Luís Álvarez Pousa, recoñecido co Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo

Desde Tempos Dixital:
“O director da revista Tempos Novos, Luís Álvarez Pousa, vén de recibir o Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo na súa vixésimo terceira edición. O xurado salienta no seu fallo a súa longa e intensa traxectoria profesional e a súa contribución á formación das primeiras promocións de xornalistas galegos, alén do seu compromiso co xornalismo cultural e a súa capacidade para xerar pensamento e debate na revista. Destácase no fallo a traxectoria desta publicación, que saíu do prelo ininterrompidamente dende 1997 xuntando ata agora 329 números.
O xurado estivo presidido polo vicepresidente 2º e deputado de Cultura da Deputación de Ourense, César Fernández. Contou como vogais con Emma Torres, decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra; Ana Isabel Rodríguez, decana da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela; Silvia Viqueira, da Asociación de Xornalistas de Santiago, en representación da Federación de Asociacións de Periodistas de España (FAPE); e José Manuel Rubín en representación do Colexio de Xornalistas de Galicia. Foi secretario do xurado o asesor do Gabinete de Comunicación da Deputación, Alberto Carnero. (…)”

Antonio Yáñez Casal, gañador do XX Premio Pura e Dora Vázquez de Narración

Desde Nós Diario:
Antonio Yáñez Casal, baixo o pseudónimo Maceteum, resultou gañador do XX Premio Pura e Dora Vázquez de Narración coa obra Azul cobalto. Yáñez Casal xa gañara este certame na súa XIV edición, no ano 2016, coa obra Do meu nome e outras traballadas. O Premio Pura e Dora Vázquez de literatura está dotado con 3.000 euros, recuperándose así o importe inicial deste certame.
O xurado destaca de Azul cobalto que vai dirixida a un público xuvenil, “sendo unha obra moi orixinal cunha temática rompedora. Que é doada de ler e engancha moito. Ten unha linguaxe e un estilo moi coidados. Destaca valores como o traballo en equipo e a perseveranza. Enxalza o poder dos soños como memoria e destaca a importancia da lectura para poder entender as cousas”.
O xurado, que sinala a calidade de todas as obras presentadas, estivo composto por un representante de cada un dos grupos políticos da Deputación de Ourense: David Canda Castro representando ao grupo PP; David Manuel Alvarado Roales representando ao grupo PSOE; Xosé Antón Dorrío Vázquez representando ao grupo DO, e Isabel Mociño González representando ao grupo BNG, actuando como presidente César Fernández Gil, deputado de Cultura da Deputación provincial e como secretaria Ana M.ª Malingre Rodríguez, xefa de sección de Arquivo e Publicacións da Deputación de Ourense. (…)”

O escritor Ramón Caride Ogando, nacido en Cea, premio Insua dos Poetas na categoría de Literatura, e Felipe Senén en Investigación e promoción cultural

Desde Badal Novas:
“O próximo sábado día 16 e coincidindo ca celebración da XIV Festa da Palabra, que este ano esta adicada ao grupo Brais Pinto terá lugar a entrga dos Premios Insua dos Poetas.
Xurado: Luís González Tosar (Pte Fundación Insua), Xavier Castro Martínez (Secretario), Celso Sánchez (Vogal), Antón Pulido (Vogal), Diego Fernández (concelleiro de Cultura do Carballiño), César Fernández Gil (Vicepresidente 2° Deputación de Ourense) e Anxo Lorenzo (Director Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidade).
Na categoría de Literatura recibirá o premio o escritor Ramón Caride Ogando.
Os outros premiados:
– Música: Bieito Romero (músico e fundador de Luar na Lubre)
– No apartado de Investigación e promoción cultural recibirá o premio o carballiñes Felipe Senén López Gómez.
– Artes Plásticas: Pilar Corredoira (crítica de arte e curadora de exposicións)
– Teatro: FETEGA (Festival de Teatro Galego “Celso Parada”, por 33 anos de teatro desde O Carballiño)
– Cultura na Emigración: José María Vila Alén (membro do Grupo Nós da Arxentina, fundador e expresidente do Centro Galicia de Bos Aires)
– Cultura Rural: Cos pés na terra (programa da TVG)”

Compostela: Galego, porta aberta para o mundo, do 26 ao 29 de xuño

A inscrición debe facerse antes do 15 de xuño aquí.