Entrevista a Berta Dávila no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Berta Dávila gañou o XXXI Premio Manuel García Barros con Carrusel, unha novela de autoficción sobre unha escritora que atravesa unha crise narrativa.
A matemática, a lóxica, a música, a obsesión e a enfermidade mental son temas que afronta Carrusel. A entrevista pode verse aquí.”
Arquivos da etiqueta: Carrusel
Culturgal 2019: actividades literarias destacadas do 30 de novembro
Do 29 de novembro ao 1 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, terá lugar o Culturgal 2019.
As actividades literarias destacadas do programa para o 30 de novembro son:
– 11:30 h. Espazo Libros. Scórpio. AGAL. Presentación da lectura continuada e colectiva do libro Scórpio, de Ricardo Carvalho Calero, que terá lugar en Compostela ao redor do 17 de maio de 2020.
– 11:30 h. Carpa. Amil presenta Popsía. Novo disco que verá a luz en 2020 cunha escolma de poetas galegos e galegas dende o medievo até os nososdías, en clave de música pop, swing e folk. Con Antón Torroncho, baixista, Miguel Paz, batería e coros, Carlos Fandiño, piano, e Fran Amil, guitarra acústica e voz.
– 12:00 h. Espazo Libro. Herba de namorar de María do Cebreiro. Galaxia. Presentación do último poemario de María do Cebreiro, acompañada polo xornalista e tamén poeta Daniel Salgado.
– 12:30 h. Espazo Libro. “A maternidade na novela actual, distintas perspectivas”. Baía Edicións e Consorcio Editorial Galego. Coas escritoras Eli Ríos, Emma Pedreira e Rocío Leira.
– 12:30 h. Stand Kalandraka. Pablo Otero asina Parece unha formiga.
– 13:00 h. Espazo Libro. Presentación do libro Ardora, de Beatriz Maceda, gañadora do II Premio de Narración Xuvenil María Victoría Moreno, editado por Urco Editora. Concello de Pontevedra. Coa autora, Carme Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra, Denís Fernández Cabrera, de Urco Editora, Begoña Llácer Moreno e Pedro Ferriol Suárez, filla e viúvo de María Victoria Moreno, respectivamente.
– 13:30 h. Espazo Libro. Presentación do libro gañador do Premio «Balbino» de Relatos. Edicións Fervenza. Con Pablo Nogueira, Armando Requeixo e Roberto Nogueira.
– 13:30 h. Tabú, unha obra orixinal de Carmen Conde. Dezdedez en colaboración con Tarabela Creativa. Carmen Conde, coa música en directo de Nastasia Zürcher, narra historias de mulleres galegas reais de bisbarras rurais de entre 70 e 95 anos que falan das súas primeiras experiencias (sexuais, ir ás festas), eses tabús que por fin son desvelados en escena.
– 16:30 h. Espazo Libro. Aira Editorial presenta na Feira dous proxectos: a edición ilustrada por Miguel Robledo do clásico da literatura universal Frankenstein, con tradución de Samuel Solleiro. Ademais, o libro infantil Teño dereitos, que recolle os principais dereitos humanos cun enfoque apropiado para os primeiros lectores, ilustrado tamén por Miguel Robledo. Participan o editor César Lorenzo Gil e coa avogada Elvira Souto.
– 16:30 h. Carpa. Canta, miña pedra, canta. Homenaxe a Antonio Fraguas, de Xoán Curiel, publicado por Galaxia. Un espectáculo familiar ao redor dos relatos populares e cancións recollidas por Fraguas. Recomendado entre 6 e 12 anos.
– 16:45 h. Espazo Foro. Colección Makakiños: Contos con pictogramas para romper as barreiras da incomunicación. Kalandraka e Asociación BATA de Tratamento do Autismo. Cos ilustradores Alicia Suárez e Marc Taeger, e Mónica Santos, da Asociación Bata.
– 16:45 h. Espazo Infantil. Ola!, son un bicho bóla! Apiario. Presentación do novo álbum infantil Ola!, son un bicho bóla!(colección Niño de Abella), destinado a primeir*s lector*s, escrito por Elvira Ribeiro e ilustrado por Noe Caamaño. Contacontos coa autora e debuxo en directo a cargo da ilustradora.
– 17:00 h. Púrpura. Hércules de Edicións. Presentación da nova colección coa tradución ao galego de libros feministas de autoras actuais de todo o mundo. Coa editora, Laura Rodríguez Herrera; a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella; e as tradutoras, María Alonso Seisdedos e M.ª Fe González Fernández.
