Actividades literarias destacadas no Festigal 2014

Na Galería das Letras do Festigal 2014, que se celebrará no Campus Universitario Sul de Santiago de Compostela, terán lugar as seguintes actividades literarias destacadas o venres 25 de xullo:

PRESENTACIÓNS
16:30 h. Espelho de mim mesma, de Cruz Martínez, publicado por Círculo Edições. Presentación da revista literaria Elipse. Interveñen: Alexandre Insua, Cruz Martínez e Rosanegra.
17:00 h. 50 preguntas, 50 argumentos para a soberanía, Fundación Bautista Álvarez. Interveñen: Mª Pilar García Negro, Néstor Rego e Bautista Álvarez.
17:30 h. A Unión Europea como problema. Reflexións desde Galiza. Interveñen: Xavier Campos López (director da Fundación Galiza Sempre), Carlos Aymerich (coladorador do libro) e María do Carme García Negro (colaboradora do libro).
20:00 h. Uma Mãe tão Punk, de Teresa Moure, Chiado Editora. Interveñen: Carlos Quiroga e Teresa Moure.
20:30 h. Contos do mar de Irlanda, Xurxo Souto, Edicións Xerais. Interveñen: Manuel Bragado e Xurxo Souto.
21:00 h. 55, Xavier Queipo, Xerais. Interveñen: Manuel Bragado e Xavier Queipo.
21:30 h. Autores e autoras para o 25 da patria (presentación dos libros de autopublicación Alén do silencio e Un libro de libros). José Estévez, Autoedición. Interveñen: Eva Xanín e José Estévez. A continuación recital a cargo de: Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Rosalía Fernández Rial, Iria López (“Ika”), Rochi Nóvoa, Guillerme López Sueiro, Irene Fernández, Cruz Martínez, Luísa Arias, Alexandre Brea, Beti Arias, Lorena Rei, Isidro Rajo “Isidrez”, Xurxo Valcárcel, Luz Fandiño, Iolanda Aldrei, Ana Pérez Croas, Estela Dopazo, Catarina Laxe, Alexandre Insua e Rosanegra, Victoria Esteban, Chus Amieiro, Maria José Castelo, Mar Romero, Silvia Castiñeiras, Carlos Neira Suárez e Anxo Angueira.

A partir das 18:00 horas, no Espazo Sinaturas:
– Afonso Eiré, Eu estaba alí, Hércules Edicións.
María Reimóndez, A alternativa está aquí, Xerais.
– Henrique del Bosque, E logo, temos razóns para ser nacionalistas?, Xerais.
– Rodri Suárez, Non temos medo, Nicetrip Edicións.
– Xavier Vence & Xan Carballa, Temos dereito a un futuro distinto, Engaiolarte.
– Bautista Álvarez, Retallos daquela infancia, Xerais.
– Eduardo S. Maragoto, Como ser reintegracionista sen que a familia saiba, Ed. Cumio
e todos/todas os/as que presenten libros.

