 1937, cando xa el andaba co devezo de imitar aos afamados Caroliños, músicos de Muxía, chegou ás súas mans o galano soñado; un acordeón de botóns que ao seu primo José de Benito non lle cabía na maleta de regreso a Arxentina.
Quedou o acordeón en Merexo e as primeiras leccións do primo aínda que, nun primeiro momento, mentres Manuel non foi quen de aprender un repertorio básico, o acordeón alugábase a veciños que xa sabían tocar para amenizar os bailes da parroquia. Pero non tardou Manuel en dominar as pezas imprescindibles para levar o ritmo no baile: xotas, muiñeiras, pasodobres, e tamén valses ou mazurcas que viñeran do outro lado do mar. O que máis lle gustou sempre foi ver como se botaban a bailar, sobre todo as mozas, cando el tocaba.
Aos poucos, Manuel foi facendo súas as pezas que aprendía, e engadiulles “o floreo”, unha habilidade que el imitou dos Caroliños, mellorándoa notablemente e que só uns dedos áxiles moi adestrados poden lograr.
O seu repertorio foise conformando de pezas escoitadas aquí e acolá, unhas chegadas do outro lado do mar, outras escoitadas a uns xitanos cando a mili, outras do ceguiño de Muxía, acordeonadas que el levaba ás palilladas e tamén aos salóns de baile de Merexo e arredores.
Sempre tocou só. Tras un tempo de silencio musical logo da morte da muller en 1989, en 1996, instigado polo fillo, Pedro, volve a coller o acordeón, desta volta para acompañar a viaxe no autobús e encher de sons atlánticos reivindicativos a Castellana de Madrid cando a gran manifestación dos gandeiros galegos en 1996, como fixo en 2008 cando houbo que protestar contra a megafactoría piscícola que quería asolagar Merexo.
A partir de aí chega o recoñecemento. Visita os platós de programas de TV como Luar, Alalá e A Repichoca. Actúa nos escenarios dos grandes teatros galegos (unha moi especial, sen estar prevista, no Pazo da Ópera da Coruña con Flaco Jiménez) recibe visitas de investigadores e músicos que queren saber, que queren aprender como Mercedes Peón, Ugia Pedreira, Kepa Junquera, os irmáns Castro Vicente, Xurxo Souto…, aínda que non faltaron os contratempos cando un accidente laboral afecta considerablemente a mobilidade de varios dos dedos dunha man.
Todo o superou Pazos. Chegaron as gravacións, as actuacións, os premios; os últimos, como sempre, os da veciñanza, pero chegaron.
Múltiples anécdotas encherían de alegría esta breve laudatoria. Como cando lle amañou o acordeón cunha pila de foco ao Ceguiño de Corcubión, os recordos do alcalde republicano de Carballo, José Monteagudo, agochado na súa casa no 36, os recordos do barco do gas, o buque cisterna alemán abatido no 43 no mar de Muxía por avión aliados e que deixou aquel mar mancado coa primeira marea negra que se recorda por alí. Alguén prendeulle lume ao gas e ardeu mar e o monte de arredor.
“É unha persoa moi polifacética, que igual muxe unha vaca que fai un cesto, toca unha mazurca ou un pasodobre”, dixo del o seu fillo Pedro.
“Acórdome cando eramos pequenos. Estaba o acordeón no faiado. E só o sacaba pola festa do San Martiño que viñan os primos de Corcubión. E despois máis adiante xa faciamos festa polo san Xoán ou polo San Pedro na praia de Lago, ou nun bar, ou mesmo na corredoira… Dunha peza pasaba a tocar outra, ata as tres da mañá, toda a noite”, di a súa filla María Xosé.
E quizais con estas dúas citas abondase, sen máis palabras, para definir a capacidade de Manuel Pazos para adaptarse ao medio e ás circunstancias. Citas ás que quizais só habería que engadir nun rótulo ben grande, xunto ao título de “Mestre da Memoria”, “Mestre do Floreo”.
Todo isto e moito máis poden vostedes ler e escoitar no libro-disco editado pola aCentralFolque (Centro Galego da Música Popular) en 2015 co título “Pazos de Merexo. O acordeón diatónico da Costa da Morte”, da autoría de Xurxo Souto e Pedro Pascual.  Unha publicación con datos biográficos, fotografías, partituras do repertorio antolóxico de Pazos de Merexo e un CD cunha entrevista e pezas musicais interpretadas por Pazos con Kepa Junquera, Brais Maceiras, Xosé Manuel Varela… e o seu propio neto, Adrián.

