Berta Dávila fala sobre A ferida imaxinaria

Entrevista a Berta Dávila en Nós Televisión:
A ferida imaxinaria conta a historia de dúas parellas de irmás distanciadas, dous peixes laranxas e un ganso doméstico. E tamén a dos habitantes da aldea de Soutelo, cerca de Viveiro. Falta pouco tempo para que se produza unha eclipse solar total, pero ningunha das protagonistas ten un interese especial no fenómeno. As catro están mergulladas na súa propia escuridade. Un acuario e unha casa de cristal, a vida corrente e a vida de artista, a amizade entre persoas descoñecidas, as identidades duplas e a viaxe como única maneira de permanencia son algúns dos elementos dunha novela que fala da busca de consolo e en cuxas páxinas xorde unha melodía inesperada que dá conta das feridas da existencia. Berta Dávila crea personaxes, situacións e paisaxes nunca antes vistas e, así e todo, absolutamente próximas e familiares; concibe unha fabulación ateigada de imprevistos, consonancias simbólicas e paralelismos temáticos capaz de producir, coma nos movementos dun ballet, unha sutileza narrativa onde nada carece de senso, e onde todo flúe para provocar o asombro.”

Berta Dávila: “As feridas duns son o consolo doutros”

Entrevista a Berta Dávila no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“”Expliqueille que era unha especie de herdanza. Que viña dun lugar por onde non pasaban nin a ilusión nin o desconcerto. E que a miña familia non saíra nunca del”. É un anaquiño de A ferida imaxinaria, a última novela de Berta Dávila que nos leva a un universo onde parecen flotar anacos de vidas. Unha especie de ilusión óptica na as personaxes se miran e non se ven. Un mundo de peixes laranxas, casas de cristal, anacos de azulexo, un ganso e ata unha eclipse. A entrevista pode verse aquí.”

Berta Dávila: “Certo tipo de queixa é unha resignación, unha maneira de acomodarse”

Entrevista de Mar Mato a Berta Dávila en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): No arranque do libro [A ferida imaxinaria], o primeiro personaxe, unha muller, logra dous peixes cos que sente que é “esencial para a supervivencia doutros”. É iso fundamental para nós?
– Berta Dávila (BD): As persoas vivimos inevitablemente conectadas e necesitámonos unhas a outras. Estes personaxes, aparentemente solitarios, tratan de apartarse de algo pero acaban tropezando con outra cousa, con outros personaxes cos que xorde un momento de epifanía no que lle dan consolo.
– FV: O personaxe nunha novela debe ser sempre unha ‘pequena anomalía’ para atrapar o lector?
– BD: Para min, o necesario é que no principio do libro estea nun lugar. Non quero dicir só que sexa físico, tamén emocional e da súa vida; e que no final do seu percorrido estea noutro sitio. Iso, o arco que percorre, é o que fai que me atrape ese personaxe. Non ten que pasar pola anomalía; pode ser algo máis sutil.
– FV: Nun momento do libro, sinala que a arquitectura pode exercer forzas misteriosas sobre as persoas, que as casas poden exercer a tristura na xente.
– BD: Ese é un pensamento moi forte dun dos personaxes que está nunha casa de cristal. Os lugares onde vivimos, onde traballamos, conforman como somos, o que facemos e tamén o que nos podemos permitir soñar ser.Ese contexto dos personaxes di moito das súas feridas e do xeito de afrontalas.
– FV: Considera que cando unha casa se abandona a desgraza non tarda en chegar?
– BD: Ten moito que ver coa idea de estarmos conectadas. Unha casa non é unha casa soa, senón que está nunha comunidade. Ten que ver coa idea de pertenza. Ser dono dunha casa nunha aldea non significa que esa vivenda che pertenza porque pertence á comunidade e configura o lugar. (…)”