A Coruña: homenaxe a Luísa Villalta, O Papagaio: a pegada dos sentidos

Un día para min, de Xabier P. DoCampo

Desde o blog de Xabier P. DoCampo:
“Todas as persoas amigas que algunha vez pasades por este lugar, xa sabedes de que a AELG dedicoume este ano a súa homenaxe O escritor na súa terra. Letra E, así que aforro descricións e explicacións sobre do asunto e aproveito tempo e espazo para agradecer o que foi, para min, un dia de felicidade.
O evento levoume aos lugares dos meus primeiros acordos: Castro de Ribeiras de Lea (Castro de Rei – Lugo), alí xuntáronse xente da miña larga e cumprida familia, primeiro goce do día velos a todos e todas. Pero acudiron tamén as amigas e amigos máis queridos, que máis podo pedir que estar no medio deles?
Só agradecemento debo a AELG que quero facer público nos nomes de Cesáreo Sánchez Iglesias e de Mercedes Queixas Zas, respectivos presidente e secretaria da asociación. Pero tamén no dos outros membros da directiva: Marta Dacosta, Carlos Negro, Antonio Reigosa, Isidro Novo… E, como non, Ernesto e Ana, que, cheos de amor e xenerosidade, fixeron ese traballo de cada día e de cada intre que fai que todo funcione como debe.
E agradecemento debo tamén ao concello de Castro de Rei, que fago público no nome do seu alcalde Francisco Javier Balado, afectuoso e amábel, que fixo posíbel que Castro de Ribeiras de Lea garde agora a lembranza de min nunha pedra que contén as miñas palabras, nunha cerdeira que medrará para ser vida de min e dunha avenida que gardará o meu nome.
En fin, non é posíbel facer unha crónica axustada do día, porque habería ser posíbel facela das emocións, e estas escorren por entre as palabras e non se deixan fixar no papel, mais gárdanse na quentura da alma.
Outra emoción foron as bonitas palabras que me dedicaron: Cesáreo Sánchez Iglesias, no momento de descubrir o monólito e no acto da entrega da Letra E, palabras de poeta. As que dixo Mercedes Queixas ao ler a acta da concesión desta honra por parte da asemblea da AELG e cuxa cariñosa redacción translucía a autoría desta boa amiga. As que lle escoitei con emoción ao meu irmao Agustín Fernández Paz, que fixo unha laudatio á que o cariño lle poñía esaxeración, pero que era ben bonita de escoitar. Ao final falei eu para agradecer e para contar algo de min, do meu paso por Castro e polo mundo.
Grazas, amigas e amigos que organizastes este día para min. Obrigado fico coa miña familia que non faltou no medio doutras obrigas que chamaban por eles noutros lugares ou vinde ben lonxe só para me agasallar. Beizóns amigas e amigos de cada hora que o sábado estivestes comigo, para todos gardarei sempre un recanto ao quente no meu corazón (Verae amicitiae sempiternae sunt).
Para todas as persoas que asistiron ao xantar quixen eu tamén ter un agasallo especial e editei unha plaquette de 250 exemplares numerados e asinados por min, titulada Pedra e Tempo que contén o texto inscrito no monólito e cinco contos encadeados, penso que representativos dunha boa parte do meu xeito de escribir os relatos curtos. Para esa persoas, mais dedicado a todos os creadores e creadoras da patria da Lingua. Leva, non pode ser menos, na capa unha ilustración do meu irmao Xosé Cobas.
E grazas tamén a todas as persoas que me felicitaron por medio das redes sociais e con chamadas ou mensaxes telefónicas, imposíbel responder a todas, aínda que ben o merecían. Obrigado.
Como agasallo recibín unha fermosísima escultura de Silverio Rivas que representa unha letra E do século III, que me enche de orgullo ter na miña casa. Grazas tamén ao grande artista.”

A cerdeira de Xabier P. DoCampo xa medra na Chaira

Desde Sermos Galiza (foto dese mesmo medio), tamén en Praza:
“Con só sete meses Xabier P. DoCampo, nado en Rábade, foi vivir a Castro de Ribeiras de Lea de onde se sitúan as súas lembranzas da infancia, o tempo de máis importancia vital para o escritor. En Castro de Ribeiras de Lea, na Terra Chá, orixínase tamén a súa traxectoria literaria, nos relatos escoitados a seu pai e nos versos e contos que a nai transmitía á pé da súa máquina de coser, onde o cativo Xabier pasaba un feixe de horas. A ese espazo é onde Xabier P. DoCampo escolleu ir para recibir a homenaxe O escritor na súa Terra que este sábado día 21 lle tributou a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega. “O acto de amor máis sublime que coñezo é contar unha historia”, dixo o escritor, referíndose tamén á herdanza recibida dos seus pais en forma de literatura oral.
En Castro plantou Xabier P. DoCampo unha cerdeira, a súa árbore preferida, en especial, no seu tempo florido e tamén a árbore que lembra da infancia, cando soñaba poñerse debaixo das súas ponlas a apañar as primeiras cereixas. En Castro inaugurou tamén unha avenida que leva xa o nome do escritor e recibiu a letra E, na forma de escultura de Silverio Rivas. Na Casa da Cultura recibiu o escritor o agarimo dos seus, dos compañeiros e compañeiras das letras que partillaron a memoria de infancia de Xabier P. DoCampo e, en especial, do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, e do escritor e amigo Agustín Fernández Paz, encargado da laudatio da homenaxe.
En dez mandamentos resumiu Fernández Paz o labor de Xabier P. DoCampo que vai desde unha traxectoria literaria recoñecida até un papel fundamental nos movementos de renovación pedagóxica e de moito compromiso en multitude de iniciativas e plataformas creadas para promover a normalización lingüística. Ademais, bo cociñeiro e excelente amigo co que compartiu, entre outras cousas, moitas películas vistas ao tempo, afección que tamén os une. Compañeiro da que Xabier P. DoCampo definiu como a xeración que volveu a “soñar o país”, Agustín Fernández Paz utilizou o plural para lamentar que agora lles tocara “ver que doado é derrubar todo o que levou tantos anos erguer”.
Malia ese pesimismo compartido, a intervención de Xabier P. DoCampo transmitiu a súa vontade vital de revolta da que tanto saben quen o coñecen e quen sigue a súa traxectoria pública de compromiso permanente co país, a lingua e a cultura. “Ningún esforzo é inútil na defensa da nosa lingua”, dixo, nun discurso que comezou referíndose a súa infancia, evocada pola Chaira como territorio literario creado por Manuel María -segundo defende- e como territorio vital que remite aos seus primeiros anos, ao tempo do neno da escola rural que se ía facer escritor empurrado pola lingua e as historias que escoitou naquela terra. O amor á lingua, á nación e a vida presidiron a emocionante intervención do escritor que volveu e levou canda el á República das Letras a Castro de Ribeiras de Sil onde xa medra unha cerdeira que formará parte da paisaxe da Chaira.
Acompañaron no acto a Xabier P. DoCampo entre outros e outras Cesáreo Sánchez Iglesias, Xosé Miranda, Manuel Bragado, Álvarez Torneiro, Marta Dacosta, Saleta Goi, David Otero, Xoán Costa, Paco Martín, Celia Torres, Mini e Mero, Carlos Negro, Marica Campo, Carme Pérez Sanjulián, Antón Cortizas ou Mercedes Queixas. Do mundo da política asistiron tamén o responsábel de cultura da Deputación de Lugo, Mario Outeiro e as deputadas do BNG Ana Pontón e Carme Adán ademais dos alcaldes de Rábade, onde naceu o escritor, e o de Castro de Rei que desexou que da cerdeira naceran tantas cereixas como libros escribiu e escribirá Xabier P. DoCampo. O escritor desexou que foran os merlos os que se aproveitaran do gorentoso froito.”