Vexa aquí o fondo videográfico coas participacións de Manuel Pazos no Proxecto Polafías, vídeos, gravados o 26 de marzo de 2018 en Merexo (Muxía).

“É necesario normalizar entre os escritores os debates de contido político”

Desde Sermos Galiza:
““Este encontro sirve para abrir un camiño para normalizar nos escritores os debates de contido político”, explica Cesáreo Sánchez, presidente de AELG, sobre o Parlamento de Escritoras en conversa con Sermos Galiza. “O escritor non pode ser un estraño á realidade”, engade, para apostar na “responsabilidade ética e social” das escritoras e escritores, nomeadamente en contextos onde hai un retroceso en dereitos e liberdades.
O Parlamento de Escritores que se desenvolve esta sexta feira e sábado en Pontevedra -co apoio do Concello de Pontevedra e mais do Centro Español de Dereitos Reprográficos (Cedro)- debateu, falou e tratou sobre liberdades civís, dereitos nacionais, feminismo, patrimonio, migracións…. Voces galegas mais tamén de Portugal, Euskal Herria e Catalunya, “todas cun común denominador, como a importancia da lingua ou a importancia de construír territorios de creación e de esperanza para os pobos”, afirma Sánchez.
Houbo chamadas a non caer no derrotismo e apelacións a, desde a propia sociedade, erguer ferramentas e medios sen agardar polas institucións. “E en todo, sempre presenta a importancia da lingua”, resalta o presidente da AELG. (…)”

Identidade e dereitos civís desde a escrita a debate no Parlamento de escritoras-es

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega debate sobre identidade e dereitos civís en Pontevedra. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Pontevedra: Parlamento de Escritoras-es. Identidade e dereitos civís desde a escrita, os 15 e 16 de marzo

O Parlamento de Escritoras-es. Identidade e dereitos civís desde a escrita é unha actividade da AELG, co apoio do Concello de Pontevedra e CEDRO, que terá lugar os 15 e 16 de marzo de 2019, en Pontevedra.

Con esta actividade preténdese reflexionar, nun momento de especial gravidade no relativo á vulneración na Galiza e no Estado español de dereitos culturais, sociais, políticos, etc., sobre a vinculación entre a escrita literaria e a defensa dos dereitos civís e identitarios, da xustiza social e da liberdade de expresión nas súas máis diversas formas. A defensa destes dereitos humanos é a cerna dos valores irrenunciábeis, que guiarán este parlamento na súa temática e convocatoria, así como nas súas reivindicacións e pronunciamentos.

PROGRAMA

Venres 15 de marzo no Pazo Mugartegui (Praza da Pedreira). Entrada libre e gratuíta até completar o aforo.

Tarde

16:30 Mesa redonda. Liberdades civís e dereitos nacionais. Moderador: Cesáreo Sánchez Iglesias (presidente da AELG).
– Relatoras-es: Carme Adán (ensaísta e filósofa), Laura Mintegi (narradora vasca) e Clàudia Pujol (novelista e historiadora catalá, da directiva do Òmnium Cultural).

18:30 Mesa redonda. Violencia institucional, violencia estrutural na sociedade. Moderadora: Mercedes Queixas (secretaria xeral da AELG).
– Relatoras-es: Joan Elies Adell Pitarch (poeta, tradutor, filólogo e director da Institució de les Lletres Catalanes), Ana Luísa Amaral (poeta portuguesa) e Suso de Toro (narrador e ensaísta).

Sábado 16 de marzo

Mañá. Pazo da Cultura. Seminarios 2 e 3. (Rúa Alexandre Bóveda, s/n.).

10:30 a 12:00. Grupo de traballo Feminismos. Identidades. Coordinadora: Marta Dacosta.
– Relatoras-es: Daniel Asorey, María Reimóndez e Antía Yáñez.

10:30 a 12:00. Grupo de traballo Desposesión da terra e da identidade. As migracións de hoxe. A emigración galega no século XXI. Coordinador: Xoán Carlos Domínguez Alberte.
– Relatoras-es: Ana Acuña, Vicente Araguas e Afonso Becerra. Incluiranse comunicacións escritas de varias persoas residentes fóra de Galiza, para completar a perspectiva deste grupo de traballo (María Alonso Alonso e Helena Miguélez-Carballeira).

