Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2012

“Tras pechar o día 15 de xaneiro as votacións temos, un ano máis, os resultados cos que as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron o que ao seu xuízo foi o mellor do 2012. En total, este ano recibimos 453 enquisas. Desde Fervenzas Literarias queremos agradecer unha vez máis a vosa participación e o voso interese, porque estes premios, aínda que polo de agora só sexan de carácter simbólico, queren reflectir a voz dos lectores e das lectoras galegas. A voz dos que somos receptores e consumidores dos libros que @s escritor@s e editoriais poñen nas librarías e nas bibliotecas. E agora os resultados e os nosos parabéns aos premiados…
– Mellor libro de Narrativa de adultos para As voces baixas, de Manuel Rivas (Xerais).
– Mellor libro de Poesía para Calado testamento, de Xavier Rodríguez Barrio (Espiral Maior).
– Mellor libro de Ensaio para O rastro que deixamos, de Agustín Fernández Paz (Xerais).
– Mellor libro de Literatura dramática para o Banqueiros, de varios autores (Laiovento).
– Mellor libro de Banda Deseñada para Ardalén, de Miguelanxo Prado.
– Mellor libro traducido ao galego para adultos para Mr. Gwyn, de Alessandro Baricco (Galaxia).
– Mellor libro xuvenil para Palabras de auga, de Marcos Calveiro (Xerais).
– Mellor libro infantil para María Fumaça, de varios autores (Galaxia).
– Mellor libro traducido ao galego para público infantil e xuvenil para Lilus Kikus, de Elena Poniatowska, traducido por Teresa Moure (Trifolium).
– Autor do ano para Agustín Fernández Paz.
– Ilustrador do ano para Miguelanxo Prado.
– Mellor portada dun libro para adultos para Tonas de laranxa (Xerais).
– Mellor portada dun libro para público infantil e xuvenil para Palabras de auga (Xerais).
– Mellor editorial para Xerais.
– Mellor crítico/a para Armando Requeixo.
– O mellor acontecido para o Culturgal.
– O peor acontecido para a política cultural da Xunta.
– Mellor Libraría para a libraría Couceiro.
– Mellor medio de comunicación para Praza.
– Mellor blog para Brétemas, de Manuel Bragado.”

Francisco Pillado: “O que chaman crise é un atraco das mafias financeiras”

Entrevista de Montse Dopico a Francisco Pillado en Dioivo:
““Con todo, durante algún tempo, o sistema funcionou. As formigas -obreiras coma nós-, chegaron a crer que tamén pertencían á élite, que en calquera momento podían converterse en raíñas. Esa foi a nosa condena”. Este é un anaco do texto de Olivia Pena en Banqueiros, o libro que, coordenado por Francisco Pillado e a través das achegas de 21 dramaturgos e dramaturgas do país, trata de denunciar a gran estafa disfrazada de crise. A dos bancos. E de convidar as formiguiñas obreiras a non seguir a ser as perfectas escravas. Como cando miraban para outro lado cando parecía que todo funcionaba. Malia que sabían que xa había abusos, corrupción e mentiras. O volume contén textos de Roi Vidal, Fidel Vidal, Diana Varela, Vanesa Sotelo, Henrique Rabuñal, María Xosé Queizán, Gustavo Pernas, Olivia Penas, Xosé Manuel Pazos, Zé Paredes, Manuel Lourenzo, Lois Diéguez, Ánxeles Cuña Bóveda, Santiago Cortegoso, Marica Campo, Lino Braxe, Afonso Becerra de Becerreá, Vicente Araguas, Xosé María Álvarez Cáccamo e Marcos Abalde, ademais do limiar do propio Pillado. (…)”.

Actos literarios no Culturgal 2012

A Feira das Industrias Culturais, Culturgal 2012, celébrase do 30 de novembro ao 2 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 16:30 a 21:30 h., con entrada libre até completar capacidade. Deixamos aquí o programa: Culturgal 2012, dentro dos que destacamos os seguintes actos literarios:

Venres, 30 de novembro
– 12:30 h. Conversa con Marcos Calveiro.
– 17:00 h. Aurora Marco: María Teresa Alvajar López. Memorias dunha republicana.
– 17:30 h. María López Sández: A forma das nubes.
– 18:00 h. Ramón Caride: Sarou/Louzós.
– 18:30 h. Lorena López Cobas: Historia da música en Galicia.
– 19:30 h. Gustavo Pernas Cora: Tres Logomonos: Colgados, Pisados, Snakizados.
– 20:00 h. Conversa de Alberto Ramos con Ignacio Escolar, Xosé Monteagudo e Rexina Vega.

Sábado, 1 de decembro
– 12:30 h. Xaime Estévez: Son do Fol.
– 12:30 h. A Hora da Ilustración. Os profesionais da ilustración amosan os seus proxectos.
– 13:00 h. Pedro Feijoo: Os fillos do mar.
– 13:30 h. Félix Caballero: Humor en cadriños. Coloquio con Pepe Carreiro, Xosé Lois e Siro.
– 14:00 h. N-550. Da estrada á rúa.
– 16:30 h. Mesa redonda: O nacemento do teatro profesional en Galicia.
– 17:00 h. Instituto Camões e X Mostra Portuguesa presentan: João Tordo.
– 17:30 h. Benigno Campos: Volve a cociña de Larpeiros.
– 18:00 h. María Lorenzo e Manuel Lorenzo Baleirón: Tonas de laranxa.
– 18:30 h. Fantasía en galego: encontro con editores, autores e lectores.
– 18:30 h. Tucho Calvo e Xosé Cobas: Paxaro de mar e vento.
– 20:00 h. Conversas de Xosé Manuel Pereiro con Luís Tosar, Farruco Castromán e cos autores de ciencia-ficción e fantasía Xesús Constela, Manuel Lourenzo González e Fernando M. Cimadevila.
– 20:00 h. Uxía: Andando a Terra. Poñendo música e voz aos poemas de Manuel María.

Domingo, 2 de decembro
– 12:00 h. Redelibros: novos camiños para a edición.
– 12:00 h. Cine e literatura: A Esmorga de Blanco Amor na gran pantalla.
– 12:30 h. Eloy Varela e Fina Casalderrey: Dúas letras.
– 13:00 h. Conversa de María Solar con José Domingo, Xavier Alcalá e dos lectores/as de Espazo Lectura con Agustín Fernández Paz.
– 13:00 h. Mesa redonda: O teatro para nenos e nenas en Galicia. Organizada por Escena Galega.
– 16:30 h. Camilo Franco: Dez obras na vida de Vidal Bolaño.
– 17:00 h. Francisco Pillado (coord.): Banqueiros.
– 17:30 h. A máquina do tempo. Un disco-libro ilustrado que fala da memoria.
– 17:30 h. Manuel Rivas: As voces baixas. Lectura dun fragmento.
– 18:00 h. Presentación da Obra completa de Roberto Vidal Bolaño e da Asociación Roberto Vidal Bolaño.
– 19:00 h. Conversa de Belén López con Manuel Lourenzo, Teresa González Costa, Teresa Moure e María Reimóndez.