O escritor na súa terra: Xabier DoCampo. Castro Ribeiras de Lea, 2014, o sábado 21 de xuño

A Homenaxe O Escritor na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega este ano á súa XX edición recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de Xabier P. DoCampo, que será homenaxeado en Castro de Ribeiras de Lea, terra onde se criou.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de dúas décadas como unha celebración na que a terra de orixe do homenaxeado cobra un protagonismo fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica de Silverio Rivas), a plantación dunha árbore simbólica (unha cerdeira elixida polo propio autor), a colocación dun monólito conmemorativo e a atribución do nome do homenaxeado a un espazo público, neste caso á avenida da Casa da Cultura de Castro Ribeiras de Lea e o Mercado de gando.
A AELG conta coa colaboración da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, da Consellaría de Cultura, do Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO) e do Concello de Castro de Rei.

PROGRAMA DE ACTOS

11:30 h. Casa da Cultura de Castro Ribeiras de Lea (Avenida da Terra Cha, 17).
Descubrimento do Monólito conmemorativo e plantación da cerdeira (árbore simbólica do escritor).
Interveñen:
Cesáreo Sánchez, Presidente da AELG.
•Mario Outeiro, Deputado delegado de Cultura da Deputación Provincial de Lugo
•Francisco Xosé Fernández Montes, Alcalde de Rábade.
•Francisco Javier Balado Teijeiro, Alcalde de Castro de Rei.
Xabier P. DoCampo.

Descubrimento da placa que atribúe o nome do homenaxeado á avenida (Avda. Xabier P. DoCampo).

Acto de entrega da “Letra E” (Casa da Cultura de Castro Ribeiras de Lea).
Interveñen:
•Francisco Javier Balado Teijeiro, Alcalde de Castro de Rei.
Mercedes Queixas Zas, Secretaria Xeral da AELG.
Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.
Agustín Fernández Paz: Laudatio.
Entrega da peza escultórica do artista Silverio Rivas.
•Intervención do homenaxeado: Resposta á laudatio por parte de Xabier P. DoCampo.

14:00 h. Xantar de confraternidade. Restaurante Río Lea (Avenida da Terra Cha, 54).

Aberto aos/ás socios/as da AELG, á veciñanza de Castro de Rei e demais persoas interesadas. É preciso confirmar asistencia, até o 17 de xuño –inclusive–, en oficina@aelg.org ou 981 133 233, de luns a venres, de 09:00 a 14:30 h. As prazas no restaurante son limitadas: agradecemos que faga a súa reserva canto antes.

Vexa aquí o programa en pdf e mais o cartel.