– 17:30 h. Espazo Libro. Pippi Mediaslongas, de Astrid Lindgren: Faladoiro co tradutor David A. Álvarez. Nenas e nenos de todo o mundo pasamos horas inesquecibles de lectura coas aventuras e as extravagancias de Pippi Mediaslongas, do seu mono señor Nilsson e do seu cabalo. Desde 2017, tamén en galego. Kalandraka Editora.
– 17:30 h. Espazo Infantil. A gotiña viaxeira. Edicións Fervenza. Presentación do conto infantil con música ao vivo e audiovisuais. Con Toño Núñez, Armando Requeixo, Ánxela Gracián e Miguel Anxo Macía.
– 17:45 h. Espazo Foro. Presentación de María Vinyals, a muller do porvir. Alvarellos Editora. Presentación do ensaio do historiador Diego Piay coa peripecia vital da feminista María Vinyals, unha vida de novela da derradeira habitante do Castelo de Soutomaior. Co autor, o editor Henrique Alvarellos e a presidentada Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.
– 18:00 h. Conversa entre “El Hematocrítico”, autor de Rapunzel con piollos, e Ledicia Costas, autora de Conexión Macarrón, sobre “O humor na literatura infantil”. Xerais.
– 18:00 h. Stand de Galaxia. Sinatura de A casa xunto ao volcán, de Xosé Ricardo Losada.
– 18:00 h. Stand Kalandraka. Grupo Chévere asina Eroski Paraíso.
– 18:15 h. Espazo Infantil. Viaxes gatunas. Xerais. Contacontos-obradoiro a cargo de Eva Mejuto e Víctor Rivas, autores do álbum Dez gatiñas viaxeiras. De 4 a 8 anos. Nesta actividade seguiremos moi de preto unha viaxe chea de aventuras, catastróficos incidentes e moito moito humor. As crianzas farán, no remate da sesión, unha artística e felina proposta plástica para levar un bo recordo desta singular viaxe gatuna por Galiza. Aberto, sen inscrición previa.
– 18:30 h. Stand Xerais. Sinatura de El Hematocrítico e Ledicia Costas.
– 18:30 h. Stand Xerais. Sinatura ilustrada de Ramón D. Veiga e Iván R., autores de A araña que lles tiña medo ás arañas.
– 18:45 h. Espazo Libro. Presentación dos premios Torrente Ballester de Narrativa, 900 de Xabier López, Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil, O grupo de An Alfaya, e Miguel González Garcés de poesía, Ningunha tortilla é mala de Eli Ríos. Presenta: Xurxo Couto, deputado de Cultura. Deputación da Coruña.
– 18:45 h. Stand Xerais. Sinatura ilustrada de Eva Mejuto e Víctor Rivas.
– 19:00 h. Stand Xerais. Sinatura de Quokka Moka, de María Solar.
– 19:00 h. Stand Xerais. Sinatura de Amador Castro Moure, Rosa Aneiros e Emma Pedreira.
– 19:00 h. Stand de Galaxia. Sinatura de Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930, de Miguel Anxo Seixas Seoane.
– 19:00 h. Stand de Barafunda. Cristina Corral Soilán asina exemplares de Don Ferretín Ferretón e o seu Cadelo Lambón.
– 19:00 h. Debate arredor do libro A morte de Galicia. Xerais. Un libro que desmonta a ideoloxía caracterizada por agochar a emigración e culpar os vellos e as mulleres da pronta “morte de Galicia”. Participan: Isidro Dubert, Antía Pérez Caramés e Melchor Fernández. Presenta Fran Alonso.
– 19:00 h. Conta comigo. Editorial Bululú. Un taller dematemáticas a través do álbum ilustrado Conta Comigo. Todo o mundo ten unha paixón. Para a protagonista desta historia son as matemáticas. Con Miguel Tanco, autor. A partir de 6 anos. Aberto, sen inscrición.
– 19:15 h. Espazo Libro. Be Water literatura ecofeminista. Conversa arredor da novela ecofeminista Be Water, de Antía Yañez, que serve como presentación da nova editora Cuarto de Inverno. Coa autora e Andrea Jamardo Seijo, editora.
– 19:30 h. Amani de Miguelanxo Prado. Retranca Editora / O Garaxe Hermético. A Feira acolle apresentación do álbum ilustrado do prestixioso autor de banda deseñada coa súa participación acompañado de Kiko da Silva, editor.
– 19:30 h. Sinatura de Isidro Dubert.
– 19:45 h. Premios Xerais 2019. Conversa de Ana G. Liste con Amador Castro Moure, autor de Shanghai a Barcelona (Premio Xerais de Novela 2019); Rosa Aneiros, autora de Xelís, o guieiro das botellas de mar (Premio Merlín de Literatura Infantil 2019) e Emma Pedreira, autora de Os corpos invisibles (Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2019).