12:30 a 14:00. Grupo de traballo Lingua e patrimonio cultural. Papel do/a creador/a na sociedade actual e exercicio de dereitos nacionais. Coordinador: Antonio Reigosa.
– Relatoras-es: Pilar García Negro, David Otero e Diana Varela Puñal.

12:30 a 14:00. Grupo de traballo Cultura, medios de comunicación e poderes. A literatura e a creación/expresión literaria como ferramenta construtora dunha sociedade libre. Coordinadora: Rosalía Fernández Rial.
– Relatoras-es: Manuel Bragado, Camilo Franco e Ana Romaní.

Tarde. Teatro Principal (Rúa Paio Gómez Chariño, 6). Entrada libre e gratuíta até completar o aforo.

17:00 a 19:00 Lectura e debate das achegas das mesas e grupos de traballo anteriores. Cesáreo Sánchez, Mercedes Queixas, e as/os coordinadoras/es dos grupos de traballo da mañá.

19:30 Acto literario e musical. Con Xosé María Álvarez Cáccamo, Tamara Andrés, Marica Campo, Berta Dávila, Estíbaliz Espinosa, Antonio García Teijeiro, Antía Otero, Eli Ríos, Manuel Rivas, Xavier Seoane e Rafa Vilar. Conducen: Aldaolado (Lucía Aldao e María Lado).

A Coruña: exposición en homenaxe a Perfecto Estévez

O 13 de marzo, ás 20:30 horas, no local da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos 16-18, 1º), inaugúrase a exposición de pintura sobre a serie Mulleres, de Perfecto Estévez, realizada en colaboración coa AELG.
Ese mesmo día agasallarase tamén cunha publicación realizada para a ocasión con textos dos seus amigos: Ignacio Basallo, Margarita Ledo, Manuel Lourenzo, Francisco Rodríguez, Felipe Senén e Henrique Tello.
Perfecto Antonio Estévez García, nado en Ourense o 27 de xullo de 1955 e falecido o 5 de maio do 2010 na Coruña, foi un pintor, cartelista e escenógrafo galego. Deseñador da editorial Espiral Maior e de A Nosa Terra. Colaborou con traballos gráficos co Concello da Coruña e coa Universidade, numerosos concellos galegos e tamén con distintas editoriais como Baía Edicións, ou Edicións Xerais de Galicia.
Foi tamén xeneroso colaborador realizando cartelería para un gran número de asociacións culturais.

Paseos pola Coruña Literaria Primavera 2019

Os Paseos pola Coruña Literaria Primavera 2019 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña.
Estes Paseos constitúen unha iniciativa para coñecermos unha cidade diferente da man de diferentes autoras e autores.
Están destinados a persoas maiores de 16 anos e son gratuítos. É necesaria a inscrición, pois están limitados a 55 prazas.

A inscrición pódese facer na conserxaría do Centro Ágora, chamando ao 981 189 888 (a partir das 9:00 horas, en calquera dos casos) e no correo lingua@coruna.es, nas seguintes datas:
Antonio Manuel Fraga. Inscrición desde o luns 11 de marzo.
Lucía Aldao. Inscrición desde o luns 18 de marzo.
Eli Ríos. Inscrición desde o luns 15 de abril.
Xurxo Souto. Inscrición desde o luns 29 de abril.

Sábado 23 de marzo (a partir das 12:00 h.): Antonio Manuel Fraga. Un bestiario en Oza. Inscrición desde o luns 11 de marzo.
O bestiario científico de Anxos Nogueirosa evoca a lembranza do pretérito soñado. É un libro que nace da fascinación por un lugar, o antigo Sanatorio Marítimo de Oza; e por un tempo, o período no que albergou colonias escolares. É, tamén, un encontro coas persoas que o transitaron, que o viviron para despois contalo. Neste paseo entreteceremos, logo, a ficción e a memoria; o papel e o territorio.

Sábado 30 de marzo (a partir das 12:00 h.): Lucía Aldao. Todo isto antes era noite (coruñesa). Inscrición desde o luns 18 de marzo.
O bo dos libros de poemas é que adoitan ofrecer numerosas lecturas, case tantas coma lectoras hai. Á poeta non lle queda outra que aceptalas e agradecelas todas, pero pode que nalgunha ocasión lle dean a oportunidade de contar a súa versión, a súa propia lectura do mapa. Chegado ese momento pode, incluso, que decida contar a verdade.