Parlamento das Letras: Cesáreo Sánchez Iglesias

Entrevista de Armando Requeixo a Cesáreo Sánchez Iglesias no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): Se tiveses que historiografar a túa propia traxectoria literaria, ¿que trazos salientarías?
– Cesáreo Sánchez (CS): Tentei habitar a poesía con distintas poéticas. Un poeta non ten só unha poética, pois escribir poesía é pensar as emocións musicalmente. Unha delas é o dialogar coa natureza coma ser humano, coa natureza que é antes de ser vivida polo home. Outra é a poética da historia que o home de xeito colectivo, que non anónimo, creou en territorios concretos humanizándoos culturalmente e que así se volveron míticos. A Ribeira Sacra, a Costa da Morte, os Camiños a Compostela. E a poética do amor que atravesa todas. E quizais algunha da que non son consciente, ademais dos poemarios que xeran as miñas viaxes e que son froito dunha aprendizaxe da soidade. (…)
– AR: ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– CS: Creo que lle falta o recoñecemento social do papel que ten na construción da nosa identidade coma pobo, de depositario da alma colectiva, da patria. Creo que ten un grao de normalidade que é superior á normalidade cultural ou social do propio país. A nosa literatura sempre estivo atenta ao devir da historia, en cada tempo de noso. Sobrar sóbranlle os que non as aman, que nos di Bernardino, os que impiden a normalidade do noso idioma e en consecuencia da nosa literatura. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– CS: Ten a rica tensión creadora de todo momento en crise. A calidade da escrita do noso idioma mellorou moitísimo. Os novos e novas escritoras tan brillantes son o relevo xeracional que xa chegou. Queimáronse etapas necesarias en moi pouco tempo. Todo isto acontece cando a nosa industria editorial está a ser afogada e está baixo mínimos, o noso teatro, que dá a altísima calidade cultural da nosa sociedade, está a ser pouco a pouco extenuado, o noso idioma está a perder a transmisión aos máis nenos.
– AR: Se desexas facer algunha outra consideración, túa é a palabra.
– CS: Como continuación da pregunta anterior, e dígoo desde a convicción, a nosa literatura será máis forte que os que non a aman, e volvo a Bernardino. Unha nación que ten unha cultura milenaria, con raíces tan fondas, sobrevivirá aos que a negan, sobreporémonos a este tempo tan difícil.”

Cesáreo Sánchez Iglesias: “A poesía permite chegar ás capas máis profundas do que ves e sintes”

Entrevista de Carme Vidal a Cesáreo Sánchez Iglesias en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Caderno do Nilo evoca, pola viaxe e a descuberta das raíces culturais, o percorrido polos camiños históricos do noso país de O rumor do distante.
– Cesáreo Sánchez Iglesias (CS): Só é posíbel escribir este libro e entrar con nudez e humildade noutra cultura se un percorreu xa a propia, se ten os alicerces fondamente chantados na propia cultura. Só así se abrirá o camiño para ir tamén á propia soidade. Finalmente, é aí onde conduce toda viaxe, ao centro da propia soidade.
– SG: Na viaxe e no libro, atópase coa inmensa cultura e historia que atesoura o Nilo. Esa é a realidade que quixo reflectir nos seus poemas?
– CS: Achegueime, de maneira especial, á natureza humanizada, aos monumentos que volveron ser natureza anónima. As cidades, ao seu xeito, nacen, viven e morren como seres humanos. As marxes do Nilo son un grande patio de viciños e ao mesmo tempo forman parte da sacralidade do territorio. Que o río fose expropiado da súa divindade, que non se lle permita ter crecidas, significa tamén que o propio río volve ser unha natureza derrotada. Por iso permite un diálogo moi humano. Ao tempo, é un ser vivo, con hortas nas súas beiras, no linde do deserto, sen dúbida, o territorio máis fondo de reflexión posíbel. A nosa terra é moi fértil, humanizada, e iso atopámolo nas beiras do Nilo, non no deserto. Alí o concepto de noite e tamén de luz son distintos, producen certo desamparo. No alto Nilo estamos noutro hemisferio, as estrelas xa non son as mesmas que vemos todos os días e o concepto de soidade multiplícase. (…)
– SG: Esa referencia á historia e ás expresións artísticas fan que a súa sexa unha poesía culturalista?
– CS: Os alicerces culturais están aí mais non gosto da erudición na poesía, só as referencias necesarias como elementos de humanización, o arredor cultural do propio poema. Gusto que os libros teñan biografía. Vivín a transformación que a viaxe produciu en Flaubert ou Paul Klee e sentinme atraído polo efecto de oriente, do Nilo na súa obra. Levo décadas buscando a Safo polo Mediterráneo e o Exeo, tentando entender como é posíbel que hai dous mil anos nacera unha poesía que semella recén escrita.
– SG: Por que esa experiencia se transforma en poesía e non noutra fórmula de caderno de viaxes?
– CS: É a miña forma de comunicarme co mundo, unha forma de coñecemento. Pola poesía podes chegar á alma das cousas, ás capas máis fondas do que ves e sentes. Para min é a maneira de entrar no profundo do ser humano. A comunicación que se establece cos que len dáse nun territorio interior.
– SG: Río, memoria, silencio… hai conceptos que na súa poesía son recorrentes.
– CS: A relación do ser humano coa natureza tamén determina a memoria. A miña poesía procura buscar nas capas máis profundas, tamén como a memoria, como forma de ir ao lugar primeiro. Ao meu ver, as poéticas non son únicas, son a suma de poéticas. Na nosa propia realidade, a historia e a memoria teñen moita relevancia, son determinantes para coñecer o que somos.”