– 19:45 h. Espazo Infantil. A fraga do meu avó. Mamá Cabra. A fraga do meu avó está chea de árbores, animais e vida, pero agora vese rodeada de eucaliptos e de xente que tenta cortala. Para concienciar da problemática dos bosques autóctonos e dos espazos naturais, nace este traballo, cheo de poesía, música e ilustracións para chegar ao corazón de todos e de todas.
– 20:00 h. Stand da Libraría Paz. Tamara Andrés asina exemplares de Irmá paxaro, publicado por Cuarto de Inverno.
– 20:00 h. Stand de Galaxia. Sinatura de Troglo & Dita de Alfonso Barreiro.
– 20:30 h. Espazo Libro. Conversa entre Gonzalo Hermo, Premio de Narrativa Breve Repsol 2019 con Diario dun enterro e Berta Dávila, Premio García Barros 2019, con Carrusel. Presenta Carlos Lema, director de edicións de Galaxia.
– 20:30 h. Entrega do premio Nortear de Relato Breve e lanzamento da convocatoria de 2020. O programa Nortear conta, entre as súas actividades, cun premio literario destinado a mozas e mozos de entre 16 e 36 anos, de Galicia e da rexión norte de Portugal. Con Anxo M. Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais, Xosé Lago García, director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia Norte de Portugal (GNP-AECT), João Ribeiro da Silva, xefe de Divisão da Direção Regional de Cultura do Norte de Portugal, e Sabela Varela Fernández, gañadora do premio de relato breve 2019. Xunta de Galicia.
“Berta Dávila intérnase na ficción do eu”
Entrevista de Daniel Salgado a Berta Dávila en Sermos Galiza:
“”Durante moitos meses, espertei cedo cada día para non escribir nada. Despois tío Carlos morreu e pensei que necesitaba buscar o principio de todo isto. Así que que volvín a este cuarto de hotel. Agardaba atopalo igual que o deixara a outra vez”. O primeiro parágrafo de Carrusel (Galaxia, 2019) é xa unha especie de mapa secreto para as súas 121 páxinas. Así, no último libro de Berta Dávila (Compostela, 1987) hai un complexo xogo de tempos narrativos, certo enfrontamento coa finitude, a vontade de escribir contra vento e maré e a imposibilidade case física de facelo, tabús que se veñen abaixo, o outro como liberación e ás veces condena.
“Eu estaba escribindo sobre diferentes cuestións, como cabaliños nun carrusel que soben e baixan”, explica Dávila a Nós Diario, “pero decateime de que todo xiraba arredor dun mesmo asunto concreto. Decidín que precisaba un soporte e busquei un modelo”. Ese núcleo implícito era a doenza mental, o tema do que, nas súas propias palabras, a autora se agochaba. “Agora, cando lembro o tempo breve que pasei no hospital, ao tratar de facer un relato do que non posúe unha narrativa propia, vén á miña cabeza aquela canción terríbel de Johnny Cash, The beast in me“, afirma a voz en primeira persoa que enfía a obra.
A escritora cavilou cada movemento co que se internaba no subxénero da autoficción ou ficción do eu. Non excesivamente practicada na literatura galega -exemplos máis ou menos recentes son A identidade fascinada (Galaxia, 2015), de Antonio Piñeiro, ou Os xornalistas útópicos (Xerais, 2013) e Todo ser humano é un río (Xerais, 2016), de Manuel Veiga-, asédiana a confusión e o pudor, a malinterpretación e a nugalla crítica. “Carrusel está moi meditado”, sinala Dávila, “porque unha sabe a que tipo de preguntas se enfrontará. Mais sucede con este libro algo que me interesa: hai certa vergoña á hora de preguntar sobre a súa cuestión central [a doenza mental] de maneira directa”. En todo caso, ela tomou a decisión de non respondelas. “Mais non me incomodan, sería inxenua se o fixese”, engade.” (…)
O tempo e o mecanismo ao respecto deseñado pola autora é outro dos elementos fundamentais de Carrusel. “Xogo con el desde unha perspectiva emotiva e non sucesiva”, afirma. A narración é como simultánea, ás veces circular pero con altos e baixos tal o propio carrusel, formulada por Dávila a xeito de tea. “Nela fanse dobreces e fragmentos da mesma acadan así intimidade absoluta”, esténdese. O reto era descubrir as maneiras en que unha emoción conecta cunha música que “sentías de adolescente, escoitas nun bar e de súpeto estás tan perdida como aos 15 anos”. (…)”
A Estrada: entrega do Premio Manuel García Barros 2019 a Berta Dávila
O 15 de novembro, ás 20:00 horas, no Teatro Principal da Estrada, celébrase a entrega do Premio de Novela Manuel García Barros 2019. No acto intervirán a gañadora Berta Dávila, Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, o alcalde da Estrada, José López e o Concelleiro de Cultura, Manuel Constenla Carbón.