Sábado 27 de abril (a partir das 12:00 h.): Eli Ríos. DX ou a Elviña de 2030. Inscrición desde o luns 15 de abril.
Seguindo as liñas de DX faremos un roteiro no que camiñaremos os espazos físicos da novela. Ademais, viaxaremos ata a noitevella de 2019 para descubrir que agocha o futuro. Unha viaxe espazo-temporal está á túa espera na Chousa do Cura.

Sábado 11 de maio (a partir das 12:00 h.): Xurxo Souto. Da Casa do Remo á illa do Paraíso. Inscrición desde o luns 29 de abril.
Desde a Cidade Vella, cara á contorna da Torre agárdanos a rocha dos Macallás. Un reencontro -e ás veces descuberta- de xeografías moi próximas, para atopármonos, alén de Chiruca, con outras moitas mulleres do Mar: Laura Coído, da Casa do Remo; a redeira  Anónima Maragota, ou a serea negra, Mamí Watá.

Cospeito: crónica fotográfica do acto do Día de Rosalía de Castro 2019

Estas son algunhas das fotografías do acto do Día de Rosalía de Castro 2019 en Cospeito, que tivo lugar o domingo 24 de febreiro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Compostela: Escola de Escritoræs. Laboratorio de Dramaturxia Posdramática II. Do corpo á palabra, impartido por Afonso Becerra de Becerreá

A Escola de Escritoras-es da AELG, co patrocinio e colaboración do Concello de Santiago de Compostela, organiza o Escola de Escritoræs. Laboratorio de Dramaturxia Posdramática II. Do corpo á palabra, impartido por Afonso Becerra de Becerreá.

PROPOSTA
O Laboratorio de Dramaturxia Posdramática II: Do corpo á palabra vén dar continuidade e afondamento ao curso titulado A Palabra na Dramaturxia Posdramática, realizado no segundo semestre de 2018.
Obradoiro de exploración e creación teatral a partir de algunhas das condicións xerais de composición nas dramaturxias posdramáticas.
Experimentación e análise de dramaturxias colaborativas de proceso. A creación en equipo.
Pesquisa práctica e reflexión sobre a palabra como material no ámbito da danza e o teatro contemporáneos posdramáticos.
Non renunciamos á palabra, nin ao noso compromiso coa lingua galega. Non renunciamos ao texto. Mais non imos establecer unha hexemonía da palabra respecto aos outros elementos de composición. A palabra ha xermolar do corpo, ou da luz, ou ha ser corpo e luz, ha ser acción libre, lúdica, rítmica, atrevida, desatada incluso da sintaxe ou das lóxicas do relato. Do corpo do corpo ao corpo da palabra, nus e libres.

CALENDARIO E INSCRICIÓN
– Días e horarios: sábados 23 de marzo; 6 e 27 de abril; e 4 e 11 de maio de 2019, de 10:00 a 14:00 horas. Sesión de Mostra ao Público dos traballos realizados o sábado 11 de maio, de 12:00 a 14:00 h.
– Máximo de 12 prazas para persoas maiores de 16 anos.
– Inscrición, necesaria e gratuíta, desde o 15/02/2019 ao 22/03/2019, no correo electrónico teatroprincipal@santiagodecompostela.gal
– As prazas asignaranse por orde de inscrición.
– O obradoiro desenvolverase na Sala Agustín Magán do Centro Sociocultural Santa Marta (Antonio Rama Seoane nº 6), de Santiago de Compostela.

PARTICIPANTES
Obradoiro dirixido a actrices, actores, bailarinas, bailaríns, dramaturgas/os, directoras/es de escena e persoas afeccionadas ás artes escénicas.
O número máximo de 12 persoas márcase para poder aproveitar o tempo e facer un seguimento óptimo de cada proxecto.
Ao tratarse dun obradoiro de dramaturxia colaborativa é necesario contar co compromiso explícito de asistencia das/os participantes ás sesións de traballo e á mostra final, xa que, ao tratarse de creacións colectivas, resulta imprescindible a implicación íntegra para o bo funcionamento de cada grupo.
As persoas participantes deberán traer roupa cómoda para poder moverse.

Vigo: crónica fotográfica do acto do Día de Rosalía de Castro 2019

Estas son algunhas das fotografías do acto do Día de Rosalía de Castro 2019 en Vigo, que tivo lugar o domingo 24 de febreiro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.