A gala contará coa actuación musical da man dos músicos Suso Vaamonde e Xosé Luis Romero.
Tabela dos libros. Novembro de 2019
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Co primeiro luns do mes, chega a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”
Berta Dávila: “A doenza pode ser tan hereditaria como a culpa ou a literatura”
Entrevista de Carlos Meixide a Berta Dávila en Praza:
“(…) – Praza (P): Que nos podes avanzar sobre Carrusel?
– Berta Dávila (BD): Carrusel é unha novela que pode inscribirse dentro do que ás veces se chama autoficción. Nese sentido, parte dunha voz narrativa en primeira persoa que, ademais, é unha escritora. En concreto unha escritora que enfronta unha etapa na que non é quen de escribir, que é unha situación complicada para calquera que escribe.
– P: Experimentaches ti mesma esa situación? É certo que hai seis anos xa da túa última novela.
– BD: Experimenteina, si, supoño que é o punto de partida da novela. A escritora protagonista decátase de que ten que encarar as súas sombras persoais para poder escribir, como se dalgún xeito esas sombras se interpuxesen entre ela e a escrita, e iso é o que fai no libro. Ela está afectada por unha doenza mental que se lle impón, e que é unha circunstancia que non tratou nunca nos seus outros libros. Decide facelo neste. A experiencia da maternidade e da doenza, así como a perda de seres queridos importantes, haberá de resignificar a vida que lle resta por vivir e tamén a que xa viviu, e daquela elabora unha reconstrución do seu percurso vital e da súa relación co tío Carlos, afectado pola mesma enfermidade, tratando de tender fíos cara unha historia familiar e persoal que a axude a entender e a entenderse no pasado e no futuro. Pero ningún futuro está escrito e, moito menos, o de quen escribe, e supoño que iso conta a novela.
– P: O xurado destaca o uso na novela “da lóxica das matemáticas como ancoraxe racional do incomprensible”. Faise constante referencia a conceptos ou obxectos como: números perfectos, carruseis, caixas de música, eixes xeográficos de ida e volta que determinan percursos vitais… a propia novela ten en si mesma a necesidade de constituírse nunha sorte de engrenaxe perfecta. A que se debe isto?
– BD: Hai algo moi neurótico no meu xeito de escribir e de medir as palabras e os textos. Non sei se é un rasgo de estilo ou se é o meu xeito de afrontar o traballo ou a vida en xeral. Paréceme precisa a palabra engrenaxe. As matemáticas, os números, as cousas que funcionan cunha lóxica mecánica, como as caixas de música, son conceptos que me fan sentir a salvo de algo que me sobrepasa. Son ancoraxes. Funcionan así na novela, como lugares seguros. (…)”
Entrevista con Berta Dávila arredor de Carrusel
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“A novela Carrusel de Berta Dávila recibe o XXXI Premio de Novela Manuel García Barros. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Berta Dávila gaña o Premio García Barros 2019
Desde Galaxia:
“Reunido o 16 de xullo no concello da Estrada, o xurado do XXXI Premio de Novela Manuel García Barros decidiu declarar gañadora a novela Carrusel que, aberta a plica, resultou ser da autoría de Berta Dávila.
O xurado, composto por Eulalia Agrelo Costas, Carlos Lema, Armando Requeixo, Inma Otero e Carlos Loureiro, actuando como secretario, destacou a “depuración estilística, o traballo lingüístico e o coidado das imaxes”, que nos achegan a un “mundo interior gobernado pola autenticidade dos sentimentos”.
En Carrusel, unha narradora magoada polas súas experiencias precisa revisar os camiños andados e as relacións afectivas que pularon pola súa faceta de escritora. Unha proposta narrativa construída a través de varias trabes discursivas que, con cada reviravolta, engade un detalle que resultará fundamental para a trama na que se combina a sensualidade, a dor e a ilusión coa lóxica das ciencias como ancoraxe racional do incomprensible.
Convocado polo Concello da Estrada, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia, o XXXI Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades) é un dos premios de novela de maior traxectoria en lingua galega e un dos de máis prestixioso palamarés. O premio ten unha dotación económica de 9.000 euros e Carrusel será publicada o vindeiro outono na colección Literaria da Editorial Galaxia.”